|
Tomiño aproba novas axudas de emerxencia por alimentos, chegando a axudar até o de agora, a un centenar de persoas
A Concellería de Benestar Social repartiu, coa colaboración de Protección Civil, unha segunda remesa de 2.372 máscaras hixiénicas en 16 comercios
O Departamento de Benestar Social de Tomiño, vén de aprobar esta semana novas axudas de emerxencia por valor de 860 euros, destinadas a cubrir gastos de alimentos, transporte e internet para cinco novas familias(9 persoas, 340 euros) e tamén prórroga por alimentos para outras 4 familias (16 persoas 520 euros).
Deste xeito, dende que comezou o Estado de Alarma, o Concello aprobou axudas de emerxencia por alimentos para un total de 30 familias, 99 usuarios e usuarias, por un importe de 4640 euros.
Por outra banda, e sempre coa colaboración desinteresada da Agrupación de Protección Civil de Tomiño, repartiuse unha segunda remesa das máscaras hixiénicas confeccionadas pola rede de costureiras voluntarias en colaboración con ADETO e o Concello. Esta vez repartíronse 2.372 unidades, entre os mesmos 16 comercios asociados, que recibiron a primeira entrega, co fin de repartir as máscaras entre os seus clientes, recomendando sempre un uso responsable das mesmas.
A concelleira responsable da área de Benestar Social, Cristina Martínez, informou que queda pendente un terceiro reparto de máscaras previsto para a vindeira semana, cando se cumprirán dos meses desde a declaración do estado de alarma.
As alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño piden á veciñanza que coopere mantendo limpo a fronte das súas fincas
A Mancomunidade Intermunicipal mantivo unha nova xuntanza virtual para coordinar medidas de desescalamento
Coñecer os plans de reactivación económica que cada concello está preparando e prever actuacións conxuntas para a apertura da fronteira, foron dous temas centrais da reunión
As alcaldesas de O Rosal e Tomiño e os seus homólogos de Tui e A Guarda, mantiveron esta semana unha nova reunión virtual no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, na que acordaron sacar un bando para apelar á responsabilidade da veciñanza para que esta bote unha man na limpeza das frontes de parcelas que dean á vía pública, habida conta de que, debido á crise do coronavirus, os municipios aínda non teñen funcionando ás persoas contratadas a través do Plan Concellos da Deputación para traballar na rúa, desbrozando ou limpando. A esta situación súmase o feito de que en moitos concellos algúns dos operarios de limpeza son persoal de risco e víronse reducidas as plantillas municipais.
Na videoconferencia houbo tempo tamén para compartir os plans de reactivación económica nos que cada concello está a traballar, e coordinar accións comúns de cara a conseguir a apertura do pass fronteirizo de Cerveira-Goián, que permita ir e vir aos traballadores e traballadoras transfronteirizos, sen ter que desprazarse até a ponte internacional de Tui-Valença. "Continuamos moi preocupados pola situación das persoas que traballan do outro lado da fronteira e o que pedimos é que se habilite outro paso, controlado eficazmente para que só estas persoas poidan cruzar e desempeñar a súa labor profesional, como ocorreu en Villanueva del Fresno (Extremadura), grazas ás peticións do presidente desa Comunidade", comentaron os rexedores tras a xuntanza.
Asemade, na reunión, os mandatarios falaron das medidas de desescalamento que van tomar respecto dos traballadors municipais; entre elas, a de favorecer o teletraballo, tentando conciliar a vida laboral e familiar dos empregados municipais e ao mesmo tempo volver á normalidade para atender á cidadanía, tanto ás persoas que o necesitan polo tema da crise, coma a aquelas que requiren acompañamento e apoio para reactivar ás súas actividades empresariais e profesionais.
Por último, abordouse o tema dos mercados ambulantes, "que nos parece un lugar complicado para cumprir con todas as medidas de seguridade e desinfección, tal como están configurados eses mercados nos nosos concellos por iso agardamos ter máis instruccións. Estamos dacordo en que as actividades que se vaian reanudando o fagan con todas as garantías para evitar posibles contaxios", sinalaron os alcaldes e alcaldesas nunha valoración posterior á videoconferencia.-
O novo servizo de comunicación de incidencias a través dunha App, rexistra 444 notificacións en 2 meses de funcionamento
A ferramenta serve como canle directa co Concello, para notificar danos que se detecten no equipamento urbano ou espazos públicos
O Concello de Tomiño vén de implantar un servizo de comunicación de incidencias a través dunha App móbil. A través desta nova canle directa, a veciñanza pode poñer en coñecemento do Concello, aqueles danos que se detecten na súa parroquia ou barrio. Con esta ferramenta de participación cidadá, o goberno pretende coñecer mellor as necesidades do municipio, e poder actuar de maneira máis eficiente, dando solución con maior rapidez ás cuestións comunicadas.
O Concello leva probando este novo sistema de comunicación coa cidadanía dende hai dous meses, período no cal foron comunicadas 444 incidencias, das cales, a metade xa foron resoltas.
"O persoal xa está adaptado ao novo modelo de traballo. Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa tablet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira correspondente, e ademais, podemos obter estadísticas en tempo real dos traballos a realizar", explica Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras.
Entre as incidencias que se poden comunicar figuran presenza de animais na vía pública, fochancas ou foxos, alumeado público, lixo, mobiliario urbano, sinalización viaria e vía pública, entre outros. Tamén hai outras variables, coma a de Escolas, as que só teñen acceso as direccións dos centros educativospara comunicar averías ou incidencias, ou outras coma a de Baleirados de fosas sépticas, que serven para a xestión interna do servizo.
As incidencias que máis se repiten até o momento, son problemas de fochancas, iluminación públicae recollida de lixo, seguidas de incidencias nas escolas, vía pública e baleirado de fosas sépticas.
"Considero esta plataforma moi útil nun municipio tan extenso e disperso como o de Tomiño, xa que axuda a sistematizar e facer máis eficiente a resolución de pequenos traballos, ademáis de mellorar a comunicación entre as veciñas e veciños co concello", salienta Pérez Souto.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga gratuíta da APP "Linea Verde" dende Google Play ou APP Store. A partir dese momento, débese seleccionar o municipio de Tomiño, e o procedemento é moi rápido e sinxelo.
Para comunicar unha incidencia, basta con pinchar sobre o botón Nova Incidencia, escoller a tipoloxía e, de forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e algunha explicación sobre a mesma. Xa só queda darlle ao botón de Enviar. O persoal do Concello recibe a notificación do problema e inicia os trámites para darlle solución. O cidadán á súa vez, recibe notificación no seu teléfono móbil, sempre que se produza un cambio no estado da incidencia.
A esta nova plataforma tamén se pode acceder dende o dominio www.linaverdertomino.gal e comunicar a incidencia desexada, seguindo uns pasos moi sinxelos.
O Concello de Tomiño anima ás veciñas e veciños da localidade a utilizar esta nova plataforma, tanto dende a App como dende a web. "A través da implantación deste servizo e grazas a participación cidadá, pretendemos lograr un municipio que cumpra coas expectativas da cidadanía", engade o concelleiro.-
Tomiño procura a participación cidadá para celebrar unhas Letras Galegas diferentes
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza o xa tradicional concurso de deseño da camiseta do Día das Letras 2020
Unhas Letras Galegas on line baseadas na participación cidadá, é o que procura o Concello de Tomiño, para celebrar esta data tan importante sen permitir que o confinamento sexa un obstáculo.
Dentro da campaña de conmemoración desta festividade, foron recollidas centos de palabras escritas en galego pola veciñanza tomiñesa nas redes sociais do Concello; palabras relacionadas coa cultura galega, as tradicións, a forma de vida, etc.
Pois ben, agora é o momento de votar as 20 palabras que máis gusten a cada persoa (pódese votar como mínimo unha e como máximo vinte palabras na páxina web do Concello). Co resultado, as palabras máis votadas serán estampadas en "tote bags", bolsas de tecido 100% algodón. Haberá 5 modelos diferentes que se repartirán, de balde, durante o mes de maio. A data límite para votar é o 8 de maio.
Por outra banda, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza o xa tradicional CONCURSO DE DESEÑO da CAMISETA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020. O deseño é libre e aberto pero, loxicamente, terá que ver coa lingua galega. Valorarase un deseño atractivo e orixinal, inspirado e relacionado coa promoción e posta en valor do galego.
Estará destinado unicamente á parte dianteira da camiseta, que será de cor branca, e debe incluír só unha cor. Poden participar mozos e mozas de 12 a 35 anos. O premio será un par de camisetas serigrafiadas co deseño gañador, un lote de libros e un par de tote bags.
Está aberto o prazo de inscrición para o OBRADOIRO ONLINE DE MÚSICA CRÍTICA, destinado á mocidade de 14 a 25 anos. O obxectivo principal deste obradoiro é que a mocidade teña información dos contidos da música "de moda", tanto nas letras, coma visualmente nos videoclips, e dos valores que fomentan as principais estrelas desta industria, relacionando eses contidos coas consecuencias no desenvolvemento persoal e social.
Tamén abordarase o papel hexemónico que representa esta industria "mainstream" na sociedade. Despois de desgranar esta realidade, falarase de alternativas contraculturais, e de por qué non están respaldadas desde as principais plataformas comerciais. Trataranse exemplos de discursos musicais onde se fomentan valores positivos e daranse ferramentas para impulsar unha iniciativa, entre a mocidade participante, para construir cancións onde podan expresar libremente discursos máis axeitados e acordes a súa realidade, con ritmos dos estilos máis escoitados actualmente entre a rapazada (trap e reggaeton).
Este cursiño on line terá lugar o xoves 14 de maio ás 18:00h., cunha duración total de dúas horas e media. A inscrición é de balde e pode formalizarse tamén accedendo á páxina web do Concello (tomino.gal).
Por outra banda, as familias con fillos ou fillas de 0-12 anos, poden solicitar ao Concello material para realizar actividades na casa.
|
|
|

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|