|
Tomiño aproveita a corentena para realizar melloras nos centros educativos
Arranxo e reposición de parques infantís, instalación de equipos audiovisuais e de mobiliario, e tarefas de mantemento que estaban pendentes, ocupan estes días boa parte das horas dos operarios municipais
O Concello de Tomiño aproveita o peche dos colexios para realizar melloras nalgúns centros educativos que o precisan, coma o CEIP de Sobrada, onde se estiveron instalando tres proxectores nas aulas de Educación Infantil, varias estanterías e encerados adquiridos polo propio centro, ademais de outros pequenos arranxos de mantemento. A principal novidade que vai atopar o alumnado é o novo parque infantil que acaba de instalar o Concello para o seu desfrute.
Na escola de Tebra estase aproveitando a ausencia do alumnado para reorganizar o patio na zona de Educación Infantil, comezando polo mantemento dos actuais elementos de xogo e instalando outros novos. Asemade, vaise resituar o areeiro e crearase un espazo para horta.
Estas obras foron xestionadas de maneira coordinada por Cristina Martínez Souto, concelleira de Educación e Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras, que manifesta que "as melloras foron solicitadas e consensuadas previamente coas direccións das escolas e van encamiñadas a colaborar nunha progresiva modernización tecnolóxica das aulas e a un maior benestar do alumnado". Comenta o edil que a ausencia de nenas e nenos nas escolas permite facer este tipo de intervencións con maior seguridade.
O Concello de Tomiño rexistra o doble de solicitudes para o baleirado de fozas sépticas durante o confinamento
O servizo préstase con operarios municipais, dúas veces por semana, martes e xoves, normalmente
No Concello de Tomiño incrementouse o número de baleirados de fosas sépticas dende a declaración do estado de alarma polo Covid-19.
Á falta do reconto final que se fará tras o confinamento, rexistráronse 26 baleirados durante o período dos cales 2 foron dobles.
Comparativamente, no mesmo período do ano 2019, houbo 15 baleirados; practicamente a metade dos producidos este último mes.
Asemade, durante o período de confinamento rexistráronse 10 novos usuarios, número elevado comparado con outros períodos similares nos que, de media, súmanse de 3 a 5 novos usuarios ao mes. Este incremento produciuse, problablemente, debido á ausencia de outros servicios da baleirado e á maior presenza das persoas nos seus fogares, o que aumenta o gasto e tamén as taréfas de mantenemento das fosas.
O servizo de baleirado préstase con operarios municipais, dúas veces por semana, martes e xoves, normalmente.
O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, agradece a boa disposición dos operarios municipais que realizan os baleirados, así coma o do técnico de medioambiente, que se ocupa de xestionar a parte administrativa correspondente para a execución dos mesmos.
O Concello de Tomiño aproba novas axudas de emerxencia por alimentos
A Agrupación de Protección Civil continúa colaborando no reparto de alimentos de SOS Tomiño e na entrega de compras varias, en colaboración coa Concellería de Benestar Social,
O goberno local de Tomiño, aprobou a semana pasada tres novas axudas de emerxencia por alimentos para 3 familias (9 usuari@s, 360 euros) e tamén prórroga para outras 4 familias (21 usuari@s 700 euros).
Por outra banda, voluntari@s da Agrupación de Protección Civil de Tomiño, continúan a axudar no reparto de alimentos de SOS Tomiño-Baixo Miño e na entrega de compras varias, en colaboración coa Concellería de Benestar Social, que dirixe Cristina Martínez; tarefas polas que a concelleira manifesta o seu agradecemento.
Ademais fan reparto dos cadernos de actividades de estimulación cognitiva elaborados pola Asociación de Párkinson Baixo Miño (22 domicilios).
Dende que comezou o Estado de Alarma, o departamento de Benestar aprobou axudas de emerxencia por alimentos para un total de 25 familias, 90 usuarios e usuarias, por un importe de 3780 euros.
Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño negan que a Xunta lles achegase ningunha axuda extraordinaria para afrontar a crise do Covid-19
Aclaran que as cantidades do Fondo de Cooperación Local existen dende os anos '90 nos orzamentos autonómicos como transferencias aos concellos para o seu normal funcionamento
Os alcaldes e alcaldesas que integran a Mancomunidade do Baixomiño (Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda), mantiveron onte domingo pola tarde, unha videoconferencia co fin de adoptar unha postura común con respecto ás declaracións realizadas pola Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, relacionadas co Fondo de Cooperación Local, coma se se tratase de fondos extraordinarios para afrontar a crise do Covid-19.
Ditas declaracións parécenlles "completamente falsas e oportunistas; unha falta de respecto institucional aos concellos galegos e un uso partidista do Covid-19". Aclaran que en toda esta crise sanitaria "os concellos sempre foron leales institucionalmente, por iso non entenden como a Xunta de Galicia anuncia como extraodinarios, uns ingresos que xa estaban asignados aos concellos, para o seu normal funcionamento, dende o mes de outubro".
Os rexedores e rexedoras da comarca baixomiñota, coincidiron na necesidade de aclarar á poboación que os fondos de cooperación existen dende os anos '90 nos orzamentos da Xunta como unha asignación aos concellos que se distribúe seguindo criterios obxectivos como poboación, tamaño, número de núcleos de poboación etc., do mesmo xeito que se achegan outras partidas que proveñen do Estado para facer fronte ao normal funcionamento das entidades locais.
Tanto é así, que a devandita transferencia, figuraba xa nos orzamentos da Xunta dende o pasado mes de outubro, polo que os catro concellos que conforman a Mancomunidade do Baixo Miño non recibiron ningunha cantidade extraordinaria para afrontar a crise orixinada polo Coronavirus, senón o que estaba previsto e viña sendo habitual no normal funcionamento das administracións públicas dende hai anos.
|