JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello establece medidas de prevención nas zonas de baño e lecer do Rosal

Apélase á responsabilidade da veciñanza para desfrutar destes espazos con total seguridade

Para garantir a seguridade e saúde dos veciños e veciñas, o Concello do Rosal establece unha serie de medidas de prevención nas zonas de baño e de lecer do municipio coas que garantir a saúde de todos e todas. Deste xeito, tanto na praia de Eiras como nos distintos espazos que se atopan situados ao longo do río, estará permitido o baño lúdico e deportivo, aínda que neste último caso só de xeito individual.

Tanto na area como nas diferentes zonas de esparexemento as persoas deberán manter a distancia mínima de seguridade de dous metros e, en caso de empregar parasois, estes deberán colocarse a un mínimo de 4 metros un doutro. Ademais, recoméndase a todas as persoas que non anden descalzas descalzos nos accesos á praia ou ás zonas de lecer.

En canto ao número de persoas que se poden reunir, prégase seguir as recomendación das autoridades sanitarias e non exceder o máximo permitido en cada momento a nivel estatal.

Para dar a coñecer todas estas medidas instaláronse carteis informativos tanto na praia de Eiras como noutros espazos de baño e esparexemento empregados habitualmente pola veciñanza.

Dende o Concello apélase á conciencia e responsabilidade individual de cada veciño e veciña para poder desfrutar destes espazos de lecer con total seguridade e garantías para a saúde de todos os rosaleiros e rosaleiras.

Concello de O Rosal


O Concello retomou a limpeza viaria no Rosal tras o parón obrigatorio pola crise sanitaria

Nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitidas os labores de desbroce e foron paralizados os procesos selectivos para a contratación do persoal dedicado a estas tarefas

Deputación, Xunta e Confederación tamén reactivaron a limpeza nas zonas do seu ámbito competencial

O Concello do Rosal retomou xa hai uns días os labores de limpeza viaria do municipio tras o parón obrigatorio durante a crise sanitaria, xa que nas primeiras fases do estado de alarma non estaban permitida a realización das tarefas de desbroce ao non considerarse fundamentais. Durante os máis de dous meses de confinamento por mor do COVID-19 tamén foron paralizados todos os procesos selectivos para a contratación de persoal a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para os traballos de limpeza na rúa, situación á que houbo que sumarlle as baixas médicas de operarios municipais de limpeza por ser considerados persoal de risco.

Dende o Concello quérese agradecer a implicación dos traballadores e traballadoras municipais na reactivación destas tarefas de limpeza viaria, respondendo o máis axilmente posible a todos os trámites administrativos necesarios para levar adiante estes labores tan necesarios. Esta mesma semana incorporouse tamén o persoal contratado a través do Plan Concellos, que se están a sumar as tarefas de limpeza viaria para ir recuperando as distintas zonas.

Ademais, o Goberno municipal xa se puxo en contacto coa Deputación de Pontevedra, coa Xunta de Galicia e coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que reactivaran a limpeza viaria nas zonas do Rosal que son do seu ámbito competencial.

O Concello tamén quere agradecer o quefacer de todos os veciños e veciñas que están colaborando nestes intres limpando o frontal das súas casas e fincas. Hai unhas semanas os alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño facían un chamamento apelando á responsabilidade da poboación para que botaran unha man nestes momentos tan complicados e limparan as frontes das parcelas que dan a vía pública ao que os rosaleiros e rosaleiras responderon de xeito exemplar.

Dende o Concello seguirase traballando na recuperación dos espazos públicos para que rosaleiros e rosaleiras poidan recuperar pouco a pouco a normalidade e desfrutar das súas rúas e dos espazos de lecer tras máis de dous meses de confinamento.

Concello de O Rosal


Uso exemplar do Punto Limpo do Rosal dende a súa reapertura con cita previa

Máis de 70 persoas xa depositaron os residuos nestas instalacións nas últimas tres semanas e hai máis de 100 citas concertadas para os vindeiros días

Entullo, madeira e chatarra, entre os residuos máis recollidos

Exemplar comportamento da veciñanza rosaleira na reapertura do Punto Limpo tras a crise sanitaria. Dende a posta en marcha do servizo con cita previa o pasado 11 de maio, máis de 70 persoas depositaron os seus residuos domiciliarios nestas instalacións municipais e xa hai concertadas máis de 100 citas para os vindeiros días. Dende o Concello do Rosal quérese agradecer "a exemplaridade da veciñanza no uso responsable deste servizo e a comprensión e paciencia de todas as persoas que nestes días chamaron para solicitar a súa cita, porque sabemos que moitas delas tiveron que agardar para ser atendidas por mor do gran número de chamadas recibidas a diario".

Tamén quérese salientar o labor do persoal municipal que se encarga de xestionar as citas do Punto Limpo, así como de coordinar a entrega de residuos e a súa retirada por parte dos xestores autorizados. "Todos eles están facendo un grande esforzo para axilizar as entregas de residuos por parte da veciñanza poñendo todo o seu empeño para minimizar as interaccións entre persoas e os riscos de contaxio", explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

As persoas interesadas en empregar o Punto Limpo poden solicitar a súa cita previa chamando ao teléfono do Concello 986 625 000 extensión 3002 para pedir día e hora. Durante o uso do servizo deberán manterse todas as medidas de prevencións, acudindo só unha persoa por vez, agardando fóra das instalacións a que o persoal municipal lle indique que pode pasar, desinfectando as mans ou as luvas que leven co xel desinfectante á entrada, mantendo a distancia de seguridade e empregando máscara para maior protección.

Case 26.000 quilos de residuos en dúas semanas

Durante o confinamento foron moitos os rosaleiros e rosaleiras que aproveitaron para ordenar e facer limpeza nos seus fogares e deixaron os residuos apartados agardando a poder levalos ao Punto Limpo para ser xestionados axeitadamente segundo a súa tipoloxía. En apenas dúas semanas recolléronse case 26.000 quilos de residuos dos que aproximadamente 10.000 kg foron de entullo, 6.000 kg de madeira, 2.500 kg de chatarra, 2.000 kg de plástico duro, 2.000 kg de residuos non reciclables, 1.000 kg de plástico de invernadoiro, 700 kg de neveiras, 600 kg de televisores, 500 kg de aparellos informáticos, 400 kg de electrodomésticos e 50 kg de pilas e baterías, entre outros.

Malia o comportamento exemplar da meirande parte da veciñanza, algunhas persoas están depositando residuos a carón dos colectores. Isto, ademais de crear un impacto visual desagradable, supón "unha falta de respecto tanto para o persoal municipal que está dedicando grandes esforzos para retomar a actividade habitual de limpeza viaria, tendo en conta as circunstancias adversas derivadas da crise do COVID-19, como para o resto de veciñanza que está agardando a súa quenda para xestionar adecuadamente os residuos que teñen gardados dende antes do comezo do confinamento".

Por este motivo, dende o Concello do Rosal quérese facer fincapé no agradecemento á veciñanza pola paciencia coa que está aceptando o regreso á normalidade e pola súa comprensión ante as limitacións que se marcan por mor de que algunhas das empresas de recollida aínda non retomaron por completo a súa actividade. Todo isto pode repercutir na demora na recollida de algún residuo imposibilitando que sexa aceptado temporalmente. Aportar o que está nas nosas mans fainos camiñar cara a un concello mellor.

Concello de O Rosal


O ORAL retoma a atención presencial no Rosal exclusivamente con cita previa

Atenderase martes e xoves dende mañá 2 de xuño. As persoas interesadas poden solicitar a súa cita de forma telemática, chamando ao 986 804 100 ou ao Concello

O ORAL, o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar cos concellos na xestión, inspección e recadación dos tributos locais, retoma esta mesma semana a atención presencial nas súas oficinas do Rosal exclusivamente con cita previa.

O servizo atenderá de forma presencial os martes e xoves a partir deste mesmo 2 de xuño. As persoas interesadas en solicitar a súa cita previa poderán facelo vía telamática a través da web do ORAL, da Oficina Virtual da ORAL ou da Sede electrónica ou vía telefónica chamando ao 986 804 100.

Se algún veciño ou veciña precisa axuda coa tramitación da cita previa pode chamar directamente ao Concello do Rosal ao número 986 62 50 00 extensión 3004.

Coa atención presencial o ORAL tamén retoma a partir deste 1 de xuño toda a súa actividade.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais