|
O Rosal continúa coa desinfección de rúas nos barrios e no núcleo urbano
Este operativo de limpeza estase levando a cabo grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal e da empresa tomiñesa Terrastar
En pleno proceso de desescalada, con cada día máis xente saíndo ás rúas, o Concello do Rosal considera de vital importancia continuar co operativo de limpeza encargado dos traballos de desinfección establecidos dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Deste xeito, como se ven facendo desde hai semanas, estanse a desinfectar as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas (farmacias, centro de saúde...) e mobiliario urbano ou elementos considerados sensibles tanto nos diferentes barrios como no núcleo urbano do municipio.
Este operativo de limpeza púxose en marcha grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que dende o primeiro momento achegan tanto a maquinaria como operarios propios para conducir o tractor con cisterna e mangueira de baldeo polas diferentes rúas do Rosal mentres que un operario municipal se encarga de manexar a mangueira e realizar os labores de desinfección. Un labor no que colabora tamén de forma desinteresada a empresa tomiñesa Terrastar, que doa os líquidos necesarios para levar a cabo a correcta desinfección.
O Concello do Rosal quere agradecer a solidariedade amosada polas adegas do municipio e por Terrastar e a súa colaboración nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas como medida de prevención da crise sanitaria que se está a vivir. Este agradecemento faise extensivo tamén aos operarios municipais encargados da limpeza, que están a facer un grande esforzo dende o inicio da alerta sanitaria para garantir a seguridade da veciñanza e minimizar riscos de contaxios.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal formará ao comercio local para adaptarse a unha realidade cambiante
Pon en marcha un programa online de transformación estratéxica e dixital dirixido a negocios de proximidade con "ferramentas útiles para o seu día a día"
O Concello do Rosal segue apostando polo comercio local como un dos eixos fundamentais para o desenvolvemento do propio municipio e está valorando todas as posibilidades dentro do seu ámbito competencial para axudalo a mellorar, a innovar e reaccionar ante a nova realidade que se está a vivir. Por este motivo, o Concello porá este mes en marcha un programa de formación dirixido ao pequeno comercio para a súa transformación estratéxica e dixital, a través do que lles proporcionarán ferramentas non soamente para sumar no complicado momento actual senón tamén de cara ao futuro.
"A formación é moi importante para axudarlles a innovar, a reinventarse e a ser capaces de reaccionar ante calquera situación, máis diante da realidade tan cambiante que se está a vivir nestes tempos", asegura a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. Durante unha reunión mantida este mércores 13 con membros da Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR), a rexidora explicou que dende o Concello considérase prioritario dotar ao pequeno comercio de medidas útiles que "poidan empregar no seu traballo cotiá, que poidan autoxestionar de xeito sinxelo" e que promovan a transformación estratéxica e dixital das empresas aumentando conciencia, formación, asesoramento e apoio.
O programa de formación, aberto a todos os e as comerciantes do Rosal, arrancará previsiblemente a finais do mes de maio. Todas as persoas interesadas en participar deben poñerse en contacto coa asociación de comerciantes ou co Concello a través do enderezo electrónico aedl@concellodorosal.es.
Obradoiros grupais e titorías personalizadas
O programa de formación levarase a cabo en dúas fases e de xeito online. Durante a primeira fase realizaranse seis obradoiros formativos grupais online a través de videoconferencias impartidas por expertos ás que os comerciantes poderán asistir dende o seus domicilios ou negocios. Serán obradoiros interactivos sobre a situación do comercio e o comportamento dos consumidores ante a crise do COVID-19, sobre a xestión das redes sociais e sobre a venda online. Aínda que no comercio local a atención presencial seguirá tendo un enorme peso, a nova realidade vai dar á venta online un papel fundamental que pode beneficiar tamén ao pequeno comercio, abrindo novas formas de chegar aos seus clientes.
A segunda fase consistirá en titorías individuais cun máximo de 10 comercios seleccionados segundo criterios obxectivos nas que o comerciante contará co apoio dun experto para reorientar o seu negocio, potencias as súas fortalezas, e buscar solucións para a súas feblezas.
Reactivación económica
Dende o Goberno local quérese agradecer a ACOR a boa acollida deste programa de formación e lembra que está tanto á súa disposición como da de todos as e os comerciantes para seguir colaborando a prol do futuro do comercio local. Neste sentido, o Concello está a traballar xa con este plan de reactivación municipal en todos os ámbitos posibles e dirixíndose a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan o pequeno comercio e outros sectores do Rosal.
Concello de O Rosal
Aberto o prazo de solicitude de praza no CRA María Zambrano e no CPI Manuel Suárez Marquier
Na Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal está prevista a apertura do procedemento a partir do vindeiro 18 de maio
Coincidindo coa Fase 1 da desescalada, os centros de ensino do Rosal comezan a reanudar os procesos de solicitude de novas prazas para nenos e nenas que entren en 3 anos ou do resto de cursos de infantil, primaria e secundaria que queiran cambiar de centro educativo. Así, o CRA María Zambrano e o CPI Manuel Suárez Marquier teñen xa aberto ata o luns 18 de maio o prazo de solicitude de admisión de alumnado novo nos centros, mentres que a escola infantil Galiña Azul prevé iniciar a apertura do procedemento aínda a vindeira semana.
O alumnado que xa está matriculado en calquera destes centros non necesita facer solicitude, xa que a renovación da matrícula é automática.
CRA María Zambrano
Os pais e nais interesados en solicitar praza no CRA María Zambrano poden achegarse á sede do centro en Pías para presentar a documentación ata o vindeiro luns 18 de 10.00 a 13.00 horas sen cita previa. O documento de solicitude de praza pode descargarse no apartado de 'Matriculación' da páxina web do centro, onde tamén aparecen as modalidades de presentación e a documentación que se debe de achegar.
A lista provisional de admitidos publicarase antes do día 26 de maio e as listas definitivas antes do 26 de xuño. As publicacións estarán no taboleiro da sede do CRA.
CPI Manuel Suárez Marquier
O prazo de solicitude de admisión de alumnado novo no CPI será tamén do 11 ao 18 de maio pero, para evitar aglomeracións, os pais e nais deben acudir ao centro con cita previa. Para solicitala deben chamar ao 886 12 03 85.
O centro ten na súa páxina web o impreso de solicitude, así como toda a información necesaria para solicitar a praza de tres formas distintas: cubrindo a solicitude informaticamente e presentala asinada de xeito manual no centro, cubrir a solicitude informaticamente e asinala en Sede Electrónica ou cubrir a solicitude de xeito manual e presentala de forma presencial no centro.
Dende o centro pregan a todas as persoas que acudan a presentar as solicitudes que empreguen mascarilla e que respecten as distancias mínimas se hai cola. Ademais, recomendan que só vaia unha persoa a facer o trámite e que non vaian nenos e nenas.
Escola infantil A Galiña Azul
Pola súa banda, a escola infantil A Galiña Azul ten prevista a apertura do procedemento de adxudicación de prazas para o vindeiro curso 2020/21 a partires do vindeiro luns 18 de maio. Abriranse as instalacións da escola para que as persoas interesadas en solicitar praza poidan realizar os trámites administrativos e entregar toda a documentación. Será por cita previa e fomentarase a presentación de solicitudes por vía telemática.
Concello de O Rosal
A Biblioteca do Rosal reabre as súas portas para o préstamo de libros
Non estará aínda permitido o estudo en sala nin o uso de ordenadores
A Biblioteca Pública do Rosal reabre este mércores 13 de maio as súas portas para o préstamo de libros. Os usuarios e usuarias poderán así devolver os exemplares collidos no mes de febreiro e marzo e levar de novo á súa casa un máximo de 2 libros por persoa, dado que as medidas de reapertura marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polo público. O horario de apertura será o habitual ata o de agora: luns de 15.30 a 20.30 horas e de martes a venres de 16.00 a 20.30 horas.
Todas as persoas interesadas en facer uso da Biblioteca terán que cumprir os protocolos de precaución establecidos. Habilitarase soamente unha entrada, que será pola porta lateral, e non se poderá buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada. Os usuarios e usuarias deberán pedir título concreto ou xénero ao persoal da Biblioteca. Na plataforma da biblioteca poderán consultarse a dispoñibilidade dos distintos títulos.
Nesta fase de reapertura non estará permitido o préstamo interbibliotecario, así como tampouco o estudo en sala nin o uso de ordenadores, e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas ao público. Ademais, todos os menores de 11 anos deberán ir acompañados sempre dunha persoa adulta.
Será obrigatoria a desinfección das mans á entrada das instalacións co xel hidroalcohólico que se porá a disposición dos usuarios e usuarias na porta e respectar as distancias mínimas de seguridade. Ademais, recoméndase o uso de mascarilla e extremar todas as medidas de prevención durante a posible espera ou a entrada nas instalacións.
Concello de O Rosal
Reanúdase o proceso selectivo para a contratación de 10 persoas ao abeiro do Plan Concellos
Tras os tres días establecidos para a subsanación de excluídos, publicarase a lista de admitidos, baremaranse os méritos e faranse as probas selectivas
Tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor do estado de alarma para xestionar a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, este luns 11 de maio reanúdase o proceso selectivo para a contratación de 10 traballadores ou traballadoras ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O proceso selectivo retomarase co establecemento de tres días hábiles para a subsanación outorgada ao candidato excluído, a mesma fase na que se tivo que suspender o procedemento.
Rematado o prazo de subsanación publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas no proceso, o tribunal e as datas de baremación de méritos. O último paso do proceso será a celebración de diferentes probas selectivas.
Todo o proceso levarase a cabo durante o mes de maio, coa previsión de que as persoas que finalmente pasen o proceso selectivo comecen a traballar o próximo 1 de xuño de 2020. Todas as contratacións serán a xornada completa e terán unha duración que oscilará entre os seis e os nove meses dependendo do posto ocupado.
Estas 10 contratacións fanse ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020, destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. En total serán 3 persoas para o posto de oficial albanel, unha persoa para o de oficial electricista, outras catro persoas que se dedicarán á recollida de lixo e limpeza viaria, unha persoa para condutor/a-operario/a de maquinaria forestal con motor en xeral e outra persoa para a ocupación de auxiliar domiciliario.
Concello de O Rosal
|