|
Tui súmase á conmemoración do Día Mundial da ELA iluminando de verde a casa do concello
O Concello de Tui súmase a conmemoración do Día Mundial da Ela que ten lugar este domingo, 21 de xuño. Farao iluminando de verde a casa do concello na noite do sábado ao domingo, respondendo así á solicitude feita dende a Asociación Galega de Escelerose Lateral Amiotrófica, AGAELA.
Coa iniciativa #LuzporlaELA buscan darlle visibilidade nos concellos españois a esta enfermidade e á situación á que se enfrontan os enfermos e a súas familias tras o diagnóstico. Coa iluminación de edificios emblemáticos nos distintos municipios, no caso de Tui coa casa do concello, amósase o apoio e solidariedade coas persoas afectadas pola ELA, deixando constancia de que a "A ELA existe".
Este domingo celebrase unha actividade de ioga e meditación no Paseo Fluvial
Será ás 10.30 h no Paseo Fluvial para conmemorar o Día Internacional do Ioga
O Concello de Tui organiza para este domingo unha actividade de ioga e meditación para conmemorar o Día Internacional do Ioga. Terá lugar ás 10.30 h no Paseo Fluvial a cargo de Vanesa Rodríguez. A participación está limitada a 25 persoas, e as prazas cubriranse por orde de chegada. Débese levar esteira.
Tui só permitirá fogueiras de San Xoán en terreos privados promovidas por particulares
Deberán solicitar autorización no concello e adoptar todas as medidas de seguridade
O Concello de Tui só autorizará cacharelas e sardiñadas en terreos de titularidade privada, promovidas exclusivamente por particulares, previa solicitude no Concello. No caso de ser autorizadas deben adoptar as todas medidas de prevención e seguridade impostas pola lei, así como as medidas de prevención, contención e coordinación da COVID-19.
Así o indica o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando onde fai referencia á normativa autonómica publicada no DOGA nº115 do 13 de xuño, que no punto cuarto recolle que "sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo" das festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atracción de feira. Por este motivo no bando da alcaldía indícase que a concesión de autorizacións expresas para este tipo de eventos deberán ser concedidas pola Xunta de Galicia por ser a autoridade competente".
O mercado dos xoves regresa nunha nova ubicación para garantir as medidas de seguridade
Celebrarase na zona de Camfran cun único acceso e saída, e marcando o sentido do tránsito
Dende o dia 18 de xuño, volverá celebrarse o mercado semanal dos xoves en Tui. Para cumprir coas medidas sanitarias derivadas da actual situación dende o Concello decidiuse o cambio de emprazamento do mercado cara á zona de Camfran, entre a prolongación de Casal Aboy e a Avenida de Concordia, cunha superficie de case 15 mil metros cadrados.
O Concello está a realizar obras de mellora e acondicionamento no recinto, consistentes no acondicionamento e homoxeneización do espazo, o que redundará nun espazo máis seguro ante a actual situación.
Nas últimas semanas traballouse cos servizos técnicos municipais sobre un plano para recolocar aos 160 postos de maneira que se poida garantir, nesta nova normalidade, a seguridade dos vendedores ambulantes e a da cidadanía en xeral, xerando maior espazo para as persoas.
Os accesos estarán controlados por persoal habilitado para velar polo aforamento do recinto. Establécese un sentido único de tránsito con percorridos separados por valos e cinta, coa finalidade de evitar aglomeracións.
No acceso ao mercadillo o Concello porá a disposición da cidadanía un dispensador de hidroxel de uso obrigatorio e carteis informativos sobre as normas de hixiene. No recinto do mercado tanto os vendedores coma os compradores deberán levar máscaras e a manter unha distancia mínima de dous metros
Os postos deberán gardar unha separación de 6 metros con respecto ao posto situado enfronte e 2 metros co lateral. Cada posto debe contar con dispositivos para residuos e con bolsa que permitan o seu peche estanco. Os postos deben ser desinfectados e limpados con frecuencia, tendo en conta as superficies tocadas, e seguindo as instrucións de limpeza e desinfección ditadas para facer fronte á pandemia do coronavirus. Quedará prohibido tocar os alimentos ou produtos, de modo que exclusivamente poderán ser manipulados polos vendedores. No caso dos postos de téxtil ademais deberán utilizar un desinfectante téxtil ou pór as pezas probadas en corentena. Recoméndase tocar as pezas o menos posible.
A Policía Local e Protección Civil encargaranse de garantir o cumprimento das medidas de prevención establecidas.
A concelleira de Mercado e Comercio, Ana Núñez, explica que "desde que se anunciou a entrada na Fase 1 veuse traballando, en colaboración cos representante dos vendedores ambulantes na localidade, para analizar a volta a esta actividade do 100% dos vendedores e establecer así mesmo un protocolo para renovar o mercadillo, de forma que se garantan en todo momento as medidas de seguridade, hixiénicas e sanitarias que protexan tanto a vendedores como a compradores".
Esta nova realidade, engade, chega cun cambio de localización á área de Camfran da totalidade dos postos que teñen a súa renovación ao día debido "á imposibilidade de garantir as medidas de seguridade e distancia social na localización habitual do Paseo da Corredoira, da Praza de Galicia, e das rúas Lugo, Mondoñedo e Compostela".
O mercadillo de Tui conta cun total de 160 postos, polo que o volume de ocupación é moi extenso e apenas queda marxe para gardar as medidas de seguridade establecidas por decreto, apunta a edil. Remata sinalando que "queremos que o mercadillo se realice coas máximas garantías de seguridade e de saúde para os nosos veciños e visitantes".
O punto limpo abre de luns a sábado con cita previa
O Punto Limpo de Tui, situado en Guillarei, amplía o seu horario e abre de luns a sábado, pero sempre con cita previa.
As persoas que desexen levar material de refugallo que non se pode depositar nos contedores ao Punto Limpo, poderán facelo de luns a venres de 8.30 a 14 h e os sábados de 9 a 13 h, pero sempre solicitando cita previa nese horario. O teléfono para solicitar a cita é 629 70 64 36.
Os Parques Infantís de Tui permanecen pechados
As persoas que accedan aos mesmos rompendo os precintos poderán ser sancionados pola Policía Local
Os Parques Infantís de Tui permanecen pechados e precintados polo que non se pode acceder aos mesmos.
A nova normalidade que estreamos onte permitía a apertura dos Parques Infantís, pero o Concello de Tui acordou polo momento non autorizar o uso destas instalacións dado que non se poden cumprir as condicións sanitarias establecidas. Nos próximos días instalaranse columnas de hidroxel e cartelería coa normativa nos accesos aos parques máis frecuentados, pero o control de aforos e a desinfección que tería que levarse a cabo non é asumible para o Concello. Así o explicaba o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalando que "a competencia de reapertura é municipal pero se fixan uns criterios de índole sanitaria que cumprilos por parte dos concellos é sumamente difícil e suporían un custe inasumible".
Dende o Concello tense constatado que no día de onte houbo persoas que romperon os precintos existentes e accederon a estas instalacións, unha conducta que poderá ser sancionada pola Policía Local, xa que polo momento non se poden usar. Insistía Enrique Cabaleiro que "seguimos nunha situación de alerta sanitaria, debemos extremar as precaucións" e até que o concello entenda "que non se dan as condicións necesarias ou os parques non dispoñen dos elementos precisos para a súa utilización non se poden nin se deben empregar". Nese senso dicía o rexedor tudense que van ser estritos e levarase a cabo unha vixilancia constante e permanente dos parques. Neste momento a actuación municipal débese guiar pola prudencia e a do conxunto dos veciños a responsabilidade, apunta o alcalde de Tui.
O luns abre o prazo de presentación de solicitudes do programa Reactiva Tui
O concello de Tui destina 280 mil euros a autónomos, microempresas e pequenas empresas
O luns, 15 de xuño, abre o prazo de presentación de solicitudes para as axudas extraordinarias de emerxencia Reactiva Tui. O martes, 9 de xuño, publicáronse no BOPPO as bases destas axudas, tras ser aprobadas en pleno o pasado 28 de maio, e onte venres publicouse o extracto das mesmas, o que da inicio ao prazo de presentación de solicitudes dende o luns e durante un período de 15 días.
As axudas van dirixidas a traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal e local comercial estea no termo municipal de Tui, e que tiveran que permanecer pechados ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma provocado pola COVID-19.
Os obxectivos de Reactiva Tui son paliar a incidencia que tivo a declaración do estado de alarma; preservar o tecido empresarial, obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais; protexer o interese xeral dos veciños de Tui, reactivar a economía, impulsar a actividade económica e promover e mellorar a participación no uso das tecnoloxías da información e as comunicacións.
O Concello de Tui establece catro liñas de axudas. A primeira está destinada aos gastos de aluguer de local comercial realizados dende o inicio do estado de alarma até un máximo de catro meses. A segunda liña vai dirixida á transición cara ao comercio on line ou optimización do existente e abrangue a consultoría e formación para a dixitalización do negocio, o desenvolvemento ou mellora da web ou introdución de pasarelas de compras, márketing e promoción dixital, subscricións a portais de venda on line, publicidade de venda on line, ou subscrición a internet. Mentres na liña 3 subvencionaranse os gastos derivados do cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio pola COVID19 coma compra de máscaras, produtos coma xel hidroalcohólico, luvas, limpezas especiais… Por último na liña catro subvenciónanse os investimentos para o acondicionamento dos locais comerciais para lograr espazos máis seguros. Aquí inclúense o acondicionamento ou reforma de seguridade do local ou terraza, incluída a compra de mobiliario, griferías e maquinaria.
O Concello de Tui destina a estas subvencións 280 mil euros. Establécese un límite máximo de subvencións do 100% do gasto subvencionable até un máximo de 1000 euros por beneficiario.
As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, no modelo normalizado, e a documentación requirida, durante quince días hábiles contados a partir do luns, 15 de xuño.
|