|
Tui pon en marcha unha plataforma de venda on line para o comercio local
Esta proposta consensuada por toda a corporación municipal forma parte do Plan de Reactivación Económica
O Concello de Tui ultima posta en marcha dunha plataforma de venda on line para o comercio que reúna nunha mesma tenda dixital todos os produtos que ofrecen os establecementos locais. Trátase dunha das medidas acordadas pola corporación municipal dentro do Plan de Reactivación Económica para apoiar ao comercio local e contribuír a paliar os efectos provocados pola crise da COVID-19. O concello de Tui financia e pon en marcha esta nova ferramenta coa que adaptarse aos novos tempos e aos novos hábitos de consumo e apostado pola profesionalización e a competitividade.
Trátase dunha aposta pola dixitalización nun novo escenario no que debido á pandemia do coronavirus se produciron cambios nos hábitos de compra dos consumidores. Con esta nova plataforma o produto local estará a un clic do consumidor que recibirá no seu domicilio a compra que poderá realizar dende unha mesma plataforma independentemente do tipo de produto ou comercio que o teña a disposición.
Entre as características deste servizo web está o seu carácter local e social.
A Plataforma terá un mercado carácter local dunha banda porque serán os comercios tudenses os que a integren, e porque está desenvolvida por un emprededor local. Esta aplicación de venda online integrada polos establecementos tudenses prestará servizo a nivel local, pero en función da demanda poderá chegar a enviar os produtos a calquera punto do territorio nacional ou internacional.
O carácter social vén dado pola aportación que se realizará a causas sociais, destinando a este fin unha pequena parte das vendas xeradas, o que se traducirá nunha economía circular. Mensualmente se informará das aportacións realizadas e das causas cubertas.
A través deste novo espazo comercial virtual un cliente poderá mercar a través do móbil, a tablet ou o ordenador, produtos de alimentación, roupa, menaxe, ferretería… e recibilos nun mesmo envío ou en varios en función da disponibilidade do produto nese momento. Para a entrega a domicilio porase en marcha un sistema de loxística local que prestará o servizo. O pago realizarase, a través dun sistema seguro, na mesma plataforma.
Proximamente darase a coñecer o sistema para que os establecementos interesados en formar parte desta plataforma de venda on line soliciten a súa alta no mesmo.
O luns reabre o punto limpo con cita previa
Tamén se reanuda a recollida de voluminosos
O próximo luns reabrirá o Punto Limpo do Concello de Tui situado en Guillarei. Será con cita previa que se debe solicitar no 629 70 64 36 de luns a venres de 9 a 14h.
A persoa que acuda, coa cita previa ao Punto Limpo, debe depositar os residuos no lugar correspondente, e aconséllase acudir con mascarilla.
Tamén se pon en marcha de novo o servizo de recollida de voluminosos que se pode solicitar no mesmo número de teléfono 629 70 64 36.
Tui permitirá ampliar terrazas e anula a taxa de ocupación
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro anunciou no día de hoxe ao sector hostaleiro e de restauración do municipio a exención das taxas das terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria. Esta decisión foi acadada no seo da corporación municipal. Esta medida acompañarase ademais, da posibilidade de ampliar os espazos ocupados polas terrazas para facilitar así o cumprimento das recomendacións de distancias entre mesas e evitar a redución da capacidade na medida do posible.
Coa finalidade de facilitar ao máximo o procedemento de adhesión a esta medida por parte dos hostaleiros interesados, o Concello simplificará os trámites administrativos e só se deberán tramitar as peticións mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática (comercio@tui.gal) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.
Por outra banda e coa finalidade de habilitar o maior espazo público posible o Goberno Municipal está axilizando a peonalización de diferentes rúas que permitan a convivencia da actividade comercial da cidade e un maior espazo público para o goce dos veciños e visitantes. En canto as condicións meteorolóxicas o permita comezarase polo Paseo da Corredoira.
A partir do próximo luns 11 de maio, no caso de entrar na Fase 1 da desescalada, os establecementos hostaleiros poderán atender aos seus clientes unicamente nas terrazas e co 50% da súa capacidade habitual, para garantir o distanciamento entre mesas. Neste senso o alcalde facía un chamamento á "responsabilidade de todos" en canto a que "un retroceso ocasionaría un importante prexuízo na imaxe de seguridade que hoxe ofrece a nosa cidade".
O goberno municipal entende que a hostalaría, xunto co comercio, serán os sectores máis golpeados tras case dous meses de paralización da actividade económica. Coa exención da taxa das terrazas e a ampliación do espazo das mesmas preténdese facilitar a recuperación da actividade no sector hostaleiro.
Esta medida únese as xa adoptadas e enmárcase dentro Plan de Reactivación local no que está a traballar o Equipo de Goberno e que incluirá novas medidas que contribuirán a paliar os efectos da crise económica e sanitaria no tecido empresarial local.
A modificación de Ordenanza de Emerxencia Social permite establecer axudas económicas directas
Foi aprobada en pleno extraordinario e hoxe vén publicada no BOPPO
Debido a necesidade detectada durante o estado de alarma de poder axudar ás familias cunha achega económica directa para a compra de alimentos procedeuse á modificación da Ordenanza Municipal de Axudas de Emerxencia Social. Tras ser aprobada no pleno extraordinario celebrado o pasado 16 de abril hoxe vén publicada no BOPPO a modificación desta ordenanza.
O obxectivo desta modificación dos artigos 13, 14, 16 e 17 é ampliar e mellorar o pagamento das axudas ás familias. Con este cambio posibilítase o pagamento das axudas concedidas de formas directa mediante transferencia bancaria. Deste xeito as familias poderán mercar os seus alimentos directamente. Están xa en trámite inicial un total de dez solicitudes presentadas até o de agora.
Están accesibles na web municipal os impresos de solicitude xunto coa documentación requirida.
Estas axudas darán cobertura de necesidades básicas de carácter xeral: alimentos, vestido, … e gastos sanitarios e sociosantarios de carácter urxente. Tamén poden ser destinadas á fianza e aluguer de vivenda, subministros, equipamento básico ou aloxamento urxente.
Durante o Estado de Alarma dende o Concello de Tui tense atendido a 50 familias en situación de vulnerabilidade coa achega de alimentos básicos e produtos de limpeza e hixiene persoal. Segundo as estimacións realizadas esta cifra podería nas próximas meses ás 200 familias.
Servizo de compra de alimentos e entrega de comida preparada a persoas vulnerables
Debido á crise do COVID19 dende o inicio do Estado de Alarma púxose en marcha un servizo de compra de alimentos para persoas maiores que viven soas. Este servizo comezou a prestarse a cinco persoas, continuando na actualidade con catro, xa que unha delas se incorporou ao Servizo de Axuda no Fogar. Cómpre salientar que dende os Servizos Sociais contactouse con outras persoas que viven soas para ofrecerlles a axuda, pero non a non a precisaron xa que familiares ou veciños se encargan de realizarlles a compra.
Tamén dende o primeiro momento estableceuse contacto cun restaurante de Tui para que prestara o servizo de preparación de comida e entrega a domicilio. Esta opción foi prestada tanto ás persoas maiores que xa habitualmente acudían a este establecemento, coma a aquelas outras que a raíz da crise sanitaria o demandaron.
Nos primeiros días prestouse o servizo de adquisición da medicación que as persoas que viven soas puideran precisar, para que non saísen da casa, pero en pouco días as oito farmacias de Tui organizaron un sistema de reparto do medicamentos a domicilio ás persoas maiores que así o precisaban.
Para levar a cabo este labor os Servizos Sociais Comunitarios contan co apoio continuado da Policía Local e de Protección Civil.
O Concello de Tui súmase ao mes de loito oficial decretado pola Xunta
O Concello de Tui súmase ao mes de loito oficial decretado pola Xunta de Galicia, rendendo deste xeito homenaxe ás vítimas do coronavirus e as súas familias. O declaración de loito estenderase até o 31 de maio.
|