JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tui traballa na posta en marcha un Plan de Reactivación Económica Local

Está sendo consensuado por toda a corporación municipal e escoitando as propostas do tecido empresarial

O Concello de Tui traballa na posta en marcha dun Plan de Reactivación Económica Local co que facer fronte as consecuencias económicas derivadas da crise provocada polo COVID-19. Consensuado por toda a corporación municipal esta actuación terá coma principal destinatarios ás empresas e as persoas autónomas do municipio.

Co inicio da desescalada o tecido empresarial e comercial terá que facer fronte a novos retos derivados da nova situación que estamos a vivir.

A primeira medida deste Plan de Reactivación está xa en marcha dende esta semana. Trátase da Oficina COVID-19 que de xeito telemático funciona xa a través da web municipal, tui.gal. Na mesma expertos de distintos ámbitos contestan as consultas e dúbidas que as empresas e autónomos plantexen en relación coa crise do COVID-19 e as axudas de carácter fiscal, laboral e económico dispoñibles. Trátase dun servizo de atención personalizada a través de medios telemáticos, no que está tamén dispoñible toda a información de carácter normativo relacionado co COVID-19 de interese para empresas e autónomos.

Por outra parte dende o Concello de Tui traballase na elaboración dun Plan de Choque de apoio empresarial a nivel municipal. Toda a corporación municipal está participando na súa elaboración e incorporará unha serie de medidas concretas para axudar a contrarrestar os efectos negativos da crise do COVID-19 no tecido empresarial local.

De forma paralela púxose en marcha a Mesa de Reactivación Local de Tui formada por representantes municipais e das empresas, asociacións empresariais e de autónomos. Trátase dun foro de participación no que coñecer directamente as necesidades concretas e propostas do sector para a activación económica do municipio.

Na primeira reunión telemática - celebrada o venres 24 de abril - participaron 13 representantes de asociacións comerciais, empresariais e autónomos, xunto ao alcalde, a concelleira de Comercio, e o concelleiro de Turismo. Amais de escoitar de primeira man as necesidades do tecido económico local; os participantes presentaron las primeiras propostas con medidas administrativas, económicas, tributarias, de prevención de riscos laborais,… Estas propostas están sendo analizadas para poder implementalas no Plan de Reactivación Económica de Tui.

Concello Tui


A Policía Local de Tui denuncia a unha entidade bancaria polas colas que se forma no exterior ao ter só dous días de apertura ao público

A Policía Local de Tui remitiu á Subdelegación do Goberno unha denuncia contra unha entidade bancaria situada na rúa Colón de Tui.

Dende hai varias semanas axentes da Policía Local teñen observado na entrada da sucursal dunha entidade bancaria situada na rúa Colón, colas dos clientes á espera de realizar xestións nesa entidade bancaria que só abre o público dous días a semana, tendo en conta o actual Estado de Alarma no que nos atopamos, ao entender da policía: "os clientes quedan expostos no exterior, non podendo estar confinados nos seus fogares". Indican ademais desde a Policía Local de Tui que coa a apertura a diario da oficina, ou da outra sucursal que a mesma entidade ten na cidade, permitiría axilizar a atención ao público e deste xeito evitar as colas e esperas dos clientes no exterior, esperas que poden prolongarse ata dúas horas. Por este motivo puxeron estes feitos, en coñecemento da dirección da sucursal sen que polo momento se apreciara ningún cambio no horario da oficina bancaria nin tampouco a apertura da outra existente

Concello Tui


Abertos os xardíns de Troncoso tras as obras de acondicionamento

Esta semana abríronse de novo os xardíns de Troncoso tras as obras de acondicionamento acometidas nos últimos meses. A actuación levouse a cabo co financiamento do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Este espazo público situado no Paseo Familia Álvarez Blázquez, que comunica o céntrico Paseo da Corredoira coa rúa Antero Rubín, foi obxecto dunha actuación que o dotou dun novo deseño para potenciar a súa condición de lugar tranquilo e crear un espazo sensorial coa combinación de plantas elixidas. Instalouse amais un sistema automático de rego.

Concello Tui


Preto de 70 establecementos conforman a listaxe do comercio local accesible en tui.gal

A relación de establecementos actualízase diariamente. Os interesados poden enviar os seus datos a través do formulario habilitado na web municipal

Preto de 70 establecemento conforman xa a listaxe do comercio local accesible na web municipal e na que se da conta dos produtos ou servizos que ofrecen. A listaxe actualízase diariamente nos novos comercios que se inscriben a través do formulario accesible na propia web no apartado COVID19.

Os establecementos están agrupados por sectores así en alimentación recóllense carnicerías, peixarías, froiterías, conxelados, panaderías, pastelerías, supermercados e comida para levar. Asemade recóllense outros negocios de informática, telefonía, seguros, asesorías, talleres de automoción, publicidade, pinturas, roupa, agro. Tamén están na lista as farmacias locais. Amais da consulta por sectores a listaxe pode consultarse ou descargarse en pdf.

