JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello pon en marcha '#euquedonacasa', unha plataforma online cunha morea de propostas para o tempo de confinamento

Trátase dunha ferramenta interactiva na que calquera veciño ou veciña pode participar enviando propostas ou suxestións a través de correo electrónico

Un espazo con propostas sinxelas e divertidas para pasar o tempo de confinamento en familia, con xogos, experimentos, receitas, manualidades con vídeos explicativos, recuncho de lectura, recomendacións ou respostas a dúbidas importantes que xorden en plena crise sanitaria, como as relativas ao emprego. Así é '#euquedonacasa', unha plataforma online posta en marcha polo Concello do Rosal para achegar a todas as veciñas e veciños actividades pensadas para o lecer en familia, propostas municipais en tempo de corentena artelladas nunha ferramenta interactiva e dinámica á que todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal. "Impulsamos este programa para contribuír a afrontar este confinamento dun xeito positivo, combinando unha serie de actividades que se poden realizar a través da páxina web do concello", salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Sinxelos e sorprendentes experimentos con elementos que todas as familias teñen na casa feitos paso a paso, vídeos para facer divertidas manualidades coas que decorar ou xogar na casa ou ricas e saudables receitas de cociña para estes tempos nos que se cociña máis son algunhas das propostas que se achegan a través desta plataforma, que irá incorporando novo contido de xeito paulatino.

A través de #euquedonacasa tamén se artellarán diferentes xogos nas redes sociais do Concello do Rosal, como o xogo de fotografía 'Desde a miña ventá', que aglutinará nesta páxina todas as fotos enviadas pola veciñanza e dará resposta ao maior misterio de todos: en que zona ou barrio están feitas. Unha proposta que xa está a ter moita repercusión, xa que son moitas as fotografías que veciños e veciñas están enviando para participar.

A plataforma tamén contará cun recuncho de lectura no que se poderán desfrutar dos 'Contos contados' de KalandrakaTv, unha iniciativa posta en marcha por esta editorial para amenizar a corentena durante o estado de alarma e levar o amor pola literatura a todos os fogares a través de vídeos coa narración de contos tradicionais, relatos de creación ou versos na voz das súas autoras ou autores ou recreadas por narradores. Neste apartado tamén se poderá acceder a GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.

Entre os contidos que se colgarán no #euquedonacasa estarán tamén as recomendacións feitas pola psicóloga rosaleira Andrea Iglesias para levar do mellor xeito este tempo de confinamento, consellos xerais ou destinados a familias coas que xestionar o malestar psicolóxico que pode xurdir tras unha corentena tan longa. Tamén recollerá recomendacións sobre reciclaxe e a xestión de residuos no día a día ou unha serie de guías de emprego vinculadas a organismos oficiais coas que resolver posibles dúbidas e problemas xurdidas durante o estado de alarma.

Dende o Concello do Rosal quérese "agradecer o traballo feito por todas as persoas que achegaron as súas ideas, a súa experiencia, a súa creatividade e, como non, o seu tempo para que esta plataforma sexa unha realidade. Esperamos que se convirta nunha ferramenta á que ás familias recorran para facer estes días de confinamento moito máis levadíos", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Concello de O Rosal


Comunicado da alcaldesa do Rosal no comezo da cuarta semana de confinamento

O Rosal, 6 de abril de 2020.- Comunicado da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, no comezo da cuarta semana de confinamento:

"Comezamos a cuarta semana de confinamento, mais sabemos que a loita contra o COVID-19 e o Estado de alarma vanse prolongar. Por iso, quero enviarvos a todos os veciños e veciñas unha mensaxe de agradecemento e ánimo no meu nome e no de toda a corporación.

Grazas a esa gran maioría responsable e respectuosa que estades antepoñendo o interese colectivo actuando con total solidariedade ficando na casa. Se os datos comezan a arroxar certa luz é grazas a todos e todas vós.

Aproveito para agradecer o gran labor que están a desenvolver todas e todos os profesionais dos servizos esenciais, que fan que poidamos levar esta situación da mellor maneira, aos grandes profesionais do ámbito sanitario e a todas e todos os profesionais do Concello que están a traballar cun grao de implicación máximo nestes intres.

No Concello do Rosal desde o primeiro momento estamos traballando arreo as 24 horas, a disposición sempre das autoridades competentes e tomando decisións diarias en colaboración coas mesmas; transmitíndovos toda a información, medidas e cambios desde o primeiro minuto; atendendo a todas as demandas dos veciños e veciñas; en comunicación directa co ámbito educativo e en colaboración constante co noso Centro de Saúde.

Damos resposta a todas as emerxencias sociais crecentes derivadas da situación de confinamento desde a área de servizos sociais e coa colaboración e experiencia de asociacións e de organismos como a Cruz Vermella, Protección Civil e a propia Policía Local na entrega de bens básicos. Sen ir máis lonxe, nesta última semana duplicouse a entrega de alimentos.

Estamos facendo un esforzo imprescindible na recollida do lixo e reforzando a información na importancia da correcta xestión e separación do mesmo nestes intres, así como na desinfección de todos os contedores e de todas as zonas máis sensibles do núcleo urbano e dos barrios en colaboración coa asociación de adegueiros do Rosal. Reforzamos tamén a limpeza e desinfección das instalacións municipais en uso como pode ser o noso mercado, no que se implementou un protocolo de medidas de prevención.

Vimos de realizar recentemente un pleno extraordinario histórico no que se aprobou pola unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito para axilizar o pago de todas as facturas aos provedores do Concello. Suspendéronse os pago das taxas e impostos municipais recadados pola ORAL ata o fin do estado de alarma, que afecta a tributos como IBI, lixo, auga, sumidoiros, vehículos, IAE ou plusvalías, entre outros. Colaboramos con profesionais do ámbito da psicoloxía do noso concello para facilitar recomendacións coas que afrontar estes tempos e traballamos en actividades, iniciativas e programas propios para sumar na superación da situación do confinamento, entre outras cuestións.

Desde a xestión política e pública é o momento da sensatez, da suma, da honestidade, da implicación máxima e da responsabilidade.

Dúas son as prioridades esenciais nas que temos e compartimos o noso esforzo, ocupación, preocupación e dedicación. En primeiro lugar, a saúde das persoas e, en segundo lugar, as consecuencias socioeconómicas de toda esta realidade que nos tocou vivir.

Valoremos todas aquelas pequenas cousas do noso día a día que adoitan pasar desapercibidas, as persoas que sentimos preto e que queremos. Reflexionemos e pensemos conscientemente na grande importancia que ten a defensa e a aposta clara pola nosa sanidade pública.

Non podemos baixar a garda se queremos recuperar a normalidade canto antes. É momento de ser responsables, respectuosos, de manter a calma e de sacar o mellor de nós para superar esta loita e reto colectivo que temos por diante e do que xa estamos a aprender moito das cousas importantes das nosas vidas.

Sen dúbida, xuntas e xuntos superarémolo. Conto con todos/as vós!
Moito ánimo e forza a todas e todos!"
#EuQuedoNaCasa
#XuntosSuperaremolo

Concello de O Rosal


Cinco recomendacións para xestionar en familia este tempo de confinamento

A psicóloga rosaleira Andrea Iglesias lembra que en plena crise sanitaria o máis importante é pasar tempo de calidade xuntas e xuntos

O Rosal, 6 de abril de 2020.- Xa na cuarta semana de estado de alarma e a piques de cumprirse un mes de confinamento para frear os contaxios por COVID-19, é o momento de ter en conta algunhas pautas psicolóxicas que axuden a afrontar este illamento. A psicóloga Andrea Iglesias, de novo en colaboración co Concello do Rosal, fai unha serie de recomendacións dirixidas ás familias para superar do mellor xeito posible esta alerta sanitaria e que os días pechados na casa non pesen tanto, cinco consellos para unha boa convivencia e para superar a crise sanitaria que rematan cunha idea central, que "o máis importante é pasar tempo de calidade en familia".

A primeira recomendación da psicóloga rosaleira é manter a calma. As persoas adultas son o modelo que os nenos e nenas seguen para afrontar situacións que se saen da normalidade, por iso aínda que se cambien normas, se teñan dúbidas ou se reorganice a estrutura do fogar é fundamental manter o control e transmitirlles tranquilidade e afecto.

Tamén hai que manter aos cativos e cativas informados do que pasa, coñecer que é o que saben de todo o que está a pasar, darlles información veraz pero sen detalles innecesarios e aclarar todas as súas dúbidas. Nin sobreinformación nin mensaxes irreais e positivas en extremo: hai que axudarlles a xestionar o que senten e buscar alternativas aos problemas que poidan xurdir.

Iglesias tamén recalca a importancia de manter rutinas e horarios, tanto familiares como individuais. Pódese deseñar coas fillas e fillos un horario de tarefas, hixiene, xogo, chamadas frecuentes aos avós... de xeito consensuado para que o manexen da mellor forma posible. Sempre sen esquecer que é difícil manter a normalidade nunha situación excepcional como a que se está a vivir.

Tecnoloxías e pantallas si, pero cun uso limitado dependendo da idade e necesidades de comunicación de cada nena ou neno, segundo recomenda a psicóloga. Hai que tratar de ser flexibles e axudarse de ferramentas como o establecemento de tempos, o fomento doutras actividades físicas, xogos...

Por último, Iglesias lembra que é importante facer os deberes e tarefas escolares, pero sen que se converta nun conflito constante. Estudar a distancia supón un esforzo extra e moitos nenos e nenas e adolescentes non dispoñen dos medios suficientes para manter o ritmo ao que estaban habituados ou precisan un apoio que as familias non poden darlle. Os máis maiores ou adolescentes deben organizarse para avanzar no temario integrando as tarefas escolares nas novas rutinas escolares; mentres, os máis pequenos e pequenas, non precisan facer tarefas educativas todo o tempo e é un bo momento para que aprendan a facer cousas por si mesmos para non aburrirse.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais