|
O BNG VALORA POSITIVAMENTE OS ACORDOS PARA CONTRARRESTAR OS EFECTOS DA CRISE ACADADOS COAS OUTRAS FORZAS POLÍTICAS NO CONCELLO DA GUARDA
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, valora positivamente os acordos acadados no día de hoxe na mesa técnica co resto das formacións políticas da corporación e os técnicos municipais.
Os acordos acadados son os seguintes:
1. Redución do importe das licenzas de apertura para o fomento e creación de novas empresas.
2. Bonificacións das taxas do lixo e auga con criterios que garantan mellor a xustiza social para todas aquelas familias cunha renta percapita inferior ao IPREM (537,48 € mensuais).
3. Dirixirse ao goberno central e galego para que modifiquen a lei e excepcionalmente as administracións locais poidan aplicar a reducción proporcional aos recibos do lixo no periodo de cese de actividade para autónomos e PYMES por causa da pandemia da COVID-19. De non producirse este cambio legal o Concello comprométese a estudar outras medidas que conduzan ao mesmo fin, entre as que se contempla aplicar a redución correspondente no ano 2021 de non ser posibeis por razóns legais no 2020.
O resto de medidas propostas polo BNG serán debatidas no pleno que se celebrará o próximo venres desta semana e inciden tanto na reactivación da economía local coma en melloras nos servizos sociais, medioambientais e de mobilidade e seguridade vial.
Contratación de persoal para o Plan Municipal de Compostaxe na Guarda
Dende o pasado día 15 de maio o Concello da Guarda conta xa cunha mestra composteira. O Concello contratou a unha graduada en Ciencias Ambientais para coordinar o proxecto municipal de compostaxe. As actuacións que se realizarán a curto prazo ao abeiro deste proxecto a son a implantación da compostaxe individual e dun punto verde para tratar en orixe a fracción vexetal xerada no municipio, co obxectivo de avanzar cara sistemas de xestión de residuos máis sostibles.
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 5 e sábado 6 de xuño
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres 5 e sábado 6 de xuño.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 5 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 6 de 10:00h ás 15:00h.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Todas as persoas que desexan doar sangue deberán chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828. O sistema de CITA PREVIA reforza os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e locais de doazón e tentar garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.
A Omix da Guarda oferta novos cursos en formato de teleformación
Dende a OMIX do Concello da Guarda ofertamos dúas propostas formativas adaptadas a esta nova realidade que estamos vivindo, tendo isto en conta tanto na temática como no formato, tratando de facilitar ao máximo o acceso a mesma. Así os dous cursos serán impartidos por teleformación, así dende calquera lugar cun ordenador e conexión a internet, poderás levalos a cabo.
Estas dúas primeiras propostas son:
-Ferramentas dixitais de teletraballo, Ferramentas Google suite.
O principal obxectivo do curso será proporcionar ferramentas para manexar e coñecer as funcionalidades de Google Suite: Gmail, Calendar, Chat, Hangout, cales son e como funcionan? Documentos, follas de cálculo, formularios, presentacións, almacenamento, pizarra dixital, libreta de notas etc.
Esta proposta desenvolverase os días 15 e 17 de xuño de 12 a 13 horas.
- Redes sociais na procura de emprego: profesionaliza o teu perfil
Esta segunda proposta desenvolverase os días 22, 24 e 29 de xuño de 12 a 13 horas
En cada unha das xornadas analizaranse as tres redes sociais que se utilizan ou que teñen máis impacto : Primeira xornada: Coñecer o que me aporta Facebook para o meu perfil profesional: Reputación dixital, ferramentas, contidos, perfil profesional, perfil personal .
Instagram: razóns polas que debes estar, razóns polas que están as empresas en instagram, razóns pola que é a rede que máis crece... e por último Linkedin: como alternativa aos currículums, desenvolver un perfil en Linkedin axeitado,procura de emprego, networking…
Para inscribirse nestas accións formativas ou obter información só terás que poñerte en contacto coa OMIX a través do teléfono 676347890 ou no mail informacion@aguarda.es
Os concellos do Baixo Miño reclaman colaboración da Xunta na xestións das praias
A Guarda a 28 de maio de 2020. Na ultima xuntanza por videoconferencia dos alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño, celebrada o pasado luns día 25 de maio, o tema da apertura das praias foi un dos que ocupou boa parte das intervencións.
Coa entrada na fase 2 da desescalada autorízase a apertura das praias e zonas de baño a vez que se establecen unha serie de recomendacións para o seu uso en condicións de seguridade. No caso do Baixo Miño atópanse praias e zonas de baño de moi diferentes características e todas teñen en común a dificultade na súa xestión. Hai praias marítimas, como a Area Grande, fluviais, como as do esteiro do Miño, a de Eiras ou Goián, e tamén hai zonas de baño como as Aceñas ou a Pesqueira no concello do Rosal.
As diferentes características destas praias e zonas de baño fan que os elementos de risco nelas sexan moi diferentes. Dado que estes varían segundo a extensión da praia, a salubridade das súas augas e incluso o caudal que as zonas de baño teñen en cada caso.
Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño apelan, en calquera caso, a responsabilidade da cidadanía dadas as dificultades para levar a cabo calquera forma de xestión das recomendadas polas distintas administracións. Para todas se necesita, ademais dun importante investimento económico en sinalización, a dotación de persoal suficiente para levar o control das persoas. Neste sentido os concellos decláranse desasistidos pola Xunta de Galicia, dado que o solo feito de sinalizar as praias para dar as recomendacións á poboación resulta moi gravoso e, de momento, non recibiron para este fin, nin para outros relacionados co estado de alarma e de crise sanitaria ningunha partida económica adicional por parte da Xunta.
Tamén resulta chamativo que a estas alturas non se fixo, por parte da Xunta de Galicia, a previsión para a contratación de socorristas para as praias sabendo que serían necesarios unha vez que se permitira o baño, sobre todo, contando co remate da actividade escolar antes de tempo debido as condicións excepcionais deste curso. Por contra, ademais de non ter resolta a subvención que permite a contratación de socorristas, non permiten que os concellos os contraten con cargo a esta subvención. Despois de feitas as consultas, por parte do concello da Guarda, a Xunta informa que no caso de contratar persoal antes de chegar a resolución da subvención pérdese a mesma.
En contraposición por parte dos concellos si se ten traballado para ter habilitados os espazos das praias e zonas de baño. En concreto o concello da Guarda iniciou hai varias semanas as tarefas de adecuación, sobre todo nas praias da fluviais, xa que son as máis extensas e a limpeza realízase con medios manuais por persoal municipal adscrito a este servizo, para o que non se recibe ningunha axuda por parte de Medio Ambiente da Xunta a pesar de ser un entorno natural protexido. En concreto este ano, debido ao mal tempo de inverno, recolléronse máis de 10 toneladas de refugallos depositados sobre os areais.
Os concellos do Baixo Miño solicitan da Xunta de Galicia colaboración na xestión e nos gastos derivados da crise sanitaria por causa do COVID-19 e pídenlle responsabilidade e dilixencia para resolver cuestións das que os concellos se están facendo cargo sen axuda, dada a urxencia da situación.
Frases e cores nas rúas da Guarda
Para conmemorar o día do Libro 2020, entre as actividades realizadas este ano, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda propuxo a través das redes sociais aos seus lectores que enviasen frases ou fragmentos dos seus libros favoritos.
A iniciativa emprazou á cidadanía a que escollesen unha frase ou fragmento que despois foi compartida dende as redes sociais da Biblioteca e esta mesma semana iniciouse a segunda parte desta iniciativa, que consiste no pintado destas frases en varios espazos públicos do municipio, aportando unha maior visibilidade e continuidade no tempo a esta proposta cultural.
A deseñadora local Tamara Baz comezou este luns a pintar as frases e fragmentos que se empregaron no Día do Libro 2020 en 15 espazos distintos da vila, elixindo unha gama de cores e unha tipografía especial para a ocasión e que establece un roteiro urbano que poderán realizar todos aqueles que o desexen.
Entre os lugares elixidos atópanse o Centro Cultural, a Alameda e numerosas prazas coma a Praza do Reló, Avelino Vicente, San Marcos, Santo Tomás, entre outras.
O Concello da Guarda informa sobre temas de interese para a cidadanía na fase dous da desescalada
A Guarda a 26 de maio de 2020. Tanto en Galicia como no resto do estado están mellorando cada día os datos referidos a pandemia provocada polo virus COVID-19. Isto permite ir relaxando as medidas de confinamento provocadas pola crise sanitaria. Así, Galicia entrou na fase 2 da desescalada o pasado luns 25 de maio.
Dada a cantidade de información que se xera a diario en canto as medidas de interese para a cidadanía e a discrecionalidade que deixan algunhas destas medidas ás entidades locais. A nova normativa e a súa interpretación foi tratada na reunión da Comisión de Coordinación do COVID-19 celebrada, como cada luns dende que empezou o estado de alarma, o pasado 25 de maio. Como conclusión dende o concello publícase un resumo daquelas medidas que poden resultar mais interesantes para os veciños e veciñas da Guarda.
En canto ao uso de mascarillas o goberno publicou unha orde o 19 de maio na que comunica que é obrigatorio o uso de mascarillas na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público, sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade interpersonal de dous metros. Están exentos desta obriga os menores de 6 anos e as persoas con algún tipo de dificultade para levar a mascarilla.
Respecto das praias a normativa indica que se poden abrir dende o comezo da fase dous e que serán os concellos os que determinen as condicións específicas en cada caso. O concello da Guarda destaca que o máis importante e a conciencia e responsabilidade individual dos veciños. Deste xeito queda permitido o baño lúdico e deportivo. Na area debe manterse a distancia de seguridade social, dous metros entre persoas e catro metros entre eixes de parasois. Os grupos de persoas serán como máximo de quince e recoméndase non andar descalzos nos accesos as praias. Para publicitar estas medidas o concello poñerá cartelería polas praias e, mentras non dispoña de socorristas, será a policía local a responsable de controlar que se cumpren as medidas de seguridade.
En canto as franxas horarias indicar que se manteñen para as persoas maiores de 70 anos, que poden saír a pasear de 10:00 h a 12:00 h e de 19:00 h a 20:00 h. Os menores de 70 anos poden facer actividade física non profesional en calquera horario exceptuando as franxas reservadas para os maiores.
No mercadiño, durante esta fase, continuarán montándose os postos de produtos agroalimentarios. Os postos de textil e calzado non teñen data prevista, nestes momentos, para retomar a súa actividade.
Respecto das misas e asistencia a lugares de culto permítese sempre que non se supere un 50 % do aforo.
Os establecementos de hostalaría e restauración poden abrir ao público para consumo no local sempre que non supere o 40% do aforo. Nestes locais deberá servirse nas mesas, non está permitido o servizo en barra.
Dende o concello da Guarda queremos salientar que evitar a propagación da pandemia é responsabilidade de todos e cada un de nós, debemos tomar todas as medidas de protección e hixiénicas individuais recomendadas para evitar un agravamento da situación.
O concello da Guarda lanza o marketplace mercanaguarda para impulsar a venda online nos negocios locais
Mercanaguarda.com pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade que desexen vender os seus produtos de forma online, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal. Con esta medida vanse materializando algunhas das accións que o Concello da Guarda ten previsto tomar para favorecer a reactivación económica da localidade.
Ante o peche dos comercios físicos durante o confinamento, gran parte das empresas que ofrecían servizos e produtos tiveron que moverse ao entorno online, o que lles permitiu, grazas á tecnoloxía, seguir xerando ingresos e mantendo así activo o fluxo da actividade comercial.
Concretamente na nosa localidade, e durante a situación de confinamento, puidemos observar como o volume de paquetes que as empresas de transporte levaban aos fogares guardeses experimentaba un aumento de máis alá do dobre con respecto ao habitual, poñendo de manifesto que unha importante parte dese gasto non se quedaría no noso pobo.
A imposibilidade de mercar de xeito presencial provocou que utilizar o carriño da compra a través dun clic se convertera nunha opción globalmente aceptada polos consumidores, provocando incluso que se producira un aumento da media de idade dos compradores e de que moitas persoas que nunca antes fixeran unha compra online probaran a facelo por primeira vez.
As análises sobre comercio electrónico estiman que o precipitado crecemento do e-commerce non decrecerá aínda que se supere a crise do COVID, senón que seguirá afianzándose aínda máis nos próximos meses e anos. Por iso consideramos vital que os negocios da nosa vila sexan quen de dar resposta ás demandas da clientela neste sentido e de adaptarse ás novas tendencias do mercado.
Por todas estas razóns nace www.mercanaguarda.com, un marketplace ou plataforma de venda online que poderá ser utilizada por todos os negocios da localidade que vendan produtos ou servizos. Esta plataforma está deseñada para que tanto compradores como vendedores podan manexala con facilidade.
A diferencia doutras plataformas similares, Mercanaguarda non cobrará comisións por vendas aos negocios, agás as comisións propias da pasarela de pago (xerais para calquera tipo de negocio online), e non existirá límite no número de produtos que cada un dos vendedores poda ofertar. Tampouco existe limitación en canto ao número de negocios que se poden adherir, sempre e cando sexan negocios con sede na localidade.
Os pagos realizaranse a través dunha pasarela de pago e cada negocio deberá ter unha conta propia de Paypal para xestionar os cobros dos pedidos. Cada establecemento contará con varias opcións de envío dispoñibles(Mensaxería, Recollida en tenda ou levando eles mesmos a compra ao domicilio do cliente).
En canto á parte económica comentar que o Concello encargouse de asumir o custo da posta en marcha e levará a cabo labores de difusión da plataforma a través de canles propias, así como cobertura dos gastos iniciais de marketing e posicionamento. Iranse estudiando as necesidades da plataforma pero preténdese que a mesma funcione de forma autoxestionada e sen necesidade da intervención do Concello.
Os vendedores terán que abonar unha única cota inicial de 20€ no momento da formalización da alta e que lles dará acceso ao uso da plataforma durante o primeiro ano, e de 30€/ano durante os posteriores. Estas cotas serán facturadas pola empresa que deseñou a plataforma e cubrirán os gastos da formación inicial na que se amosará aos vendedores como deben utilizar a plataforma, así como os gastos de mantemento da mesma. Considerando que a creación dunha tenda online rondaría dos 800 aos 1500€, e que tamén implicaría gastos de mantemento anual, creemos que esta ferramenta pode dar similares oportunidades aos negocios locais pero a un custo simbólico.
As persoas que desexen adherir os seus negocios á plataforma deberán facelo directamente premendo na pestana "Vendedores" do menú e a continuación "Rexístrate aquí" ou a través do icono de "Mi cuenta". Unha vez recollidos uns primeiros datos recibirán no seu correo electrónico a información para continuar co proceso de alta e no que se convocará a unha sesión de formación inicial para o uso da plataforma.
Calquera dúbida poderá ser enviada a través do mail mercanaguarda@gmail.com
Esperamos que esta iniciativa teña boa acollida entre os negocios locais e poda servir como unha vía máis para aumentar as vendas do noso tecido comercial e hostaleiro.
|