JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Este verán poden volver visitarse os Sambenitos no Museo Diocesano

Forman parte do legado xudeu da cidade, sendo pezas únicas en Europa

Os Sambenitos atopados nos anos 80 na Catedral de Tui, pezas destacadas do patrimonio xudeu tudense, poden visitarse de novo este verán no Museo Diocesano. No terceiro andar do edificio expóñense cinco lenzos cos 14 sambenitos dos que 10 son os orixinais e 4 son copias, xa que os orixinais atópanse agora no Museo Catedralicio.

O Museo Diocesano, situado no antigo Hospital de Pobres e Peregrinos, na praza do Concello, custodia valiosas pezas do patrimonio tanto de Tui coma da comarca do Baixo Miño. Este verán pode visitarse de luns a venres en horario de 11 a 14 h e de 18 a 20 h, cun donativo de 1€ polo acceso.

Na visita podemos realizar un percorrido pola historia a través de pezas coma o casco celta do século III-II a.c atopado en Caldelas, xunto a outros achádegos de escavacións realizadas na zona expostas na planta baixa.

O Museo Diocesano acolle tamén outras pezas vinculadas á cultura xudía coma é o caso da cruz parroquial do Porriño do século XVII do prateiro converso Joâo de Sousa. Forma parte da colección de pratería onde destaca tamén a cruz parroquial de Mos.

Posúe o Museo Diocesano unha importante colección de arte sacro procedente das igrexas da Diocese de Tui-Vigo, destacando a pintura renacentista de Juan de Juni da "Virxe co neno". Tamén conta cunha colección de cadros con retratos de bispos, entre eles Rosendo Salvado.

Cómpre lembrar que Tui é unha das cidades que forman parte da Red de Juderías de España. Amais dos Sambenitos do Museo Diocesano outros elementos destacados deste patrimonio sefardí son a menorá gravada no claustro da Catedral, a Casa de Salomón ou a sinagoga. A Ruta Xudía está sinalizada dende a Praza da Inmaculada podendo seguirse a través de códigos QR por todo o conxunto histórico.

Concello Tui


O patrimonio das parroquias tudenses centra a exposición "Pérdete polo rural"

A mostra pode visitarse dende hoxe e até mediados de agosto na Oficina de Turismo de Tui

Unha maqueta cos petróglifos máis representativos do Baixo Miño, e un mapa visual onde se plasman máis de 70 elementos do patrimonio situado nas parroquias tudenses son dous dos elementos que forma para da exposición "Pérdete polo rural" que dende hoxe se pode visitar na Oficina Municipal de Turismo, na praza de San Fernando en Tui. Permanecerá aberta até mediados de agosto.

Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Cultura, Laureano Alonso, participaron na apertura da mostra canda aos promotores da mesma Telmo Alfaya e Antonio Lago.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu agradecemento ao polifacético Telmo Alfaya nunha iniciativa que pon en valor todo o patrimonio existente ao longo do termo municipal de Tui. Pola súa parte o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, destacaba esta iniciativa de Telmo Alfaya e Antonio Lago á que dende o Concello de Tui foron sensibles dende o primeiro ante o interese que ten recompilar e recuperar o patrimonio existente nas distintas parroquias.

Diferentes pezas prehistóricas con talla lítica, os bosquexos dos que partiu o mapa visual, unha maqueta da conca do Miño cos petróglifos máis representativos en cada municipio, conforman esta mostra, que pretende tamén servir de guía para que o visitante poida despois realizar o roteiro polas parroquias tudenses. Así pódense coñecer os petróglifos, as fontes, as igrexas, os cruceiros, os muíños… que forman parte do noso legado patrimonial. O pintor Antonio Lago percorreu este lugares do rural tudense, ao longo de case un ano, para logo poder plasmar este elementos no mapa visual.

Amais o domingo 26 realizarán a "Ruta das Augas", un percorrido guiado por Cristian Lago para o que se ofertan 25 prazas. Comezarán ás 18 h cunha charla a cargo de Alberto Romero, e logo a ruta guiada. Contarán con todas as medidas de seguridade. Os interesados poden anotarse no 636 82 26 02.

Telmo Alfaya ideou esta exposición "Percorrendo o rural" dentro do proxecto que ten de crear un Museo da Prehistoria e un Museo do Rural Galego, no entorno do Pancho Cultural na Guía en Randufe.

Concello Tui


O Concello de Tui presenta aos clubs deportivos tudenses a nova aplicación para a tramitación das subvencións

Coa APP Cluber durante un ano, de xeito gratuíto, poderán realizar a xestión da entidade

Os clubs deportivos tudenses teñen ao seu dispor unha aplicación móbil para a xestión das subvencións nominativas do Concello de Tui.

Hai uns días o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Deportes, Rafael Estévez e o responsable da empresa Cluber, Diego López, presentaron ás entidades deportivas tudenses esta aplicación contratada polo concello, para facilitar a tramitación destas subvencións. En concreto a través desta app os clubs poden ir completando toda a documentación que precisarán no momento de solicitar a achega municipal. De xeito moi sinxelo e visual poden subir á APP os estatutos, directiva, fotografías… e outros documentos requiridos. No momento en que se abra o prazo para a presentación de solicitudes das subvencións nominativas o club poderá xerar o documento a través de Cluber e descargalo para presentalo a través da sede electrónica do Concello de Tui.

