|
O Concello reorganiza as súas áreas para optimizar recursos ante unha realidade cambiante
A concelleira Sabela Rodríguez deixa o Goberno para emprender un novo proxecto persoal
Servizos Sociais dependerá directamente de Alcaldía e crearase unha concellería de Voluntariado
O Concello do Rosal reorganiza as súas áreas para optimizar recursos e adaptarse á realidade cambiante que deixou a crise sanitaria pola COVID-19. No pleno celebrado este xoves 28, o primeiro telemático da historia do municipio, a concelleira Sabela Rodríguez anunciaba a súa saída do Goberno municipal para emprender un novo proxecto persoal que a levará fóra de Galicia, unha situación que aproveitará o Concello para facer unha reestruturación das áreas de traballo coa que reforzar a operatividade en diferentes liñas e combater as consecuencias sociais e económicas da pandemia.
Neste sentido, Servizos Sociais pasará a depender directamente de Alcaldía, xa que "a crise sanitaria que trouxo a COVID-19 acentuou a importancia da atención social e deixou a moitos veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade. Consideramos de vital importancia que sexa unha persoa con dedicación exclusiva a que poida levar as rendas dun departamento fundamental", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández, que xa asumiu as competencias de Servizos Sociais dende o inicio do estado de alarma.
Pola súa banda, nesta nova organización a concelleira Sara Vicente asumirá as competencias de Igualdade e de Muller para poder traballar e "abrir novos horizontes" en dúas áreas que tamén son consideradas de importancia capital para o Concello. "Nos momentos nos que estamos a vivir as áreas de Servizos Sociais, Igualdade e Muller teñen que gañar máis peso. A crise sanitaria non só fixo incrementar as emerxencias sociais a atender, senón que tamén desvelou toda a problemática derivada de cuestións como o machismo ou a violencia de xénero e que o confinamento obrigatorio agravou", recorda a alcaldesa. Outro dos cambios afectará á concellería de Cultura, que pasará a mans de Carlos Villanueva.
Emotiva despedida
Sabela Rodríguez quixo agradecer no pleno "a todos os veciños e veciñas do Rosal terme dado a oportunidade de formar parte do Goberno municipal, a todos os membros do pleno polo trato recibido e ao traballo compartido con todo o persoal do Concello. Para min foi unha honra ter formado parte deste equipo de Goberno. E aínda que as circunstancias que vivimos neste momento non permiten unha despedida máis cercana e próxima, quero enviar un abrazo sentido e agarimoso a todos e todas". Mestra xubilada cunha destacada traxectoria no ámbito do ensino, polas mans e polas aulas de Sabela pasaron varias xeracións de rosaleiros e rosaleiras. Por este motivo a Corporación municipal ao completo amosou a súa ledicia polo novo proxecto vital que vai emprender e lle dedicaron unha emotiva despedida a unha persoa que "sempre estará nos nosos corazóns e que sempre será querida como unha rosaleira máis".
Nova incorporación
No lugar de Sabela Rodríguez entrará a formar parte do Goberno municipal Ramón Fernández Leal, un mestre xubilado, con experiencia política e moi comprometido socialmente que asumirá as concellerías de Participación Veciñal e de Voluntariado, de nova creación. Con esta nova incorporación darase un maior peso específico a unha área de gran importancia para O Rosal, que conta cun amplo e activo tecido asociacionista. Ademais, Fernández Leal traballará tamén complementando outras áreas do Concello.
Moi comprometido, "con moito saber estar e escoitar, algo moi importante na política e na vida", Fernández Leal súmase a este proxecto de equipo ao que aportará a súa experiencia e a súa dispoñibilidade para dedicarlle tempo á xestión municipal.
Concello de O Rosal
Arranca o programa formativo para a transformación dixital do comercio do Rosal
Dirixido ao comercio de proximidade para darlle ferramentas coas que mellorar, innovar e reaccionar ante unha realidade cambiante
O comercio na era post-COVID, primeiro obradoiro virtual
Bota a andar o programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local do Rosal, unha iniciativa posta en marcha polo Concello co obxectivo de dar ferramentas ao pequeno comercio para axudalo a innovar e adaptarse a unha realidade cambiante. O programa, totalmente online e de balde, arrancará este xoves 28 co seu primeiro obradoiro virtual, centrado nas claves do comercio na era post-COVID, analizando a situación e comportamento do comercio e dos consumidores durante a crise sanitaria e os posibles escenarios e perfís da clientela ante a nova realidade.
Programa
A primeira fase do programa formativo continuará o vindeiro luns 1 de xuño cun obradoiro sobre o espazo comercial e tendencias de consumo. A partir de aí o contido centrarase na dixitalización a través da xestión de redes sociais e de vendas online con seminarios interactivos sobre como destacar en Google (mércores 3 de xuño), o uso de whatsapp no comercioi (luns 8), a publicidade en redes sociais (mércores 10) e por onde empezar na venda online (luns 15).
"Queremos apoiar ao comercio de proximidade e axudalos a que se reinventen e a que sexan capaces de reaccionar ante unha realidade cada día máis cambiante. Para nós é prioritario darlle ferramentas sinxelas e efectivas coas que poidan chegar á clientela de diferentes xeitos e coas que poidan poñer en marcha novas estratexias de venda", salienta Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.
O plan de formación continuará cunha segunda fase dirixida a un grupo máis reducido de comerciantes comprometidos e con interese en mellorar que contará co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as posibles debilidades cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.
Este programa formativo forma parte do plan de reactivación da economía local que está a desenvolver o Concello do Rosal en todos os ámbitos posibles, dirixíndose tamén a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan tanto o comercio de proximidade como outros sectores.
Concello de O Rosal
O Rosal incorpora 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación
A partir do 1 de xuño cubrirán os postos de oficial albanel (3), oficial electricista (1), recollida de lixo e limpeza viaria (4), condutor/a-operador/a de maquinaria forestal con motor (1) e auxiliar domiciliario (1)
O Concello do Rosal incorporará o vindeiro 1 de xuño aos 10 novos traballadores e traballadoras contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 ao abeiro da liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Estes dez persoas foron as que obtiveron as puntuacións máis altas na baremación de méritos e nas probas prácticas realizadas despois da reanudación do proceso selectivo tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor da crise sanitaria.
Estes novos empregados e empregadas terán contrato a xornada completa por tempo que oscilará entre os seis e os nove meses, dependendo do posto ocupado.
Deste xeito, dende este luns o Concello do Rosal conta con tres novos oficiais albaneis para a revalorización de espazos públicos, un novo oficial electricista e un novo condutor para a brigada de vías e obras. Ademais incorpóranse unha nova auxiliar de axuda no fogar e catro persoas para os postos de peóns de limpeza viaria e de recollida de lixo.
Dende o Concello quérese trasladar o agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas deste proceso selectivo.
Concello de O Rosal
|