JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Iniciativa do BNG no Parlamento español a prol da arte do xeito

Anxo Baz: "Levamos esta iniciativa ao Parlamento español, porque non é xusto castigar aos nosos mariñeiros con cotas absurdas ao ser, o xeito, un arte de pesca sustentábel"

O deputado do BNG, Néstor Rego, presentou dúas iniciativas: unha proposición non de lei ante a mesa do Congreso dos Deputados e unha batería de preguntas ao goberno español, sobre a arte de pesca do xeito.

Dende o BNG, en sintonía co sector, considérase que o Xeito é un arte artesanal de pesca de enmalle moi selectiva, na que o 85% das capturas corresponde á sardiña. É sustentábel polo que se entende que debe estar fóra de Tacs e cotas.

A formación nacionalista denuncia que esta actividade pesqueira ancestral e respectuosa coa biodiversidade, pode estar condenada á súa desaparición se lle aplican cotas e Tags tal e como se fai con sistemas de produción industrial, que son os que poden poñer en risco a conservación das pescarías e a biodiversidade mariña.

"A nosa proposición insta ao Goberno español a eliminar a cota de capturas de sardiña para a flota do Xeito que non pon en risco á esta especie, tamén solicitamos o axuste e incremento das cantidades de captura de sardiña para esta flota", sinalou Néstor Rego, deputado do BNG no Parlamento español.

Dende o BNG lembran que esta situación afecta a unhas 427 embarcacións e a portos como os da Guarda, Cabo de Cruz, Poio… entre outros.

"Os nosos mariñeiros non teñen que verse afectados pola limitación da pesca da sardiña até o 31 de xullo dado que os mellores meses son xullo, agosto e setembro, e ainda por riba cunha cota diaria non acumulativa, polo que día que non se poida faenar, día que se perde de cota", comentou o portavoz municipal do BNG Anxo Baz.

Dende o BNG entenden que a defensa deste sector é importante para portos como o da Guarda pola calidade do produto, pola necesidade de manter os postos de traballo nunha poboación demasiado castigada polas diferentes crises sufridas.

BNG de A Guarda


Habilitada unha pista de voleipraia na Lamiña

O Clube Volei Miño en colaboración co Concello da Guarda ven de instalar na praia da Lamiña, unha rede para esta práctica deportiva.

Este deporte estará permitido neste espazo sempre que se cumpran as normativas vixentes de hixiene e seguridade, sendo obrigatorio desinfectar a rede antes e despois do seu uso, sendo cada persoa responsable de desinfectar o seu balón tantas veces como sexa necesario e permitindo só o xogo 2 vs 2 mantendo a distancia de seguridade.

A rede é propiedade do Club de Volei Miño, pero é para o desfrute de tod@s os que desexen practicar este deporte, tentando tamén atraer máis deportistas a este clube local.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda informa a cidadanía sobre cuestións relacionadas coa transición cara a nova normalidade

O equipo de goberno do concello da Guarda reuniuse o martes día 16 para valorar as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia cara á nova normalidade e tomar posición respecto a distintas cuestións que afectan directamente aos veciños e veciñas da Guarda.

Tal como recomenda o DOGA publicado o sábado 13 de xuño, o concello adoptou a decisión de abrir os parques infantís, de biosaudables e zonas deportivas ao aire libre, tendo en conta que os usuarios deben utilizalos con responsabilidade e respectar as distancias de seguridade. O concello pola súa parte realizará nestas instalacións unha desinfección diaria e extremará as medidas de limpeza. En canto a esta cuestión o concello reclama á Xunta de Galicia que habilite liñas de financiamento para aplicar as medidas de seguridade e hixiene necesarias para manter abertos os parques infantís.

En canto as fogueiras de San Xoán e San Pedro, seguindo as recomendacións da Xunta de non autorizar eventos populares ata o 1 de xullo se a evolución da situación epidemiolóxica así o aconsella, o concello non autorizará a realización de lumaradas en lugares públicos.

Respecto dos campamentos urbanos, a decisión do equipo de goberno é a de non realizalos tal e como se viñan facendo os veráns anteriores, dada a dificultade de manter as medidas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias e na liña das decisións tomadas por outros concellos da contorna e da propia Deputación de Pontevedra. Sendo conscientes das dificultades en cuestión de conciliación laboral o concello está estudando realizar actividades para familias sempre mantendo a seguridade sanitaria.

Visto tamén que no DOGA no que se publican as medidas cara a unha nova normalidade, a Xunta de Galicia, fala da posibilidade de permitir festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións das feiras a partir do 1 de xullo se a evolución da situación epidemiolóxica así o aconsella, os responsables municipais teñen previsto manter durante a semana vindeira reunións coa comisión das festas do Monte e cos responsables das Bandas Mariñeiras para comunicarlle a súa postura e determinar as condicións nas que se podería realizar actividades na semana do Monte.

Concello de A Guarda


A Guarda mellora as instalacións da Oficina de Turismo Municipal

Nestes intres se están a acometer as obras na Oficina de Turismo Municipal da Praza do Reló, de cara a mellorar as instalacións e ofertar unha imaxe de calidade aos visitantes.

Dende o ano pasado esta Oficina ampliou os seus horarios e centralizou a atención de visitantes e peregrinos que, pola súa situación en pleno camiño de Santiago, realizaban unha parada na súa peregrinación.

Esta Oficina está integrada na rede de oficinas da Deputación de Pontevedra - Rede Info Rías Baixas e dende o ano pasado conta con informadores turísticos.

A Oficina de Turismo estreará novas instalacións a comezos de xullo coa apertura ao igual que as demais oficinas da provincia despois de implantar todos os protocolos de hixiene e seguridade para evitar os riscos de contaxio do COVID-19.

Concello de A Guarda


A Guarda celebra o Día internacional do Ioga coa segunda edición de -Ioga no Castelo-

O vindeiro domingo día 21 de xuño o Castelo de Santa Cruz acolle ás 10:30h. da mañá unha nova edición de "Ioga no Castelo", organizado dende o Centro Awen Yoga en colaboración co Concello da Guarda.

O obxectivo desta actividade é celebrar este día e que as persoas se acheguen ao mundo do Ioga e coñezan os seus beneficios.

En sánscrito Ioga significa unión entre corpo, mente e espírito e o Día Internacional do Ioga recoñece tanto a orixe do ioga como a súa práctica. A iniciativa de celebrar este día a nivel internacional foi presentada ante as Nacións Unidas polo Primeiro Ministro da India, Narendra Modi, en setembro de 2014 con estas palabras:

"El yoga es una inestimable contribución de la antigua tradición de la India. Encarna la unidad de la mente y el cuerpo, el pensamiento y la acción, la moderación y la satisfacción plena, la armonía entre el hombre y la naturaleza, y un enfoque holístico de la salud y el bienestar".

Trala súa proposta, a ONU aprobou a resolución, cuxa iniciativa foi apoiada por 175 países, o máis elevado número de países solidarios na historia da organización.

Esta actividade vai a estar dirixida polos profesionais do Centro Awen: Elvira, Pablo e Carmiña, profesora de ioga para nenas/os e adolescentes.

Non é necesaria inscrición e é unha actividade de balde. Recoméndase traer unha esteira ou toalla, un cinto ou un foulard.

Teléfonos de información:

" Awen Yoga: 986 611 871
" Concellería de Deportes: 690 928 751

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais