|
O concello da Guarda destinará máis de 130.000€ a un plan de choque para a reactivación económica da vila
" O equipo de goberno decide dotar unha partida orzamentaria con máis de 130.000€ que estará dirixida a amortecer os efectos socioeconómicos do COVID-19, e que arranca coa posta en marcha dunha plataforma de venda online dirixida a comercio e hostalaría.
O pasado mes de marzo, e tan só 10 días despois do anuncio do estado de alarma, o Concello anunciaba un primeiro paquete de medidas económicas, que foi seguido por un segundo paquete durante o mes de abril, ao que se sumou fai uns días a exención do pago de terrazas para establecementos hostaleiros. A través destas medidas pretendíase minimizar, na medida do posible, o impacto negativo desta crise na economía da veciñanza e das empresas na súa relación coa administración local.
A estas alturas da pandemia, e en pleno proceso de desescalada, desde o consistorio guardés temos claro que debemos poñer todos os nosos esforzos de cara á recuperación e reactivación económica local. Por este motivo levarase a cabo unha importante aposta a nivel de recursos municipais e valerémonos, nesta difícil tarefa, do apoio dunha empresa consultora especializada no deseño e posta en marcha de plans de dinamización turística e comercial a nivel municipal.
Unha das principais medidas na que levamos traballando fai unhas semanas, e que temos previsión de que comece a funcionar a partir de mediados de maio, sería unha plataforma de venda online, que poderá ser utilizada por comerciantes e hostaleiros da localidade e que pretende relanzar as vendas nestes sectores, especialmente castigados polo coronavirus.
Preténdese crear un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario que desexen vender os seus produtos, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.
De xeito paralelo porase en marcha unha campaña de sensibilización para o consumo no comercio local que estamos ultimando nestes días. Sabemos que A Guarda é un pobo solidario que sabe estar á altura das circunstancias, e estamos seguros/as de que a cidadanía quere un pobo con rúas cheas de vida e estará ao carón do comercio e a hostalaría local nestes duros momentos.
O próximo xoves 14 de maio trasladaremos con maior detalle todas estas iniciativas á Mesa Local de Comercio á que foron convocadas as persoas representantes das asociacións de comerciantes e empresarios/as (ACIGU, Mercado do Reló, AGUDE e Mercaguarda), a Asociación de Consumidores Aldraman, así como os portavoces dos grupos municipais, e na que poderemos recoller as súas inquedanzas e propostas respecto a esta situación nunca antes vivida.
Acordos dos grupos municipais da Guarda a raíz da proposta do BNG de medidas urxentes no plano económico e social
No debate en pleno celebrado no día de hoxe a raíz da proposta presentada polo BNG de medidas urxentes a desenvolver polo Concello de A Guarda para combater a crise económica e social provocada polo COVID -19 , os grupos municipais do Concello acordaron a creación dunha mesa técnica para concretar as medidas económicas e sociais a levar adiante cos informes económicos e xurídicos que procedan para poder facelas efectivas no menor prazo posible de tempo e dentro da legalidade.
Tamén se acordou a creación dunha mesa local do emprego na que participen asociacións de comerciantes, confraría, asociación pesqueiras e sindicatos ademais das organizacións políticas.
Ao mesmo tempo aprobouse a supresión das taxas as terrazas municipais así como dirixirse a portos de Galiza e Costas do Estado con competencias sobre terrazas para que apliquen a mesma medida.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz declarou, "considero de moito interés o debate xenerado en torno a moción que presentou o BNG e agardo que as medidas que nós propoñemos coas enmendas que sexan necesarias por parte dos outros grupos enriquezan o documento que presentamos polo ben de todo o vecindario da Guarda".
Aberto o prazo para solicitar praza do curso 2020/21 na Escola Infantil Municipal da Guarda
O departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa da apertura do prazo para solicitar praza na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2020/21.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 11-22 de maio para nenos/as matriculados e con praza no curso anterior (2019/2020) e do 25 de maio ó 5 de xuño para nenos/as de novo ingreso.
A escola infantil municipal da Guarda é un centro de atención diurna de carácter socio educativo para os nenos e nenas de 3 meses a 3 anos de titularidade municipal.
Entre os seus obxectivos destacan a promoción e o fomento do desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno e nena, facilitar a conciliación familiar entre a vida familiar e laboral, facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc…, lograr un equilibrio afectivo satisfactorio, respectar a singularidade e diversidade de cada menor, entre outros.
As familias interesadas deberán presentar a súa solicitude e a documentación requirida dentro do prazo establecido no regulamento de organización e funcionamento da escola infantil municipal publicado no BOP o 9 de outubro de 2009.
A documentación e impresos poderán descargala na web municipal e nas dependencias municipais. Para maior información dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda no teléfono 986 61 4507.
O concello da Guarda posibilitará a ampliación de terrazas e o espazo do mercadillo dos sábados
" O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, trasladará á próxima Mesa de Comercio, que está previsto que se celebre a vindeira semana, a intención do executivo local de permitir a ampliación do espazo que os bares, cafeterías e restaurantes adican a terrazas que se atopan en solo de competencia municipal.
No pleno extraordinario do pasado martes día 5, aprobouse inicialmente a exención da taxa de terrazas do exercicio 2020 para todas aquelas que sexan competencia municipal. O alcalde trasladará unha solicitude a Portos de Galicia e Costas do Estado para que adopten as mesmas medidas nas terrazas da súa competencia, apelando a que todas as administracións deben poñer o seu gran de area para facilitar a recuperación económica.
Na mesma liña, diante da inminente apertura das terrazas ao 50% da súa ocupación, que se producirá o luns día 11 coa entrada da fase 1 da desescalada, o equipo de goberno iniciou o estudo das zonas nas que é posible permitir a ampliación do espazo adicado as terrazas, ben porque están situadas en zonas sen tráfico ou valorando a posibilidade de restrinxir a circulación. Neste sentido e para manter as medidas excepcionais de distanciamento social vaise a ampliar o espazo adicado ao mercado dos sábados. Así preténdese garantir a distancia entre os postos do mercado e unha correcta circulación dos veciños que acudan ao mesmo.
Continuando coa adopción de medidas cara a desescalada, esta mesma semana iniciáronse os contactos para contar coa implicación do sector empresarial da localidade, sobre todo daqueles sectores máis castigados pola situación de alarma, comercios e hostalería.
No pleno tamén se aprobou un recoñecemento de facturas por importe de 26.000€ coa finalidade de trasladar a máxima liquidez as empresas e autónomos. A corporación municipal, fora da orde do día, acordou manter reunións de portavoces para estudiar medidas económicas cara á dinamización do sector comercial e hostaleiro da localidade.
O concello da Guarda informa das subvencións do INEGA para aforro enerxético
O concello da Guarda informa de que o Instituto Enerxético de Galicia ven de facer público o mapa de apoios "Enerxía 2020" con axudas e subvencións para Entidades sen ánimo de lucro, Empresas, Autónomos e familias en xeral.
Este catálogo de axudas e subvencións están xa dispoñibles con apoios para proxectos ao longo do ano 2020 sobre aforro e eficiencia enerxética, mobilidade eficiente, aforro nas familias, enerxías renovables, axudas complementarias ao bono social e fomento da minería.
Entre os proxectos subvencionables atópanse actuacións en materia de auditorías enerxéticas, domótica eficiente, renove de electrodomésticos, biomasa, enerxía solar térmica e fotovoltaica, implantación de sistemas de xestión, entre outros.
As persoas ou entidades interesadas poden ampliar máis información na web do inega www.inega.gal
Néstor Rego (BNG) insta ao Goberno a abrir de xeito inmediato os pasos fronteirizos das Eurocidades do Miño
O deputado nacionalista subliña que o territorio transfronteirizo está a sufrir un dobre impacto económico xerado polo peche de fronteiras e a COVID-19
Insta a realizar un estudo e a promover fondos suficientes para paliar os danos económicos e activar políticas de apoio
O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, vén de solicitar ao Goberno a apertura inmediata dos pasos fronteirizos das Eurocidades do Miño para permitir a circulación de traballadores e traballadoras que deben desprazarse ao seu posto de traballo no estado veciño. Así mesmo, Rego solicita un estudo dos danos económicos, a inxección de fondos suficientes e a activación de políticas de apoio á zona transfronteiriza xa que durante todo o estado de alarma está a sufrir un "dobre impacto económico, tanto polo peche de fronteiras como pola COVID-19".
Rego presentou xa a pasada semana unha proposición non de lei na que destaca que a cooperación transfronteiriza a ambos lados da fronteira é unha das máis consolidadas e con máis tradición en España e Europa. Destaca que o territorio transfronteirizo do Miño é a área máis dinámica economicamente da Unión, tanto por estar no medio do eixo Vigo-Porto como por compartir relacións comerciais, industriais, culturais e lingüísticas. De feito, a fronteira de 70 quilómetros con Portugal en Pontevedra é a que asume o 49% de todos os tránsitos entre os dous estados.
Sen embargo, lembra o deputado, a pesares desta situación, cando se decretou o peche de fronteiras para conter a COVID-19 non se tivo en conta o funcionamento e xestión compartida das Eurocidades, e o confinamento supuxo un duro golpe para as súas economías, motivo polo que agora que se entra na fase de desescalada é preciso apostar por abrir os pasos fronteirizos e permitir a intercomunicación.
Nestes momentos, só está aberto unha das seis pontes que cruzan o río Miño o que, nalgúns casos, provoca rodeos de traballadores e traballadoras dunha e doutra marxe que chegan ata os 100 quilómetros, o que fai inasumible economicamente o custe do desprazamento en relación ao salario percibido. Así, tendo en conta as medidas de control precisas, solicítase que non só estea aberto o paso de Tui-Valença, senón que se abran outros.
Tamén se solicita, entre outras medidas, a elaboración dun estudo de impacto, que se destinen todos os fondos necesarios para paliar o dano do peche da fronteira e da COVID no territorio, así como a adopción de políticas de reactivación económica. Fai fincapé, así mesmo, na necesaria coordinación entre os gobernos portugués e español para a desescala e na armonización de medidas e activiades permitidas a ambos lados da fronteira.
Por último, o deputado nacionalista Néstor Rego subliña a importancia de que o Goberno se dirixa e dialogue coa Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza do Miño (AECT Rio Minho) como axente institucional e xurídico polo seu coñecemento do terreo, como mellor instrumento para a proposición de medidas conxuntas.
|