Con esta aplicación facilítase a tramitación, converténdose nun proceso sinxelo que se pode ir avanzado coa compilación de toda a información para ter todo listo no momento da convocatoria das achegas por parte do Concello. Amais, a través desta aplicación os clubs poderán realizar toda a xestión da entidade de forma gratuíta durante un ano. Así poderán dende dar de alta aos xogadores, cobrar as cotas de socios, enviar comunicacións a xogadores e xiareiros, entre outras funcionalidades.

Na reunión celebrada hai uns días, á que asistiron representantes de 19 entidades deportivas tudenses, tanto o alcalde, Enrique Cabaleiro, coma o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, comunicaron que, pese as excepcionais circunstancias que estamos a vivir, se van a manter dende o Concello as subvención nominativas a clubs deportivos. En canto á achega municipal para probas deportivas que non se puideron celebrar nos últimos meses debido á pandemia da COVID-19, os responsables municipais avanzaron que ese importe económico se destinará á mellorar as instalacións deportivas.

Concello Tui


Once traballadores incorporáronse este mes ao Concello de Tui para a realización de tarefas de desbroce

Once novos traballadores incorpóraronse ao longo deste mes á plantilla do Concello de Tui. Teñen coma cometido fundamental a realización de labores de desbroce ao longo de todo o termo municipal. En concreto estes contratos están subvencións pola Xunta de Galicia a través de varios programas, entre eles o APROL Rural. A duración do contrato será de 9 meses.

Por outra parte mañá comeza o prazo de presentación de solicitudes para acceder ao dous procesos selectivos que se veñen de convocar, logo de ser publicadas as bases no día de hoxe no BOPPO. Trátase do proceso para o nomeamento interino da praza de Técnico de Xestión e formación de lista de reserva e das bases de selección para formación de lista de reserva para nomeamentos interinos de prazas de Arquitecto. As solicitudes poden presentarse até o 24 de xullo.

Concello Tui


A Policía Local detivo o sábado a un condutor por agresión a un axente

Amais o domingo incautouse de varias de doses de sustancias estupefacientes nun vehículo

Esta fin de semana a Policía Local de Tui detivo a un condutor por agresión a un axente. Os feitos tiveron lugar o sábado pola tarde cando axentes da Policía Local deron o alto a un varón por conducir de forma errática, o que fixo sospeitar que podería conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Ao realizarlle a proba de alcoholemia cun alcoholímetro indiciario deu unha taxa que cuadriplicaba a taxa legalmente permitida. Por este motivo o acompañaron ás dependencias policiais para sometelo á proba no etilómetro regulamentario. Nese momento o detido negouse a someterse á proba e comezou a agredir a un dos axentes. Por este motivo procederon a súa detención por un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade, e investigado por un delito de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas, negándose a someterse ás probas de detección de alcohol.

Amais o domingo a última hora da tarde Policía Local incautouse de varias de doses de sustancias estupefacientes nun vehículo. O condutor foi denunciado administrativamente ao dar positivo na proba de drogas.

Concello Tui


Música e cinema na primeira semana da programación "Volvemos á rúa"

Xa se poden reservar as entradas en www.enterticket.es de forma gratuíta

Con tres eventos esta semana comeza a programación cultural do verán "Volvemos á rúa" en Tui.

O mércores, ás 21 h, na Praza de San Fernando ofrecerá o seu primeiro concerto deste verán a Banda de Música Popular de Tui baixo a dirección de Eloy Carrera Bernárdez. A banda tudense afunde as súas raíces a finais do século XIX e mantén unha actividade estable dende os anos 80'. Este mércores ofrecerá o primeiro dos catro concertos que brindará nesta programación. O aforo está limitado a 100 persoas.

O xoves, ás 21 h, no Paseo da Corredoira será a quenda de Píscore baixo a dirección de Fran Rei. Música, humor, ritmo e comedia xestual son os elementos de "Concerto Singular", un espectáculo no que Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas dan vida a catro prestixiosos solistas, que son convocados para dar un único concerto. Ao seu dispor teñen 16 baquetas e unha soa marimba, que farán soar dun xeito orixinal e abraiante.

Xa o venres, ás 22.30 h, no Paseo Fluvial terá lugar a primeira das proxeccións de cinema ao aire libre. Será "Súper López" dirixida por Javier Ruiz Caldera e interpretada por Dani Rovira, Alexandra Jiménez, Julián López, Maribel Verdú, Pedro Casablanc, entre outros. O protagonista, Juan López, chegou á Terra dende o planeta Chitón. Non é sinxelo non destacar cando se pode voar, ler a mente, ter supervisión… Porén juan non precisa máis que un cruasán no almorzo para ser feliz, pero a aparición de Luisa, un antigo amor, pode facer cambiar as cousas.

Para o concerto da Banda de Música Popular de Tui e o espectáculo de Píscore o aforo está limitado a 100 persoas, e para o cinema a 300 espectadores. As entradas poden reservarse xa en www.enterticket.es de forma gratuíta.

Amais, esta fin de semana comezan os pasarrúas dos grupos folclóricos, de gaitas, de pandereteiras… Así o sábado dende ás 21 h actuará polas rúas de Tui o grupo folclórico Seixos Albos de Areas, e o domingo, á mesma hora, o grupo folclórico "Refaixos e Polainas" de Baldráns.

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais