JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O BNG presenta novas medidas para unha saída social na Guarda a crise provocada pola COVID19

O BNG da Guarda a través do seu portavoz municipal, Anxo Baz, vén de facer pública unha iniciativa de novas medidas económicas e sociais para a saída da crise provocada pola COVID19.

O BNG xa presentou no pleno do día 5 deste mes unha serie de medidas urxentes para combater a crise social e económica provocada pola COVID19, aberta a amplialas coas achegas do resto da corporación, procurando o máximo consenso. Neste pleno acordouse a convocatoria dunha mesa técnica para abordar estas medidas.

O portavoz do BNG afirma "que medidas como a bonificación nos recibos do lixo e a auga para comercios e hostalaría afectada polo cese de actividade así como para as familias que teñan unha renda per cápita inferior ao IPREM (537,48 €/mensuais), a redución do importe das licenzas de apertura para o fomento e creación de novas empresas ou o incremento da partida de Emerxencia Social por citar só algunha das medidas, deben ser tratadas urxentemente. Por eso instamos ao alcalde, que convoque a mesa técnica acordada para avanzar nestas e noutras medidas o antes posibel".

Anxo Baz presenta "estas medidas urxentes que deben ir acompañadas de outras de maior calado nas que interveña a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado. A crise que se aveciña vai esixir levar adiante proxectos de futuro para promocionar e dinamizar a economía do noso concello. Nesa liña consideramos que transformar a praza de abastos nun mercado de excelencia é prioritario para garantir o seu futuro e para crear dinámicas locais que favorezan o comercio de proximidade e xeren emprego".

O voceiro nacionalista tamén incidiu en que " O Concello da Guarda debe integrarse na rede de Concellos polo Espazo Público que promove a Deputación de Pontevedra o que propiciaría facer unha vila máis sostibel e humana. A distancia física recomendada polas autoridades sanitarias, fai máis necesario que nunca contar con espazos en rúas e prazas que permitan realizar actividades de esparcemento e desprazamentos a pé con seguridade. Nesta nova situación a prioridade peonil debe ser un obxectivo básico en todas as rúas nas que sexa posíbel".

BNG de A Guarda


A Mesa Local de Comercio da Guarda reúnese en sesión extraordinaria e cunha orde do día centrada nas medidas tomadas polo Concello para o sector

O xoves 14 de maio tivo lugar unha sesión extraordinaria da Mesa Local de Comercio, na que ademais do Alcalde e as Concelleiras de Facenda e Desenvolvemento Local, participaron os/as representantes das catro asociacións vinculadas a este sector, a Asociación de Consumidores Aldraman, así como os/as portavoces do resto de grupos políticos.

Durante esta sesión deuse conta de todas as medidas económicas e de dinamización comercial adoptadas polo Concello desde o inicio da pandemia ata agora, e entre as que se inclúen retrasos ou exoneración de taxas municipais para negocios, aceleración de pagos a provedores/as, difusión durante o confinamento dos establecementos comerciais con servizo de entrega a domicilio e dos establecementos de hostalaría abertos durante a desescalada, ou campañas de sensibilización para o consumo local, entre outras.

Unha das medidas que máis curiosidade provocou nos/as asistentes foi a da creación do "market place" da Guarda no que calquera comercio, praceiro/a, restaurante ou autónomo/a do sector primario, poderá vender os seus produtos online, tanto a nivel local, como no resto de España e Portugal.

O Alcalde Antonio Lomba aproveitou o punto número dous da orde do día para facer unha mención especial e expresar o seu agradecemento a todas as empresas que, desde o primeiro momento, achegaron a súa colaboración desinteresada doando todo tipo de material de protección ou elaborando mascarillas de tea. Pola súa parte, o Concello puxo a disposición da cidadanía aquel material do que se ía dispoñendo ou se fabricaba en cada momento, dada a dificultade que tiveron tanto empresas como particulares durante o confinamento para conseguir mascarillas, luvas, xel ou pantallas.

Por último abordouse o punto máis importante da sesión: a intención por parte do Concello de elaborar un plan de dinamización económica axustado ás nosas particularidades, e para o que se contratará unha empresa consultora con experiencia no asesoramento a entidades locais e no deseño deste tipo de medidas. Neste momento estanse valorando as ofertas e propostas de tres empresas que ofrecen este tipo de servizos e a mediados da semana que ven tomarase a decisión de cal se considera a máis axeitada para levar a cabo esta importante misión.

A Concelleira de Desenvolvemento Local Fátima Rodríguez destacou que a única vía para saír adiante será traballar unidas e unidos, e asegura que desde o equipo de goberno existe o firme compromiso de que cada evento, actividade e iniciativa teñan como principal obxectivo a reactivación, e polo tanto acaben revertendo economicamente nos negocios locais.

Tamén neste punto a Concelleira de Facenda Montserrat Magallanes destacou que se traballará neste plan de xeito colaborativo tanto co comercio, a hostalaría ou o turismo, pero sen esquecer a outro tipo de empresas da localidade como poderían ser aquelas do sector da pesca, e que resultan vitais para o pobo.

Para rematar a sesión abriuse unha rolda de preguntas na que o Alcalde a as dúas edís responderon a todas aquelas cuestións relacionadas cos temas abordados durante a mañá, e o Alcalde finalizou cunha metáfora a modo de reflexión defendendo que o Concello non ten a obriga de dar o pan feito ás empresas, pero facilitará os ingredientes e a maquinaria para que elas sexan quen de elaboralo por si mesmas.

Concello de A Guarda


Aberto o prazo para reserva de prazas no Conservatorio Municipal de Música da Guarda

Nestes intres está aberto o prazo de reserva de praza para os alumnos e alumnas de novo ingreso no Conservatorio Municipal de Música da Guarda de cara ao vindeiro curso 2020-2021.

Todos os interesados poden realizar a súa reserva a través da web do conservatorio http://www.edu.xunta.gal/centros/cmuselementalaguarda/

Se che gusta a música e estás interesado/a en tocar un instrumento, estudar música, coñecer novos compañeir@s, non dubides e fai xa a túa reserva.

A Concelleira delegada do Conservatorio, María Elena Baz destaca o esforzo realizado dende o Concello para o mantemento do Conservatorio, ampliando a oferta de servizos, engadindo que "apostar pola música é apostar por un bo futuro para os rapaces e rapazas, inculcando valores positivos coma o traballo en equipo, a responsabilidade, a disciplina, entre outros", animando a todos/as interesados/as a reservar a súa praza.

Concello de A Guarda


O alcalde da Guarda solicita ao programa "El Hormiguero" que rectifique a súa descrición das Festas do Monte Santa Trega

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de remitir unha carta á dirección do programa "El Hormiguero" de Antena 3 despois do malestar e disconformidade postos de manifesto na emisión do pasado martes día 12 de maio de 2020, onde o colaborador habitual do programa "Marron", fixo unas declaracións sobre as Festas do Monte Santa Trega que en nada exemplifican a esencia das festas, identificando erroneamente as arraigadas tradicións das mesmas.

Dende o consistorio se entende e defende a liberdade de expresión, pero non é certo que a explicación de Marron en antena represente á festa máis importante da vila da Guarda e da comarca, unha festa centenaria que está declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, e non precisamente polo que "Marron" destacou coma tradicións.

Tal e como manifestou o edil, as Festas do Monte Santa Trega son unha romaría popular que se celebra dende fai 108 anos, dende que "La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla" organizara a primeira merenda na cima do Monte Santa Trega e, aínda que nas súas primeiras edicións tiñan só un carácter familiar e relixioso, pronto gañaron unha gran popularidade na comarca do Baixo Miño e resto de Galicia, inclusive nestes intres, a nivel Nacional.

Antonio Lomba quixo destacar na misiva que, o carácter desta Festa, ao son da percusión das 20 Bandas Mariñeiras, das cales a mais veterana ten xa 53 anos, é familiar e fraternal. Na cima do Monte Santa Trega (Declarado Monumento Histórico Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural no ano 1931), veciños, familiares e coñecidos, reivindican o seu pasado castrexo e orgullo guardés de nacemento ou adopción. Así, estas festas son compartidas por todos os asistentes, dende os nonatos (que senten o sons e a percusión nas barrigas das súas nais) ata os centenarios. "É a festa de tod@s", indicou Lomba.

Tal e como todo o pobo da Guarda coñece, a celebración comeza á primeira hora da mañá coa Subida ao Monte, cada un coa súa banda ou o seu grupo de amigos e familiares, coa alegría de todos os romeiros, tocando bombos, caixas e gaitas o "toque" representativo de cada banda ao son da música tradicional. Celebrase despois un "xantar popular" onde as familias guardesas comparten marisco, empanada, rosca de xema e demais viandas típicas da nosa gastronomía. Durante a tarde, os romeiros tocan e danzan incansablemente e se procede á "Xura" coa que se promete e pide volver o ano seguinte e onde se ten un recordo para os que xa non están. É certo que dita xura realízase con garrafóns de viño tinto, pero se fai de maneira organizada e controlada por cada banda e convidando aos foráneos a participar tamén nela.

Xa á tardiña os romeiros baixan de novo cara á vila, despois de pasar un día que é a nosa sinal de identidade e á que se aferran cada ano todos os guardeses para poder volver a repetir ao seguinte ano. Moitos Baixomiñotos que están fora, regresan á localidade para celebrala.

O alcalde da Guarda insistiu en que non se pode permitir que se fale das Festas do Monte Santa Trega coas palabras que falou "Marron" e por iso solicitase dende o consistorio local que se faga unha corrección de carácter público, xa que, coa súa descrición, poido crearse unha imaxe que non é a que corresponde ao carácter destas Festas, e que está a causar un malestar enorme na comunidade guardesa.

As Festas do Monte Santa Trega son un símbolo da tradición e do Patrimonio Inmaterial das xentes da Comarca do Baixo Miño, e tamén un sentimento de fraternidade profundo que se leva por dentro, esa é a verdadeira simboloxía das Festas do Monte e así quere o pobo da Guarda que continúe a ser.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda establece un plan de actuación para retomar a atención presencial dos servizos municipais no contexto do covid 19

" O concello da Guarda primará o teletraballo nos servizos administrativos, a través da sede electrónica, vía telefónica e por correo electrónico. A atención presencial farase con cita previa para continuar mantendo a distancia social como medida de prevención.

