|
O luns ás 20.30 h repicarán as campás da Catedral e das igrexas tudense para celebrar a festividade de San Telmo
Os nenos poderán gozar coas propostas radiofónicas de María Fumaça e Mamá Cabra
O Concello de Tui está a recibir material de protección tanto das distintas administración coma de persoas voluntarias e empresas que logo distribúe entre os propios servizos municipais, centro de saúde, residencias de maiores, Tui preparase para vivir dende a casa a fin de semana das Festas de San Telmo. Dende o Concello programáronse unha serie de actividades para vivir este #SanTelmoNaCasa. As redes sociais municipais e a participación veciñal son nexo condutor das iniciativas programadas
A música é un dos elementos esenciais en toda festa, e tamén o é nas festas de San Telmo. Por este motivo convidouse a unha serie de músicos a enviar a súa mensaxe nestes festexos. En formato vídeo están a ser compartidos nas redes sociais municipais as mensaxes das Raquel e Sara Areal Martínez, Andrea González e Daniel Pereira, Pancho Álvarez, Samuel Diz, Aloia Martínez, Ángel Sanchez e Antón e Ramón Corral. Durante a fin de semana será a quenda mensaxes institucionais.
Programación infantil
Os nenos e nenas teñen o seu lugar destacado neste San Telmo na Casa. Hoxe mesmo lánzaselles a proposta de crear o seu cabezudo seguindo un vídeo co paso a paso para a súa elaboración. Amais haberá dous programas especiais de radio, a través da Radio Municipal de Tui, que se emitirán o sábado ás 17 h a cargo de María Fumaça, e o domingo ás 17 h con Mamá Cabra, e que se volverán emitir o luns ás 11 h e ás 17 h respectivamente.
Mamá Cabra presenta en formato radiofónico "A fraga do meu avó", o seu máis recente traballo que nace do amor pola natureza e do compromiso pola terra que coidaron os nosos avós e as nosas avoas. Gloria Mosquera, voz e creadora de Mamá Cabra, convídanos a pasear xuntas por esa fraga e a coñecer os seus carballos, as súas píntegas e curuxas... Mentres a familia María Fumaça presentará o seu novo disco "O veleiro verde" xunto a outras cancións de anteriores traballos.
Dende o Concello de Tui convídase a nestas xornadas festivas facer de altofalante das festas e colocar a radio no balcón ou ventá para reproducir a "sesión vermú festiva" que a Radio Municipal de Tui emitirá mañá sábado, o domingo e o luns de 12.30 h a 13.30 h. Tamén se convida a colocar a bandeira de Tui en ventás ou fiestras durante a fin de semana.
Haberá tamén outras proposta e sorpresas durante a fin de semana.
O luns de San Telmo repicarán as campás da catedral e das igrexas tudenses
O luns, festivo local en Tui, destaca ás 20.30 h o repique das campás da Catedral e das todas ás igrexas tudenses durante cinco minutos. Dende o Concello quérese agradecer a magnífica acollida que tivo esta proposta tanto por parte do Deán da Catedral, coma dos distintos párrocos tudenses.
Participación veciñal
Estas son unhas festas que viviremos dende a casa pero tamén nas redes sociais. A comezo de semana plantexouse xa que a veciñanza compartise os seus recordos e os seus desexos de futuros para estes festexos. Agora é a quenda de enviar as mensaxes de felicitación co hashtag #SanTelmoNaCasa e etiquetando ao Concello de Tui en Facebook, Twitter e Instagram. Son xa varias a mensaxes que están a ser publicadas por parte de cidadáns anónimos, asociacións, empresas, establecementos, músicos… uníndose a estas festas de San Telmo na Casa.
Estase a elaborar unha listaxe dos comercios abertos ou con entrega a domicilio e dos servizos que ofertan
Os interesados en figurar nesta compilación deben enviar os seus datos ao correo cfo@tui.gal ou ao teléfono 670 245 633
O Concello de Tui, a través da concellería de Comercio, comezou a elaborar confeccionar unha listaxe dos comercios locais que durante este Estado de Alarma continúan a prestar os seus servizos, ben con atención ao público, coma na modalidade non presencial co servizo de encarga por teléfono ou web, e reparto a domicilio.
O obxectivo, segundo explicaba a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, é dobre. Así por unha parte perséguese "apoiar ao pequeno comercio, ao comercio de proximidade, ao que está arriscando a diario abrindo as súas portas, pero tamén aquel outro que non está aberto pero está a realizar envío a domicilio, pequenos produtores…". Tamén se pretende "facilitar a realización das compras, evitar aglomeracións, colas, e que a veciñanza poida realizar as compras coa maior seguridade posible".
A listaxe que se elaborará cos datos proporcionados polos propios establecementos será publicada na web tui.gal e será actualizada continuamente.
É por iso que aqueles establecementos comerciais interesados en sumarse a esta iniciativa deben enviar os seus datos ao correo cfo@tui.gal ou ao teléfono 670 245 633. En concreto os datos solicitados son:
1. Nome comercial do establecemento
2. Enderezo
3. Páxina web
4. Redes sociais
5. Enderezo de correo electrónico
6. Teléfono
7. Tipo de establecemento
" Produto que oferta
8. Establecemento con atención presencial
" Si/No
" Horario de atención ao publico
9. Servizo de encarga
" Si/Non
" Modo de encarga:
10. Servizo de entrega a domicilio
" Si /No
" Cómo realizar o pedido
" Condicións de entrega
Tui celebra o SanTelmoNaCasa con propostas nas redes sociais
O cartel "Cor de Festa" de Juan Diego Ingelmo ganador do concurso convocado polo concello será a imaxe desta iniciativa
"Cor de Festa" de Juan Diego Ingelmo Benavente, de Burriana, Castellón, foi o cartel ganador do concurso convocado polo Concello de Tui para anunciar as Festas de San Telmo 2020. O xurado valorou a calidade técnica e conceptual da proposta gañadora, o seu carácter orixinal e innovador, así coma o feito de recoller no deseño os valores e significado das festas, reflectindo o carácter festivo.
As festas de San Telmo estaban previstas do 11 ao 20 deste mes de abril, pero debido ao Estado de Alarma pola crise do coronavirus foron suspendidas.
Tendo en conta o confinamento non sería factible a súa celebración na rúa, cos actos tradicionais que teñen lugar cada ano. Porén dende o Concello apóstase por facer unha "celebración" simbólica ao longo desta semana nas redes sociais, e buscando a participación da veciñanza dende as súas casas.
Nas redes sociais do Concello de Tui publicouse xa onte unha mensaxe da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, explicando que se busca que os e as tudenses aporten o seu pequeno gran de área nesta proposta facendo chegar que significan para eles as festas de San Telmo, cal é para eles a esencia destes festexos, unha lembranza, unha felicitación, un baile… Ao longo da semana iranse plantexando nas redes sociais as formas de participación sempre dende a casa.
Sonsoles Vicente explica que "o que pretendemos é que non nos sintamos sos na nosas casas, son unhas festas que non imos poder gozar na rúa, pero entre todos podemos poñe ese gran para pasar uns días diferentes nas nosas casas". Remata agardando que que "este San Telmo sexa algo anecdótico nas nosas vidas".
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, sinala que "dado que as festas son unhas datas moi especiais para os veciños e veciñas de Tui pola celebración de San Telmo, e toda vez que estamos pasando por un momento moi difícil, o Concello non podía facer outra cosa que menos que lanzar esta iniciativa de celebración da festa a través das redes, toda vez que presencialmente non é posible".
O cartel deseñado por Juan Diego Ingelmo Benavente será empregado coma imaxe nesta celebración virtual.
|