|
O concello de Tui izará a bandeira LGTBIQ+ esta fin de semana para conmemorar o 28 de xuño o día do Orgullo 2020
A través da Concellería de Igualdade organiza un programa de sensibilización
O Concello de Tui súmase á conmemoración do Día do Orgullo que ten lugar este domingo, 28 de xuño. O programa previsto realízase co lema "Orgullosos de Tui". Comezou hoxe mesmo coa colocación dun banco arco da vella na rúa Ourense, e da bandeira na casa do concello.
Este domingo 28, de 11 a 14 h e de 17 a 21 h, na Glorieta de Vigo haberá unha caravana LGTBIQ+. Será un punto de información e sensibilización no que se repartirá material da campaña informativa deseñada dende a concellería de Igualdade que abordará o respecto á diversidade, a loita contra a violencia cara ao colectivo e a temática da violencia intraxénero. A caravana contará cunha sexóloga e un axente de igualdade que resolverán calquera tipo de dúbida sobre a diversidade sexual.
Mentres o luns 29, ás 19.30 h, terá lugar o faladoiro "A realidade LGTBIQ+" impartido por María Torre, xornalista, sexóloga clínica, educadora sexual e creadora de ArsEroticas, e Sara Uris, profesora de Educación Infantil, especialista en xénero e igualdade e responsable do proxecto Transformando. Poderá seguirse a través do instagram de @transformando.realidades.
As persoas que desexen máis información poden contactar con igualdade@tui.gal ou co teléfono e whatsapp 682 66 05 80.
Hoxe entregáronse novos composteiros individuais
Os interesados poden enviar a súa solicitude a compostaxe@tui.gal, descargando o impreso en tui.gal
Este mediodía tivo lugar no Centro Municipal de Formación en Guillarei unha nova entrega de composteiros individuais por parte do Concello de Tui. Previa a entrega deste material a mestra composteira, Sara Luque, impartiu unha charla sobre a compostaxe e a utilización e montaxe dos composteiros, na que se gardaron todas as medidas de seguridade do protocolo da COVID-19. As cinco persoas participantes na entrega desta mañá recibiron tamén unha guía de compostaxe e ferramenta para axudar nos traballos de remexido dos materiais
Os composteiros son entregados en réxime de cesión de uso para a súa colocación en vivendas no termo municipal de Tui. Realízase un rexistro dos usuarios e ao menos dúas veces ao ano a mestra composteira realiza unha visita para comprobar o funcionamento e resolver posibles dúbidas que poidan ter os veciños e veciñas.
O Concello de Tui continuará coa entrega de composteiros individuais, realizándose en grupos reducidos coa correspondente charla, até esgotar as existencias destes elementos que ten nestes momentos.
As persoas interesadas e obter un composteiro individual deben cubrir o impreso de solicitude, dispoñible en tui.gal, e envialo a compostaxe@tui.gal ou presentalo por rexistro de entrada na casa do concello ou na sede electrónica.
Tui da un paso máis para a rehabilitación do Teatro Principal coa presentación do anteproxecto de César Portela
O Concello de Tui buscará a implicación das administracións provincial, autonómica e estatal para facer realidade esta recuperación orzamentada en case 3 millóns de euros
Esta mañá presentouse na aula CeMIT na Área Panorámica o anteproxecto de recuperación do Teatro Principal de Tui. O acto fíxose coincidir coa conmemoración da celebración dos Primeiros Xogos Florais de Galicia que tiveron lugar neste teatro o 24 de xuño de 1891, foi daquela o primeiro acto público celebrado integramente en galego.
A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, e do arquitecto César Portela, autor do anteproxecto.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comezou dando as grazas ao arquitecto César Portela por aceptar o encargo de realizar este anteproxecto que "é o primeiro paso a dar cara á rehabilitación deste edificio tan emblemático da nosa cidade". Lembrou o rexedor que en 1980 César Portela recibira o encargo de redactar un proxecto para rehabilitar este edificio por parte da Dirección Xeral de Arquitectura Vivenda e Solo.
Enrique Cabaleiro indicou a vontade do goberno municipal de rehabilitar este inmoble que "forma parte do noso legado cultural e patrimonial, é un sinal de identidade desta cidade, é un sinal de identidade da nosa cultura, e da cultura do noso país". Nese senso apuntaba que non ten cabida nestes momentos o debate sobre a súa rehabilitación ou non, e lamentaba a situación de ruína na que se atopa o edificio en pleno corazón do conxunto histórico. A recuperación do Teatro Principal suporá un investimento de case 3 millóns de euros, polo que explicaba o alcalde que "o Concello de Tui por si so non dispón da capacidade financeira para asumir esta rehabilitación". Por iso avanzaba que iniciarán contactos coa administración provincial, autonómica e estatal, para lograr os fondos precisos. Explicaba que o Concello poderá asumir aquelas actuacións máis urxentes coma o desentullo ou o realización de catas para coñecer a situación do terreo.
O concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, destacou que a presentación do anteproxecto fíxose coincidir coa celebración dos Xogos Florais en 1891. Aludiu amais ao inicio do proxecto de recuperación do teatro nos anos 80, e como agora se adaptou á normativa vixente o proxecto redactado en 1986.
O arquitecto César Portela comezou a súa intervención lembrando que coñeceu o Teatro Principal de Tui de neno, cando viña ata Tui dende Pontevedra co seu pai, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, para asistir aos actos que aquí se celebraban. Xa coma arquitecto recibiu a encomenda do proxecto de rehabilitación nos anos 80, e agora volve atoparse con este histórico edificio. Debido aos cambios na normativa, tivo que revisar e adaptar o anteproxecto e incorporou coma novidade unha cafetería-mirador sobre o Miño. Explicaba que o anteproxecto presentado da resposta as necesidades plantexadas de teatro, cine, usos múltiples… tendo en conta a súa ubicación e a súa historia
Ao longo de tres andares - soto, primeiro andar e segundo andar - configúrase a distribución do edificio. Conserva o teatro con capacidade para 200 persoas entre o patio de butacas e dúas plateas, adaptado as condicións actuais. Tanto na primeira coma na segunda planta irán salas de usos múltiples, algunha delas coa posibilidade de ser dividida segundo as necesidades. Recolle o deseño de César Portela unha galería con vistas ao río na fachada posterior, accesible tanto dende a cafetería coma dende as salas de usos múltiples. Un lucernario permitirá dar luz natural a todos os andares.
O proxecto inclúe tamén a reforma da praza de Fromista creando un conxunto plaza-teatro-mirador, chamado a converterse nun dos lugares destacados da cidade histórica.
Tui entrega quince máquinas de ozono aos centros culturais para a súa desinfección
Nos próximos días colocará tamén nestas instalacións dispensadores de xel hidroalcohólico
O Concello de Tui fixo entrega hoxe aos centros culturais das distintas parroquias de quince máquinas de ozono para que poidan proceder á desinfección das súas instalacións. Entre as medidas que adoptou a corporación municipal dende o inicio do estado de alarma estaba a adquisición deste equipamento. Ao acto de entrega desta mañá asistiron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e os concelleiros do PP, José Ángel Villaverde e do BNG, José Martínez Tato.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou aos representantes dos distintos centros culturais que coa aportación deste material dende o Concello queren contribuír á tomar as medidas preventivas precisas. Informou amais que nos próximos días instalarán dispensadores de xel hidroalcohólico nos accesos dos centros cultural, así coma nos parques infantís para que "se poidan utilizar cantos medios sexan posibles para evitar a transmisión" indicaba o rexedor tudense.
Pola súa parte o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, foi o encargado de explicar o funcionamento das máquinas de ozono. Teñen capacidade para desinfectar unha superficie de até 100 metros cadrados nun tempo e até hora e media. Insistía o edil na importancia de tras a desinfección ventilar ben o local previo ao seu uso, e tamén evitar que no momento da desinfección non haxa equipos informáticos na sala.
|