O martes, 12 de maio, reuníronse no salón de plenos do concello da Guarda a Mesa de Negociación para dar traslado dos traballos que se están realizando por parte do equipo de goberno dende o inicio do estado de alarma, o 14 de marzo, e tamén da elaboración de protocolos previos á reapertura de determinados servizos. Esta semana procedeuse a atender, con cita previa, na Biblioteca Municipal, no Punto Limpo, así como na Casa do Concello.

Nesta reunión, o alcalde, Antonio Lomba, trasladou aos membros do comité de empresa e aos representantes dos sindicatos a elaboración dun protocolo de servizos administrativos, elaborado por funcionarios municipais, documento que se remitiu aos traballadores e que está aberto ás modificacións que sexan necesarias para adaptarse á situación cambiante que xera o coronavirus. Neste documento se establece como forma de traballo preferente o teletraballo, que foi a fórmula que se adoptou dende o inicio de estado de alarma por parte dos servizos administrativos do concello, facéndoo compatible co necesario traballo presencial, para atender as necesidades dos veciños da localidade, a través de cita previa para evitar o risco de contaxio. Hai que sinalar que outros departamentos do concello, considerados esenciais, están traballando de xeito presencial dende o inicio do estado de alarma, tales como servizos sociais, policía local, Ges, persoal de servizos de recollida de lixo, limpeza viaria e vías e obras.

Tamén se informou da elaboración dun protocolo para a implantación de medidas preventivas nos diferentes edificios ou lugares onde se reinicia a actividade, a este protocolo guía se irán incorporando, como anexos, protocolos específicos como o do albergue, biblioteca ou oficina de turismo, entre outros. Para esta adecuación o concello da Guarda ten establecido unha liñas de actuación para posibilitar a distancia social de 2 metros. Procedeuse a compra de mamparas, determináronse uns itinerarios de seguridade, reforzouse a limpeza e desinfección non inmobles e colocáronse dispensadores de hidroxel, entre outras medidas.

A resposta da cidadanía a este retorno está sendo moi positiva, facendo uso maioritario da atención telefónica e con cita previa, posibilitando que non se produzan acumulación de persoas, nin colas de espera e permitindo unha atención adecuada do servizo.

Concello de A Guarda


A Guarda conmemora as Letras Galegas cun tendal de Poemas

Achégase a conmemoración das Letras Galegas e para celebralo nesta ocasión a Concellería de Cultura propón unha iniciativa na que pretende que toda a veciñanza comparta e divulgue os versos e poemas escritos na nosa lingua.

A proposta "Tendal de Poemas" empraza ós veciños da Guarda, especialmente ás familias con nenos, a que escollan un poema en lingua galega e o escriban sobre un lenzo de tea, acompañando dunha bonita decoración ó gusto. O material a utilizar pode ser unha prenda de roupa vella (camiseta) ou anaco de tea (saba, mantel...) ó que lle demos forma de prenda de roupa. Tamén se poden conseguir siluetas xa listas para decorar nas librerías da vila: Cervantes, Ler ou Ideas.

Os traballos poderán ser colocados polos participantes no tendal que se disporá na contorna do Auditorio de San Benito a partir do xoves 14 de maio, ou se pode contactar coa concellería de cultura a través de cultura@aguarda.es e o colocaría o persoal municipal. Os traballos permanecerán ata final de mes, se a climatoloxía o permite.

Podes ampliar a información nas Bases ou contactar con cultura@aguarda.es ou no teléfono 98661000 ext.5 para calquera dúbida.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda solicita a Portos de Galicia e Costas do Estado a anulación da taxa de terrazas do ano 2020

O concello da Guarda aprobou, no pleno extraordinario celebrado o 5 de maio, unha modificación da ordenanza fiscal de ocupación por terrazas. A nova redacción conleva a anulación da taxa por mesas e cadeiras en solo de competencia municipal. Trátase de tomar unha medida económica que non grave, durante este ano 2020, aos bares e restaurantes coa taxa de terrazas.

Diante da situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia orixinada polo virus COVID-19 que está a provocar graves prexuízos para a economía, o concello da Guarda está tomando unha serie de medidas para favorecer a recuperación económica, entres elas está a anulación da taxa de terrazas.

Ademais o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, adquiriu o compromiso de ampliar a superficie das terrazas de competencia municipal alí onde fora posible, recurrindo incluso a peonalización dalgunhas rúas se houbera demanda por parte dos establecementos.

Dado que dun bo número de terrazas atópanse en solo de competencia de Portos de Galicia e algunha de Costas do Estado, o alcalde dirixiu sendos escritos ás dúas administracións solicitando que de forma excepcional, durante o ano 2020, adopten as mesmas medidas que xa tomou o concello. En aras de facilitar a recuperación do sector da restauración, un dos máis castigados pola crise.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais