JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O concello da Guarda convida a cidadanía a decidir sobre a humanización do entorno da Igrexa Parroquial

O equipo de goberno do concello da Guarda na súa liña de humanizar espazos da vila ten previsto eliminar o estacionamento de vehículos do entorno da igrexa Parroquial e dotar este espazo de mobiliario para recuperalo para as persoas.

O mobiliario permitirá a circulación de vehículos e servirá de protección aos peóns, pero en ningún caso deixará espazos para o estacionamento salvo a reserva dunha praza para persoas con mobilidade reducida e outra para carga e descarga.

Con esta idea, dende o concello, encargouse á arquitecta da localidade, Ana Lima, que fixera dúas propostas diferentes para que fora a propia cidadanía a que seleccionara a que mais lle gustara.

Chegado este punto o concello fai públicas as propostas a través de internet e mediante dous paneis no propio edificio municipal para que aquelas persoas que queiran participar na decisión, se acheguen a expresar a súa opinión nunha urna que estará emprazada no posto de información do novo concello.

Poderán participar na votación os maiores de 16 anos empadroados na Guarda. Para exercer o dereito ao voto deberán facelo coa presentación do DNI. O proceso estará aberto dende o martes, día 16 de xuño as 9:00 h, ata o venres, día 19 ás 13:00 h, en horario de atención ao público (de 9:00 a 13:00). O resultado da votación farase público o luns día 22 de xuño.

Concello de A Guarda


A Guarda celebra un Corpus diferente

Cada ano, cando se aproxima o Corpus, as rúas da Guarda teñen un aroma especial. Cheira a flores, a mimosa, a eucalipto… tamén a alegría, nervios, a tempo compartido e a felicidade e satisfacción ao contemplar, unha vez acabadas, as alfombras florais que cobren cada rúa ao amencer.

Ante a imposibilidade de facer as alfombras como sempre, esta mestura de sentimentos e arte queremos reflectila a través de dúas propostas.

Unha delas amosa a visión que do Corpus guardés teñen varios artistas locais. Así baixo o lema "Este ano non cheira a flor, pero seguimos tendo cor. Seguimos adiante" os artistas Tamara Baz, Nuvi e Exfico e Charlie Thenstill amosan en ilustracións como nos sentimos os guardeses nestas datas. As súas obras atópanse xa expostas na fachada do Concello na Praza do Reló.

Coa segunda proposta, baixo o lema " Fai a túa alfombra floral na casa", quérese mostrar como viven as familias, sobre todo os máis pequenos, esta festividade. Así, a través dos seus ollos e das súas mans volvemos percibir este sentimento colectivo e agora o que ten un aroma especial é o noso fogar.

Seguimos adiante!

Dende a Asociación Alfombras da Guarda e o Concello da Guarda se anima a toda a cidadanía a elaborar unha alfombra na casa e facer unha fotografía mentres se confecciona e outra ao rematala, logo editarase un vídeo que se publicará nas redes sociais.

Concello de A Guarda


A Guarda Diversa- Iniciativa que pretende dar visibilidade ao colectivo LGTBIQ+ mediante varias accións online

O Concello da Guarda, a través do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade coa colaboración de Sara Uris- responsable do proxecto Transformando Realidades-, pon en marcha este ano o proxecto "A Guarda Diversa", de cara a visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ mediante varias accións, que terán lugar nas redes sociais e de xeito online, entre o 15 e o 27 de xuño de 2020.

Entre as accións programadas destacan a realización de 5 directos a través de redes sociais, dirixidos e coordinados por Sara Uris, nos que se contará coas experiencias de persoas moi vinculadas a este colectivo e que amosarán, dun xeito ameno e de proximidade, como é a realidade do colectivo LGTBIQ+ dende diferentes puntos de vista. Os directos realizaranse ás 19:30h, dende o perfil de Instagram de Transformando Realidades (@transformando.realidades)

Calendario:

" 15 de xuño: A realidade LGTBIQ+. Da teoría á rúa. Por María Torre: Periodista, sexóloga clínica, educadora sexual e creadora de ArsEroticas. Falaremos de como vivir sendo parte da comunidade LGTBIQ+ dende unha perspectiva práctica e real. Se pensabades que xa o tiñamos todo logrado, esperade a coñecer como é en realidade.

" 17 de xuño: Orgullos e espazos LGTBI. Por Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz: Doctor en antropoloxía e investigador, autor de "Bifobia" e de "Cuando muera Chueca", entre outros. Falaremos sobre diferentes espazos LGTBIQ+ e sobre o papel dos Orgullos, relacionando as grandes cidades e os municipios pequenos.

" 18 de xuño: Formando unha familia. As expectativas da crianza. Por Soledad Fernández: Presidenta de Chrysallis Galicia. Falaremos sobre a influencia das normas e estándares da sociedade nas expectativas da crianza.

" 22 de xuño: Son unha nena Trans, nin travesti, nin transformer. Por Alejandra e Pili: Familia TransOrgullosa. Falaremos das vivencias e experiencias dunha familia chea de cor.

" 25 de xuño: A realidade trans. Por Ada Otero: Licenciada en Dereito, Coordinadora do CIDES e activista LGTBIQ+. Falaremos do camiño e descubrimento dunha persoa trans, así coma das trabas que lle obrigan a converterse en "experta de todo".

" 26 de xuño: Contacontos Con Tango son tres. Impartido por Sara Uris, de Trans*formando Realidades, profesora de Educación Infantil, especialista en Xénero e Igualdade. Coa colaboración de Andrés Laguna.

" 27 de xuño. Obradoiro infantil realizado por Sara Uris, de Trans*formando Realidades, coa colaboración de Maite Neves. Manualidades para toda a familia, facendo un guiño a festividade do Orgullo LGTBIQ+.

Entre as accións programadas e en colaboración coa Biblioteca Pública Municipal da Guarda, publicaranse en redes sociais diferentes informacións sobre libros e lecturas recomendadas sobre a temática LGTBIQ+.

Concello de A Guarda


Conexións móbiles máis rápidas e mellor cobertura chegan á Guarda co novo 4G

" As operadoras de telefonía móbil comenzan a ofrecer na Guarda servicios 4G na banda de 800MHz

" A nova tecnoloxía permitirá aos guardeses desfrutar de servizos de datos móbiles de alta velocidade, mellorará a cobertura no interior de edificios e ampliará a extensión xeográfica

" Llega800 é a entidade encargada de garantir a compatibilidade deste servizo 4G coa TDT na banda de 800MHz

As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, comezarán a ofrecer na Guarda servizos sobre a rede 4G na banda 800MHz, o que permitirá aos guardeses desfrutar de conexións móbiles de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE (4G) cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica. Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa Televisión Dixital Terrestre (TDT), os operadores puxeron en marcha Llega800, entidade encargada de solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.

Coa chegada do novo 4G á Guarda continúa o proceso de implantación que se está realizando de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos se pode consultar a seguinte ligazón: https://www.llega800.es/listado-de-municipios-activos/

Principais ventaxas: máis e mellor cobertura

Coa rede 4G abriuse a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar significativas melloras tanto na velocidade de descarga, como de envío de datos -fotos, música ou contidos audiovisuais de alta definición- ou permitir sacar o máximo partido a aplicacións online, como os videoxogos.

A rede 4G de telefonía móbil introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados coas orografías complicadas presentes na xeografía española onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda, é a gran penetración en zonas interiores dos edificios.

A nova xeración da tecnoloxía 4G tamén facilita a introdución de novos servizos na área empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais en mobilidade cun alto contido multimedia ou o uso da videochamada, entre outros.

Ademais, a maior cobertura que acada o 4G na banda de 800MHz mellorará o servicio no interior de edificios e será a banda que permita estender xeográficamente o servizo de forma eficiente.

Garantindo a compatibilidade do 4G e a TDT

Llega800 é a entidade xestora encargada de ofrecer os servizos que garantirán a compatibilidade entre a posta en marcha da emisión do 4G na banda 800 MHz e a recepción do servicio de TDT.

Para garantir esta compatibilidade, Llega800 presta aos cidadáns unha serie de servizos de balde que inclúen, por unha banda, unha actuación previa, grazas á cal os cidadáns que residan en zonas de maior afectación recibirán unha comunicación no seu domicilio que lles informará de que a partir dese momento poderán solicitar de forma gratuíta a adaptación da antena do seu edificio para evitar posibles incidencias.

E, por outra banda, un procedemento correctivo, tralo acendido das estacións, polo que llega800 encargarase de atender aos usuarios afectados xestionando e resolvendo posibles afectacións tamén sen coste algún.

Para xestionar estes servizos, se puxo a disposición dos cidadáns un teléfono de atención gratuíto (900 833 999) e unha páxina web www.llega800.es.

Concello de A Guarda


As praias guardesas de "O Muíño" e "Area Grande" contarán un ano máis co distintivo de Bandeira Azul

Un ano máis as praias de "O Muíño" e "Area Grande" do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán

Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de "Sendeiro Azul" o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.

En total, 688 bandeiras azuis ondearán este ano en España: en 589 areais; 98 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 5 embarcacións turísticas sostibles. Para A Guarda outorgáronse este ano dúas Bandeiras azuis, que forman parte do total de 107 areais con este distintivo en Galicia.

Este ano, e debido as obras de mellora da accesibilidade na Praia do Muíño, que se tiñan previsto rematar antes da tempada estival, e que sufriron un retraso por mor da situación provocada polo Covid-19, na praia do Muíño non ondeará a bandeira azul ata que rematen ditas obras e se poda dar o servizo nas condicións propias deste distintivo de calidade.

Concello de A Guarda


O blogueiro Alberto Rivas visita A Guarda para impulsar o turismo da vila

Dende este martes día 9 de xuño e ata o vindeiro xoves día 11 de xuño o blogueiro Alberto Ribas @Alvientoo atópase na vila da Guarda para impulsar o turismo dende as súas canles en redes sociais, unha acción promovida dende o Departamento de Turismo do Concello da Guarda e que está enmarcada nas accións de reactivación económica postas en marcha polo Covid-19.

Alberto Ribas @Alvientoo, xa visitou a vila da Guarda o ano pasado, participando no Proxecto "Maridando coas xentes do Camiño. Blog Trip de gastronomía e encontros 2019" e conta con máis de 21,000 followers en instagram, ademais de ser finalista dos "10 Blogs máis populares de Fitur", está especializado en viaxes e gastronomía, é xurado gastronómico e blogger invitado en campañas turísticas en México, Rumanía, Georgia, La Rioja ou Mallorca.

Ao longo destes días na Guarda contará as súas experiencias, destacando nas súas publicacións os diferentes espazos e infraestruturas turísticas da vila, visitando a lonxa, conversas cos percebeiros, visitas ao Monte Santa Trega, á Rede de Museos Municipal, á Praza de Abastos, ás praias, realizando tamén algunhas das ruta homologadas existentes no municipio, entre outras accións.

Ademais terá a oportunidade de facer chegar aos seus seguidores nas redes sociais o bo facer dos nosos hostaleiros, visitando varios establecementos da vila, onde degustará os pratos típicos da gastronomía guardesa, resaltando os produtos locais, como o caso da Rosca de Xema da Guarda. Do mesmo xeito terá a oportunidade de achegarse ao comercio local, visitando varios dos establecementos existentes, destacando a importancia do comercio de proximidade.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, María Elena Baz, lle deron a benvida esta mesma mañá no Porto da Guarda, onde comezou a súa visita, destacando a importancia que teñen hoxe en día os bloggers na promoción e difusión turística de destinos de relevancia como é o caso da Guarda, un municipio de interese turístico de Galicia.

Concello de A Guarda


O Concello da Guarda informa das medidas adoptadas trala entrada na Fase III da desecalada

O luns día 8 de xuño, coincidindo coa entrada de Galicia na Fase III da desescalada, tivo lugar unha reunión da Comisión de Seguimento do Covid-19 na que se deu conta das novas medidas adoptadas cun aumento no relaxamento das medidas de prevención que, entre outras, permitirán:

" A mobilidade entre as 4 provincias galegas, se a Xunta de Galicia o solicita.
" Eliminación por completo as franxas horarias existentes até o de agora.
" Limitación de aforo ao 50% no comercio minorista e nos mercadillos.
" Nos bares limitación no aforo do local ao 50% e terrazas ao 75%, cunha ocupación máxima por mesa ou conxunto de mesas de 20 persoas.
" Realización de actividades de animación ou clases grupais cun máximo de 20 persoas.
" A apertura de bares de ocio nocturno sempre que non superen un terzo do seu aforo.
" Ampliar o aforo das bibliotecas con estudo en sala ao 50%. Os museos tamén terán un aforo máximo de 50% e visitas en grupo de ata 20 persoas. Os espectáculos culturais en espazos pechados non poderán superar o 50% de aforo, nin reunir a máis de 80 persoas. Ao aire libre o aforo non poderá superar o 50% nin reunir a máis de 800 persoas sentadas.
" A realización de actividades de turismo activo e de natureza en grupos de ata 30 persoas. Para actividades con guía haberá que contratar cita previa e os grupos serán como máximo de 20 persoas.
" Realización de deporte sen superar o 50% da capacidade das instalacións deportivas. Tamén se autoriza a apertura das piscinas para uso deportivo.
" Asistencia aos enterros e velorios cun límite de 50 persoas ao aire libre e 25 en espazos pechados.
" Asistencia aos lugares de culto cun aforo limitado ao 75%.

A maiores destas medidas de carácter xeral para Galicia, o Concello da Guarda permitirá:

" acceso ao Punto limpo municipal sen necesidade de cita previa, sempre que se respecte o aforo e as distancias de seguridade, cun novo horario que será os luns, martes, xoves e venres de 8:00h a 14:00h, os mércores en horario de 8:00h a 18:00 e os sábados en horario de 8:30h a 13:30h.
" acceso ás instalacións deportivas do SkatePark "Atalaia" sen necesidade de cita previa, sempre que se respecte o aforo e as distancias de seguridade
" acceso para a práctica deportiva do baloncesto e outros deportes ás instalacións do Centro Cultural, do Porto e de Salcidos.

Dende o Concello da Guarda se apela á responsabilidade individual para respectar estas medidas e favorecer a convivencia da cidadanía nos espazos públicos, en aras de previr novos contaxios polo Covid-19.

Concello de A Guarda


A Guarda realizará a reforma das instalacións deportivas do Codesal

" O concello da Guarda investirá máis de 48.000€ despois de asinar un convenio de cesión temporal das instalacións coa Entidade Local Menor de Camposancos

O luns día 8 de xuño tivo lugar a firma dun Convenio entre o Concello da Guarda e a Entidade Local Menor de Camposancos para a cesión das instalacións deportivas do Codesal ao concello da Guarda por un período de 15 anos.

Esta cesión ven motivada pola necesidade de realizar a renovación e mellora dos vestiarios existentes e instalación dun alumeado exterior para as pistas de petanca, así como a adopción das medidas de seguridade, xestión de residuos, entre outras accións, de cara a mellorar estas instalacións para o servizo do común dos cidadáns.

As actuacións a realizar forman parte dun proxecto redactado polo concello da Guarda que será presentado na Deputación de Pontevedra para a súa financiación dentro do Plan Concellos 2020.

O concello da Guarda encargarase do mantemento das instalación deportivas así como da súa posta en valor ao longo dos 15 anos de cesión.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda traballa cos diferentes sectores para apoiar a recuperación económica na era post-Covid-19

Dende o comezo da desescala e co inicio da volta a nova normalidade, o Concello da Guarda ven de reunirse cos diferentes sectores comerciais e do tecido económico da vila promovendo ademais accións de recuperación tralo Covid-19 para apoiar a economía e a reactivación turística da vila.

Xa dende o inicio da pandemia, apoiouse ós diferentes sectores comerciais no reparto de material de protección para os traballadores e na difusión a través das redes sociais, de aqueles establecementos que ofertaban reparto a domicilio.

Traballouse tamén durante o confinamento para que dende a semana pasada na Guarda arrancara o Marketplace www.mercanaguarda.com, que pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade que desexen vender os seus produtos de forma online, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.

Tamén se teñen realizado accións e e traballado en diferentes medidas económicas, entre elas, a de posibilitar a ampliación de terrazas e a eliminación das taxas das mesmas no 2020.

Para poder escoitar e valorar as diversas accións que se levarán a cabo durante este verán 2020 de cara ó turismo e a reactivación económica, o Concello da Guarda reuniuse co sector da Pastelería-Panadaría o pasado martes 12 de Maio. Nesta reunión, na que estaban presentes a Técnica de Turismo, a Concelleira de Turismo e a Concelleira de Desenvolvemento Local, valorouse retomar a promoción do noso produto doce por excelencia, a Rosca de Xema da Guarda, creada no seo da Pastelería Montserrat no ano 1956.

O día 3 de Xuño foi o día no que se reuniron Hostaleiros, Cafeterías e Bares, para poder valorar conxuntamente posibles accións enfocadas a un turismo de proximidade e foráneo, ademais de escoitar as súas demandas e dúbidas xeradas pola "nova normalidade". Así, nesta reunión, unha das iniciativas que xurdiron foi a de recibir asesoramento e formación para afrontar esta nova situación nos seus establecementos. Dita formación, será levada a cabo o próximo luns día 15 de xuño e todos os interesados nesta formación contarán con asesoramento durante o verán para resolver futuras dúbidas, ante a previsión de cambios na desescalada ou nova normalidade.

Os establecementos interesados en participar nesta formación poden inscribirse ata o xoves 11 de xuño a través de do enderezo electrónico turismo@aguarda.es ou no teléfono 620 795 901.

Tal e como se anunciou a pasada semana, A Guarda contará tamén cunha comisión especial para a reactivación económica formada por representantes de diferentes sectores da vila, que traballará de xeito coordinado co equipo de goberno para buscar solucións apoiar aos negocios locais nestes duros momentos.

Concello de A Guarda


A Guarda conta cunha APP móbil con multitude de servizos e trámites en liña

Dende fai uns anos o Concello da Guarda, a través do departamento de novas tecnoloxías, implementou unha APP móbil, dispoñible para dispositivos Andoid e IOS que permite acceder dun xeito doado e simplificado a multitude de servizos e trámites que pode facer a cidadanía.

Dende a súa posta en funcionamento xa foi descargada por máis dun milleiro de usuarios, atendendo preto de 900 incidencias, a maioría delas sobre mobiliario urbano, pavimentos e sumidoiros ou limpeza e xardinería.

A APP móbil do Concello da Guarda se pode descargar de xeito totalmente gratuíto dende o Google Play (Android) ou dende o APP store (IOS), unha vez instalada no dispositivo, conta con varias seccións con informacións de interese.

Entre as seccións dispoñibles permite coñecer as últimas novas, os eventos na axenda, as principais actividades, unha guía de empresas locais e outra de asociacións, avisos, rutas, directorio telefónico, horarios de servizos, información do tempo, entre outras.

Unha das seccións que ten unha gran utilidade é a de Incidencias, permitindo aos usuarios dar aviso de incidencias sobre mobiliario urbano, tráfico e senalética, lixo e residuos, pavimentos e sumidoiros, animais e pragas ou limpeza e xardinería, o usuario pode xeolocalizar nun mapa o lugar exacto da incidencia e explicar polo miúdo a descrición da incidencia en 3 sinxelos pasos. Unha vez rexistrada a mesma, e de xeito automatizado, o sistema envía este aviso ao departamento municipal encargado da súa xestión, o que permite a súa resolución á maior brevidade, dando un aviso cando a incidencia está resolta aos usuarios.

O sistema de avisos permite que a APP Móbil notifique aos usuarios cando xurda, por exemplo unha avaría de auga, ou avisos e alertas meteorolóxicas.

A APP Móbil do Concello da Guarda conta ademais cunha sección de Citas Previas, que permite xestionar a solicitude de citas para o SERGAS, a Seguridade Social, a ITV, renovación do DNI, portal do emprego de Galicia ou con Facenda.

A maiores a APP inclúe información sobre a historia e o patrimonio do municipio en galego, castelán, inglés e francés, así coma unha sección de Ocio, na que se inclúen informacións sobre Que ver?, onde durmir?, onde comer?, os museos ou as festas municipais.

Tamén se conta cunha sección de Rutas, onde aparecen as principais rutas dispoñibles no municipio, coma a Ruta da Desembocadura do Río Miño, Camiños do Trega… con mapas e informacións varias sobre distancias, desniveis ou dificultade de cada ruta.

Dende o Concello da Guarda se convida á cidadanía e visitantes a descargar e empregar esta ferramenta, de moita utilidade e con moitos recursos accesibles dun xeito doado dende un teléfono smartphone.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais