JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Feira do Viño do Rosal reinvéntase

Concello e adegueiros traballan para adaptar a feira á nova realidade e ofrecer un evento participativo e singular nesta XXVIII edición

A feira celebrarase os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo

Concello e adegueiros do Rosal traballan xa man a man para reinventar a Feira do Viño do Rosal e ofrecer un evento alternativo non presencial co que celebrar a XXVIIII edición os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo.

A situación pola que está a atravesar a sociedade a nivel mundial pola pandemia do COVID-19 fai que moitos eventos con alta afluencia de xente previstos para o mes de xullo non poidan celebrarse, polo menos non do mesmo xeito do que se viñan facendo ata o de agora. "Readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por facer un evento singular, diferente e histórico que marque un punto de inflexión na propia feira, lonxe de pensar en cancelar esta festa tan sinalada", explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

O obxectivo da feira será continuar coa promoción do sector vinícola a través dunha experiencia innovadora, orixinal e moi participativa a través de medios non presenciais, pero mantendo a tradición e o espírito da feira. Deste xeito, Concello e adegueiros están traballando para pechar diferentes iniciativas para que as miles de persoas que adoitan acudir cada ano a esta feira poidan seguir desfrutando dela a través de canles dixitais e de ferramentas como o vídeo ou o streaming.

A organización fará un grande esforzo para implicar a toda a poboación, que xoga un papel moi importante cada ano na feira, polo que se ofrecerán alternativas para animar a participar ao maior número de xente posible. Ademais, todas as actividades buscarán tamén intensificar a labor de promoción tanto dos produtos de Denominación de Orixe Rías Baixas como das adegas que están detrás e da súa historia.

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal reanuda o luns 11 a atención ao público de xeito presencial

Atenderase con cita previa en todos os departamentos, agás no Rexistro. Implementaranse novas medidas de precaución, haberá aforo limitado e o horario de atención será de 09 a 14 horas.

O Concello do Rosal xa está a tomar as medidas necesarias para a súa reapertura ao público o vindeiro luns 11 de maio. Ese día reanudaranse os servizos de atención ao público de xeito presencial, aínda que seguirá tendo carácter prioritario a atención telefónica e telemática, como viña sucedendo ata o de agora dende o comezo do estado de alarma. Así, agás no Rexistro, todas as persoas que precisen acudir á Casa do Concello a resolver trámites nos distintos departamentos deberán pedir cita previa chamando ao 986 652 000. Tanto os veciños e veciñas que acudan ao Rexistro como aqueles que vaian á cita concertada con anterioridade deberán respectar os niveis de seguridade marcados no momento de acceder ás instalacións municipais.

Haberá en todo momento aforo limitado e o horario de atención presencial e telefónica será de 09.00 a 14.00 horas. O teléfono de atención telefónica xeral será tamén o 986 652 000 e o correo electrónico de atención cidadá o info@concellodorosal.gal.

Por outro lado, o Concello garantirá a reincorporación gradual e asimétrica dos centros de traballo de xeito presencial, que convivirá co teletraballo nalgúns casos e departamentos. Ademais, como medida de precaución, adaptarase a disposición do mobiliario dos servizos nos que resulte necesario para garantir a distancia de dous metros entre postos de traballo ocupados ou co público que acuda ao Concello e farase un esforzo extra no servizo de limpeza na Casa do Concello para garantir a desinfección periódica das instalacións.

Todas estas medidas, así como outras que se vaian implementando segundo necesidade, tómanse seguindo as recomendacións das autoridades competentes para a transición e volta á nova normalidade nas instalacións municipais garantindo a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras presenciais e das citas atendidas.

Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.

Concello de O Rosal


O Punto Limpo do Rosal reabre a vindeira semana con cita previa

O Concello implementará medidas de precaución para evitar contaxios

O Concello do Rosal reabrirá a partir da vindeira semana o Punto Limpo despois de que tivera que ser pechado durante o estado de alarma para evitar e previs contaxios por COVID-19 tanto do persoal municipal como dos usuarios e usuarias. Para evitar aglomeracións e posibles contaxios, o Concello porá en marcha diferentes medidas de precaución, entre elas a necesidade de pedir cita previa para poder acudir a levar os residuos. As persoas interesadas en empregar o Punto Limpo deberán chamar a partir do luns 11 de maio ao teléfono do Concello 986 625 000 extensión 3002 para pedir día e hora no que poderán achegarse ata estas instalacións.

As persoas usuarias deberán acudir ao Punto Limpo no día e hora acordados na cita previa e terán que agardar fóra do portal das instalacións ata que o persoal municipal que os atenda lles indique que poden entrar. Soamente poderá acudir a entregar os residuos unha persoa por vez e, unha vez dentro das dependencias, deberán desinfectar as mans ou as luvas que leven co gel desinfectante dispoñible na propia entrada. Recoméndase ademais o uso de máscaras para unha maior protección.

Por outra banda, os residuos que se vaian levar ao Punto Limpo deben ir separados axeitadamente por tipoloxías para que o persoal municipal indique ao usuario ou usuaria onde teñen que ser depositados procurando garantir sempre a distancia de seguridade.

Dende o Concello queremos agradecer de antemán a comprensión e colaboración da veciñanza para que poidan retomarse as tarefas habituais sen correr riscos e contribuíndo a evitar contaxios.

Así mesmo lémbrase que o abandono de residuos como entullo de obras, televisores, pneumáticos, voluminosos, madeira, roupa, chatarra... na rúa está prohibido e que as persoas infractoras poderán ser sancionadas con multas que van dende os 30 aos 300 euros.

Concello de O Rosal


O Rosal saca a lingua polo Día das Letras Galegas

Pon en marcha a mostra 'Esta é a miña lingua', que busca que os veciños e veciñas de xeito individual ou en grupo envíen fotos botando a lingua

O Rosal continúa coas actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, este ano de xeito diferente, divertido e buscando implicar a toda a veciñanza. Xa está en marcha a iniciativa 'Esta é a miña lingua', unha mostra fotográfica que ten como obxectivo establecer un paralelismo entre a lingua galega e a lingua que teñen todos os galegos e galegas e a través da que se anima a todos os veciños e veciñas a participar enviando as súas imaxes botando a lingua.

Todas as persoas interesadas en participar poderán enviar fotografías de xente de forma individual ou en grupo sacando a lingua. Deberán ter formato horizontal e poderán remitirse por correo electrónico a cultura@concellodorosal.gal dende hoxe mesmo ata o vindeiro mércores 13 de maio. No asunto do correo debe aparecer 'A imaxe da lingua' e no corpo ten que incluírse o nome e apelidos das persoas que aparezan na fotografía.

As imaxes publicaranse na web do Concello e nos seus perfís nas redes sociais co hashtag #estaéamiñalingua e non se descarta a posibilidade de facer un cartel cun mosaico no que aparezan todas as fotos enviadas polos rosaleiros e rosaleiras. No caso de haxa menores de idade na imaxe, darase por feito que os adultos responsables deles dan o seu consentimento expreso para a utilización da imaxe tanto na web como nas redes sociais.

O envío da fotografía suporá a aceptación das bases da mostra e a cesión dos dereitos da imaxe ao Concello do Rosal para a súa publicación ou para o seu arquivo na base de datos.

Todos e todas a sacar a lingua!

Concello de O Rosal


'#euquedonacasa' continúa actualizándose con experimentos, manualidades e receitas

Todas as persoas interesadas poden seguir enviando fotografías para participar nos xogos 'En casa pero en forma' e 'Eu debuxo na casa'

A pesar de que xa se pode saír empezar a saír a rúa de xeito controlado e extremando todas as precaucións, a plataforma '#euquedonacasa' do Concello do Rosal segue actualizándose e estreando propostas sinxelas e divertidas para toda a familia para pasar o resto do tempo de confinamento. Os experimentos, as manualidades e as receitas seguen a ser os apartados con máis novidades, aínda que tamén poden atoparse novas propostas no apartado de medio ambiente ou no de recomendacións, por exemplo.

Nos últimos días os rosaleiros e rosaleiras xa puideron desfrutar dun novo vídeo de ioga da risa por cortesía de Sabine Pfister, unha actividade que busca mellorar o estado de ánimo nestes días a través de xogos e exercicios cos que aprender a rirse a vontade. Tamén no apartado de recomendacións vanse publicando os cadernos que semanalmente elabora a Asociación Párkinson Baixo Miño para estimular e reforzar a memoria.

Esta semana estréanse tamén novas ideas coas que experimentar cos nenos e nenas da casa para aprender de xeito divertido usando materiais que se teñen a man. Así, pódese sorprender aos rapaces e rapazas facendo papel que non arde, crear circos de cores coa cromatografía decorativa con rotuladores, aprender recollendo todo o ciclo da auga nunha bolsa ou descubrir as marabillas da ciencia facendo fluído non newtoniano, un material que ás veces é líquido, ás veces sólido.

Novidades tamén no apartado de manualidades, que dá paso á creatividade dos máis cativos e cativas da casa, pero tamén dos maiores, recollendo ideas sobre como facer buxainas ou peóns con só catro elementos; xoias de papel con pasta de sal empregando soamente sal, auga e fariña; papa-moscas divertidos reciclando os rolos de papel hixiénico ou mandalas caseiros con os obxectos máis dispares que se teñan na casa. Na cociña é momento de probar as receitas como a de mousaka, a de taboulé ou a dunha crema de cacao e abelás caseira para chuchar os dedos.

En medio ambiente os rosaleiros e rosaleiros poderán seguir consellos para reciclar e aforrar, en emprego ter resposta a todas as dúbidas que van xurdindo con motivo do COVID-19 e coñecer as distintas medidas que se van adoptando e o recuncho de lectura acollerá nos vindeiros días todo o relacionado coas actividades do Día das Letras Galegas.

Ademais continúan en marcha os xogos:

" #nacasaperoenforma, no que se pide aos veciños e veciñas que envíen fotografías facendo deporte na casa, imaxes que recollan situacións cómicas, levantamentos de pesos orixinais, retos imposibles...

" #eudebuxonacasa, debuxos feitos polos nenos e nenas do Rosal sobre o seu día a día neste tempo de corentena, as actividades que fan, o que lles fai sentir...

As persoas interesadas poden enviar a información a euquedonacasa@concellodorosal.gal cos requisitos indicados nas bases de calquera dos dous xogos, dispoñibles na web.

Todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer esta plataforma municipal e interactiva achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal.

Concello de O Rosal


O Rosal celebra o Día das Letras Galegas dun xeito diferente e virtual

Unha das actividades será 'Un lema para a nosa lingua', unha proposta coa que se invita a toda a veciñanza a enviar frases para potenciar o uso da lingua que se plasmarán en bolsas de papel que se repartirán nos comercios rosaleiros

Este ano o Concello do Rosal convida a toda a veciñanza a celebrar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, dun xeito diferente e virtual cunha programación que poderá seguirse a través da web municipal e dos perfís do Concello nas redes sociais. Serán cinco actividades culturais, lúdicas e de lecer coas que se procura non só render homenaxe ao escritor deste ano, Ricardo Carvalho Calero, senón tamén potenciar o uso da lingua galega entre todos e todas.

A primeira proposta será 'Un lema para a nosa lingua', unha actividade que busca a implicación de toda a veciñanza para a celebración desta data tan sinalada. O obxectivo desta iniciativa é que os rosaleiros e rosaleiras envíen lemas ou frases que exalten ou potencien o uso do idioma de un máximo de 10 palabras. As mellores frases a prol do galego imprimiranse en bolsas de papel que se repartirán entre a veciñanza no mercado, no supermercado e no comercio local o sábado 16 de maio.

Todas as persoas interesadas en participar deberán enviar a súa proposta dende hoxe ata o vindeiro venres 8 de maio a cultura@concellodorosal.gal poñendo no asunto 'Un lema para a nosa lingua' e indicando nome e apelidos da persoa que propón o lema. O envío das frases suporá a aceptación das bases da actividade e a cesión dos dereitos ao Concello do Rosal para publicalas na páxina web e nas redes sociais do Concello xunto co nome do seu autor ou autora ou para arquivala na súa base de datos.

Unha morea de actividades

Esta non será a única actividade para conmemorar o Día das Letras Galegas. Este ano Concello e Agrupación Musical do Rosal colaboran para poñerlle banda sonora a esta data: dende primeiros de maio, o Concello publica cada día un vídeo con pequenas actuacións protagonizadas por membros da agrupación, diferentes instrumentos e melodías cos que poñer a nota musical a un mes dedicado ás Letras Galegas e a Ricardo Carvalho Calero. Esta actividade rematará cun concerto virtual de toda a agrupación o 17 de maio.

Por outro lado tamén se irán publicando vídeos coa lectura de poemas de Carvalho Calero por parte de persoas ligadas ao asociacionismo do Rosal, organizarase unha mostra de fotografías para a que tamén se buscará a colaboración de toda a veciñanza e o escultor Marcos Escudero deleitará aos rosaleiros e rosaleiras cun vídeo sobre o conto de Carvalho Calero 'As pitas e a choiva', que contará con música interpretada por músicos da Agrupación Musical do Rosal.

Dende o Concello queremos agradecer de antemán a colaboración de todas as persoas que están xa a traballar para poder facer un Día das Letras Galegas moi especial e participativo, así como de toda a veciñanza que envíe as súas propostas para as diferentes actividades.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais