JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Entra en vigor a peonalización dun tramo da Corredoira

Augusto González Besada é de sentido único. A rúa Coruña cambia de sentido e será o acceso ao conxunto histórico

Tras os traballos de reordenación do tráfico levados a cabo nos últimos días no centro urbano dende mañá o tramo de Calvo Sotelo - Paseo da Corredoira - entre a Rúa Rosa Bahamonte e a rúa Ordóñez, pasa a ser peonil.

Outro dos cambios no tráfico urbano é o sentido único no tramo de Calvo Sotelo dende Rosa Bahamonde a Irmáns Maristas, e en toda a rúa Augusto González Besada. Nestes viais habilitáronse 70 prazas de estacionamento en Zona Azul - gratuíto limitado a 90 minutos - das que 40 son en batería diagonal e 30 en liña. Sinalizáronse amais 4 prazas para a Policía Local, 3 para persoas con mobilidade reducida e 3 zonas de carga e descarga no horario establecido. Tamén se crearon 12 prazas para estacionamento de motocicletas.

Como consecuencia do establecemento destes sentidos únicos a rúa Camilo José Cela cambia de sentido e pasa a ser de acceso dende Calvo Sotelo á Praza de Galicia, e o mesmo acontece coa rúa que vai de Praza de Galicia a Augusto González Besada onde este será o sentido de circulación.

A rúa Coruña cambia tamén o sentido de circulación e agora será dende Martínez Padín a Ordóñez. Este será o acceso agora ao centro histórico para residentes e servizos.

En todas estas rúas, queda restrinxida a circulación de vehículos de ata 3.5 tn , agás cargas e descargas autorizadas. Nos últimos días levou a cabo o repintado da sinalización en todas estas rúas.

Concello Tui


A Eurocidade Tui-Valença reclama a reapertura da vella Ponte Internacional de forma inmediata

O alcalde de Tui afirmou que é unha ponte que une unha única realidade social e económica. O presidente da Cámara de Valença explicou que o 80% da economía local depende da apertura fronteira

A Eurocidade Tui-Valença reclama a reapertura da vella Ponte Internacional. Así o expuxeron esta mañá a carón desta centenaria infraestrutura o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que solicitan aos gobernos de España e Portugal que "procedan á apertura da vella ponte internacional, cando menos ao tráfico local e coas medidas oportunas". Explicaba o mandatario tudense que "todos temos asumido dende hai moitos anos que isto non é un paso fronteirizo, é unha ponte que une unha única realidade social e económica". Sinalaba Enrique Cabaleiro que "esa unha única realidade se está vendo seriamente ameazada polo retraso na apertura dos pasos fronteirizos" polo que reclamaba a súa reapertura de forma inmediata.

O alcalde de Tui indicaba que a comparecencia conxunta desta mañá dos dous mandatarios é "unha chamada de socorro para que axilicen as medidas de apertura das fronteiras con carácter xeral". A situación actual "está a causar un grave prexuízo á economía en xeral e aos traballadores transfronteirizos en particular".

Enrique Cabaleiro, ante os medios de comunicación das dúas beiras, detallou as consecuencias de ter un único paso fronteirizo aberto "está provocando disfuncións, colas, está dificultando a mobilidade de persoas e vehículos, e iso é un handicap máis para poder avanzar na recuperación económica" nos territorios transfronteirizos. Afirmaba que "estamos nunha situación moi crítica porque temos unha casuística propia e nosa viabilidade económica depende en gran medida dos clientes dun ou doutro lado da fronteira". Apuntaba amais que a gravidade da situación queda plasmada no feito de que dos 7 pasos fronteirizos máis transitados da península 5 están na Galicia e só 1 - a nova Ponte Internacional - está aberto.

O presidente da Cámara Manuel Lopes, puxo o aceno en que Galicia e o Norte de Portugal son un único pobo, responsabilizando aos gobernos de Lisboa e Madrid das consecuencias que poderá ter nas economías deste territorio manter o único paso na nova Ponte Internacional

Manuel Lopes, presidente da Cámara afirmaba que "estamos ante un pobo tranfronteirizo cuxas economías locais dependen entre un 80% e un 90% da apertura da fronteira". Dicía Manuel Lopes "non estamos solicitando aos nosos gobernantes traballo, estamos a pedir que nos deixen traballar". Dirixíndose aos Gobernos de Portugal e España subliñou que "Portugal non é só Lisboa, e España non é so Madrid" polo que os convidaba a achegarse á raia. Tamén plantexaba dúas preguntas sobre se os gobernos español e portugués teñen coñecemento das dificultades económicas, sociais e morais, e en especial do comercio, restauración , hostalería e industria, e se teñen un plan de apoio ás actividades económicas para ests rexión. Afirmaba "os nosos gobernantes serán responsables da perda de emprego dos traballadores transfronteirizos,

Concluía Manuel Lopes afirmando que Eurocidade non pode continuar divida "a nosa eurocidade é unha cidade única, está habituada a traballar en conxunto, a vivir en conxunto".

No acto desta mañá os mandatarios tudenses estiveron respaldados por membros das corporacións municipais de Tui e Valença.

Concello Tui


Tui baliza as praias de Areeiros e O Penedo e coloca carteis informativos coas medidas preventivas da COVID19

O Concello de Tui vén de ser o primeiro concello en balizar a súas praias neste verán. Está xa colocado o balizamento da praia de Areeiros en Guillarei e mañá acometerase o do Penedo en Caldelas, sinalizando deste xeito a zona de baño.

No acceso ás praias colocáronse carteis informativos coas medidas preventivas da COVID19. Así recoméndase acceder calzado á praia, e no caso de Guillarei tamén ao pantalán. Xa no areeiro deberá gardarse a distancia social que será de 2 metros entre persoas e de 4 metros entre parasois. Amais os grupos non poderán superar as quince persoas. Está permitido o baño e a práctica deportiva a nivel individual.

Estes dous areeiros fluviais contan tamén coa sinalización de praias libres de fume, polo que non se pode fumar nas mesmas. Igualmente nos accesos pódese consultar as analíticas sobre a calidade da auga.

Dentro das medidas preventivas da COVID19 os contedores do lixo estarán situados nos acceso e non no interior da praia coma establece a normativa. Dende o Concello amais optouse por non colocar aseos, coma en temporadas anteriores, ante a imposibilidade de cumprir as normas sanitarias de limpeza e desinfección vixentes neste momento.

Dende o Concello de Tui faise un chamamento á poboación a acudir con responsabilidade á praia respectando todas as indicación establecidas de distanciamento e hixiene ante a situación actual da pandemia pola COVID19.

Con esta actuación aposta pola seguridade e as garantías sanitarias nas dúas praias fluviais tudenses.

Concello Tui


Executadas obras de mellora da accesibilidade en doce pasos de peóns nas rúas novas

Nas últimas semanas acometéronse obras de mellora da accesibilidade en distintas rúas do centro urbano tudense. En concreto actuouse sobre 12 pasos de peóns situados na rúas Casal Aboy, Lugo, Compostela, Ourense e Maristas

Nas beirarrúas para indicar a proximidade dun paso de peón colocouse un pavimento especial con losetas de cor vermello e con releve, tanto direccional coma con botóns, para facilitar a mobilidade das persoas con discapacidade visual. Amais rematáronse en rampla para facilitar así o tránsito con cadeira de rodas, carriños de bebés, carros da compra ou outros.

Amais executáronse obras de mellora nas beirarrúas, coa substitución ou renovación do pavimentos, en Casal Aboy e Prolongación de Casal Aboy.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que con estas obras de accesibilidade, executadas con fondos propios, dáse resposta a unha demanda histórica da poboación para facer as beirarrúas accesibles para as persoas con mobilidade reducida.

Concello Tui


A Radio Municipal de Tui renovou e dixitalizou o seu equipamento

Investíronse 44.500 euros do Plan Concellos.

O Concello de Tui ten procedido nas últimas xornada á renovación e dixitalización do equipamento da emisora municipal, situada na Área Panorámica, cun investimento de 44.500€ procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A Radio Municipal de Tui, que o pasado 16 de abril cumpriu 27 anos, conta así cun equipamento de emisión completamente renovado e dixitalizado xa que moitos dos equipos que se estaban a empregar, coma as mesas de mesturas traballaban aínda en analóxico xa que databan dos inicios da emisora. Deste xeito tanto no control principal coma na sala de gravación a emisora dispón de mesas de mesturas dixitais o que por unha parte actualiza o equipamento á tecnoloxía actual e por outra redunda nunha calidade da emisión. O mesmo acontece cos micrófonos do locutorio que foron renovados colocándose amais novos soportes que minimizan os ruídos que se poderían producir sobre a mesa.

Do mesmo xeito foi renovado parte do equipo informático da emisora con novos ordenadores que posúen características superiores aos que se estaban a empregar e sobre todo permite maior fluidez no traballo. Incorporáronse tamén novas tarxetas de son, e mobiliario con cadeiras ergonómicas par ao locutorio. Outro dos equipo que vén de ser substituído é a etapa de potencia que permitirá manter a calidade de emisión.

A Radio Municipal de Tui vai recuperando estes días a presenza de convidados e locutores no estudo con todas as medidas de seguridade, xa que se instalaron anteparos protectores no locutorio, e protectores dun so uso nos micrófonos, amais de establecer un protocolo de limpeza tras a participación dunha persoa en directo na emisora. Xa dende o inicio do Estado de Alarma dende o Concello colocáronse dispensadores de xel hidroalcohólico no acceso ás instalacións así coma en redacción, control e locutorio.

Co investimento realizado a emisora municipal de Tui actualiza o seu equipamento situándose, unha vez máis, entre as radio locais máis importantes de Galicia e unha das mellor dotadas en medios.

Concello Tui


A instalación de terrazas na vía pública precisa de licenza municipal

Pódese solicitar a ampliación da superficie da que se dispuña antes do Estado de Alarma

A instalación de mesas e cadeiras cunha terraza na vía publica está suxeita a licenza municipal. Así o lembra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido nos últimos días, onde se indica que así o recolle o artigo 42 da lei 9/2013 de emprendemento e competitividade de Galicia modificada pola lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Aquelas terrazas que carezan de licenza deberá regularizar a súa situación e en caso contrario procederase a iniciar expediente sancionador.

No bando da alcaldía lémbrase tamén as condicións nas que se permite a apertura das terrazas na actualidade segundo a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, co 50% das mesas permitidas o ano anterior. Débese manter unha distancia de ao menos dous metros entre mesas ou agrupacións de mesas. No caso de que o establecemento obteña o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderán incrementar o número de mesas, respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública no que se emprace a terraza.

No bando da alcaldía lémbrase tamén a ocupación máxima das mesas e as medidas de hixiene e prevención para a prestación do servizo establecidas na orde na que se permite a reapertura. Cómpre lembrar así a necesidade limpar e desinfectar o equipamento, principalmente mesas e cadeiras e calquera superficie de contacto entre un cliente e outro. Priorizarase o uso das mantelerías dun só uso, poranse a dispor do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos, evitarase o uso común de cartas, eliminaranse produtos de autoservizo, e os elementos coma vaixela, cristalería, cubertería ou mantelería estarán en recintos pechados ou lonxe de zonas de paso. Deberá amais respectarse a distancia de seguridade interpersoal.

Os establecementos que desexen ampliar a superficie de terraza deben tramitar as solicitudes mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática (comercio@tui.gal) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.

Cómpre lembrar amais que a corporación municipal acordou ampliar a exención das taxas por ocupación de vía pública ás terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria.

Concello Tui


Os Servizos Sociais colaboran coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e AFAGA dende o inicio do Estado de Alarma

Coa colaboración de Cruz Vermella proporcionaron tablets a 13 familias para romper a brecha dixital

A atención ás persoas maiores pero tamén a poboación escolar, así coma a todas aquelas persoas en situación de vulnerabilidade ten centrado o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios dende o inicio do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo. Máis aló doutras actuacións realizadas co apoio ás residencias, aos programas de axuda no fogar, a os programas para proporcionar alimentos ou atender aos sen teito, tense establecido tamén unha estreita colaboración coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA, Cruz Vermella e cos centros escolares.

Así por unha parte facer un seguimento e manter en activo as persoas que participan en distintos programas foi o obxectivo da colaboración establecida coa Asociación de Párkinson do Baixo Miño e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer, AFAGA.

En concreto coa asociación de Párkinson e o Centro Sociocomunitario colabórase no reparto dos cadernos con exercicios de estimulación cognitiva. A asociación elabóraos semanalmente e dende os Servizos Sociais co apoio da Policía Local e Protección Civil fanse chegar a todas as persoas maiores do concello que o solicitan.

