|
As dificultades para a mobilidade transfronteiriza de menores denunciadas polas Valedoras da Cidadanía, entre os casos destacados do informe B-Solutions
A Comisión Europea recolle no seu compendio de cooperación transfronteiriza un informe con propostas para simplificar a libre circulación infantil e xuvenil entre Tomiño e Cerveira en intercambios escolares e culturais
O informe do experto da UE José Manuel Sobrino suxire a creación
dun modelo de autorización piloto para áreas transfronteirizas
e tratar o tema no vindeiro Cumio Ibérico
Obstáculos legais insostibles que minan "un dos obxectivos principais das Eurocidades" e que "frean a cooperación transfronteiriza e nos levan lonxe do ideal dunha cidadanía europea". Así describe a Comisión Europea os problemas de mobilidade transfronteiriza de menores, no informe elaborado tras a visita de campo do experto José Manuel Sobrino no marco dun proxecto B-Solutions, presentado conxuntamente pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e a AECT Galicia-Norte de Portugal como consecuencia do informe das Valedoras da cidadanía transfronteiriza sobre a eliminación de barreiras para a libre circulación de menores entre países veciños para realizar intercambios culturais, deportivos e educativos.
Este informe aparece agora recollido no compendio da Comisión Europea dos proxectos presentados ao proxecto B-Solutions, nos que se fai unha análise dos 43 casos identificados durante as dúas primeiras convocatorias, detallando a descrición xeral das solucións propostas en diferentes áreas temáticas e as conclusións principais.
Os problemas de mobilidade na Eurocidade
Tras visitar Tomiño e Cerveira, o experto da UE José Manuel Sobrino identificou a orixe do obstáculo á libre circulación de menores nos procedementos legais e administrativos actuais de ambos estados, unhas barreiras administrativas que afectan a 2.500 menores na Eurocidade Cerveira-Tomiño. Dous marcos normativos, creados para protexer aos intereses dos menores no estranxeiro, que, cando son aplicados "a espazos transfronteirizos como o da Eurocidade Cerveira-Tomiño, no que se dá unha grande integración e interacción territorial, social e humana, entorpecen o pleno desenvolvemento e formación dos nenos e nenas, limitando as súas posibilidades de beneficiarse das oportunidades que se presentan a ambos lados da fronteira no terreo educativo, cultural, deportivo e de lecer". Unhas limitacións que, segundo o informe, tamén imposibilitan o uso apropiado e eficiente das infraestruturas e servizos existentes na rexión.
O experto salienta que os requirimentos administrativos actuais consumen tempo e cartos e se converten en "insalvables e moi gravosos dende o momento en que o tránsito deixa de ser esporádico e pasa a converterse en continuado ou frecuente nunha contorna transfronteiriza" cunha fronteira separada por apenas 200 metros. Isto dificulta a converxencia entre Tomiño e Cerveira, impedindo que "o efecto fronteira sexa percibido como unha oportunidade para o desenvolvemento territorial e socioeconómico da zona".
Por todos estes motivos, a Comisión Europea propón no seu informe simplificar e "flexibilizar" as indicacións administrativas necesarias para a mobilidade transfronteiriza de menores non acompañados que cruzan as fronteiras entre España e Portugal para realizar intercambios culturais, deportivos e educativos. Ademais, suxire a creación dun modelo de autorización piloto para a Eurocidade que podería exportarse "a outras fronteiras interiores europeas nas que tamén aparecen estes obstáculos xurídicos e administrativos".
Trataríase dun modelo de autorización específico para as zonas transfronteirizas que debería contar cunha maior duración no tempo, a posibilidade de ser empregada en varias ocasións e estar circunscrita a un territorio transfronteirizo específico como podería ser a Eurocidade. Ademais, suxire que para actividades reguladas como pode ser clases extraescolares ao outro lado da fronteira, a autorización podería ir acompañada dun documento do centro educativo, cultural ou deportivo no que o/a menor realice as actividades. Por outro lado, recomenda que no caso portugués a flexibilidade da autorización contemple outros aspectos como a modificación da lei portuguesa para requirir só a sinatura dun dos dous proxenitores ou titores e eliminar a certificación legal da sinatura, así como considerar a diminución do prezo do propio documento de autorización.
Finalmente, o informe recolle a proposta de levar esta problemática ao vindeiro Cumio Ibérico, xa que o considera o escenario ideal para chamar a atención das administracións xerais sobre este tema e abordalo dun xeito práctico e útil.
Cerveira e Tomiño convocan un centenar de artistas ao 8º Certame de Pintura Antonio Fernández
Celebrarase o domingo 16 de agosto de forma simultánea nas vilas fronteirizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira
O evento internacional conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira
O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño, por segunda vez.
O certame, que chega á súa oitava edición, celebrarase o domingo 16 de agosto de 2020, cunha novidade moi importante: ábrese a participación a menores de 18 anos, con dúas novas categorías: xuvenil (de 13 a 17 anos) e infantil (de 6 a 12 anos).
Un ano máis, o tema do certame será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar ao realizar a súa inscrición en https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades. O procedemento e a técnica de pintura serán libres. A obra deberá realizarse in situ, ao aire libre, e do natural (non se permite a utilización de fotografías).
A inscrición será gratuíta e farase ata o 12 de agosto (inclusive), a través dos formularios habilitados na web e por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19 a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online. Non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame.
Outra novidade é que por primeira vez haberá limitación de prazas, dispoñéndose dun centenar de lugares, repartidos da seguinte maneira: 25 prazas modalidade infantil (6 a 12 anos); 25 prazas modalidade xuvenil (13 a 17 anos), e 50 prazas categoría adulta (a partir de 18 anos).
As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián - Tomiño, co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.
Todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nos espazos situados na contorna da parroquia de Goián (Tomiño) e Cerveira (Portugal).
O xurado, composto por personalidades vinculadas co mundo das artes e por membros das entidades patrocinadoras dos premios, emitirá o fallo ás 18:30 horas (17:30hPT).
Premios
Establécense os seguintes premios:
Categoría adultos:
" 1º Premio: 1.500 euros.
" 2º Premio: 500 euros.
" 3ª Premio: 500 euros.
Categoría infantil:
" 1º Premio: Diploma e bono por valor de 50€ para gastar na Bienal de Cerveira.
" 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€
Categoría xuvenil:
" 1º Premio: Diploma e bono por valor de 100€ para gastar na Bienal de Cerveira.
" 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€
Na categoría adultos o 1º premio será con cargo ao orzamento do Concello de Tomiño, o 2º Premio correrá a cargo da Comunidade de Montes de Goián, e o 3º, a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira. Nas categorías infantil e xuvenil os primeiros premios correrán a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e os segundos do Concello de Tomiño.
As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade:
https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades/
A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, explica que este certame forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade ao abeiro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.
A Praza do Seixo concentra a actividade cultural do verán en Tomiño
A OMIX Tomiño, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio
O Concello de Tomiño, tras redeseñar a programación cultural de verán por mor do Coronavirus, arrancou a súa axenda o pasado día 3 de xullo co concerto do grupo "De Vacas".
O venres 31 de xullo á mesma hora e lugar, nova sesión de cine familiar, con "El regreso de Mary Poppins".
Xa en agosto, o sábado 8, ás 21 horas, o público infantil poderá gozar co pallaso Peter Punk, no espectáculo "Punkdemia", o novo espectáculo da compañía Peter Punk Pallaso, pensado e creado para todas as normalidades. Un espectáculo viral e divertido adaptado a todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.
O venres 14 ás 22.30h, concerto de Brassica Rapa, un grupo de ventos e percusión formado integramente por rapazas, que ten como finalidade a visibilización da muller no mundo do espectáculo, a través dun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop a bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas.
O sábado 22, chegarán os Monicreques con música, na obra "Acuario" (21.00h). Baseado no libro de poemas de María Canosa, esta obra ten coma propósito que a xente miúda, se achegue á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico e mariño.
E pechando a programación, o venres 28 de agosto, a Agrupación Musical de Goián, ofrecerá un concerto, ás 22.30 horas.
Todos os espectáculos serán na Praza do Seixo, gardando as distancias e demais medidas de seguridade para previr contaxios.
IMPORTANTE: aínda que todas as actividades son gratuítas para o público, será necesario reservar a entrada, chamando de luns a venres en horario de mañá ao Concello (986 62 20 01).
Pecha o mes de agosto a Agrupación Musical de Goián, cun gran concerto na praza do Seixo, a partir das 22.30h.
IMPORTANTE: todas as actividades culturais son de balde pero é necesario reservar entrada chamando previamente ao 986622001 (máximo 5 lugares por persoa).
Obradoiros
A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio:
OBRADOIRO SILVESTRE DE PRENSADO DE FLORES (6 horas)
Neste obradoiro realizarase un paseo no exterior, recolectando flores e prantas da nosa contorna, e aprenderase todo o proceso de secado das flores cunha prensa de madeira que se ensinará a construír. Traballarase tamén na selección e composición das flores para crear o propio mini xardín nun bastidor. É unha moi boa ocasión para traballar a mirada e a creatividade mentres se goza dunha actividade ao aire libre.
Datas de realización: xoves 16 e 23 de xullo, de 10 a 13h
CURSO DE FOTOGRAFÍA (8 horas)
O curso de fotografía estará baseado na iniciación á fotografía, onde se aprenderá a utilizar a cámara en modo manual para sacarlle o máximo partido e realizar as mellores fotografías. Todas as clases serán no exterior para que o alumnado practique coa cámara en todo momento.
Datas de realización: luns 27 e mércores 29 de xullo, e luns 3 e mércores 5 de agosto, respectivamente, de 10 a 12h.
As inscricións deben facerse na web municipal (www.tomino.gal) e pódese solicitar máis información no whatsapp 604 062 369 ou nos correos electrónicos omix@tomino.gal e
Toda a programación que se ofrece cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios.
educacion@tomino.gal
Tomiño estuda a súa superficie de faixas secundarias a incluir no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais
As persoas ou entidades titulares de parcelas afectadas por faixas secundarias, de parroquias priorizadas, poden adherirse ao contrato de xestión da biomasa para a retirada de especies arbóreas non permitidas
Técnicos de Urbanismo e de Medio Rural do concello reuníronse o pasado 30 de Xuño con técnicos de SEAGA (Empresa pública de servizos agrarios galegos) para delimitar o alcance das faixas secundarias que aparecerán no Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Tomiño.
Este plan terá un período de exposición pública, no cal as persoas responsables da xestión (titulares das parcelas) terán acceso á información relativa ao Plan Municipal e ás parcelas afectadas polas faixas secundarias. A aprobación será froito da adhesión do Concello de Tomiño, en maio de 2019, ao convenio de colaboración, subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais e do que se ven de firmar unha terceira addenda.
Cabe destacar que éste ano, debido ó seu risco de incendio, a Comisión de Seguimento do Convenio seleccionou como parroquias priorizadas en Tomiño: Santa María de Tomiño e San Pedro de Forcadela. E, en base a esa priorización, os titulares de parcelas afectadas por faixas secundarias destas parroquias, poden firmar a adhesión ao contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias. Para elo, recibirán unha carta explicándolles o procedemento, e se están interesados, tramitalo no concello.
Coa adhesión a este convenio o Concello contará coa colaboración de SEAGA para levar a cabo as execucións subsidiarias naquelas parcelas que queden sen xestionar en faixas secundarias en parroquias priorizadas, isto é, manter limpa de biomasa e libre de eucaliptos, piñeiros ou acacias una faixa de 50 metros en solo rústico dende:
Solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable.
Edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e
parques e instalación industriais.
Edificacións illadas en solo rústico.
A este respecto, no mes de maio, mediante Bando da Alcaldía, anunciouse a obrigatoriedade das persoas responsables dos terreos situados nesas faixas, de acometer os criterios de xestión da biomasa (roza, poda ou corta, segundo proceda) e o prazo, polo Estado de Alarma, estendeuse ata o día 16 de xullo de 2020. Do mesmo xeito, vense de publicar un novo bando co nome das parroquias priorizadas.
Acción contra incendios
O Concello vén actuando en prevención dende hai tempo, tendo en conta, sobre todo, a Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Ordenanza municipal da xestión da biomasa e distancias de plantacións do Concello de Tomiño (BOP Nº 58 de 26 de marzo de 2015, modificada no BOP Nº 239, do 13 de decembro de 2018).
Deste xeito, no Concello de Tomiño tramitáronse no ano 2019 un total de 421 expedientes por incumprimento da limpeza de fincas e tala de especies prohibidas, labores de obrigado cumprimento segundo a Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia e/ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa. Destes, foron tramitados 347 expedientes (un 82%); desestimados 42 expedientes (un 10%), e os restantes 20 expedientes quedaron pendestes para este ano.
Dos 347 expedientes tramitados, 320 foron motivadas polo Art.7 da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa, o que supón un 66,28 % do total; 90 expedientes foron tramitados por Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, un 25,94 % do total, e os restantes 27 foron polo Art. 10.4 sobre Camiños Públicos da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa, un 7,78 % do total dos expedientes notificados.
O mercado ambulante de Tomiño retoma a súa actividade co 100 % dos postos
Na Praza do Seixo continuarán estando os postos de alimentación e produtos agrícolas, e na rúa Daniel Calzado, as demais seccións
O mercado ambulante retomará o vindeiro venres a súa actividade co 100% dos postos que o compoñen. Na Praza do Seixo continuarán estando os postos de alimentación e produtos agrícolas, mentres que os de roupa e outras seccións, se situarán na rúa Daniel Calzado, igual que antes da pandemia. Iso si, haberá que ampliar a superficie para que poidan instalarse gardando as medidas hixiénico-sanitarias establecidas polo "Plan para a transición cara a unha nova normalidade" da Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a boa disposición do equipo de goberno para permitir a todos os postos asistir ao mercadiño dos días mércores, e pide a colaboración de comerciantes e consumidores para facer posible o cumprimento de todas as medidas de seguridade encamiñadas a evitar posibles contaxios.
Esta reubicación de postos ten carácter provisional, mentres dure esta situación de crise sanitaria, ou se transmitan novas instrucións.
Entre as medidas de seguridade que deberán cumprirse obrigatoriamente, figuran as de usar máscara, tanto os vendedores coma os clientes, e gardar a distancia de seguridade interpersoal.
Durante todo o proceso de atención aos consumidores, deberá manterse a distancia de seguridade entre vendedor e cliente, que poderá ser de un metro, cando se conte con elementos de protección ou barreira; en caso contrario, metro e medio. O uso de máscaras e luvas para manipular os produtos en venda será obrigatorio para os vendedores, e os consumidores non poderán tocalos, polo que terán que estar colocados fora do alcance do público.
Cada posto deberá ter a disposición dos clientes dispensadores de xel hidroalcohólico e o tempo de permanencia no mercado será o estritamente necesario para a adquisición dos produtos.
Os refugallos terán que ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para ese uso, observando as ordenanzas ou bandos municipais ao respecto.
Os posibles incumprimentos poderán ser sancionados polas autoridades competentes.
|