JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello entrega 100 litros de xel hidroalcohólico ao comercio local do Rosal

A adquisición de material de prevención para esta nova realidade era unha das medidas acordadas para axudar de xeito unido e integral á economía local

Xa rematou a primeira fase do programa para a transformación dixital do comercio local, o primeiro curso formativo organizado polo Goberno municipal

O Rosal segue dando pasos para apoiar ao comercio local nun momento tan complicado como o que se está a vivir. O Concello vén de entregar aos comerciantes un primeiro lote de 100 litros de xel hidroalcohólico adquiridos para repartir entre os diferentes establecementos rosaleiros e achegar así un pequeno gran de area ás medidas de prevención e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias para esta nova realidade.

A entrega deste material forma parte da estratexia conxunta iniciada dende Alcaldía para sumar esforzos nun momento de incerteza e complexidade para axudar ao comercio rosaleiro de forma unida e integral. Esta iniciativa tivo como colofón a aprobación dun acordo plenario por parte de toda a corporación municipal a través do que aplicar todas as medidas posibles dentro do ámbito competencial municipal para mellorar a situación que están a atravesar os e as comerciantes do Rosal.

Nese camiño, o Goberno municipal puxo en marcha por primeira vez na súa historia un programa formativo para a transformación dixital do comercio que acaba de rematar e que serviu para dotar a todas as persoas participantes de ferramentas coas que mellorar, innovar e reaccionar para sacar o seu negocio adiante ante unha realidade tan cambiante. Na segunda fase, que comezará en breve, guiarase aos comerciantes interesados na reorientación do seu negocio, potenciando as súas fortalezas e buscando solucións para as posibles debilidades. Este programa formativo servirá para tomar o pulso á demanda real que presenta o comercio rosaleiro dunha plataforma de venda online que aglutine ao pequeno comercio do municipio.

Dende o Concello continúase tamén traballando nun plan integral de reanimación da economía local, trasladando tamén ás administracións provincial, autonómica e estatal a delicada situación que está a vivir o comercio local e outros sectores afectados e a necesidade de adoptar medidas extraordinarias e de dar unha resposta colectiva que vai moito máis alá da capacidade e das competencias municipais.

Concello de O Rosal


O Rosal contratará a un socorrista para a praia das Eiras durante xullo e agosto

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo poderán presentar a súa solicitude do 22 ao 26 de xuño

O Concello do Rosal vén de poñer en marcha o proceso selectivo para a contratación dun/ha socorrista para prestar servizo na praia das Eiras durante o meses de xullo e agosto. Será un contrato temporal a xornada completa no que a persoa contratada deberá desenvolver tarefas de vixiancia, prevención e salvamento de bañistas e demais persoas usuarias que acudan durante a tempada fluvial a esta praia e á súa contorna, así como o control das medidas sanitarias derivadas da nova normalidade consecuencia da crise do COVID.

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude do 22 ao 26 de xuño a través do Rexistro ou na sede electrónica do Concello ou ben cun xustificante de presentación de solicitude a través doutro medio ao correo electrónico notifica@concellodorosal.es ou ao fax 986626034. As solicitudes deben ir acompañadas da documentación requerida nas bases do proceso selectivo, entre a que se atopa a copia da inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

A selección realizarase a través dun concurso-oposición no que se fará unha valoración dos méritos por experiencia profesional, por cursos de formación e perfeccionamento e por coñecemento da lingua galega. Ademais faranse unha serie de probas prácticas obrigatorias e eliminatorias.

Concello de O Rosal


Semana de actividades no Rosal para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI

Arrancou este venres 19 cunha acción artística que contou coa participación de Sara Uris, responsable de Transformando Realidades
O Concello colaborará man a man co Proxecto VIA, unha iniciativa de visibilización posta en marcha por alumnado e profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier
O mércores 24 celebrarase un acto lúdico con exposición, photocall e a proxección ao aire libre da película 'Pride'

O arco da vella ondeará toda a semana no Rosal. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI o vindeiro domingo 28 de xuño, o Concello ten programada unha semana chea de iniciativas coas que se buscará visibilizar a loita en favor dos dereitos deste colectivo. Estas actividades arrancaron este mesmo venres cunha acción artística na que os concelleiros Sara Vicente e Ramón Fernández, a responsable do proxecto Transformando Realidades Sara Uris e o mestre composteiro do Rosal Óscar Martínez deron vida a dous bancos pintando un coa bandeira LGTBI e outro coa bandeira trans.

Proxecto VIA

O Concello do Rosal quere recoñecer o gran labor de visibilización que se está a facer a través do Proxecto VIA, unha iniciativa posta en marcha polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier co apoio do profesorado para visibilizar, informar e apoiar. Unha iniciativa coa que o Concello traballa man a man e que terá vital importancia durante toda esta semana, durante a que colaborará para encher de contido relacionado as redes sociais.

Cine ao aire libre

O acto conmemorativo central celebrarase o vindeiro mércores 24 de xuño cunha iniciativa de carácter lúdico na que se invita a participar a todos os rosaleiros e rosaleiras. A partir das 21.00 horas poderá visitarse na Praza do Calvario unha exposición preparada polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e participar nun divertido photocall. Á entrada desta zona entregarase un accesorio para sacar a súa foto no photocall, unha pulseira de arco iris e unha chapa do Proxecto Vía.

Xa ás 22.00 horas comezará o cine ao aire libre, primeiro coa proxección dun flashmob feito polo alumnado do CPI e despois coa proxección da película 'Pride', unha divertida e emotiva comedia baseada en feitos reais con claros tintes sociais. A proxección será de balde e contará cun aforo máximo de 150 persoas.

Para a organización deste acto activaranse todos os protocolos de prevención e seguridade, con espazo delimitado, control de aforo e medidas como a colocación de xel hidroalcohólico á entrada do recinto. Para poder acceder ao recinto e desfrutar das actividades será obrigatorio o uso de máscara, que debe traerse da casa.

Por outro lado, ademais destas actividades, durante toda a semana as bandeiras arco da vella ondearán na Casa do Concello do Rosal e repartiranse carteis polos comercios locais coa imaxe de #ORosalOrgullosx.

Concello de O Rosal


O Rosal manterá os parques infantís pechados

Non estará autorizado o uso destas instalacións ao non poder asumir as medidas de seguridade e prevención establecidas

O Concello do Rosal manterá pechados polo momento todos os parques infantís do municipio ao non poder asumir as condicións sanitarias establecidas para a súa reapertura. Por responsabilidade e dada a situación que se está a vivir, o Concello decidiu adiar o posible uso destas instalacións, dado que a limitación de recursos non permite executar as medidas de seguridade e prevención ante os posibles contaxios fixadas dende a Xunta, unha decisión que tamén está tomando a meirande parte das administracións locais.

Segundo a normativa, para poder abrir os parques infantís tense que garantir o control do aforo, que será dun máximo dunha persoa por cada catro metros cadrados de superficie computable, e garantir a desinfección diaria de todas as instalacións. Para o Concello do Rosal é inasumible cumprir con estes criterios, xa que non dispón tampouco da capacidade de control necesaria. Por este motivo, tendo en conta que os parques infantís pode ser un foco de contaxio importante agravado polo feito de que a maioría dos nenos e nenas son asintomáticos, dende o Goberno municipal decidiuse operar dun xeito sensato e manter pechadas as instalacións.

Dende o Concello quere apelarse tamén á responsabilidade individual de cada persoa ante esta situación e a que se respecten as normas e non se rachen precintos para acceder e utilizar os parques infantís do municipio. Debemos ser conscientes de que a pesar de entrar nunha etapa de nova normalidade, a crise sanitaria por mor do COVID-19 non está totalmente controlada e moito menos erradicada.

Concello de O Rosal


A unidade móbil de doazóns de sangue estará no Rosal o vindeiro xoves 25 de xuño

Atenderá na Praza do Calvario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas. As persoas interesadas en doar deberán pedir cita previa no 900 100 828

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal o vindeiro xoves 25 de xuño. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas.

O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para preservar a saúde de todos e todas e garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.

En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.

Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...

Concello de O Rosal


Toma posesión o novo concelleiro do Rosal, Ramón Fernández Leal

Estará ao fronte de Participación Veciñal e Voluntariado, dándolle un peso específico a unhas áreas de grande importancia no municipio

Durante o pleno extraordinario celebrado este luns tamén se aprobou o convenio coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil entre Tabagón-As Eiras-Goián

O Concello do Rosal celebrou este luns un pleno extraordinario no Centro Social Polivalente no que tomou posesión o novo concelleiro municipal, Ramón Fernández Leal, que estará ao fronte dos departamentos de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación, para darlle un maior peso a unhas áreas de grande importancia no municipio, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista. Mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente, Fernández Leal tamén complementará outras áreas do Concello e se sumará a un proxecto de equipo no que achegará o seu saber estar e escoitar, a súa veteranía e a súa dispoñibilidade para dedicar tempo á xestión municipal.

Mobilidade sostible

Durante o pleno tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Deputación para a execución da fase 1 das obras de mellora da mobilidade peonil entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como con núcleo urbano de Goián. Un proxecto na estrada provincial EP 3303 de importante calado para o concello rosaleiro co que se busca mellorar as comunicacións dun xeito sostible no que as persoas sexan a prioridade, fomentando a calidade de vida no rural. O convenio aprobouse cos votos a favor de BNG e PSOE e coa abstención do PP.

Enmarcado no Plan de Mobilidade Urbana e Sostible do Concello do Rosal, o proxecto busca recuperar espazos para as persoas dun xeito planificado e ordenado e seguindo criterios obxectivos consensuados coa administración provincial. Trátase dun "novo concepto de mobilidade que suporá unha transformación total en termos de comunicación entre os núcleos rurais que se realizará grazas á capacidade do Concello para sacar adiante en menos dun ano un proxecto considerado prioritario para a Deputación de Pontevedra, que xa comprometeu gasto para facelo realidade", subliña a alcaldesa, Ánxela Fernández.

A posta en marcha destas obras é unha "oportunidade histórica despois de estar catro anos sen que se executasen proxectos e seguiremos traballando noutras iniciativas de mobilidade para transformar O Rosal". "É hora de pensar a mobilidade dun xeito novo e diferente no que se lle dea protagonismo ao que verdadeiramente importa: as persoas. E hai que facelo apostando sempre pola sostibilidade e poñendo en valor o ámbito natural", recalca a rexedora.

A fase 1 do proxecto contempla a creación dunha senda peonil e ciclista nesta estrada, ademais da renovación da rede de drenaxe existente, a execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade, entre outras accións. Estas obras terán un custe total de 650.000€, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais