|
Recomendacións para abordar o sexting, unha práctica en aumento durante o confinamento
O Concello achega ás familias unha serie de pautas para xestionar este tema cos rapaces e rapazas e unha serie de precaucións a tomar
O sexting consiste en compartir de forma voluntaria mensaxes, fotos ou vídeos de contido sexual a través aplicacións de mensaxería móbil ou das redes sociais, unha práctica que se está disparando na corentena e que creceu de forma importante entre a xente máis nova durante este tempo de confinamento. Unha práctica de risco, dado que moitas veces ese contido pode ser compartido sen permiso. Por este motivo, o Concello do Rosal quere achegar ás familias unha serie de recomendacións para abordar este tema cos rapaces e rapazas, así como unha serie de pautas e precaucións para xestionalo do mellor xeito.
Os expertos recomendan unha comunicación aberta e sen tabús para poder falar este tema cos fillos e fillas dun modo positivo e construtivo, tratando de sacar o tema sen que resulte invasivo ou incómodo, e que pareza o máis natural posible: a través dunha serie, dun libro, dunha noticia... É importante falar con eles e elas do concepto de privacidade e explicarlles que o contido que se sobe ás redes sociais deixa de estar baixo o seu control, xa que se comparte moi facilmente.
Prohibir a determinadas idades pode ser un erro, por iso é mellor recomendar en positivo: explicarlles que é mellor non enviar fotos de contido sexual a ninguén pero que, se o fan, procuren que non saia a súa cara nin nada que poida identificalas ou identificalos para evitar riscos de ser recoñecidos no caso de que esa imaxe poida viralizarse. Débese lembrar que a confianza é moi importante e que non se fíen de persoas que coñecen dende hai pouco.
É importante lembrarlles tamén que todas as persoas son libres de enviar e recibir contido íntimo e privado, pero redifundilo é un delito grave. Ninguén merece que se viole a súa intimidade, polo que os rapaces e rapazas deben ter claro que se lles reenvían material sen consentimento doutra persoa non poden ser parte da cadea que viraliza este contido, senón que debe borrar a imaxe ou o vídeo e empatizar coa situación imaxinando como se sentirían se fosen els ou elas.
Concello de O Rosal
Continúa a desinfección de rúas e elementos sensibles nos barrios e no núcleo urbano do Rosal
O Concello quere agradecer cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que colabora desde o primeiro día cos operativos de limpeza postos en marcha
O Concello do Rosal continúa cos traballos de desinfección dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Como se ven facendo desde hai semanas, operarios municipais están a desinfectar as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas (farmacias, centro de saúde...) e elementos considerados sensibles (bancos, pasamáns, papeleiras...) tanto nos diferentes barrios rosaleiros como no núcleo urbano.
Ao traballo de desinfección manual que realizan operarios con mochila de desinfección ou hidrolimpadoras súmase tamén un operativo de limpeza posto en marcha grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que achegan tanto a maquinaria como os produtos para realizar a correcta desinfección das zonas. Un operario das adegas encárgase de conducir o tractor con cisterna e mangueira de baldeo polas diferentes rúas do Rosal, mentres que un operario municipal encárgase de manexar a mangueira e realizar os labores de desinfección.
Unha vez máis, dende o Concello do Rosal quérese agradecer a solidariedade amosada polas adegas do municipio e a súa colaboración nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas, zonas, elementos ou mobiliario urbano como medida preventiva dentro da crise provocada polo COVID-10. Agradecemento que se fai extensivo aos operarios municipais encargados da limpeza, que están a facer un grande esforzo dende o primeiro día de alerta sanitaria para garantir a seguridade da veciñanza e minimizar riscos de contaxios.
Concello de O Rosal
O Concello pon en marcha o reparto de comida a domicilio para persoas adultas en situación de vulnerabilidade pola crise sanitaria
Xestionarase a través de Servizos Sociais. Varios restaurantes do municipio tamén preparan comida para levar por encargo
O Concello do Rosal segue atendendo ás persoas máis vulnerables no escenario de excepcionalidade que se está a vivir pola crise sanitaria e traballando para cubrir as necesidades que van xurdindo a raíz do confinamento forzoso. Por este motivo, o Concello pon a disposición de persoas adultas que se atopen en situación de vulnerabilidade pola crise sanitaria por COVID-19 un servizo de reparto de comida a domicilio. "Consideramos que nestes momentos é necesario facer un esforzo para prestar un servizo que é moi necesario e atender ás persoas máis vulnerables", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Trátase dunha iniciativa que se xestionará a través dos Servizos Sociais do Concello e que irá destinada a todas as persoas con problemas para saír a mercar, a buscar a comida, que non estean en situación de cociñar ou que teñan algunha necesidade derivada da situación actual.
Serán menús variados e equilibrados listos para quentar que se levarán a domicilio dos e das usuarias unha vez á semana extremando as precaucións de hixiene e distanciamento social requiridas nos protocolos de prevención. Os usuarios e usuarias poderán elixir entre un menú para 5 ou para 7 días e se precisa comida ou comida e cea. O servizo non será gratuíto, senón que terá un prezo axustado que variará en función das necesidades da persoa solicitante:
- Comida: primeiro prato e segundo prato: 4,95€/día.
- Comida: primeiro prato, segundo prato e postre: 5,30€/día.
- Cea: primeiro prato e segundo prato: 3,50€/día.
- Cea: prato único: 2,25€/día.
As persoas interesadas e que cumpran os requisitos poden solicitar este servizo chamando ao teléfono 986 62 50 00 e solicitando falar coa área de Servizos Sociais.
Comida para levar
Ademais do servizo de comida a domicilio posto en marcha polo Concello, no municipio diferentes restaurantes están a ofrecer comida para levar por encargo durante a situación de crise sanitaria. Unha aposta polo comercio de proximidade que pode facilitar e facer máis levadía a situación que se está a vivir durante este estado de alarma. Así, por exemplo, pode encargarse a comida para levar no:
- Restaurante As Brasas. Prepara menú diario ao mediodía para todas as persoas interesadas. É preciso chamar 609349080 sobre ás 10.00 h para facer reservas para o mesmo día e os menús recóllense na barra exterior do restaurante.
- Restaurante La Pradera. Prepara comidas para levar os sábados e domingos por encargo. Os números de teléfono son 986611277 ou 687872045.
Concello de O Rosal
Solidariedade Galega co Pobo Saharaui busca voluntarios para coser mascarillas, batas e gorros
Trátase de material homologado que se subministrará a persoal de hospitais e residencias de anciáns
Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS) quere achegar o seu gran de area durante esta crise sanitaria e está xa a elaborar mascarillas, batas e gorros homologados para subministrar entre o persoal que traballa nos hospitais e nas residencias de anciáns. Para poder levar a cabo este labor buscan voluntarios e voluntarias con máquinas de coser na casa, tempo libre e ganas de axudar para superar entre todos e todas a pandemia provocada polo COVID-19.
A través desta iniciativa, chamada 'Equipo Solidario de Batas, Mascarillas e Gorros', a ONG xa está repartindo dende hai semanas todo o material fabricado entre o persoal encargado da atención sanitaria ou da atención de maiores.
Calquera persoa interesada en participar neste proxecto pode poñerse en contacto con SOGAPS chamando ao teléfono 678 72 73 82. Unha persoa encargarase de achegar ao domicilio dos voluntarios e voluntarias a tela xa cortada e encargarase tamén de recoller todo o material producido.
Concello de O Rosal
A plataforma '#euquedonacasa' estrea máis experimentos, manualidades e receitas
Todas as persoas interesadas poden seguir enviando fotografías para participar no xogo 'Desde a miña ventá'
Dende o Concello seguimos propoñendo actividades sinxelas e divertidas para pasar o tempo de confinamento en familia. A plataforma '#euquedonacasa' estrea esta semana novas ideas coas que entreternos durante estes días, como novos experimentos con elementos que se poden atopar na casa e explicados paso a paso, como pode ser a 'Chamarada cítrica' ou 'O vaso que ten sede'. Dentro deste espazo interactivo tamén se poden atopar novas manualidades coas que decorar e xogar na casa, moitas delas feitas con materiais de refugallo, fomentando ademais da diversión en familia a xestión responsable dos residuos. Así, entre as novas propostas poden atoparse ideas para construír as pezas coas que xogar ao 'Lixibol', crear cubre-oveiras, facer unha ovella de Pascua, decorar unha camiseta ou mesmo facer divertidas figuras co cartón dos rolos de papel hixiénico.
Para os amantes da cociña, '#euquedonacasa' achega novas receitas saudables e sinxelas coas que os nenos e nenas poden comezar a dar os seus primeiros pasos no mundo da cociña, sempre coa supervisión dunha persoa adulta. Macarróns con queixo, cous-cous vexetal, tortiñas caseiras moi sinxelas... son algunhas das receitas que se poderán atopar neste apartado.
E seguimos cos xogos colectivos e cooperativos. Continúa o xogo de fotografía 'Desde a miña ventá', que irá aglutinando neste espazo todas as fotos enviadas pola veciñanza xa publicadas nas redes sociais do Concello indicando en que zona ou barrio foi feita. As persoas interesadas en participar neste xogo poden seguir enviando as súas propostas ao correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal poñendo nome e apelidos, número de teléfono e localización onde foi tomada a imaxe. Dende o Concello queremos agradecer a grande acollida que tivo esta iniciativa e o gran número de fotografías recibidas dende o inicio do xogo.
Lembramos tamén que nesta plataforma pode atoparse ademais un recuncho de lectura no que se poderá desfrutar dos 'Contos contados' de KalandrakaTv, unha iniciativa posta en marcha por esta editorial para amenizar a corentena durante o estado de alarma e levar o amor pola literatura a todos os fogares a través de vídeos coa narración de contos tradicionais, ou acceder a GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.
Entre os contidos de #euquedonacasa están tamén as recomendacións feitas pola psicóloga rosaleira Andrea Iglesias para levar do mellor xeito este tempo de confinamento, consellos xerais ou destinados a familias coas que xestionar o malestar psicolóxico que pode xurdir tras unha corentena tan longa; recomendacións sobre reciclaxe e a xestión de residuos no día a día ou unha serie de guías de emprego vinculadas a organismos oficiais coas que resolver posibles dúbidas e problemas xurdidas durante o estado de alarma.
Todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer esta plataforma municipal e interactiva achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal.
Concello de O Rosal
O Rosal desinfecta con ozono vehículos municipais e de persoal sanitario
Grazas á colaboración desinteresada da empresa Neverafter
A loita contra o COVID-19 continúa. A todas as medidas preventivas adoptadas nas últimas semanas o Concello do Rosal acaba de engadir a desinfección de vehículos municipais e de persoal sanitario encargado das atencións domiciliarias con ozono, un dos desinfectantes máis potentes e eficaces, que se fixo este mércores na Praza do Calvario. Esta desinfección realizouse grazas á colaboración desinteresada da empresa Neverafter, que achegou os materiais e os operarios necesarios para levar a cabo todo o proceso.
Durante a mañá desinfectáronse ademais dos coches da Policía Local e de Protección Civil, o camión do lixo, tres vehículos de obras e os coches do persoal sanitario encargado de realizar as atencións domiciliarias durante esta crise sanitaria.
Dende o Concello quérese agradecer iniciativas "tan solidarias e importantes como a da empresa Neverafter, que nos axudan a loitar día a día para controlar a pandemia do COVID-19".
Concello de O Rosal
Primeiras axudas extraordinarias da Deputación de Pontevedra para O Rosal
Empregaranse na incorporación dunha auxiliar de axuda a domicilio e na compra de alimentos para afrontar o incremento das necesidades sociais derivadas do COVID-19
O Concello do Rosal xa ten a súa disposición os case 18.000€ da nova liña de axudas extraordinarias posta en marcha pola Deputación de Pontevedra para facer fronte ás novas continxencias causadas pola pandemia do COVID-19 e dar resposta rápida ás necesidades básicas da veciñanza que se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade a causa da crise sanitaria.
O Concello rosaleiro investirá parte desta axuda na compra principalemente de alimentos cos que afrontar o incremento das emerxencias sociais que van xurdindo nas últimas semanas como consecuencia da pandemia por coronavirus e do estado de alarma decretado, con "demandas de necesidade urxente e puntual das e dos veciños que se atopen en situación de risco de exclusión social e con especial atención as persoas con menores ao seu cargo ou en situación de especial vulnerabilidade".
O novo financiamento da Deputación tamén servirá para a prestación de servizos básicos de emerxencia, que no caso do Rosal tradúcese na incorporación temporal dunha auxiliar de axuda a domicilio. O servizo de axuda no fogar é de vital importancia para garantir e protexer o interese xeral dos veciños e veciñas especialmente durante o estado de alarma, polo que é preciso "manter a atención domiciliaria polo incremento das necesidades da poboación que emprega este servizo pola situación de confinamento decretada".
Concello de O Rosal
Pechado o Punto Limpo
durante o estado de alarma
Entullo de obras, televisores, pneumáticos, voluminosos, madeira, roupa ou chatarra, algúns dos residuos que aparecen con máis frecuencia nos colectores
Lémbrase á veciñanza a importancia da correcta xestión do lixo nestes intres para minimizar os riscos tanto para os rosaleiros e rosaleiras como para o persoal municipal
Nos nosos fogares existen unha serie de residuos que polas súas características non poden ser tirados aos colectores de recollida selectiva distribuídos ao longo do municipio, senón que teñen que ser levados e xestionados por xestores autorizados a través do Punto Limpo. Unha correcta xestión do lixo que permite minimizar os riscos tanto para toda a veciñanza como para os traballadores municipais, que están a realizar un labor esencial para manter o servizo de recollida. Dende o Concello queremos agradecer o gran traballo que están a facer durante estes días de crise sanitaria, cun grande esforzo pola súa parte e cunha grande implicación profesional pero sobre todo social e humana para que o resto da veciñanza poda levar esta situación da mellor maneira posible.
Na seguinte listaxe indícanse algúns dos residuos que aparecen con máis frecuencia nos contedores e a problemática que levan asociada:
- Entullo de obras: rompe os colectores debido ao seu peso e, por este mesmo motivo, dana o camión de recollida do lixo.
- Televisores: conteñen no seu interior sustancias altamente contaminantes, saturan os colectores e, ao ser baleirados no camión de recollida, as pantallas estralan e saltan supoñendo un risco físico para os traballadores.
- Pneumáticos: ao facer o cambio de pneumáticos, os talleres oficiais xa xestionan estes residuos xa que están obrigados por lei a facelo.
- Voluminosos: tal e como indica o seu propio nome, estes residuos saturan os colectores. Na meirande parte dos casos son residuos que acaban sendo abandonados na rúa co impacto visual desagradable que iso xera. Ademais, o camión de recollida do lixo non pode recoller este tipo de residuos porque danan gravemente o vehículo.
- Roupa, alfombras, madeira, chatarra, etc...: estes residuos polo seu gran volume colapsan os contedores e a caixa do camión do lixo. Os téxtiles atáscano ao engancharse na prensa obrigando ao camión a deter a recollida de lixo e aos operarios a meterse dentro da caixa e desenredar os residuos para así poder reanudar o servizo.
O Concello do Rosal dispón dun único camión para a recollida do lixo. Se este vehículo sofre unha avaría impide poder realizar con normalidade o servizo. Está na responsabilidade individual de cada un dos veciños e veciñas do Rosal botar exclusivamente os residuos pertinentes nos colectores de recollida selectiva. Se todas as persoas son responsables e contribúen a elo, as rúas do noso concello estarán moito mais limpas e teremos un servizo de mellor calidade.
Durante o período do estado de alarma, o Punto Limpo permanece pechado para evitar que as persoas usuarias do mesmo e as encargadas da súa xestión estean expostas ao risco de contaxio polo COVID-19. Ademais, as empresas autorizadas para a recollida deste tipo de residuos, por mor do estado de alarma non están prestando os seus servizos.
Por estes motivos e polas problemáticas sinaladas anteriormente, reitérase á veciñanza que estes residuos non poden ser levados aos colectores nin abandonados na rúa. O incumprimento disto implica sancións económicas asociadas que van dende os 30€ ata os 300€.
Concello de O Rosal
O Rosal pecha as fontes públicas como medida de prevención de contaxios por COVID-19
Seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade. A clausura manterase ata o final da crise sanitaria
Seguindo as recomendacións marcadas dende a Consellería de Sanidade, o Concello do Rosal comezou hoxe a pechar as fontes públicas do municipio como medida de prevención de contaxios por COVID-19. Esta clausura será efectiva dende este mesmo luns 13 de abril ata o final do estado de alarma decretado pola actual crise sanitaria.
Dado que as fontes públicas son instalacións onde a veciñanza pode ter máis contacto coas mans e incluso coa boca na superficie das billas ou doutros elementos construtivos, recoméndase a todos os rosaleiros e rosaleiras que, para minimizar os riscos, non as empreguen durante a crise sanitaria.
Dende o Concello agradécese a toda a veciñanza o bo comportamento que está tendo neste tempo de confinamento, cumprindo as directrices establecidas polas autoridades competentes, e pídese desculpas polas posibles molestias ocasionadas por esta nova medida preventiva que busca minimizar o risco de contaxio entre a poboación.
Concello de O Rosal
|