|
O arquitecto César Portela rematou a redacción do anteproxecto de rehabilitación do Teatro Principal
O arquitecto César Portela vén de rematar a redacción do anteproxecto para a rehabilitación do Teatro Principal de Tui. O Concello de Tui encargoulle este cometido como paso previo para coñecer o investimento preciso e comezar a xestionar as posibles vías para acometelo.
César Portela, que nos anos 80 realizara xa un proxecto de rehabilitación inmoble, tivo agora que adaptalo ás novas normativas en vigor tanto en materia de seguridade coma de accesibilidade, e á situación actual do inmoble. Un reto que o arquitecto asumiu tendo en conta o valor histórico, cultural, urbanístico, arquitectónico e simbólico do edificio. A fachada principal manterase conservando a tipoloxía do edificio, e a dimensión, posición e forma do teatro. Na fachada traseira que da ao río aproveitarase esta condición e a súa posición estratéxica para crear unha galería cun balcón sobre o Miño, onde se poderá emprazar un establecemento de restauración. Contémplase tamén que a pequena finca da parte traseira poida empregarse coma terraza.
Con este anteproxecto o Concello de Tui poderá adoptar medidas encamiñadas a garantir que o edificio non se siga degradando, e a recuperar aquelas pezas de interese que poida haber no seu interior. Estas actuacións están xa contempladas no documentos.
O seguinte paso será buscar o financiamento preciso para facer da rehabilitación do Teatro Principal unha realidade, e que o edificio constitúa a súa vez un eixo dinamizador do conxunto histórico de Tui.
O comercio local distribuirá 3.600 máscaras hixiénicas reutilizables elaboradas polo grupo "Bicho fóra"
O Concello doou a tea, o grupo confeccionounas e serán distribuídos polos comercios asociados a ACITUI e EMPRETUI
O comercio local comezará a próxima semana a distribución de 3.600 máscaras hixiénicas reutilizables elaboradas polo grupo "Bicho fóra". Este grupo realizou xa con anterioridade outras 3 mil máscaras.
O Concello de Tui adquiriu o material co que se teñen confeccionado as máscaras. Trátase de tecido de sarga 195-205 gr/m2, de composición 35% algodón e 65% poliéster, lavable a 60º . Ten un acabado hidrófugo cumprindo co test AATCC-193 (repelencia a líquidos) e antibacteriano que cumpre co test UNE EN 14683 (tecidos para máscaras). Posúe unha eficacia de filtración bacteriana superior ao 90% e a respirabilidade en canto a presión diferencial por debaixo de 60 Pa/cm2, soportando 25 lavados. Esta especificación cumpre coa norma UNE 0065:2020, del Ministerio de Sanidad publicada el 15 de abril.
As máscaras, embolsadas de xeito individual e previamente desinfectadas, serán distribuídas nos establecementos asociados a ACITUI e EMPRETUI.
Estes elementos de protección son froito dunha cadea de solidariedade na que o Concello de Tui doou a tea ao grupo de voluntarios e voluntarias Bicho Fóra, que cortaron e confeccionaron as máscaras, e coas asociacións de comerciantes ACITUI E EMPRETUI que as distribuirán entre os seus asociados, e estes a súa vez entre os seus clientes.
Dende o Concello de Tui amósase o agradecemento a todas as persoas implicadas nestes proxecto pola solidariedade amosada e o esforzo realizado.
O CONSORCIO DO LOURO REDACTA O PROXECTO DE REPARACIÓN DO AFUNDIMENTO NA PONTE ROMANA
O Consorcio de Augas do Louro ten adxudicado á empresa Galaicontrol SL os traballos de redacción do proxecto de reparación do afundimento dun treito do Colector Interceptor Xeral de Tui e na estrada de acceso á depuradora de Guillarei, situados no entorno da Ponte Romana.
Durante estes días a empresa ven realizando diversos traballos de campo e tomando mostras mediante sondaxes así como realizando ensaios de penetración no terreo para calcular a capacidade resistente do mesmo.
A vindeira semana realizarase un by-pass do treito de colector afundido para inspeccionar o seu interior mediante unha cámara de vídeo, co obxecto de completar a información necesaria para elaborar un estudo de alternativas de reconstrución.
A alternativa escollida deberá ser consensuada previamente coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, propietaria das instalacións.
