|
O concello da Guarda suspende as festas do Monte 2020
Diante da crise sanitaria provocada polo virus COVID-19, que obriga a manter medidas de seguridade e prevención para a protección da saúde da cidadanía. Tendo en conta os milleiros de persoas que durante as festas do Monte se achegan á Guarda para participar nunhas festas multitudinarias referentes en toda Galicia, tanto nas verbenas como no desfile e a romaría da fin de semana. Considerando a normativa vixente na actualidade, tanto da Xunta de Galicia como do Goberno Central, referida ás medidas de seguridade que hai que manter cara a nova normalidade, pero sobre todo, tendo en conta a saúde das persoas. O equipo de goberno do Concello da Guarda mantivo unha xuntanza coa comisión de festas e cos responsables das bandas mariñeiras, o pasado venres 26 de xuño, para valorar e tomar unha decisión respecto da celebración das festas do Monte 2020.
A totalidade dos asistentes á xuntanza valoraron a imposibilidade de manter as condicións que a Xunta de Galicia establece dadas as características da festa, pola gran afluencia de persoas que asiste e pola falta de medios para realizar os controis necesarios para ter garantías sanitarias. Así mesmo, os asistentes, entenderon que a prioridade nestes momentos, sobre calquera outra consideración, é a saúde.
Despois de facer unha reflexión conxunta e vista a incerta situación sanitaria que temos na actualidade o concello da Guarda, de acordo coa comisión de festas e os responsables das bandas mariñeiras, anuncia a suspensión das festas do Monte 2020, o que inclúe as verbenas, o desfile e a romaría do domingo. Poñendo como principal prioridade nestes momentos a saúde das persoas.
A Guarda contrata a 10 desempregados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
Dende fai uns días prestan servizo no Concello da Guarda 10 persoas desempregadas grazas ao Plan de Conservación e funcionamento de bens e servizos municipais da Deputación de Pontevedra, que permitiu a súa contratación a través da liña 3.
Neste senso A Guarda conta con dous traballadores para axudantes do camión do lixo e 8 peóns limpadores, que traballarán ao longo de 7 meses. Ademais, tamén está prevista a incorporación de novo persoal os vindeiros meses, que contarán cunha xornada completa e a duración do contrato oscilará entre os 4 e os 6 meses.
En total contrataranse 14 persoas desempregadas, cunha achega por parte da Deputación de Pontevedra por valor de 134.943,27€
A Guarda acollerá a 90ª edición Encontro Internacional da FICC en xuño de 2021
Hai uns meses a Federación Española de Clubes campistas (FECC) presentou a candidatura da Guarda para acoller o Encontro Internacional da Federación Internacional de Camping, caravaning e autocaravaning (FICC) en 2021 sendo seleccionada entre os finalistas Corea do Sur e Polonia.
Onte 24 de xuño na Casa dos Alonso tivo lugar a primeira reunión de traballo para coordinar e xestionar todos os esforzos para que a organización do encontro anual internacional sexa un éxito.
Nesta primeira reunión de traballo estiveron a Concelleira de Turismo, Elena Baz, a técnica de Turismo, Rosalía Verde, e os representantes do Comité organizador en España que está integrado pola Federación Española de Clubs campistas asistiron o seu presidente, José Vicente, o seu vicepresidente, Miguel Merino, o vocal Andrés Sánchez, e do Camping Caravaning Club de Galicia- Vigo, o seu presidente, Juan Antonio Cidanes, e o vocal, José Iglesias, que é o responsable das relacións coa FICC.
A Guarda pide a Medio Ambiente a mellora do parque da Armona
O Concello da Guarda ven de pedir a Medio Ambiente da Xunta de Galicia a realización do proxecto de recuperación ambiental do "Miradoiro Natural do Miño", un proxecto que contempla unha actuación sobre o espazo do parque da Armona en Camposancos, incluído na Rede Natura 2000.
O proxecto de actuación sobre este espazo permitirá eliminar o aparcamento para vehículos rodados con bolardos de madeira que impidan, ou no seu caso regulen o seu acceso a esta zona, para poñer en valor este espazo como un lugar para desfrute das persoas.
O Concello da Guarda ven de retirar recentemente a pérgola de madeira existente neste lugar, xa que se atopaba moi deteriorada polo paso do tempo e constituía un perigo para as persoas, ademais o proxecto contempla a rehabilitación dunha pasarela de madeira que tamén se atopa deteriorada e que axudará a preservar este entorno natural.
Con todas estas actuacións búscase a preservación desta zona en condicións que permitan ademais a interpretación do entorno natural do esteiro mediante a instalación dun panel de forma que os veciños e os visitantes entendan a importancia de "desfrutar" de forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación, mostrándolles a riqueza da fauna e da flora do esteiro.
O presuposto total para este proxecto ascende a un total de 24.199,33€ IVE incluído.
Inscricións abertas para o Curso de Surf organizado polo Concello da Guarda
O Concello da Guarda, a través do departamento de Deportes, organiza un Curso de Surf para adolescentes de entre 12 e 18 anos.
O curso terá lugar na Praia de Patos en Nigrán o venres 10 de xullo en horario de 17:00h a 19:00h a un prezo de 16€ por persoa, inclúe transporte dende A Guarda.
As inscricións están abertas ata o vindeiro 3 de xullo no teléfono 690628751, no enderezo electrónico deportes@aguarda.esou no seguinte link: http://ow.ly/GZR650AdWtD
A cada participante entregaráselle un protocolo de seguridade e cumpriranse unhas estritas medidas de protección fronte ao COVID-19, formándose subgrupos moi reducidos.
|