|

Horário do Ferry (14 a 19 de Julho)
A Guarda acolle o 26 de xullo un encontro de Ioga ao aire libre
O Castelo de Santa Cruz da Guarda será o escenario para a realización de "Ioga de Verán", un encontro de ioga ao aire libre para todos os públicos que se vai desenvolver o domingo 26 de xullo ás 10:30h.
Cada participante deberá traer unha esteira ou toalla, un cinto ou un foulard.
Esta actividade é totalmente de balde, pero é preciso unha inscrición previa no seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScFkPjZ8qL95m9G3VNl1g9Zw4JyKBsqgWTPZCaTeIB5Rw0AKQ/viewform?vc=0&c=0&w=1
Os interesados en participar poden ampliar información no Departamento de Deportes do Concello da Guarda chamando ao 690928751 ou contactando en deportes@aguarda.es
O Concello da Guarda felicita ao Clube de Xadréz Albatros polo ascenso á Primeira división autonómica
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes que dirixe Montserrat Magallanes, quere facer un recoñecemento público ao Clube de Xadréz Albatros por ter acadado un importante logro deportivo como é o ter logrado o ascenso á Primeira división autonómica.
O Xadrez Albatros ten a súa orixe hai case vinte e cinco anos nunha cafetería que lle deu nome, nun autobús que lle deu forma e dunhas persoas inquietas por este deporte. A cafetería é o Albatros, o autobús e o que sae tódolos días da Guarda cara Citroën e os xogadores, uns amigos entorno un café.
Posteriormente, estes veciños da vila decidiron formar un club de xadrez. Tiñan ideas, tiñan desexos, pero o que máis lles sobraba era ilusión e ter a sorte de aparecer un xogador que emigrou dende Rusia ata Galicia por motivos laborais. Iso foi o espoldrarao definitivo ó proxecto. Dita persoa aportou uns coñecementos que descoñecían os seus fundadores. Coñecementos que hoxe quedarían obsoletos e de nivel incipiente, pero deu certa credibilidade a idea e permitiu o desenvolvemento do proxecto coa aprobación duns estatutos, creación dunha xunta directiva e a incorporación e alta nos organismos competentes. Acababa de nacer a Asociación Cultural e Deportiva Albatros de mans do seu presidente Vladimir Stoujinski (ano 1995).
No ano 2000 créase a Escola de Xadrez Albatros, despois de varios intentos previos que non acadaron continuidade no tempo. Comeza o ensino do xadrez a partir dun pequeno grupo de rapaces onde se promove o aprendizaxe do xogo e a participación en Torneos infantís. Torneos que foron o embrión de todo o que hoxe acontece. Constituísen uns equipos federados que participarán na Liga de Clubs Galegos na Terceira División Rexional, e Cuarta División. Tamén debemos subliñar que a Escola de Xadrez Albatros tivo a súa evolución; Novos profesores aportaron estudos e estratexias na concepción de aperturas e unha mellora substancial neste deporte.
Hoxe, estes "nenos" teñen preto de vinte e cinco anos, xogaban en segunda división que tras tocar cos dedos varias veces esa categoría terminaban fracasando na derradeira xornada, agora con certa "facilidade" ascenderon á primeira División autonómica. Un éxito sen dúbida máis que salientable. Nestes intres, rapaces que "naceron" no club, son os responsables de ditas clases que xestionan baixo a súa responsabilidade trala supervisión da xunta directiva.
Tódolos responsables do fito histórico de ascender á Primeira División Autonómica ó club Albatros son os mesmos nenos que comezaron a xogar ó xadrez a principios do novo século, iso hai que salientar porque son da vila, non fichaxes exteriores.
Ter un equipo en primeira división autonómica para una poboación coma a da Guarda debe ser motivo de envexa e orgullo porque non moitas vila poden dicilo, e se enriba todos os xogadores son antigos alumnos do Club, formados polo Albatros, e por extensión da Guarda, soamente se pode dicir : GRACIAS !!!
Hoxe este club ten máis de corenta nenos en clase, máis de sesenta fichas federativas, e desenvolve cinco torneos anuais no contorno do Baixomiño cunha gran participación.
XOGADORES QUE FIXERON ISTO POSIBLE: Javier Castillo, Sergio lomba, Germán Vilaplana, Daniel Lomba e Antonio Castro.
O Concello da Guarda informa do prazo de consulta pública do Rexistro Municipal de Asociacións
O Concello da Guarda informa dos prazos para a consulta pública na que se solicitará a opinión dos suxeitos e as organizacións mais representativas afectados pola futura norma, con carácter previo á aprobación do Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións do Concello da Guarda.
A consulta pública estará aberta dende o día 20 de xullo de 2020 ata o día 31 de xullo de 2020, os eventuais interesados poderán participar remitindo as súas contribucións na sede electrónica do concello: https://aguarda.sedelectronica.gal/
Se trata de establecer o marco xurídico regulador do Rexistro Municipal de Asociacións, como instrumento que permita recoller documentalmente a realidade do tecido asociativo e de participación colectiva, dentro do marco territorial do Concello da Guarda, para coñecer a situación real das asociacións existentes, definir as liñas que impulsen a consolidación dun tecido social organizado e moderno que busque vías e se axuste mellor aos intereses dos cidadáns de hoxe, para participar e actuar nos asuntos que lles preocupan.
Para a creación do Rexistro Municipal de Asociacións no Concello da Guarda fai necesaria a aprobación dun regulamento que estableza o seu contido, finalidades, dereitos e obrigas das asociacións que soliciten a súa inscrición, así como fixar o seu obxecto, que será permitirlle ao Concello da Guarda coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins, representatividade e incidencia, para os efectos de posibilitar unha política municipal adecuada que contribúa a fortalecer o tecido asociativo do noso Concello.
Respecto da súa oportunidade, a ausencia dunha regulación municipal sobre a materia fai recomendable o inicio da tramitación do procedemento de aprobación do regulamento, para regularizar a situación obxecto do mesmo e que se poida cumprir a finalidade do Rexistro Municipal de Asociacións.
A Guarda presenta unha App para a creación de cartas dixitais en establecementos de hostalaría
O Concello da Guarda presentou este martes 14 de xullo unha APP dirixida ao sector da hostalaría e restauración para a creación de cartas dixitais.
Esta APP gratuíta foi deseñada para dar apoio ao sector ante as novas medidas obrigatorias para a prevención do risco do COVID-19.
Esta aplicación facilita a creación de cartas online sempre cun funcionamento simple e mediante poucos pasos permite a xeración de QR para a visualización da carta ofertada nos establecementos e que pode ser actualizada segundo conveña ao establecemento. Ademais permitirá que os establecementos estarán localizables nun mapa interactivo.
A xestión desta aplicación é a través da web https://qr.aguarda.es/gl/ O primeiro paso é darse de alta como establecemento e despois de cumprimentar os datos poderá deseñar a información que estará dispoñible en función da oferta do local: carta, menu do día, menu fora de carta e carta de viños. Esta información poderá actualizarse en cada momento dun xeito automático e polo xestor do local. Por exemplo, se durante a fin de semana non se ofrece o menú do día tan só hai que desactivar esa opción.
Proposta de obradoiros e xogos en familia na Guarda
A OMIX do Concello da Guarda oferta dúas xornadas/obradoiros especialmente pensadas para familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos que buscan realizar actividades xuntos e ao aire libre ou para familias tamén que buscan recursos de ocio para nenos e nenas.
O día 24 de xullo realizarase "Xogos e movemento", unha acción destinada a xogar ao aire libre, realizando xogos por equipos, xogos populares, xogos de ioga etc. Para poder orientar axeitadamente cada actividade a cada rango de idade realizaranse dous grupos: Grupo de 3 a 6 anos de 18:30h a 19:30h, neste caso será imprescindible a participación ou o acompañamento dunha persoa adulta. Grupo de 7 a 12 anos, de 16:30h a 17:30h, neste caso os nenos e nenas poden quedar sen persoa acompañante se así o desexan.
O día 31 de xullo, terá lugar o "Obradoiro: manualidade natural, cabeza de pasto", nesta ocasión a proposta será a realización dunha manualidade creativa e divertida e que ademais poderán levar para a casa. Os grupos de idade participantes volven a ser de: 3 a 6 anos de 18:30h a 19:30h coa participación dunha persoa adulta e no caso de 7 a 12 anos poden acudir sen persoa acompañante, no horario de 16:30h a 17:30h.
Para os obradoiros cada familia achegará unha manta ou similar para poder xogar ou realizar o obradoiro no chan. Ademais para a manualidade natural as persoas participantes traerán: rotulador permanente negro, tesoiras, culler grande e para o grupo de maiores unha agulla de la.
Máis información e inscricións na OMIX no teléfono 676347890 ou no mail informacion@aguarda.es
Abertas as inscricións para a obra de teatro infantil -Lázaro de Tormes-
O vindeiro sábado día 18 de xullo o Auditorio de San Benito será o escenario da representación teatral de "Lázaro de Tormes", unha actividade destinada principalmente para nenos e nenas e que terá lugar ás 20:00h da tarde.
Concello fai fincapé na realización de actividades seguras, mantendo as medidas de hixiene e seguridade vixentes en cada momento, establecendo as citas e inscricións previas para evitar aglomeracións, para a obra de teatro "Lázaro de Tormes" é preciso inscribirse no Centro Cultural da Guarda (986611850 - centrocultural@aguarda.es), haberá un protocolo COVID para garantir a seguridade e a hixiene no recinto, con asentos numerados e separados entre si.
A representación teatral de "Lázaro de Tormes" corre a cargo da Compañía Pedras de Cartón, que aterran na Guarda este sábado despois de participar no Festival de Teatro Clásico de Almagro.
Pedras de Cartón presenta a historia do Lazarillo de Tormes contada por primeira vez con máscaras e sen palabras. A compañía conta para esta tarefa con profesionáis cunha ampla traxectoria no teatro infantil e xuvenil, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo Teatro. Así, Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez abordan dende o escenario e baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, esta coñecida peza da literatura que ademáis forma parte do currículo educativo nas escolas.
Unha comedia sen palabras para gozar en familia.
Os Quinquilláns retoman as visitas teatralizadas na Guarda
" A Compañía teatral Os Quinquilláns repiten as visitas teatralizadas despois do grande éxito acadado no verán de 2019, neste caso visitarán o Castro de Santa Trega todos os mércores
O Concello da Guarda repite a experiencia das visitas teatralizadas despois do grande éxito acadado no verán de 2019, a cargo da Compañía de teatro Os Quinquilláns. Cada mércores deste verán entre o 15 de xullo e o 26 de agosto, dous personaxes peculiares visitarán o Castro de Santa Trega, nunha actividade que pretende sorprender a todos os asistentes.
Estas visitas teatralizadas forman parte do programa O Camiño Aguárdate, que dentro da convocatoria O Teu Xacobeo busca a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño de Santiago. A compañía Os Quinquilláns, será a encargada de realizar esta actividade que nos transporta a época mais tardía do Castro da man da primeira muller peregrina, Exeria, quen trouxo ata a Península Ibérica o culto a Santa Trega. As visitas teatralizadas misturan a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.
O aforo de cada visita está limitado a 25 persoas, sendo obrigatorio o uso de mascarilla de protección.
Se queres acompañalos inscríbete neste formulario, indicando os teus datos.
https://forms.gle/FszaE4ocSLBGqJQZ6
Axenda de actividades - Verán 2020 Concello da Guarda

|