|
Unicef España convida á infancia e adolescencia de Tomiño a facer vídeos contando a súa experiencia de confinamento
Os traballos poderán colgarse no programa Clip Club TV de You Tube
Tomiño, 7 de abril de 2020.- UNICEF Comité Español e Alcantara Family Foundation lanzan unha proposta para toda España co obxectivo de facer máis visible a infancia e a adolescencia en momentos como os que se están vivindo e para contribuir a que eses colectivos poidan pasar mellores momentos mentres dure o confinamentonos fogares.
Con este fin, veñen de crear un canal de YouTube onde os protagonistas son os nenos, nenas e adolescentes a través dos seus propios vídeos, nos que contan como están vivindo o confinamiento na casa.
A actividade está especialmente dirixida aos concellos declarados "Cidades Amigas da Infancia", coma é o caso de Tomiño, cun Consello Municipal da Infancia e Adolescencia, cuxos integrantes poden participar, así coma tamén outros nenos ou nenas da localidade.
"UNICEF_Clip club TV_Juntos ¡Todo irá bien!" é un programa diferente e diario, no que nenos e nenas poden gravar os seus vídeos contando que actividades están a facer na casa para pasar mellor as horas, para que outros poidan facelas tamén no fogar. Coma exemplos, Unicef recomenda falar dun libro ou filme, xogos, debuxos, contos, manualidades receitas de cociña, coreografías, exercizos, trucos de maxia, etc.
Coas preguntas "Queres aparecer nun novo programa de YouTube?; Gustaríache escoitar propostas doutros nenos e nenas como ti?, ou Seguro que tes algún talento escondido e, se o compartes, podes entreter a moitos mozos e mozas", o equipo de realización do canal tenta animar á participación.
Entre as instruccións para facer un bo vídeo, o canal inclúe as de gravarse cun móbil ou tableta, con formato horizontal e preferentemente en galego. Procurar que ao redor non haxa moito ruído, evitar o contraluz (non gravar de costas ao sol); mirar á cámara con naturalidade, e coidar que os vídeos non sexan moi longos (como moito, un minuto e medio), son outros dos consellos para conseguir un bo traballo, que poderá subirse a www.clipclubtv.com cun pequeno comentario.
A Concellería de Eurocidade, Mocidade e Participación infantil, que dirixe Fátima Rodríguez, convida a todos os nenos, nenas, mozos e mozas da vila a gravar un vídeo e subilo ao canal, para así poder compartilo con toda a veciñanza, e de paso, aprender cousas novas e pasalo un pouco mellor estes días mentres dure o confinamento.
O Concello de Tomiño pon en marcha "En Familia", unha ferramenta on line para as familias durante a cuarentena
Contos, cancións, manualidades, xogos e percorridos dixitais figuran entre as propostas elaboradas polo Servizo de Educación e Apoio Familiar
"Adivina canto te quero", un conto en formato vídeo da educadora infantil Quelly Rodríguez, ou a canción dos dediños en familia, coa compañía Migallas Teatro, son dúas das interesantes propostas do programa online "En Familia" posto en marcha polo Concello de Tomiño na súa páxina web, co propósito de axudar durante a cuarentena na crianza das fillas e fillos.
Manualidades sobre como facer un peto o unha carreira de animais; xogos de mesa e de palabras; vídeos sobre as banderas do mundo ou unha magnífica galería con máis de 2.000 fotos do Museo de Historia Natural de Nova Yorke figuran tamén entre os recursos propostos pola ferramenta dixital.
O Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño vén de por en marcha este programa online, co fin de acompañar ás familias confinadas na casa, cunha serie de recursos e ferramentas de apoio educativo e de orientación no acompañamento a nenos e nenas durante este tempo de convivencia familiar.
"Pretendemos, a través de distintas propostas, facilitarvos tarefas para realizar cos vosos pequenos e pequenas, e así aproveitar esta situación para compartir tempos e fortalecer vínculos de maneira positiva. Agardamos que sexa un espazo dinámico no que poder compartir ideas, inquedanzas, propostas que axuden a enriquecer este tempo de agarda", explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.
Entre o contidos que se colgan na páxina web do Concello (https://tomino.gal/en-familia/), pódense atopar actividades lúdicas cunha dimensión educativa, e unha serie de consellos ou trucos para afrontar de maneira constructiva a situación de confinamento no fogar. "Desde unha perspectiva positiva podemos aproveitar o momento para introducir certas rutinas na vida dos nosos pequenos e pequenas, coa intención de que se manteñan no tempo", comenta a concelleira.
Asimesmo, as familias dispoñen dun enderezo de correo electrónico no que contactar para calqueira dúbida, preocupación ou propostas que queiran compartir: apoiofamiliar@tomino.gal.
Neste espazo súbense periódicamente unha serie de actividades e pautas para aproveitar o momento de convivencia no fogar. As propostas están divididas en dúas áreas; por un lado, para nenos e nenas até os 6 anos de idade, e por outro, para cativos e cativas de entre 6 e 13 anos. Para o 1º tramo de idade, hai contos para ver e escoitar, cancións para aprender e entender, actividades socioeducativas e trucos. Para o segundo, xogos, manualidades, e aplicacións virtuais coma un percorrido pola galería dos dinosaurios do Museo Americano de Historia Natural con 2160 fotografías.
A alcaldesa Sandra González quere agradecer a todas as persoas que facen posible esta nova sección da web municipal, achegando a súa experiencia e creatividade na elaboración do material didáctico, entre eles, Tamara e Bea Campos, do grupo Migallas Teatro; Raquel Quelly Rodríguez, monitora do programa Medrando en Familia; Karina, monitora da actividade extraescolar "Emociónate", de Lingoreta, e os técnicos municipais Iago Piñeiro e Isabel Ayán.
Benestar Social de Tomiño crea axudas para familias en risco de exclusión
As dependencias de Benestar Social están abertas ao público a través do teléfono 986623211 de
luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas, atendidas por quendas de tres traballadoras
Tomiño, 30 de marzo de 2020.- O Departamento de Benestar Social do Concello de Tomiño traballa
sen descanso estas semanas para chegar a todas as persoas usuarias do servizo, a través de
diferentes programas.
A situación socio sanitaria orixinada pola crisis do coronavirus ocasionou, ademais, que se despuxeran
axudas extraordinarias a familias en risco de exclusión; unha primeira de 820 euros para a compra de
alimentos e outros bens de primeira necesidade, para cinco familias constituídas por 24 persoas, e unha
segunda, de 770 euros para cubrir os gastos de outras seis familias, con 23 persoas en total.
Ademais, sumouse unha alta no Servizo de Axuda no Fogar, (SAF) que na actualidade conta cun total
de 117 usuarios e 42 auxiliares. Estes continúan asistindo aos fogares a pesar da crise, utilizando
material de protección contra posibles contaxios, achagado pola Xunta de Galicia.
Nestas últimas semanas producironse 13 baixas temporais no SAF e 11 reducións, máis 9 baixas en
dependencia, debido a que as persoas, ao estar confinadas nas casas, teñen máis tempo para coidar
dos seus familiares.
Para facer fronte á situación de emerxencia, o Concello vén de recibir un total de 89.562 euros
procedentes da Deputación de Pontevedra en concepto de axuda de emerxencia (10.200€); Servizos
comunitarios e SAF (59.042€), e unha liña extraordinaria (20.320€) para facer fronte á situación de
pandemia Covid-19. Neste capítulo inclúese atención á situación de persoas miores que vivan solas ou
que se atopen en situación de risco ou especial vulnerabilidade; desinfección de dependencias
municipais abertas ao público, reparto de alimentos, limpeza de espazos públicos e colectores, etc.
Así mesmo, o Concello de Tomiño solicitou da Xunta de Galicia a presencia das brigadas de
medio rural que procederon á desinfección das dúas residenciasde persoas maiores de titularidade
privada existentes no municipio (unha en A Salgosa-Tomiño, con 52 persoas usuarias, e outra en
Torrón, con 18).
Asemade, mantense contacto coas asociacións de persoas condiscapacidade Vontade, Avelaíña e San
Xerome, dispoñendo axudas para casos especiais, e colabórase tamén nos repartos organizados por
SOS Tomiño-Baixo Miño.
As dependencias de Benestar Social están abertas ao público a través do teléfono 986623211 de luns a
venres en horario de 09.00 a 14.00 horas, atendidas por quendas de tres traballadoras que fan
seguimento de aqueles casos que así o precisan, en colaboración coa agrupación de Protección Civil,
que colabora nas saídas necesarias para levar medicamentos ou alimentos ás familias que non poden
conseguilos por se mesmas.
Tamén continúa operativa a Oficina Municipal de Igualdade, de luns a venres, para atender a todos
aqueles caso de violencia de xénero que necesiten atención especializada ou asesoramento xurídico.
Por outra banda, estáse a traballar dende o Servizo de Educación Familiar nunha ferramenta online con
propopostas educativas e de ocio que permita ás familias do Concello conxugar os tempos de traballo
escolar dos fillos e fillas de educación infantil, de 0 a 6, e primaria e de lecer, clarexando dúbidas e
realizando actividades de acompañamiento, coa colaboración das técnicas do programa Medrando en
Familia, da Escola Municipal de Teatro, e da actividade extraescolar "Emociónate", pondo tamén á súa
disposición o email de contacto apoiofamiliar@tomino.gal
A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, quere agradecer a todo o personal da súa
concellería polo traballo desempeñdo nestas semanas tan complicadas, e moi especialmente, aos
voluntarios e voluntarias de Protección Civil, polo seu apoio constante e desinteresado, animando á
poboación a quedarse na casa na medida do posible, e a chamar por teléfono ao departamente de
Benestar en caso de necesidade familiar ou social.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño mantén cooperación a través de medios dixitais
Os alcaldes de Vila Nova de Cerveira e Tomiño mantiveron esta mañá unha videoconferencia para tratar temas burocráticos
O alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, e a alcaldesa do Concello de Tomiño, Sandra Gonzalez, reuníronse esta mañá, por videoconferência para articular algúns procedementos de desburocratización para portugueses que viven en Tomiño, pero que aínda se encontran a traballar na Zona Industrial de Vila Nova de Cerveira, e viceversa, e que necesitan pasar a fronteira Valença/Tui, etamén para intercambiar impresións sobre as accións municipais aplicadas para a contención ao COVID-19.
A pesar de confirmar o peche dunha gran número de fábricas dos polos industriais de Vila Nova de Cerveira (nomeadamente as que teñen un maior número de traballadores), aínda hai unidades fabris, especialmente as relacionadas con industria alimentaria e transportes, que continúan a traballar, con operarios/as portugueses e doutras nacionalidades. Coa finalidade de facilitar a pasaxe na fronteira Valença/Tui, un dos nove postos fronteirizos nacionais abertos para entrada de mercadorías e circulacións de cariz laboral , o Concello de Tomiño creou unha liña de apoio dixital, con recurso a correo eletrónico (beatriz.miranda@tomino.gal ), para a emisión de certificados de residencia e de circulación de portugueses residentes en Tomiño e traballadores en Vila Nova de Cerveira. Para cuestións máis complexas, o EURES transfronteirizo tamén facilita canles específicas.
Os dous alcaldes abordaron aínda as cuestións sociais prioritarias nesta fase, concensuando a necesidade de reforzar os servizos municipais desta área, nomeadamente na definición e implementación de apoios e medidas sociais inmediatas, con actualización minuciosa e constante, manifestando a gran preocupación polos usuarios e usuarias dos servizos sociais.
A evolución da pandemia COVID-19 de ámbito nacional, en Portugal e en España, tamén foi analizada durante esta reunión por videoconferencia, salientando o alcalde de Cerveira a importancia de sentirse nunha Europa aínda máis solidaria e que, superada esta crise sanitaria, as relacións de cooperación da Eurocidade Cerveira-Tomiño sexan retomadas con maior vitalidade e entusiasmo.
Á súa vez, a alcaldesa Sandra Gonzalez eloxiou a postura do Goberno Portugués na defensa para con España e outros estados-membros europeos, e que foi moi aplaudida en toda a Galiza, referíndose ao caso das declaracións menos solidarias proferidas polo Goberno Holandés.
Aos contactos permanentes entre os dous representantes máximos dos concellos veciños, tamén os equipos técnicos do proxecto da Eurocidade, continúan a estabelecer contactos permanentes para analizar a actual circunstancia e delinear as próximas intervencións transfronteirizas.
Ao finalizar a reunión, ambos os dous mandatarios locais enviáronse un gran abrazo de amizade á distancia.
Solicitude de Praza nas Escolas Infantís
Ante a demanda de información das familias con nenas e nenos en idade de solicitar praza na rede pública de escolas infantis Galiña Azul, para o vindeiro curso, unha vez establecido contacto coas mesmas, informar segundo o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que regula unha serie de medidas para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, no que respecta á actuación administrativa a Disposición adicional terceira recolle a suspensión de prazos administrativos, polo que hai que agardar a que a situación de alarma revirta e cando saia publicada a convocatoria no DOGA, faráse pública neste medio onde se recolleran tamén as datas de incio e fin do prazo para solicitalas.
Tomiño amosa o seu pesar polo pasamento do seu fillo predilecto Xose Luis Franco Grande
O Goberno local de Tomiño quere recoñecer o compromiso e a importante labor do seu Fillo Predilecto (2012) o escritor e académico Xose Luis Franco Grande, quen faleceu esta noite e quen fixo de Tomiño a súa patria.
Xose Luis Franco Grande naceu en Tebra no ano 1936. Fillo de mestres, foi o responsable do primeiro Diccionario galego -castelán (1968), iniciando o camiño da normalización da nosa lingua. Alma da xeración esquecida que durante a ditadura fixo de ponte entre os represaliados do Grupo "Nós" e a Xeración Galaxia.
O escritor foi nomeado Fillo Predilecto de Tomiño en sesión plenaria do 27 de outubro de 2011 e faséndoselle a homenaxe respectiva o 15 de xaneiro de 2012, cando se lle entregou unha distinción coa seguinte lenda: A corporación municipal do Concello de Tomiño acordou por unanimidade nomear fillo predilecto de Tomiño a Xose Luis Franco Grande POLO SEU FIRME E INQUEBRANTABLE COMPROMISO CON GALICIA E COA SÚA LINGUA E CULTURA". Este emotivo acto, celebrado no auditorio goianés, contou coa preseza da familia, amizades, veciñanza e boa parte da intelectualidade galega. Asemade, Franco Grande foi o primeiro homenaxeado no Acto Cívico do Alivio, instituído polo goberno local no ano 2007.
Na actualidade era membro numerario da Real Academia Galega e membro do consello reitor do IGADI. Compaxinaba os seus artigos na prensa escrita coa impartición de conferencias sobre literatura e pensamento político. Un ámbito do que nos quedarás as súas últimas publicacións Os anos escuros (2004), Cando o futuro comeza (2009) , Outra política para outros tempos (2015) ou A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (2020).
Franco Grande fixo comezou traballando no mundo da poesía acadando diversos premios (Premio Eduardo Pombal, 1955; Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro, 1967); para máis tarde, incursionar no xenéro teatral e desenvolver unha labor constante como articulista en diversos medios de comunicación.
O goberno de Tomiño, encabezado pola alcaldesa Sandra González, quere amosar o seu pesar polo pasamento deste distinguido veciño tomiñés, nestes difíciles momentos, lembrándoo coas verbas sempre agarimosas que tiña para o seu pobo, e facer chegar todo o cariño e apoio á súa familia.
Tomiño desinfecta as zonas rurais ademais dos núcleos urbanos
Nas tarefas de limpeza participan tanto a empresa concesionaria, coma operarios municipais e voluntarios
Tomiño, 27 de marzo de 2020.- O Concello de Tomiño avanza na desinfección das zonas rurais , co apoio de Urbaser, operarios municipais e tamén de empresas que apoian cos seus medios de forma voluntaria.
Deste xeito, a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Belén Casaleiro, xa ten desinfectado os contenedores de tódalas Parroquias (exceptuando algunha zona de San Salvador e aforas de Tomiño)
A empresa concesionaria, ademáis de desinfectar nos centros de Seixo e Goián, ocupouse de desinfecctar contenedores en Santa María de Tebra, San Salvador, Vilameán, Pinzás, Cristelos e Barrantes.
Tamén a zona de Vilachán de Tomiño e lugares de moita afluencia de persoas (tendas, estancos,etc.).
Hoxe seguiron desinfectando co camión grande (12.000l) polos núcleos urbanos, centro médico e as parroquias de Sobrada e Piñeiro.
Por outra banda, "o que fixo posible chegar á práctica totalidade do municipio nesta semana" sesalta a concelleira, foi a realízación de forma simultánea de tarefas de desinfección por parte de empresas voluntarias, que puxeron á disposición tractor con depósito e conductor, coma os que seguen:
Manolo de Pastelería Flor y Nata: que este xoves foi, acompañado por persoal do concello, pola zona da Salgosa. Dende o colexio Pedro Caselles ata a capela de San Omedio, e baixaron ata a Casa Social de Estás.
Alfonso Pazos Casal: Desinfectou os contenedores de Taborda.
Nair Rolán (Veigas do Miño s.l.): Mandou este xoves un operario, guiado por persoal do concello, por Carregal. O operario seguiu o venres por Amorín.
Quin de Goián (Viñedos): Hoxe venres tivo todo o día un operario, cun traballador do Concello, desinfectando as zonas das aforas de Goián. E tamén por Estás e Figueiró.
José Cal (Martín Codax): Hoxe venres, pola tarde, cun traballador do Concello, encargouse da zona de Forcadela.
Hai máis voluntarios dispostos a axudar: José Torres (Altos de Torona) e socios de ACUBAM. A concelleira de medio ambiente porase en contacto con eles, para algunha zona que queda sen cubrir ou se fai falta unha segunda pasada.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, fai público o seu agradecemento a todos e todas as persoas e empresas que prestan os seus servizos para esta importante labor, amosando responsabilidade e solidariedade con toda a cidadanía, e anima á veciñanza a actuar de igual forma, quedándose na casa e cooperando todo o posible para minimizar o risco de contaxio.
Tomiño continúa coordinando a través dunha comisión as accións dirixidas a minimizar o risco de contaxio
Esta semana a desinfección das rúas con maior concentración de habitantes será diaria
O Concello de Tomiño -coma xa se publicase- dispuxo o pasado día 12, a creación dunha comisión municipal de seguemento da situación do Covid-19, co fin de facer un seguemento continuado das indicacións das autoridades sanitarias a nivel estatal e autonómico, e coordinar as accións pertinentes a nivel municipal.
Así mesmo, esta comisión, encabezada pola alcaldesa, Sandra González e integrada tamén polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, representantes dos grupos da oposición; dos traballadores e traballadoras e responsables da policía local, encárgase de coordinar a comunicación á poboación dun xeito áxil e veraz, sobre todo, a través das redes sociais do Concello, onde veñen colgándose cartaces e información actualizada de forma constante, para guiar á poboación e tranquilizala. Tanto no Facebook, coma no Instagram e a web municipais, os cidadáns poden atopar unha serie de instruccións, expostas dun xeito claro e directo, sobre as actividades que se están a levar a cabo, con suxestións e consellos realmente útiles nesta situación de crisis (información sobre os taxis que prestan servizo e outros transportes públicos, etc.)
A comisión reúnese unha vez ao día para valorar a situación e está en contacto permanente cos profesionais sanitarios do centro de saúde para a tender e transmitir as súas indicacións.
Asemade, procedeuse a semana pasada e vaise a retomar nesta a desinfección diaria das rúas con maior concentración de habitantes dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, durante as primeiras horas da mañá, substituíndo a limpeza tradicional que se viña facendo.
Aínda que se procedeu á cancelación de todos os eventos culturais e deportivos programados para estas semanas, están a funcionar os servizos mínimos municipais con normalidade.
O 90% dos traballadores e traballadoras están a exercer as súas funcións dende a casa (teletraballo), pero hai áreas, coma a de Benestar Social, que están traballando arreo, por quendas, para dar servizo a todas as familias e persoas en situación de vulnerabilidade. Nesta liña, o Concello está a traballar coordinadamente con Protección Civil, para poder vixilar e acompañar os devanditos casos, incluso,.de forma domiciliaria.
Por outra banda, estableceuse unha listaxe de comercios e pequenos comercios (publicada nas redes)que levan a compra a domicilio , minimizando con esta medida, as posibilidades de contaxio.
O Concello súmase ao chamamento á calma e á prudencia, e pide ás veciñas e veciños de Tomiño que sigan as indicacións oficiais en materia de protección e prevención. A alcaldesa salienta o bo comportamento da cidadanía de Tomiño e segue chamando á responsabilidade e solidariedade de todos e todas as veciñas, e a quedarse na casa, utilizando os medios telefónicos e telemáticos sempre que sexa posible.
O Concello de Tomiño crea unha comisión de seguemento para coordinar as accións municipais con motivo do Covid-19
As súas principais fucións serán facer seguemento das indicacións das autoridades sanitarias, dirixir as medidas pertinentes e coordinar a comunicación a nivel municipal
O Concello de Tomiño celebrou hoxe unha reunión con motivo da situación sanitaria xerada polo Coronavirus. Nesta reunión aprobouse a creación dunha comisión municipal de seguemento da situación do Covid-19, que ten como funcións facer un seguemento continuado das indicacións das autoridades sanitarias a nivel estatal e autonómico, e coordinar as accións pertinentes a nivel municipal. Así mesmo, esta comisión encargarase de coordinar a comunicación á poboación dun xeito áxil e veraz.
A comisión de seguemento estará composta polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, que estarán encargados de executar as medidas nas súas áreas de competencia; representantes dos grupos da oposición; representantes dos traballadores e traballadoras e o responsable da policía local e será presidida pola alcaldesa, Sandra González.
A comisión reunirase de xeito ordinario unha vez ao día durante o tempo que dure a situación actual e de xeito extraordinario cando sexa preciso.
En aplicación das instrucións actuais das autoridades sanitarias e da administración estatal e autonómica, o Concello de Tomiño procede hoxe á cancelación de todos os eventos culturais e deportivos dos vindeiros días, entre os que cabe destacar o programa Reactívate, Medrando en Familia, Actividades extraescolares municipais, Programación de Igualdade, a Escola Municipal de Teatro, os cursos da OMIX, o Mercadillo de Goián e Tomiño, o curso para a obtención da ensinanza secundaria e a totalidade dos eventos deportivos municipais.
O Concello súmase ao chamamento á calma e á prudencia, e pide ás veciñas e veciños de Tomiño que sigan as indicacións oficiais en materia de protección e prevención.
|