En cada establecemento detállase os produtos ou servizos que ofrece, se está aberto ou pechado, o seu horario, se conta con servizo a domicilio, ou como realizar un pedido.

Con esta listaxe, dende o Concello de Tui a través da Concellería de Comercio, búscase apoiar ao comercio local e ao tempo brindar a poboación a información sobre os establecementos que están abertos ou que ofrecen o seus servizos nestes momentos.

Concello Tui


Acordo na Mesa local do Camiño para realizar un traballo conxunto de preparación dos novos escenarios post-confinamento

O alcalde e o concelleiro de Turismo garantiron o apoio municipal para a reactivación do sector tras a pandemia

A Mesa Local do Camiño reuniuse onte de xeito telemático no Concello de Tui . O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, mantiveron un encontro cos representantes dos distintos sectores - aloxamentos, restauración, servizos aos peregrinos, igrexa e movemento asociativo xacobeo - que forman parte da Mesa. O obxectivo foi avaliar a situación actual e as perspectivas no ámbito do Camiño de Santiago e a peregrinación, un sector estratéxico na localidade.

A reunión comezou coa valoración da situación actual na cidade por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, quen deu conta do reducido índice de contaxios rexistrados no municipio e das previsións de desaceleración económica. Por iso apuntou á necesidade dunha acción coordinada entras as administracións públicas e o sector privado e demais axentes implicados no Camiño de Santiago para superar esta situación de crise.

Das intervencións dos participantes pódese concluír a preocupación evidente pola situación e a incerteza sobre prazos e posible retorno progresivo á normalidade. Tamén coincidiron en sinalar a necesidade de ver nesta situación unha oportunidade para avanzar, pois a peregrinación se realiza ao aire libre, en contacto coa natureza, que son os espazos de primeira recuperación. Houbo unha coincidencia xeral sobre a necesidade de contar con protocolos sanitarios para lograr que os establecementos teñan garantida a seguridade para todos os clientes, así como de traballar nun mellor posicionamento de Tui nas redes sociais de cara á nova etapa post-covid19.

Tanto Enrique Cabaleiro como Laureno Alonso manifestaron a súa satisfacción por esta reunión pois permitiu coñecer de primeira man a situación deste sector e continuar o traballo que se impulsa a través da Mesa do Camiño de Santiago en Tui de cooperación entre os diversos sectores implicados. Un sector, o do Camiño Portugués, que todos confían en que rexurda e continúe aportando un importante pulo ao desenvolvemento local coma até o de agora. Neste obxectivo cóntase coa implicación de todos nun traballo conxunto de preparación dos novos escenarios post-confinamento.

Concello Tui


Hoxe ponse en marcha na web municipal a Oficina COVID cun servizo de información e asesoramento para PEMES, autónomos e persoas traballadoras

As consultas poden realizarse tamén a través dun teléfono e un correo electrónico

O Concello de Tui pon en marcha no día de hoxe a Oficina COVID a través da web municipal tui.gal. Trátase dun servizo específico de información e consultas relacionado coa actual situación derivada do estado de alarma polo COVID-19 dirixido a PEMES, autónomos e persoas traballadoras. Esta é unha medida acordada por unanimidade polos grupos municipais da corporación tudense.

Pódese acceder á oficina a través dos enlaces en tui.gal ou directamente no enderezo oficinacovid.tui.gal. Na web ofrécese información sobre axudas e subvencións, guías e recursos, normativa, información oficial, e preguntas frecuentes. Na páxina principal está accesible un formulario para realizar as consultas. Tamén se pode contactar a través do teléfono 664 552 493 e do correo infocovid@tui.gal.

Expertos en distintos ámbitos resolverán as dúbidas e responderán ás consultas sobre axudas de carácter fiscal, laboral e económico.

No apartado "Axudas e subvencións" recóllese información para PEME, autónomos e persoas traballadoras coma os préstamos avalados, as moratorias no pago de alugueres comerciais, impostos, cotizacións á Seguridade Social, a interrupción dos prazos para a devolución dos produtos, ou a ampliación de prazos administrativos entre outros.

Recursos formativos, guías de boas prácticas e de recomendacións para o desenvolvemento da actividade comercial remota están accesibles no apartado "Guías e recursos".

En "Normativa" recompílanse as medidas posta en marcha polo goberno central e o goberno autonómico para paliar os efectos da actual crise sanitaria e económica no tecido empresarial local.

Mentres en Información Oficial accédese a toda a información e novas xeradas no Concello dende a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

Por último no apartado preguntas frecuentes iranse incorporando as cuestións que a cidadanía vaia plantexando ao servizo de asesoramento e que poidan resultar de interese para outras persoas ou entidades con problemática similares.

Concello Tui


Rematadas as obras de arranxo da cuberta de tres lavadoiros en Malvas

Estes días veñen de rematar as obras de arranxo das cubertas en tres lavadoiros situados na parroquia de Malvas.

A actuación, que supuxo un investimento de fondos municipais superior aos 2.500€, levouse a cabo nos lavadoiros de O Pozo da Ría e Fonte do Cura no barrio da Estrada, e no do Pozo da Devesa na Devesa, os tres situados en Malvas.

O Concello de Tui, a través da concellería de Patrimonio, acometeu estas actuacións contando amais coa colaboración da Comunidade de Montes de Malvas. O obxectivo da actuación foi arranxar os desperfectos - con tellas rotas, madeiras en mal estado, … - que presentaban estes elementos apostando así polo mantemento do patrimonio tamén nas parroquias.

Concello Tui


Suspendidos os eventos públicos culturais e deportivos até o 30 de xuño

O Concello de Tui suspende todos os eventos públicos culturais e deportivos, organizados polo propio concello, até o 30 de xuño. Do mesmo xeito continuarán pechadas as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo, coma a biblioteca, o teatro, a sala de exposicións, e os centros culturais municipais das parroquias, mentres non se dea unha situación favorable de acordo coas recomendacións das autoridades sanidades.

Así o expón o alcalde, Enrique Cabaleiro, nunha resolución na que se explica que ante a emerxencia sanitaria provocada polo virus COVID 19 e a prórroga do Estado de Alarma, cómpre seguir adoptando medidas de prevención e loita contra o COVID-19. Engade que ante a incertidumbre existente sobre a evolución da emerxencia sanitaria, e tendo en conta a antelación coa hai que organizar eventos culturais ou deportivos adóptase a decision destas actividades até o 30 de xuño.

Concello Tui


Continúan as doazóns de material de protección

De forma solidaria e altruísta persoas coma a familia Mariño Rodríguez e as integrantes do grupo Bicho Fóra confeccionan nas súas casas este elementos

Tui. Luns, 27 de abril de 2020. A solidariedade chega de moi diversos xeitos ao Concello de Tui neste Estado de Alarma. Persoas anónimas, grupos voluntarios, empresas…, están a aportar o seu gran de area na loita contra o COVID 19.

Así máis de 100 pantallas de protección teñen sido entregadas no Concello pola familia Mariño Rodríguez, tras fabricalas nas últimas semanas. A familia contaba xa cunha impresora 3D á que sumaron outra cedida polo CEIP nº1. Mentres dende o CRA Mestra Clara Torres aportaron a cantidade económica precisa para mercar 5 rollos de filamento que se emprega coma material prima nas impresoras. Tamén aportaron o seu gran de area na elaboración das pantallas Ideas CB doando a cinta elástica, TCopias aportando transparencias, e a familia Ríos Espiñeira colaborando economicamente. 43 destas pantallas de protección foron entregadas ao Centro de Saúde, xunto a correctores para as gomas das mascarillas.

Por outra parte o grupo "Bicho fóra", integrado por máis de 30 persoas, leva confeccionado máis de 3 mil mascarillas en tecido non tecido, seguindo as recomendacións da guía publicada polo Ministerio de Industria, máis de 200 batas e gorros. Un material de protección que é recibido no Concello de Tui, e que tras ser esterilizado serán doadas a persoas e grupos que o precisen.

Dende ABANCA tamén fixeron chegar ao Concello unha doazón de mascarillas de primeira protección. Un material que foi elaborado por un equipo de voluntarios do CFP Colegio Hogar Afundación.

Dende o Concello de Tui quérese novamente amosar o agradecemento por estas doazóns, e o esforzo que estas persoas están a realizar para elaborar este material de protección, co que se contribúe a protexer a moitas outras persoas. Trátase dun labor altruísta e solidario encomiable o que este grupo está a realizar.

Concello Tui


Ampliada en 600 metros cadrados a superficie da Protectora de Animais Aloia

Os máis de cen cans que viven nas instalacións poderán así realizar paseos diarios

O Concello de Tui vén de ampliar en 600 metros cadrados o espazo do que dispón a Protectora de Animais Aloia. En concreto véñense de rematar as obras que permiten incrementar a superficie de patio da que poderán gozar os máis de cen cans que coidan.

A execución do proxecto comezou en 2016 cando se realizou a limpeza de vehículos inutilizados que había traseira das naves municipais. O ano pasado, ao abeiro do Plan Concellos 2017, construíuse un muro de contención. Agora veñende rematarse as instalacións coa colocación dun peche metálico e co recheo do terreo.

Nestes momentos nos que a Protectora de Animais Aloia non pode realizar os paseos dominicais cos cans agradecerán esta espazo para poder realizar paseos diarios dentro das instalacións.

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais