|
Tomiño pon en marcha un programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local
O obxectivo é dar ferramentas ao pequeno comercio para adaptarse ás necesidades das e dos consumidores dentro dunha nova realidade cambiante
A formación, de balde e integramente en liña, comezará en breve. As persoas interesadas xa poden inscribirse a través da web do Concello de Tomiño
O Concello de Tomiño continúa co seu apoio ao comercio local coa posta en marcha dun programa formativo para a súa transformación estratéxica e dixital, axudándoo así a mellorar, innovar e adaptarse a unha nova realidade cambiante. "O que sería un proceso que podía levar seis ou sete anos acelerouse en tres meses e a moitas persoas a nova realidade colleuna por sorpresa. Por este motivo, no Concello queremos estar ao lado do comercio local e ofrecerlle todas as ferramentas necesarias para que estean preparados tanto para o momento actual como para o que poida pasar nun futuro. O perfil do consumidor e consumidora cambia e o comercio ten que ir adaptándose", explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
O obxectivo do programa, que arrancará en breve, será ofrecer ao comerciante unha formación útil e de calidade adaptada á nova realizade e crear un marco de traballo para mellorar o comercio local. Está dirixido a todos os pequenos comercios tomiñeses e será de balde e totalmente en liña. Todas as persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través da web do Concello.
Obradoiros grupais e asesoramento personalizado
O programa estará dividido en dúas partes. Durante a primeira fase realizaranse seis obradoiros formativos grupais online a través de videoconferencias impartidas por persoas expertas ás que as e os comerciantes poderán asistir dende os seus domicilios ou dende os seus propios negocios. Serán obradoiros interactivos nos que se abordarán o novo perfil de consumidor e os posibles escenario de futuro e nos que adquirirán novas estratexias de ventas mellorando as súas habilidades no manexo de ferramentas dixitais e aprendendo distintas estratexias de marketing acordes á realidade.
"Dende o Concello queremos ofrecer ferramentas sinxelas para que as nosas e nosos comerciantes cheguen ao seus clientes doutro xeito. Non queremos que substitúa ao comercio presencial, só abrir unha porta máis por se o consideran interesante para ampliar as súas vendas ou para abarcar outro perfil de consumidor", salienta a alcaldesa.
A segunda fase deste plan de formación irá dirixido a un grupo máis reducido de comerciantes que contarán co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as súas feblezas cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.
O Concello de Tomiño realiza unha campaña de normalización lingüística e apoio ao comercio local
O concello de Tomiño, tras conmemorar o Día das Letras Galegas, continúa coa súa campaña de normalización lingüística a través da posta en marcha dunha iniciativa específica dirixida ao sector comercial tomiñés, na que colaborou previamente toda a cidadanía.
"Despois da recollida, durante o mes de maio, de centos de palabras galegas escritas polos usuarios e usuarias das nosas redes sociais foron seleccionadas as vinte palabras máis votadas pola poboación a través da páxina web municipal", explica Fátima Rodríguez, concelleira responsable da área deNormalización.
As verbas escollidas; fedello, changarella, afouteza, coliño, aperta, chouchiña, bágoa, ruliña, quérote, sentidiño, bico, riquiña, bolboreta, aloumiño, morriña, agarimo, toxo, xoaniña, amodiño e enxebre están serigrafiadas en varios modelos de "tote bags", bolsas de tea 100% algodón. Hai cinco deseños diferentes que se repartirán, de balde, a partir do luns 1 de xuño nos distintos establecementos comerciais do concello.
Esta campaña está dirixida a reforzar os valores positivos que pode engadir o uso do galego na comunicación comercial e pretende tamén promover as compras no comercio local. Por iso, todas as persoas que realicen compras por un valor mínimo de 15 euros nos establecementos do municipio serán agasalladas cunha destas bolsas. Cada persoa que saia á rúa cunha destas bolsas, convertirase nun axente normalizador da lingua galega, ao tempo que apoiará ao comercio local.
Con este tipo de iniciativas o Concello de Tomiño procura sinerxias que resulten favorables para o conxunto da poboación. "Con esta campaña pretendemos impulsar o uso do galego á vez que axudamos ao sector a afrontar a situación de crise provocada pola pandemia do Covid-19, concienciando á cidadanía para que apoie aos comercios tomiñeses", comenta a concelleira.
O Concello de Tomiño felicita aos clubs Goián C.F. e Tomiño F.C. polo seu ascenso a 1ª Rexional
Fran Campo fai chegar os seus parabéns tamén ás aficións dos dous equipos, aos corpos técnicos, e aos xogadores, polo seu grande esforzo
O Concello de Tomiño quere dar os parabéns polo ascenso de categoría ao Goian C.F. e ao Tomiño FC. A Concellería de Deportes, que dirixe Fran Campo, quere facer chegar as súas máis sinceiras felicitacións aos clubs de fútbol de Goián e Tomiño, polo seu paso a 1ª Rexional, despois de que a RFGF publicase onte a resolución para dar por finalizada a tempada 2019/2020, coas clasificacións que figuraban a día 14 de marzo.
Esto significa que o Goián C.F. e o Tomiño F.C. ao estar primeiro e segundo, respectivamente, nese momento, ascenden, á categoría Primera Autonómica.
Dende a concellería, dan tamén os parabéns ás aficións dos dous equipos tomiñeses, aos corpos técnicos, que fixeron un ano excepcional, e especialmente aos xogadores, polo seu grande esforzo, para conducir aos seus clubs a unha categoría acorde coa súa traxectoria.
O Concello de Tomiño abre o prazo para solicitar as axudas de compra de libros e material escolar
Ademais, existe un Fondo Solidario para préstamos nos cursos 4º e 6º de Primaria; 3º e 4º de Secundario e Educación Especial.
A Concellería de Educación vén de publicar o proceso para solicitar as axudas de material e libros de texto para o curso 2020-2021.
As axudas para a compra de material son, tanto para Educación Primaria, Secundaria e Educación Especial. As axudas para a compra de libros, en cambio, son para os seguintes cursos: 1º, 2º, 3º e 5º de Primaria e E. Especial (e 5º no caso de que non participenen EDIXGAL).
O prazo para presentar as solicitudes comezou o 20 de mio e permanecerá aberto até o 19 de xuño. O impreso necesario pode recollerse nos propios concellos ou a través de internet, en sede.xunta.gal (código de procedemento ED330B), acompañado de DNI, copia do libro de familia e, exepcionalmente, certificado de convivencia, grao de discapacidade, etc.
A forma de presentación será preferentemente a travésde internet,aínda que no caso de Educación Primaria, poden presentarse tamén nos centros educativos, con cita previa. Otras canles son a través da sede electrónica da Xunta antes citada, ou ben, por correo electrónico cos documentos escaneados.
En Secundaria, pode presentarse a solicitude e documentación por medio de correo electrónico do IES Antón Alonso Ríos, ou pola sede electrónica da xunta co mesmo cúdigo de procedemento.
Ademais, existe un Fondo Solidario para préstamos nos cursos 4º e 6º de Primaria; 3º e 4º de Secundario e Educación Especial.
O Servizo de Apoio Familiar de Tomiño traballa en rede coas familias para acompañalas durante o confinamento
Creáronse diferentes programas e actividades on-line para reforzar hábitos e rutinas e xestionáronse até o momento máis de 30 conexións a internet
Desde hai máis de 2 meses, debido á excepcional situación de confinamento no fogar, o Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) traballa en consecuencia para acompañar ás familias en todo o proceso e salvagardar o seu benestar, a través de varias iniciativas.
Debido á suspensión da actividade escolar, mobilizáronse unha serie de recursos destinados a rapaces e rapazas escolarizados no municipio, para que puideran acceder a internet e así seguir os contidos educativos desde os seus fogares, promovendo a igualdade de oportunidades durante esta situación excepcional.
Para este cometido estudouse a realidade de cada alumno ou alumna, caso a caso, seguindo unha serie de criterios, mediante unha labor coordinada con todos os centros educativos do concello, tanto de E. Primaria como de E. Secundaria. Asemade, xestionouse o servizo de conexión a internet, e outros recursos necesarios para poder implementalo.
Así, ao redor de 50 familias foron valoradas, e 30 menores xa disfrutan de acceso a internet no fogar, mentres se continúa dando resposta a novos casos diariamente.
Deseñouse tamén o apartado "En Familia" dentro da páxina web municipal (tomino.gal), onde se ofrecen recursos para favorecer a convivencia familiar e afrontar de maneira constructiva o confinamento no fogar, a través dunha serie de propostas de actividades e tarefas variadas dirixidas a estudantes de Educación Infantil e Primaria.
Nesta iniciativa tamén colaboran mestras de centros educativos do propio municipio, coma Quelly Lomba; as profesoras da Escola Municipal de Teatro municipal, e o centro Lingoreta, entre outros.
O programa "Medrando En Familia", pola súa parte, segue preto das familias dando apoio ás súas demandas de crianza da cativadas (sono, rutinas e outras inquedanzas), creando unha rede de apoio virtual e un espazo de confianza, a través das novas formas de comunicación, como é o WhatsApp.
Desde o Servizo de Educación e Apoio Familiar entenden que "é preciso adaptarse á situación actual, é por iso que estamos traballando en novas propostas e iniciativas para acompañar ás familias e protexer o seu benestar nesta nova normalidade que temos".
A execución de proxectos vencedores OPT pasa ao 2021, e se cancela a edición deste ano
Perante o actual contexto de pandemia Covid-19, o Comité de Xestión Estratéxica (CXE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño decidiu, esta semana, cancelar a próxima edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) Cerveira-Tomiño, e prorrogar para 2021 a execución dos proxectos vencedores do ano pasado. Durante a reunión, que decorreu por videoconferência, decidiuse tamén non celebrar eventos coma o Triatlo da Amizade ou o Festival Infantil "Aventura na Terra da Amizade2, ao non darse as condicións administrativas e de seguridade para a saúde necesarias.
Tras a decisión do CXE, foron contactadas as entidades que presentaron os proxectos vencedores á IV edición do OPT Cerveira-Tomiño, coa intención de informar e de revisar os procedementos para que a execución aconteza en 2021. Lembran que as poboacións de Cerveira e Tomiño elixiron dous proxectos que apostan polo concepto de vida saudábel. En primeiro lugar, "As Rutas Miño/Roteiros Miño", presentado polo Club Celtas do Miño (Vila Nova de Cerveira) e por Carlos Xabier Oliveira Ortega (Tomiño), e cuxo obxectivo principal é dar a coñecer a paisaxe, cultura, patrimonio e ambiente a través de camiñadas interpretativas e conversas na natureza entre os dous concellos.
En segundo lugar, o proxecto "Pensar o corpo, mover a mente", que ten como propósito incentivar as poboacións a practicar deporte, valorizando a saúde física e mental a través de experiencias saudábeis, nunha colaboración entre o Citius Fit (Vila Nova de Cerveira) e a Asociación Sociocultural Senraia (Tomiño).
Presentado no inicio deste ano, o Plano de Actividades da Eurocidade Cerveira-Tomiño para 2020, primaba a dinamización da economía local, a potenciación da participación pública, a melloría no acceso aos servizos partillados e a organización de eventos conxuntos, a través da concreción de proxectos que promoven o denvolvemento das poboacións fronteirizas.
A incerteza xerada por esta crise sanitaria mundial leva os municipios veciños a reorientar a dinámica delineada para 2020 no formato previsto, manténdose os contactos online entre os alcaldes, os equipos técnicos e as provedoras transfronteirizas para avaliar a posibilidade dunha aposta pola vertente virtual, así como a situación actual e futura no contexto da Eurocidade Cerveira-Tomiño.
O Concello de Tomiño establece un protocolo para a reincorporación do persoal municipal
A reincorporación do persoal será gradual e progresiva e a partir do vindeiro luns, estableceranse quendas rotatorias entre o persoal que deba prestar servizos de carácter presencial
O Concello de Tomiño, vén de establecer un protocolo para a reincorporación presencial do persoal da entidade local, a partir do vindeiro luns, 25 de maio de 2020.
O Concello establece un protocolo para a prestación de servizos no Concello de Tomiño, fundamentalmente para o momento en que se levante a suspensión dos prazos administrativos, e ante as dificultades que poden xurdir para levar a cabo unha correcta atención ao público e unha axeitada tramitación dos procedementos, garantindo o cumprimento de todas as medidas de protección para o persoal municipal e para os seus usuarios, así como as medidas de distanciamento social, a flexibilidade horaria e a conciliación familiar para os traballadores/as.
Neste protocolo, establécese o teletraballo como forma preferente de prestación de servizos administrativos e como medida de protección da saúde do persoal, así como para facilitar a conciliación persoal e familiar.
A reincorporación do persoal será gradual e progresiva segundo as necesidades do servizo e presencia nos equipos de traballadores vulnerables.
Asemade, estableceranse quendas rotatorias entre o persoal que deba prestar servizos de carácter presencial, coa flexibilización de xornadas e a adopción de medidas necesarias para evitar o risco de contaxio, coma limpeza e desinfección das instalacións, instalación de mamparas, e dotación de material de protección ao persoal.
O traballo presencial organizarase de modo que se evite o contacto entre persoas, ou de non ser posible, se reduza a súa frecuencia, respectando a distancia de seguridade.
A atención ao público farase, preferentemente, por vía telefónica, por correo electrónico, ou a través da sede electrónica.
Con este fin, darase publicidade dos teléfonos municipais e direccións de correo electrónico dos diferentes departamentos ( para dar a posibilidade de que os cidadáns poidan acceder directamente ao departamento ao que desexen dirixirse), xunto co xeral do Concello (centralita), que será atendido coma vén sendo habitual.
No caso de ser necesaria a atención presencial, fixarase un horario de atención ao público presencial, con cita previa (de luns a veres de 09:00 a 13:00 horas con carácter xeral).
Colocarase no acceso e no interior das instalacións carteis coa información e indicacións que deben seguir os usuarios do Concello sobre cita previa, distancia de seguridade, circulación, etc., e só se permitirá a entrada dun usuario por cada cita, excepto cando sexa estritamente necesario a presenza dun acompañante.
As citas previas concederanse cun mínimo de 15 minutos entre elas ou o suficientemente espazadas no tempo para, na medida do posible, evitar colas.
Durante o horario de atención ao público reservarase para o seu uso exclusivo os baños da planta baixa, e a circulación polas escaleiras e corredores efectuaranse polo lado dereito. Un traballador ou traballadora estará na recepción da Casa Consistorial en horario de atención ao público para axudar a controlar as medidas indicadas anteriormente.
Con respecto á presentación de documentos, establécese a preferencia da presentación telemática de instancias e solicitudes no Rexistro de Entrada, a través da sede electrónica (www.tomino.sedelectronica.gal ).
Por útimo, constituirase unha comisión mixta de seguimento, de composición paritaria, (integrada por representantes da Administración e das organizacións sindicais que ratificaron o presente protocolo) para levar a cabo o seguimento da aplicación das medidas establecidas, así como, se é o caso, trasladar as propostas de revisión que consideren oportunas.
|