Recoméndase transitar pola dereita nas beirarrúas
Ante a crise sanitaria xerada polo COVID-19 e tendo en conta as recomendacións sanitarias dende o concello de Tui recoméndase á veciñanza transitar sempre pola dereita nas beirarrúas, para deste xeito evitar cruzarse con algunha persoa en sentido contrario e mantendo así a distancia de seguridade.
Así o sinala o alcalde, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido esta mañá, no que fai fincapé na importancia do "esforzo de cada un de nos en cumprir todas as recomendacións sanitarias que os expertos están a indicar" para loitar contra esta pandemia.
O rexedor tudense agradece nunha nova ocasión a colaboración da veciñanza, confiando en que estas "recomendacións e medidas a adoptar servirán para superar, entre todos, esta crise sanitaria".
Estes xoves reabre a Biblioteca Municipal para préstamo de libros e lectura en sala
Deberá levarse máscara e preferentemente luvas. Abrirá de luns a venres de 9 a 13 h
O xoves, 14 de maio, teve lugar a reapertura da Biblioteca Pública Municipal de Tui na Área Panorámica. Será só para o servizo de préstamo e lectura en sala das obras previamente solicitadas. O seu horario será de luns a venres de 9 a 13 h.
Os usuarios que se acheguen á Biblioteca deberán levar máscara e preferentemente luvas. No acceso haberá xel hidroalcólico ao seu dispor.
Aquelas persoas que desexen retirar algunha obra en empréstito deberán solicitar o exemplo no correo biblioteca@tui.gal ou no whatsapp 617 498 103, e serán informados cando poden realizar a súa retirada co correspondente carné da biblioteca.
Continua prorrogado o prazo de empréstito dos libros até o final de Estado de Alarma, de tal xeito que aqueles usuarios tiñan un libro cuxo data de vencemento era a partir do 13 de marzo está prorrogado este prazo. Aqueles que tiñan un libro cuxo prazo vencía anteriormente deberán avisar ao bibliotecario no momento da súa devolución para retirar a sanción, xa que neses casos non se puido prorrogar o prazo de xeito automático.
No referido á lectura en sala disporanse postos de lectura individual e as obras serán solicitadas ao bibliotecario.
Tras o seu uso os libros, tanto de consulta coma de empréstito, serán sometidos a unha corentena de 14 días.
Os Servizos Sociais municipais coordinan a atención ás persoas vulnerables durante o estado de alarma
Contan co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil
Detectar e prestar atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, facilitar material de protección e coordinar a atención foron tres dos eixos sobre os que xirou o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios ao longo das últimas semanas coa crise do Coronavirus. Este departamento municipal mantivo o traballo dende a casa do concello contando co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil.
O servizo reforzouse nas últimas semana coa contratación dunha terceira traballadora social.
Coa declaración do Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo, dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui púxose en marcha un procedemento de coordinación co Centro de Saúde, a través da traballadora social, as residencias de maiores, o Centro Sociocomunitario e outras entidades prestadoras de servizos socias para detectar e poder prestar atención ás persoas vulnerables ante a nova situación derivada da COVID19.
Do mesmo xeito estableceuse un sistema de coordinación do Servizo de Axuda no Fogar, o programa Cultiva a túa Mente que se realiza xunto con AFAGA e ARI.
Coas tres residencias que hai na cidade, San Telmo, Paz e Ben e Doroteas, levouse a cabo unha estreita colaboración proporcionándolles material de protección coma xel hidroalcólico, mascarillas, batas, buzos, gorros, e realizando semanalmente desinfeccións.
Do mesmo xeito facilitáronse mascarillas e batas ás traballadoras dos dous servizos de axuda no fogar, SAF, que hai no municipio, un deles de xestión municipal e outro de xestión privada. Neste estado de alarma rexistrouse a alta de dous usuarios no SAF para servizos de 20 horas para a adquisición de alimentos e acompañamento, e está en proceso unha nova alta. Tamén de forma temporal rexistráronse algunha baixas debido á permanencia no domicilio dos coidadores habituais ou para previr contaxios.
Por outra parte habilitouse un programa de vivenda, a través dun convenio de colaboración cun albergue local, para dar atención ás persoas sen teito que nese momento había na cidade, ou que debido ao peche das fronteiras se viron inmobilizados en Tui. Catro persoas permanecen neste programa.
|