O Concello de Tui e AFAGA tiñan en marcha nas parroquias tudenses o programa Cultiva a Mente no que estaban a participar 82 persoas. Co inicio do confinamento púxose en marcha un seguimento semanal destes veciños e veciñas. Estableceuse amais un sistema de cores para un control máis axeitado, de tal xeito que en función da cor estableceuse o período de tempo para realizar o seguimento. Así as persoas en risco se lles asignou o código vermello eran contactadas nun período de entre 3 e 5 días. O código laranxa estableceuse para persoas que precisan apoio e seguimento, contactando coas mesmas nun período de 5 a 10 días. Por último entre 10 e 15 días establécese contacto coas persoas con código verde que presenta un bo estado. Semanalmente faise balanzo da situación destes usuarios do programa e se informa se algunha persoa precisa atención inmediata.

Por outra parte dende os Servizos Sociais tense colaborado cos centros educativos na impresión dos materias didácticos para que os menores de quince familias poidan realizar as tarefas escolares. Lévase a cabo o reparto deste material ou ben son as familias as que se achegan a recollelo.

Tamén co obxectivo de que o alumnado máis vulnerable poida seguir as tarefas escolares durante estas semanas dende a casa tense solicitado a colaboración da Cruz Vermella. Ao través do programa para a fractura da brecha tecnolóxica proporcionáronse a 13 familias tablets con tarxeta sim e datos para que se poidan conectar a internet e seguir así as tarefas indicadas dende cada centro educativo.

Outra das actuación levadas a cabo polos Servizos Sociais, sobre todo durante o confinamento e debido a atención telemática das administracións, foi realizar as acción de emerxencia relacionadas cos propios recursos e servizos dos servizos sociais municipais, provinciais ou autonómicos. Así colaboración na solicitude de documentación e achega da mesma a ONG's para o acceso ao banco de alimentos, a roupeiros, tamén a plataformas de servizos públicos coma o SEPE, a atención psicolóxica do 112, ou de trámites ante as oficinas do padrón noutros concellos.

Concello Tui


"É Tui" porá ao comercio local a un clic do consumidor

Esta plataforma comercial, promovida polo Concello, porase en marcha a próxima semana e a loxística será desenvolvida por unha empresa local

"É Tui" é o nome da plataforma comercial en liña que lanza o Concello de Tui para apoiar ao tecido comercial local. Trátase dunha plataforma moi visual, de imaxe atractiva, doado uso e identidade propia que marcará a diferencia do comercio tudense. Incorpora importantes novidades respecto a outras plataformas similares do mercado. Estará accesible en 4 idiomas: galego, castelán, portugués e inglés. Está previsto que comece a funcionar na primeira semana de xuño

Deste xeito o Concello de Tui, consciente da nova realidade en canto aos novos hábitos de consumo xurdidos a raíz da pandemia da COVID 10, cunha clara aposta polo comercio electrónico e os pagos sen contacto, aposta por esta ferramenta para impulsar e apoiar o comercio local e a senda dixital que ten que percorrer. Esta plataforma forma das iniciativas promovidas dende o ámbito municipal e que se darán a coñecer proximamente.

O comercio local estará agora a un clic do consumidor final que poderá comprar e recibir nun mesmo pedido e día no seu domicilio roupa, tecnoloxía, artigos de agasallo, incluso, comida, sempre mercando e apoiando ao comercio local.

A plataforma a disposición do pequeno comercio de Tui permitirá realizar a venda on-line dos seus produtos, a nivel local nun primeiro momento pero permitirá escalar a nivel nacional e sobre todo coa vista posta no mercado portugués

Durante o primeiro ano a plataforma será de uso gratuíto para o comercio local de Tui. O establecemento terá que facerse cargo só do prezo do envío que se estipulará en función das características do produto. A partir do primeiro ano terá unha tarifa mínima de mantemento. A loxística estará xestionada por unha empresa local que creará emprego local. Ademais, a plataforma ten tamén impacto no eido social destinándose o 1% de todas as vendas realizadas a obras de carácter social, con especial incidencia en cubrir as necesidades básicas das persoas e familias máis vulnerables.

A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explica que "o consumo de produtos online multiplicouse durante a pandemia e a tendencia é que siga medrando. Por iso o comercio local non pode descoidar esta canle e ten que estar preparado ante un posible rebrote pero sobre todo ante a nova realidade e o futuro a medio prazo".

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais