|
Tomiño colabora coa Asociación Párkinson Baixo Miño no reparto dun caderno con exercizos de estimulación cognitiva para reforzar a memoria nestes momentos de quedar na casa
O departamento de Benestar Social do Concello deTomiño está colaborando coa Asociación Párkinson Baixo Miño, no reparto entre os usuarios e usuarias do servizo, dun caderno que se elabora semanalmente, con exercizos de estimulación cognitiva para reforzar a memoria nestes momentos de quedar na casa.
Pódese acceder libremente ao primeiro caderno no seguinte enlace: https://drive.google.com/open?id=1gJjiPstjud_ip0vT5xe39FUjmAjQ3ZVA. Asemade, pódese acceder aos cadernos desde a páxina web do Concello de Tomiño (tomino.gal).
Semanalmente, publícanse máis cadernos cos enlaces para acceder a eles.
Todas as persoas que queiran recibilos na súa casa en papel (sexan socias ou non, nestes momentos complicados estaremos ao servizo de toda a sociedade) teñen que poñerse en contacto con algunha persoa da xunta directiva ou enviar un correo a parkinsonbaixom@gmail.com indicando o nome e o enderezo onde queiran recibilo.
Músicos e magos de Tomiño participan nun festival a través de Instagram durante a fin de semana
Todos os mozos colaboran de xeito gratuíto e o Concello faise cargo só do deseño da cartelería e da promoción do evento
O Concello de Tomiño organiza, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), o festival #NaSantaCasiña coa idea de ofertar alternativas de lecer estes días de Semana Santa.
Música e maxia a través de directos feitos na plataforma INSTAGRAM, coa colaboración desinteresada de artistas mozos (na súa maioría tomiñeses), coma o Mago Zanas e Samuel Moreno Maxia, e os Dj Joselete, Cristian Pereyra, Darío Gz e Gustavo. Tamén estará Izan e cantando e tocando a guitarra, Eder González, membro do Grupo América.
Todos estes mozos colaboran de xeito gratuíto e o Concello faise cargo só do deseño da cartelería e da promoción do evento.
As actuacións de #NaSantaCasiña comezarán o venres de Semana Santa ás 17.00 horas, con o Dj Joselete (17.00 a 17.30h), seguido do Mago Zanas (17.45 a 18.15h) e Cristian Pereyra (18.30 a 19.00h).
O primeiro, acostumado xa a actuar a través das redes, está encantado de poder colaborar e non so pensou cando se o propuxeron dende a OMIX. Natural de Figueiró, Ten pensado pinchar un pouco de todo, para que as familias dende a casa poidan desfrutar da música actual, reggaeton ou rock inglés. Comenta que dende que comezou o confinamento, organiza todos os venres e sábados un show para os seus veciños e veciñas, con luces e todo.
O mago Zanas, tamén tomiñés, ten 23 anos e leva 8 metido na maxia, e en verán soe participar en moitos eventos culturais e festas, sendo tamén un dos convidados da Volta de España. Este finde presentará unha serie de xogos de cerca, con cartas e outros obxectos da casa, coma moedas, azucarillos, etc. Pedirá a colaboración do público e realizará ademais un xogo á vez con catro participantes en riguroso streaming.
Eder González, experimentado músico tomiñés, membro do Grupo América, cantará o sábado de 18.30 a 19.00h, acompañado coa súa guitarra, versións de cancións populares, pop e rock, estrenándose neste tipo de concertos online pero ilusionado.
Coma os demais artistas e compañeiros, coincide en celebrar a idea de organizar un festival destas características dende a OMIX, polo que non dubidou un momento cando o convidaron.
O grupo de persoas maiores do programa europeo "In Common Sports" mantén os adestramentos a través de internet
Baixo a orientación dun monitor, o equipo de Cerveira-Tomiño está a usar o WhatsApp para garantir a continuidade dos exercicios durante este período de illamento social
Debido á pandemia mundial do COVID-19, os adestramentos presenciais para persoas maiores no ámbito do proxecto europeo In Common Sports foron suspensos en todos os países. Mentres, e para manter a boa forma e unha rotina diaria/semanal, algúns socios e socias están a proporcionar sesións de exercicio físico online, monitorizadas polos adestradores, e que inclúen clases de ximnasia aeróbica, de fortalecimento e alongamento.
Baixo a orientación do adestrador Nuno Silva, o equipo de Cerveira-Tomiño está a usar o WhatsApp para garantir a continuidade dos exercicios durante este período de illamento social, alén de manter a motivación necesaria a través do contacto co grupo.
O mesmo escenario está a ser practicado no municipio de Cesena, en Italia, con Sabrina Colaci, a adestradora principal, a dinamizar un conxunto de adestramentos online para seus participantes seniores, coa intención dos axudar a permanecer activos durante estes momentos difíciles.
É de salientar que o In Common Sports cre no impacto bo do deporte na aptitude física e mental das persoas maiores e ten consolidada a súa expresión alén-fronteiras. Froito dunha candidatura financiada con máis de 300 mil euros polo programa Erasmus + Sport, o proxecto iniciou en marzo de 2018, contando cun consorcio de municipios socios da Bulgaria, España, Hungría e Italia, liderado de Portugal, a través do Municipio de Vila Nova de Cerveira.
Os tempos difíciles que vivimos obriga á adopción de novos métodos, privilexiando a vertente dixital. Algunhas das clases online están dispoñíbeis en vídeo, en: http://www.olympics4all.eu/
A todos os participantes, o consorcio deixa a seguinte mensaxe: "Queda en casa, queda en forma, queda en seguridade".
O concelleirode Deportes do Concello de Tomiño, Fran Campo, salienta a importancia de manter hábitos saudables, sobre todo,nestes difíciles momentos nos que toca estar illados na casa e convida ás socias e socios do programa a non perderse as clases, botando man neste caso, das novas tecnoloxías".
Unicef España convida á infancia e adolescencia de Tomiño a facer vídeos contando a súa experiencia de confinamento
Os traballos poderán colgarse no programa Clip Club TV de You Tube
Tomiño, 7 de abril de 2020.- UNICEF Comité Español e Alcantara Family Foundation lanzan unha proposta para toda España co obxectivo de facer máis visible a infancia e a adolescencia en momentos como os que se están vivindo e para contribuir a que eses colectivos poidan pasar mellores momentos mentres dure o confinamentonos fogares.
Con este fin, veñen de crear un canal de YouTube onde os protagonistas son os nenos, nenas e adolescentes a través dos seus propios vídeos, nos que contan como están vivindo o confinamiento na casa.
A actividade está especialmente dirixida aos concellos declarados "Cidades Amigas da Infancia", coma é o caso de Tomiño, cun Consello Municipal da Infancia e Adolescencia, cuxos integrantes poden participar, así coma tamén outros nenos ou nenas da localidade.
"UNICEF_Clip club TV_Juntos ¡Todo irá bien!" é un programa diferente e diario, no que nenos e nenas poden gravar os seus vídeos contando que actividades están a facer na casa para pasar mellor as horas, para que outros poidan facelas tamén no fogar. Coma exemplos, Unicef recomenda falar dun libro ou filme, xogos, debuxos, contos, manualidades receitas de cociña, coreografías, exercizos, trucos de maxia, etc.
Coas preguntas "Queres aparecer nun novo programa de YouTube?; Gustaríache escoitar propostas doutros nenos e nenas como ti?, ou Seguro que tes algún talento escondido e, se o compartes, podes entreter a moitos mozos e mozas", o equipo de realización do canal tenta animar á participación.
Entre as instruccións para facer un bo vídeo, o canal inclúe as de gravarse cun móbil ou tableta, con formato horizontal e preferentemente en galego. Procurar que ao redor non haxa moito ruído, evitar o contraluz (non gravar de costas ao sol); mirar á cámara con naturalidade, e coidar que os vídeos non sexan moi longos (como moito, un minuto e medio), son outros dos consellos para conseguir un bo traballo, que poderá subirse a www.clipclubtv.com cun pequeno comentario.
A Concellería de Eurocidade, Mocidade e Participación infantil, que dirixe Fátima Rodríguez, convida a todos os nenos, nenas, mozos e mozas da vila a gravar un vídeo e subilo ao canal, para así poder compartilo con toda a veciñanza, e de paso, aprender cousas novas e pasalo un pouco mellor estes días mentres dure o confinamento.
O Concello de Tomiño pon en marcha "En Familia", unha ferramenta on line para as familias durante a cuarentena
Contos, cancións, manualidades, xogos e percorridos dixitais figuran entre as propostas elaboradas polo Servizo de Educación e Apoio Familiar
"Adivina canto te quero", un conto en formato vídeo da educadora infantil Quelly Rodríguez, ou a canción dos dediños en familia, coa compañía Migallas Teatro, son dúas das interesantes propostas do programa online "En Familia" posto en marcha polo Concello de Tomiño na súa páxina web, co propósito de axudar durante a cuarentena na crianza das fillas e fillos.
Manualidades sobre como facer un peto o unha carreira de animais; xogos de mesa e de palabras; vídeos sobre as banderas do mundo ou unha magnífica galería con máis de 2.000 fotos do Museo de Historia Natural de Nova Yorke figuran tamén entre os recursos propostos pola ferramenta dixital.
O Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño vén de por en marcha este programa online, co fin de acompañar ás familias confinadas na casa, cunha serie de recursos e ferramentas de apoio educativo e de orientación no acompañamento a nenos e nenas durante este tempo de convivencia familiar.
"Pretendemos, a través de distintas propostas, facilitarvos tarefas para realizar cos vosos pequenos e pequenas, e así aproveitar esta situación para compartir tempos e fortalecer vínculos de maneira positiva. Agardamos que sexa un espazo dinámico no que poder compartir ideas, inquedanzas, propostas que axuden a enriquecer este tempo de agarda", explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.
Entre o contidos que se colgan na páxina web do Concello (https://tomino.gal/en-familia/), pódense atopar actividades lúdicas cunha dimensión educativa, e unha serie de consellos ou trucos para afrontar de maneira constructiva a situación de confinamento no fogar. "Desde unha perspectiva positiva podemos aproveitar o momento para introducir certas rutinas na vida dos nosos pequenos e pequenas, coa intención de que se manteñan no tempo", comenta a concelleira.
Asimesmo, as familias dispoñen dun enderezo de correo electrónico no que contactar para calqueira dúbida, preocupación ou propostas que queiran compartir: apoiofamiliar@tomino.gal.
Neste espazo súbense periódicamente unha serie de actividades e pautas para aproveitar o momento de convivencia no fogar. As propostas están divididas en dúas áreas; por un lado, para nenos e nenas até os 6 anos de idade, e por outro, para cativos e cativas de entre 6 e 13 anos. Para o 1º tramo de idade, hai contos para ver e escoitar, cancións para aprender e entender, actividades socioeducativas e trucos. Para o segundo, xogos, manualidades, e aplicacións virtuais coma un percorrido pola galería dos dinosaurios do Museo Americano de Historia Natural con 2160 fotografías.
A alcaldesa Sandra González quere agradecer a todas as persoas que facen posible esta nova sección da web municipal, achegando a súa experiencia e creatividade na elaboración do material didáctico, entre eles, Tamara e Bea Campos, do grupo Migallas Teatro; Raquel Quelly Rodríguez, monitora do programa Medrando en Familia; Karina, monitora da actividade extraescolar "Emociónate", de Lingoreta, e os técnicos municipais Iago Piñeiro e Isabel Ayán.
|