JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello porá en marcha este verán rutas guiadas polos Muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores

Realizaranse os meses de xullo e agosto para grupos reducidos acompañados por un guía especializado

Un verán desfrutando da natureza e coñecendo un pouco máis do patrimonio cultural do municipio. Esa é a proposta do Concello do Rosal, que durante os meses de xullo e agosto porá en marcha rutas guiadas polos Muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores. Trátanse de rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán os distintos recunchos da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia.

Para poder garantir as distancias de seguridade entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención marcados polas autoridades sanitarias, os grupos estarán limitados a 10 persoas. As saídas estableceranse para:

- os Muíños do Folón e do Picón luns ás 10.30 h e luns e martes ás 19.30 h.

- a Senda dos Pescadores os martes ás 10.30 h.

En función da demanda, o Concello estudará a posibilidade de ampliar a frecuencia das rutas e valorará a apertura dunha quenda para visitar os Muíños do Folón e do Picón os sábados pola mañá sempre que se poidan garantir todas as medidas de seguridade. A iniciativa arranca escollendo luns e martes como día de ruta pola menor frecuencia de visitantes a esas zonas, ademais de converterse nunha boa alternativa de lecer os días que habitualmente pechan ao público outras actividades como as museísticas.

As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e para participar nelas haberá que reservar previamente a través da web do Concello. O formulario de inscrición habilitarase ao longo do mes de xuño.

Información das rutas

Nesta nova realidade post-COVID, as autoridades sanitarias desaconsellan o reparto entre a poboación de información turística en calquera formato físico. Por este motivo, en lugar do tradicional material que se entregaba aos visitantes no punto informativo dos Muíños do Folón e do Picón, o Concello optou por poñer en marcha estas rutas e publicar toda a información relativa a este patrimonio cultural e natural do Rosal na propia web municipal. Ao longo do mes de xuño habilitaranse contidos na web para que toda a xente interesada poida consultar ou descargar información. Se algunha persoa precisa información turística pode acudir tamén ao Concello de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Ademais, estas rutas contan con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que un código QR a través do que se poden visualizar distintos vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro.

O Concello do Rosal é consciente da alta afluencia de visitantes percorrendo os Muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores en determinados momentos, polo que se apela á responsabilidade dos veciños e veciñas en especial en intres de alta concorrencia e pídese eviten aglomeracións e obstaculizar zonas de paso para coidar a saúde de todos e todas.

Concello de O Rosal


O Rosal aprobará o convenio de colaboración coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil entre Tabagón e Goián

O obxectivo é fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación de xeito sostible coa creación dunha senda peonil e ciclista e a modificación da estrada

Levarase o vindeiro luns 15 de xuño ao pleno extraordinadio no que tamén tomará posesión o novo concelleiro, Ramón Fernández Leal. Celebrarase de xeito presencial no salón de actos do Centro Social Polivante ás 08.30 h

No camiño por recuperar espazos para as persoas, o Concello do Rosal aprobará no vindeiro pleno o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a execución da fase 1 do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP 3303 Tabagón-Goián, obras que afectarán a esta estrada provincial entre o punto quilométrico 0+000 e o 1+795. O pleno extraordinario celebrarase o luns 15 de xuño ás 08.30h no salón de actos do Centro Social Polivalente para garantir as distancias de seguridade como medida de prevención ante o COVID-19.

O obxectivo do proxecto é mellorar a comunicación entre dous núcleos da ribeira do Rosal como son Tabagón e As Eiras, así como co núcleo urbano de Goián, "contribuíndo a fomentar a vida rural e mellorando as posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado e dándolle prioridade ás persoas". Para conseguilo, con estas obras que comezarán ao longo de 2020, modificarase a sección da estrada e crearase unha senda peonil e ciclista. Con 4,5 km de lonxitude, nestes intres esta estrada provincial está moi vinculada ao uso de vehículos, imposibilitando en moitos treitos o uso peonil en plenas condicións de seguridade, "un problema que precisa dunha actuación inmediata que lle dea solución".

Custe total de 650.000€

Xunto con estas melloras, farase tamén unha actuación integral en favor da mellora e da mobilidade coa renovación da rede de drenaxe existente, coa execución da canalización soterrada para a futura renovación da rede de alumeado público ou a instalación de medidas redutoras de velocidade. Ademais, na zona da escola unitaria crearase unha plataforma continua de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, peóns e bicicletas pero con prioridade peonil. Tras o remate das obras o Concello asumirá o mantemento e conservación dos servizos urbanos desta estrada.

As obras desta fase 1 do proxecto terán un custe total de 650.000 euros, dos que o 80% irá a cargo da Deputación de Pontevedra e o outro 20% do Concello do Rosal.

"Este proxecto suporá para O Rosal non só unha mellora viaria, senón unha transformación total en termos de mobilidade e comunicación entre os núcleos rurais, un novo concepto no que as persoas son as protagonistas e recuperan espazos", explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. A rexedora subliña que "esta estrada naceu como única vía de comunicación entre o Baixo Miño e Tui para o tráfico rodado, pero hoxe en día temos outras vías de acceso, polo que debemos transformar este vieiro pensando nunha nova realidade de mobilidade. Se algo nos ensinou o COVID-19 foi saber distinguir o que realmente importa e no ámbito rural debemos apostar por camiñar cara unha sostibilidade no que as persoas e o ámbito natural collan máis valor".

Toma de posesión

Durante a celebración do pleno tamén tomará posesión o novo edil, Ramón Fernández Leal, que entra a formar parte do Goberno municipal tras a saída de Sabela Rodríguez para emprender un novo proxecto persoal. Fernández Leal asumirá as concellerías de Participación Veciñal e Voluntariado, de recente creación, e completará outras áreas do Concello.

Ademais, durante o pleno sortearase a composición das mesas electorais de cara ás vindeiras eleccións autonómicas do 12 de xullo de 2020.

Concello de O Rosal


A Biblioteca do Rosal reabre a zona de estudo en sala en mesas individuais

Entrará en funcionamento a partir deste xoves 11 de xuño e contará con acceso a internet a través da rede wifi

A Biblioteca comeza o vindeiro luns 15 de xuño o horario de verán

A Biblioteca Pública do Rosal inclúe novas medidas nesta terceira fase de desescalada. Dende este xoves 11 de xuño reábrese a zona de estudo en sala con catro mesas individuais separadas para garantir a distancia mínima de seguridade entre as persoas usuarias que queiran facer uso do servizo. As persoas interesadas poderán acudir á sala de estudo pola mañá de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e pola tarde no horario habitual da biblioteca.

Para garantir todas as medidas de protección, todas as mesas serán de uso exclusivo para unha soa persoa e todas contarán con acceso a internet a través da rede wifi da Biblioteca. As mesas serán desinfectadas por persoal municipal despois de cada uso.

Horario de verán

O pasado 13 de maio a Biblioteca reactivou o servizo de préstamo de libros limitado a dous exemplares por persoa, xa que as medidas marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polos usuarios e usuarias.

Como en calquera outra instalación municipal, todas as persoas usuarias deberán cumprir os protocolos de prevención establecidos, cunha única entrada habilitada pola porta lateral, sen poder buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada e pedindo ao persoal municipal xéneros literarios ou títulos concretos, cuxa dispoñibilidade pode consultarse na plataforma da biblioteca.

Lémbrase ademais a todos os usuarios e usuarias que a partir do vindeiro luns 15 de xuño a Biblioteca Municipal pasará a ter horario de verán:
" Do 15 ao 30 de xuño de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas.
" Xullo e agosto de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas.
" Do 1 ao 15 de setembro de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais