|
Continúa o acondicionamento das praias da Guarda
O día 25 de Maio, procedeuse a apertura das praias como zonas de baño coa entrada na fase 2 da desescalada.
Ante a emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19 as praias estanse acondicionando seguindo as recomendacións para a apertura de praia e zonas de baño trala crisis da COVID-19, documento elaborado polo Ministerio de Sanidad.
Unha acción importante é a informativa polo que se instalaron nos principais accesos das praias carteis informativos coas indicacións de distancia social e comportamento.
Outra medida destacada é a hixiene, polo que o Concello da Guarda elaborou un plan de limpeza dos aseos das praias para dar así cumprimento as medidas sanitarias para evitar o contaxio do COVID-19. Este plan de limpeza comezou o día 1 de xuño e continuará ata setembro.
Por último, indicar que dende hai xa algunhas semanas, se está procedendo a limpeza dos areais e continuarán durante estas semanas as labores de desbroce para que ao comezo oficial da temporada de praias, o 15 de xuño, xa estean acondicionadas as instalacións e o entorno das nosas praias.
Informamos tamén que, na Praia do Muíño, estase a levar a cabo a Obra de mellora e acondicionamento dos accesos á praia de O Muíño, que como outras accións, sufriu a paralización ocasionada pola grave pandemia do COVID 19. Estase traballando para ter rematada dita obra de mellora o antes posible, polo que rogamos a comprensión dos bañistas e visitantes deste espazo, somos coñecedores de que as obras poden ocasionar malestar, pero unha vez rematada, mellorará moito o acceso principal a este areal, para desfrute de todos e todas.
Reapertura Piscina Municipal da Guarda
Tralo peche temporal do centro deportivo a mediados do mes de marzo, informamos da reapertura das instalacións da Piscina Municipal da Guarda, durante este tempo adecuouse para mellorar e garantir así a seguridade de usuari@s e traballador@s.
Aplicáronse tódolos protocolos de desinfección e limpeza ante o Covid-19 cumprindo coa normativa sanitaria establecida. Os protocolos de actuación para traballadores e usuari@s son moi sinxelos pero precisan da responsabilidade individual e do respecto ás normas marcadas.
Determínase o uso obrigatorio de mascarillas nas zonas de paso común (entrada, pasillos, etc..). Fixéronse cambios no centro para respectar a distancia mínima de dous metros no ximnasio, vestiarios ,duchas e piscina, e, desta maneira, poder adestrar sen mascarillas. A disposición de tod@s hai produtos desinfectantes e xel hidroalcohólico, así coma un incremento das horas de limpeza en horario de apertura e peche da instalación. Non será preciso reservar cita previa.
O Concello de A Guarda fíxose cargo do reforzo das estruturas de aire da cuberta da piscina e o pintado do recinto do vaso.
Tódolos aboad@s recuperarán o servizo pagado e non desfrutado do mes de marzo durante o mes de Xuño.
Damos por finalizado o curso da escola de natación de nen@s e adult@s, quedando reservada a praza no mesmo horario para a recuperación durante o novo curso 2020-2021.
Agradecer a colaboración e a comprensión de tod@s para levar a cabo os novos protocolos. A práctica de actividade física é unha das recomendacións principais fronte esta pandemia.
O concello da Guarda apela á responsabilidade da cidadanía sobre as medidas de prevención e o medio ambiente
Dende o inicio do estado de alarma declarado pola crise sanitaria do Covid-19, tivemos que ir adaptando as nosas costumes e tomar medidas de hixiene e seguridade que fixeron extensible o uso de luvas ou máscaras de protección á case totalidade da poboación.
Afortunadamente, a maioría da veciñanza está a cumprir coas novas medidas impostas, e dende o concello apelamos a que continúe así esta dinámica, para evitar calquera tipo de novo contaxio.
Unha das caras negativas da pandemia do Covid-19, e que está estreitamente vencellada ao medio ambiente, e que desafortunadamente, moitos dos elementos que se están a empregar para a prevención e protección como luvas ou máscaras, son depositados sen control en rúas e fincas, arrastrados despois polo vento, o que fai moi difícil o seu tratamento coma residuo e pasan directamente a contaminar de xeito irremediable o noso entorno, moitas veces espazos dunha gran importancia medioambiental.
É por elo que dende a concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda se fai un chamamento, a empresas e á cidadanía en xeral, a que se realice un correcto tratamento deste tipo de elementos de prevención e protección para que rematen nos contedores do lixo e non no medio ambiente.
Coidar o medio ambiente é cousa de tod@s!
A Guarda contará cunha comisión especial para a reactivación económica formada por profesionais que rexentan negocios ou están estreitamente ligados á nosa vila
O Concello da Guarda invitou a un grupo de 8 profesionais de diversos sectores para que formen parte dunha comisión especial que traballará de xeito coordinado co equipo de goberno para buscar solucións que conduzan á reactivación económica local.
Desde o mes de marzo o Concello ven realizando diversas intervencións para tratar de apoiar aos negocios locais nestes duros momentos. Estas iniciativas proseguiron no mes de abril e maio co lanzamento, durante a pasada semana, do marketplace www.mercanaguarda.com, que permitirá aos negocios locais diversificar a súa estratexia e abrir unha nova canle de venda online. Polo momento xa se atopan inscritos e recibindo formación para o manexo da plataforma un total de 15 negocios da localidade, e outros tantos solicitaron xa información para a súa adhesión.
De xeito paralelo a estas medidas, e xa durante o mes de abril, o grupo de goberno iniciou contactos con diversas empresas de consultoría para valorar a posibilidade de contratar a algunha delas para que guiase ao equipo de goberno durante os próximos meses neste proceso de reactivación local.
Finalmente, e dado que os prazos de execución que ofrecían estas empresas eran de entre 3 e 6 meses, posto que o primeiro e máis complexo paso que debían dar era facer unha análise das condicións da vila, decidiuse optar por unha fórmula alternativa que acortara estes prazos de tempo e permitira aplicar medidas dun xeito máis rápido.
Por iso desde o Concello tomouse a decisión de optar pola creación dunha comisión especial conformada por profesionais que xa coñeceran de primeira man o noso territorio, ben porque rexentaran negocios na localidade e residiran nela, ou porque estiveran ligados dalgún modo á mesma. Esta comisión tería como obxectivo traballar na ideación de medidas que tiveran como finalidade a reactivación local, e coa motivación de facelo polo ben común da vila.
Algunhas destas persoas foron directamente contactadas polo equipo de goberno, recibindo unha resposta moi positiva por parte delas e mostrándose abertas a colaborar en todo o necesario.
Invitouse tamén ao resto de forzas políticas a propoñer outras persoas que considerasen idóneas para formar parte desta comisión, pero excepto o Partido Popular, o resto de grupos políticos declinaron a invitación e decidiron non participar de ningún xeito nesta iniciativa.
Entre os e as profesionais que conformarán esta comisión atópanse José L. Lorenzo (Propietario do comercio Rodríguez Brand Store), Manuel Domínguez Freitas (Ex-alcalde da Guarda), Eva Bouzas Facal (Responsable Área Proxectos Europeos da Asociación San Xerome Emiliani), Manuel Franco Peixoto (Propietario dos Restaurantes Area Grande, Marouco de Palla e El Capitán), Francisco Xavier Martínez Cobas (Profesor na Facultade de Economía e Administración de Empresas da Universidade de Vigo), Joaquín Cadilla Castro (Presidente de ORPAGU), Chus Castro González (Propietaria do Restaurante Bitadorna), e Doménico Tinelli (Consultor e xestor de proxectos europeos de I+D no Instituto Tecnolóxico de Galicia).
Estas persoas prestarán a súa colaboración de xeito desinteresado e está previsto que manteñan tres reunións durante o mes de xuño, reunións que serán guiadas por Susana Rodríguez (Coach e Psicóloga Social con experiencia na condución de mesas de traballo).
O obxectivo é que tras esas sesións conxuntas se xeren ideas e iniciativas innovadoras para o futuro da Guarda, que se podan poñer en marcha a curto e medio prazo.
Esta comisión traballará de xeito complementario ao comité formado polo equipo de goberno e os portavoces dos demais grupos políticos con representación na Corporación Local, e que tamén estudiarán posibles iniciativas a por en marcha durante os próximos meses para estimular a economía da Guarda.
O equipo de goberno está seguro de que esta será a mellor vía para atopar solucións na excepcional situación na que nos atopamos: tomando as decisións desde unha perspectiva de colaboración, construtiva e de axuda mutua.
A Oficina de Xestión Tributaria retoma a atención presencial na Guarda a partires do 8 de xuño
A Oficina de Xestión Tributaria retomará o servicio de atención presencial a partires do día 8 de xuño, aínda que exclusivamente con cita previa e para a realización de xestións estritamente necesarias e que non podan realizarse doutro xeito.
Para o resto de xestións (expedición de duplicados de recibos, obtención referencias catastrais para IRPF, domiciliacións, entre outros) poden usar a atención telefónica ou telemática onde se lles dará cumprida información (teléfono, correo electrónico, Sede Electrónica do Concello).
As persoas interesadas en concertar cita previa poden facelo a través de calquera dos seguintes medios:
" Telefono: 986 60 90 67
" Correo-e: recadacionaguarda@sdci.es
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, retoma este mes de xuño o Ciclo de Cinema de Muller, suspendido tralo inicio da crise provocada pola pandemia do Covid-19. Esta actividade está enmarcada nas conmemoracións do Día Internacional da Muller 2020.
Programa de Cinema da Muller
O Centro Cultural da Guarda será o escenario para as dúas proxeccións do programa de Cinema da Muller, os días 12 de xuño e 19 de xuño, todas as proxeccións contarán cunha charla coloquio previa ás 20:00h e posterior proxección ás 21:00h.
O venres día 12 de xuño de 2020 proxectarase "As Lindas" de Melisa Liebenthal.
As Lindas é un documental dirixido pola novísima Melisa Liebenthal (Bos Aires 1991) que a pesar de ser a súa ópera prima, foi xa premiada na sección Bright Future do Festival internacional de cinema de Rotterdam, e na terceira edición Asterisco do Festival internacional de cinema LGBTIQ, así como no BAFICI 2016, onde obtivo o premio á mellor directora na competencia arxentina.
Que é belo e que non o é? Melisa aborda os estereotipos de xénero baseándose nun arquivo documental de fotografías vellas onde aparecen ela e as súas amigas, feito que a leva a ter unha excusa para reunirse con elas, gravalas e entrevistalas para coñecer cuais foron as súas vivencias a partir da adolescencia e como as sentiron. Nestos encontros máis que sinceros, Melisa descobre que os medos e angustias que a chegaron en certo punto a obsesionar, foron medos compartidos polo resto das protagonistas nesta viaxe ao pasada e que agora levan a cabo xuntas dende unha perspectiva máis madura.
A Guarda aproba as medidas económicas e sociais presentadas polo BNG fronte á crise
No pleno celebrado no día de onte no Concello da Guarda, aprobouse a moción presentada polo BNG sobre medidas económicas e sociais para combater a crise económica e social derivada da pandemia da COVID19.
O acordo contempla medidas no ambito da reactivación económica, como a elaboración dun proxecto de reforma integral da Praza de Abastos co obxectivo de acadar o recoñecemento de mercado de excelencia por parte da Xunta de Galiza. O portavoz do BNG, Anxo Baz afirma que "a Praza de Abastos debe transformarse nun dos piares da reactivación da economía local. Para iso precisa dunha remodelación integral para convertela nun mercado de referencia para toda a contorna. Temos os mellores produtos, temos xente que sabe traballalos e fáltanos un espazo acorde aos tempos nos que vivimos".
O acordo recolle un reparto máis equitativo das obras que realicen empresas locais, así coma as compras a proveedores e contratación de servizos do Concello.
Recóllese tamén o incremento das partidas para emerxencia social e a posta en marcha do Plan Revitaliza para un futuro máis ecolóxico que axude ao proceso de desenvolvemento integral desde plan que promove o BNG na Deputación de Pontevedra.
Aprobouse a adhesión a Rede Ágora da Deputación para realizar políticas de recuperación de espazos públicos e fomentar a mobilidade, garantindo que as prazas estean libres de coches, diminuír o tráfico rodado, e limitar a velocidade.
O portavoz nacionalista, Baz, afirma que "a distancia física recomendada polas autoridades sanitarias, fai aínda máis necesario que contemos con espazos públicos para esparcimento que permitan a mobilidade a pé ou en bicicleta con seguridade".
Tamén se aprobou a creación da Mesa Local do Emprego na que participarán organizacións de comerciantes, Confraría, organizacións pesqueiras e sindicatos, ademais das organizacións políticas.
O pleno aínda acordou instar a Xunta de Galiza para que se dirixa ao Goberno do estado para esixir a derrogación da lei orgánica 2/2012 do 27 de abril, máis coñecida como lei Montoro, que prioriza o pago da débeda aos bancos e impide que moito dos recursos dos Concellos se podan adicar a políticas activas de emprego e reactivación económica.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, valorou moi positivamente para o pobo da Guarda a aprobación destas medidas e lamentou a postura negativa e pasiva do alcalde e do PSOE que votaron en contra.
|