JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Agrupación Musical porá banda sonora a maio,
mes das Letras Galegas no Rosal

Do 1 ao 17 de maio publicaranse nas redes sociais do Concello vídeos con pequenas actuacións musicais protagonizadas polo alumnado

Este ano O Rosal celebrará o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, máis virtual que nunca e coa colaboración da Agrupación Musical do Rosal. Unha forma coa que a agrupación quere seguir homenaxeando o galego, xa que por mor da actual crise sanitaria non poderá realizar a súa tradicional xornada de convivencia do 17 de maio, unha xornada que se viña organizando dende 2006 e na que preparaban diferentes actividades musicais, culturais, gastronómicas... para todos os gustos e todas as idades coas que destacar a importancia da lingua galega e achegar o idioma a toda a veciñanza. Adaptándose á situación actual que se está a vivir, este ano Concello e Agrupación traballarán xuntos para render homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través das redes sociais.

Dende este mesmo venres 1 de maio ata o vindeiro Día das Letras Galegas, o 17 de maio, o Concello publicará nas súas páxinas de Facebook e Twitter vídeos interpretados por distintos membros da Agrupación Musical do Rosal. Diferentes instrumentos e melodías cos que entreter a todos os rosaleiros e rosaleiras, dende pequenas pezas clásicas a bandas sonoras ou cancións coñecidas como Frozen, a 'Marcha do emperador' de J.Clarke, 'Imagine' de John Lennon, 'Eternal flames' de The Bangles ou 'Angels' de Robbie Williams, entre outras.

Desde o Concello do Rosal queremos agradecer a disposición e a colaboración da Agrupación Musical, formando parte de iniciativas como esta, que non só fan máis levadíos os días de confinamento polo estado de alarma, senón que permite seguir celebrando dun xeito diferentes datas tan importantes como o Día das Letras Galegas.

Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero

Este 2020 o Día das Letras Galegas dedícase ao filólogo, escritor e mestre Ricardo Carvalho Calero coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e os 30 do seu pasamento. Ferrolán de nacemento, estudou Dereito e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, onde se adentrou tanto no galeguismo como nos movementos culturais da época. Membro da Real Academia Galega desde 1958, Carvalho Calero foi impulsor da Gramática galega e en 1963 publica a 'Historia da literatura galega contemporánea', un labor que outros escritores intentaran antes de xeito importante pero sen éxito.

Primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o escritor dedicou os seus estudos á lingua galega, centrándose na coherencia histórico-lingüística do idioma. Carvalho Calero conta cunha extensísima obra literaria, tanto no campo da novela, como da poesía, do teatro ou do ensaio.

Concello de O Rosal


A empresa Depósitos Coballes doa alimentos ao Rosal para axudar a paliar a situación de emerxencia social

Serán 800 kg de produtos alimenticios e 200 paquetes de cueiros que se distribuirán entre o Concello rosaleiro e a asociación Conrazones

A empresa rosaleira Depósitos Coballes tamén quere achegar o seu gran de area para axudar a paliar as situacións de emerxencia social facendo unha importante doazón de alimentos ao Concello do Rosal, produtos de primeira necesidade que irán destinados a aquelas familias máis vulnerables. En total serán 800 quilos de alimentos e 200 envases de cueiros que a empresa cedeu ao Concello e á asociación Conrazones para distribuír entre a poboación que atravesa máis dificultades e que o Concello do Rosal comezará a entregar o vindeiro luns 4 de maio a través do seu reparto habitual de comida.

Todos os alimentos recadados foros comprados pola propia empresa pero tamén achegados polos seus traballadores e traballadoras, que quixeron deste xeito colaborar de xeito activo coa iniciativa. "Non podemos máis que dar as grazas a Coballes e a toda a súa plantilla por este xesto de solidariedade e por preocuparse por aquelas persoas que peor o están pasando nestes intres, a pesar de que a crise sanitaria conlevou dificultades para todos e todas. Iniciativas como esta son moi necesarias para facer fronte ao incremento de situacións de emerxencias que trouxo consigo o COVID-19", sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Xunto con este alimentos e cueiros, a empresa rosaleira tamén quere achegar o seu gran de area ao persoal sanitario, polo que doará medios de protección individual, gafas, mascarillas, pantallas e hidroxel ao centro de saúde da Guarda, que nestes intres centraliza a todos os pacientes do Rosal con sospeita de afección respiratoria por coronavirus.

Concello de O Rosal


A unidade móbil de doazóns de sangue estará no Rosal o vindeiro xoves 7 de maio

Instalarase na Praza do Calvario e atenderá de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. As persoas que desexen doar poden pedir cita previa no 900 100 828

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia visitará O Rosal o vindeiro xoves 7 de maio. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10 a 14 e de 16 a 21 horas.

Nunha situación excepcional como a que se está a vivir neste momento de crise sanitaria, o Centro de Transfusión extrema os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, entre as novas medidas, pídese a todas as persoas que desexen doar sangue que pidan cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes.

En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.

Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

Concello de O Rosal


Concello e Deputación continúan traballando xuntos en proxectos de mellora do municipio

Continúan os traballos na estrada provincial EP 3302, que se está a acondicionar cunha senda peonil e mellora da mobilidade

Concello do Rosal e Deputación de Pontevedra seguen a traballar xuntos en diferentes proxectos de mellora do municipio sen esquecer a situación actual que se está a vivir pero tamén coa vista posta no futuro e en cando remate o estado de alarma. Unha destas obras é a que se está a desenvolver na estrada provincial EP 3302, que se está a converter nun viario urbano municipal que mellora a mobilidade peonil da zona. Estes traballos estanse a realizar ao abeiro do convenio asinado entre o Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra para a mellora dun tramo de aproximadamente 575 metros da estrada provincial EP 3302. Mediante este convenio, que conta cun orzamento de máis 142.000 euros, estase a acondicionar a estrada cunha senda peonil, beiravía entre a senda e a calzada, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade.

Con todas estas medidas búscase delimitar a circulación do tráfico rodade e peonil e impulsar a seguridade viaria, dispoñendo de espazos seguros para os colectivos máis vulnerables. Neste sentido cabe mencionar o paso dado nos últimos días por parte da Deputación de Pontevedra para a transferencia dun dos tramos desta estrada, transferencia que permitirá ao Concello garantir de xeito óptimo o seu mantemento e control de ocupación do dominio público.

Dende o Goberno municipal quérese agradecer a disposición da institución provincial para seguir traballando xuntos en proxectos de mellora para a veciñanza e para o municipio.

Concello de O Rosal


Protección Civil colabora co Concello do Rosal para atender as necesidades derivadas da crise sanitaria

Os voluntarios/as encárganse de tarefas como o reparto de alimentos de SOS Tomiño ou dos cadernos de actividades para persoas con párkinson e percorren os barrios cada dous días para atender ás necesidades da veciñanza

Dende o inicio do estado de alarma hai xa 45 días, un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está traballando man a man co Concello do Rosal para poder atender todas as necesidades que van xurdindo con motivo da crise sanitaria e das medidas e protocolos de prevención do COVID-19, tanto para axudar no día a día á veciñanza para facerlle máis levadío a corentena como para dar resposta as emerxencias sociais, que aumentaron de xeito significativo co confinamento. Todas as actuacións que levan a cabo están sendo coordinadas dende Servizos Sociais, que dende o inicio da emerxencia sanitaria está a traballar ao máximo rendemento para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes intres tan complicados.

Deste xeito, dende hai mes e medio os oito voluntarios e voluntarias que actualmente conforman o servizo de Protección Civil percorren cada dous días os barrios informando aos veciños e veciñas das medidas a tomar durante este estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables, pero tamén atendendo ás necesidades que lles poidan xurdir a rosaleiros e rosaleiras durante estes días.

Estes voluntarios e voluntarias colaboran tamén co Concello para cubrir as necesidades básicas de persoas maiores que viven ou están soas e encárganse do reparto de alimentos no Rosal que organiza a asociación SOS Tomiño cada 15 días, unha tarefa que antes do estado de alarma facía persoal voluntario da ONG. Ademais, colaboran no reparto semanal dos cadernos de estimulación para reforzar a memoria que a Asociación Párkinson Baixo Miño elabora para persoas que padezan esta doenza ou con diferentes centros escolares para poder levar material educativo aos rapaces e rapazas.

Trátase dun equipo que actualmente conta con 8 persoas en activo que actúan de forma totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder atender todas as necesidades xurdidas estes días sen ningún tipo de risco nin para eles mesmos nin para a poboación. Todas as persoas interesadas en facerse voluntarias poden poñerse en contacto con Protección Civil a través do correo proteccioncivil@orosal.es.

Dende o Goberno municipal queremos agradecer o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias de Protección Civil dende o inicio do estado de alarma, así como a todas aquelas asociacións e organizacións que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están xurdindo nos últimos tempos.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais