JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Comunicado da alcaldesa do Rosal no comezo da cuarta semana de confinamento

O Rosal, 6 de abril de 2020.- Comunicado da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, no comezo da cuarta semana de confinamento:

"Comezamos a cuarta semana de confinamento, mais sabemos que a loita contra o COVID-19 e o Estado de alarma vanse prolongar. Por iso, quero enviarvos a todos os veciños e veciñas unha mensaxe de agradecemento e ánimo no meu nome e no de toda a corporación.

Grazas a esa gran maioría responsable e respectuosa que estades antepoñendo o interese colectivo actuando con total solidariedade ficando na casa. Se os datos comezan a arroxar certa luz é grazas a todos e todas vós.

Aproveito para agradecer o gran labor que están a desenvolver todas e todos os profesionais dos servizos esenciais, que fan que poidamos levar esta situación da mellor maneira, aos grandes profesionais do ámbito sanitario e a todas e todos os profesionais do Concello que están a traballar cun grao de implicación máximo nestes intres.

No Concello do Rosal desde o primeiro momento estamos traballando arreo as 24 horas, a disposición sempre das autoridades competentes e tomando decisións diarias en colaboración coas mesmas; transmitíndovos toda a información, medidas e cambios desde o primeiro minuto; atendendo a todas as demandas dos veciños e veciñas; en comunicación directa co ámbito educativo e en colaboración constante co noso Centro de Saúde.

Damos resposta a todas as emerxencias sociais crecentes derivadas da situación de confinamento desde a área de servizos sociais e coa colaboración e experiencia de asociacións e de organismos como a Cruz Vermella, Protección Civil e a propia Policía Local na entrega de bens básicos. Sen ir máis lonxe, nesta última semana duplicouse a entrega de alimentos.

Estamos facendo un esforzo imprescindible na recollida do lixo e reforzando a información na importancia da correcta xestión e separación do mesmo nestes intres, así como na desinfección de todos os contedores e de todas as zonas máis sensibles do núcleo urbano e dos barrios en colaboración coa asociación de adegueiros do Rosal. Reforzamos tamén a limpeza e desinfección das instalacións municipais en uso como pode ser o noso mercado, no que se implementou un protocolo de medidas de prevención.

Vimos de realizar recentemente un pleno extraordinario histórico no que se aprobou pola unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito para axilizar o pago de todas as facturas aos provedores do Concello. Suspendéronse os pago das taxas e impostos municipais recadados pola ORAL ata o fin do estado de alarma, que afecta a tributos como IBI, lixo, auga, sumidoiros, vehículos, IAE ou plusvalías, entre outros. Colaboramos con profesionais do ámbito da psicoloxía do noso concello para facilitar recomendacións coas que afrontar estes tempos e traballamos en actividades, iniciativas e programas propios para sumar na superación da situación do confinamento, entre outras cuestións.

Desde a xestión política e pública é o momento da sensatez, da suma, da honestidade, da implicación máxima e da responsabilidade.

Dúas son as prioridades esenciais nas que temos e compartimos o noso esforzo, ocupación, preocupación e dedicación. En primeiro lugar, a saúde das persoas e, en segundo lugar, as consecuencias socioeconómicas de toda esta realidade que nos tocou vivir.

Valoremos todas aquelas pequenas cousas do noso día a día que adoitan pasar desapercibidas, as persoas que sentimos preto e que queremos. Reflexionemos e pensemos conscientemente na grande importancia que ten a defensa e a aposta clara pola nosa sanidade pública.

Non podemos baixar a garda se queremos recuperar a normalidade canto antes. É momento de ser responsables, respectuosos, de manter a calma e de sacar o mellor de nós para superar esta loita e reto colectivo que temos por diante e do que xa estamos a aprender moito das cousas importantes das nosas vidas.

Sen dúbida, xuntas e xuntos superarémolo. Conto con todos/as vós!
Moito ánimo e forza a todas e todos!"
#EuQuedoNaCasa
#XuntosSuperaremolo

Concello de O Rosal


Cinco recomendacións para xestionar en familia este tempo de confinamento

A psicóloga rosaleira Andrea Iglesias lembra que en plena crise sanitaria o máis importante é pasar tempo de calidade xuntas e xuntos

O Rosal, 6 de abril de 2020.- Xa na cuarta semana de estado de alarma e a piques de cumprirse un mes de confinamento para frear os contaxios por COVID-19, é o momento de ter en conta algunhas pautas psicolóxicas que axuden a afrontar este illamento. A psicóloga Andrea Iglesias, de novo en colaboración co Concello do Rosal, fai unha serie de recomendacións dirixidas ás familias para superar do mellor xeito posible esta alerta sanitaria e que os días pechados na casa non pesen tanto, cinco consellos para unha boa convivencia e para superar a crise sanitaria que rematan cunha idea central, que "o máis importante é pasar tempo de calidade en familia".

A primeira recomendación da psicóloga rosaleira é manter a calma. As persoas adultas son o modelo que os nenos e nenas seguen para afrontar situacións que se saen da normalidade, por iso aínda que se cambien normas, se teñan dúbidas ou se reorganice a estrutura do fogar é fundamental manter o control e transmitirlles tranquilidade e afecto.

Tamén hai que manter aos cativos e cativas informados do que pasa, coñecer que é o que saben de todo o que está a pasar, darlles información veraz pero sen detalles innecesarios e aclarar todas as súas dúbidas. Nin sobreinformación nin mensaxes irreais e positivas en extremo: hai que axudarlles a xestionar o que senten e buscar alternativas aos problemas que poidan xurdir.

Iglesias tamén recalca a importancia de manter rutinas e horarios, tanto familiares como individuais. Pódese deseñar coas fillas e fillos un horario de tarefas, hixiene, xogo, chamadas frecuentes aos avós... de xeito consensuado para que o manexen da mellor forma posible. Sempre sen esquecer que é difícil manter a normalidade nunha situación excepcional como a que se está a vivir.

Tecnoloxías e pantallas si, pero cun uso limitado dependendo da idade e necesidades de comunicación de cada nena ou neno, segundo recomenda a psicóloga. Hai que tratar de ser flexibles e axudarse de ferramentas como o establecemento de tempos, o fomento doutras actividades físicas, xogos...

Por último, Iglesias lembra que é importante facer os deberes e tarefas escolares, pero sen que se converta nun conflito constante. Estudar a distancia supón un esforzo extra e moitos nenos e nenas e adolescentes non dispoñen dos medios suficientes para manter o ritmo ao que estaban habituados ou precisan un apoio que as familias non poden darlle. Os máis maiores ou adolescentes deben organizarse para avanzar no temario integrando as tarefas escolares nas novas rutinas escolares; mentres, os máis pequenos e pequenas, non precisan facer tarefas educativas todo o tempo e é un bo momento para que aprendan a facer cousas por si mesmos para non aburrirse.

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal pon en marcha 'Desde a miña ventá', un xogo nas redes sociais no que as fotografías serán as protagonistas

Anímase aos veciños e veciñas a enviar fotos sacadas dende as súas fiestras para colgar nas redes sociais do Concello e adiviñar entre todas e todos de onde é a imaxe

Dende o Concello do Rosal queremos propoñer novas ideas coas que facer os días de confinamento máis levadíos. Por este motivo ponse en marcha o xogo 'Desde a miña ventá', un xogo co que se busca implicar a toda a veciñanza e, a través de fotografías, levar uns intres de diversión a todas as casas. Todas as persoas do Rosal que queiran participar terán que facer unha fotografía amosando o que se ve dende a súa fiestra e enviala por correo electrónico a euquedonacasa@concellodorosal.gal poñendo nome e apelidos, teléfono e localización. Cada día o Concello colgará no seu perfil de Facebook unha das imaxes recibidas para que, mediante os comentarios, entre todos os veciños e veciñas adiviñen onde pode estar situada esa ventá.

Para poder participar, todas as fotografías deberán cumprir unha serie de requisitos mínimos. Así, en cada imaxe debe aparecer unha paisaxe do Rosal e as marxes da ventá ou o marco da fiestra dende a que se fai. Non se aceptarán imaxes nas que saian persoas en primeiro plano, soamente paisaxes exteriores, nunca do interior da vivenda. E, para que sexa máis divertido, deberán ser zonas recoñecibles pero sen ser evidentes: as fotos poden dar pistas, pero nunca ser demasiado explícitas para poder xogar entre todas e todos un bo rato! O envío da fotografía suporá a aceptación e cesión de dereitos da mesma para a utilización no xogo por parte do Concello do Rosal, que se reserva a propiedade sobre futuros usos (arquivo, exposicións...).

A segunda parte do xogo terá lugar nas redes sociais. As persoas que queiran participar poden deixar o seu comentario na publicación tentando adiviñar o barrio ou a zona onde está tomada a fotografía, pero non se poderá dicir nunca o nome da persoa propietaria da vivenda nin se consentirán comentarios ofensivos ou de mal gusto.

Todas e todos a xogar!

Concello de O Rosal


Suspendida a solicitude de prazas no CPI, no CRA María Zambrano e na Galiña Azul ata o remate do estado de alarma

O Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 recolle a suspensión de todos os prazos administrativos, incluídos os de solicitude de praza ou renovación de matrícula nos centros de ensino. Neste sentido, lémbrase que no CPI Manuel Suárez Marquier e no CRA María Zambrano paralizouse o período de matriculación que xa estaba aberto e que se reabrirá xusto coa reanudación das clases no centro escolar.

Pola súa banda, na escola infantil Galiña Azul están suspendidos polo momento os procesos tanto de solicitude de prazas como de renovación de matrícula, que aínda non se iniciaran antes de decretarse o estado de alarma. En canto haxa nova información relativa a estes procesos trasladarase aos veciños e veciñas, comunicando as datas de inicio e fin de prazo para calquera das solicitudes.

Ademais da información relativa ás matrículas, dende o Concello do Rosal queremos aproveitar para agradecer a colaboración da dirección e do profesorado da escola infantil Galiña Azul nestes intres, que xenerosamente doaron ao Concello todos os alimentos perecedoiros que tiñan no seu inventario. Todos estes alimentos, principalmente iogures, serán empregados pola área de Servizos Socias para repartir entre aquelas familias que se atopan nunha situación de emerxencia social durante estes días de confinamento.

Concello de O Rosal


Aplausos e sirenas no Rosal en homenaxe a todas e todos os profesionais esenciais para combater o coronavirus

Protección Civil, Garda Civil e GES da Guarda fai unha pequena homenaxe coas sirenas acendidas

Homenaxe no Rosal a todas e todos os profesionais que cada día saen á rúa para combater o COVID-19, para velar polo benestar da veciñanza en plena crise sanitaria ou para garantir os produtos de primeira necesidade en pleno estado de alarma. Membros de Protección Civil, Garda Civil e do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) da Guarda reuníronse onte na Praza do Calvario e acenderon as súas sirenas para visibilizar o seu agradecemento a todos aqueles servizos esenciais que colaboran día a día en plena emerxencia sanitaria.

Uns aplausos mutuos que se sumaron aos que se escoitaban desde balcóns e fiestras e que se fixeron extensibles tamén a todas as forzas e corpos de seguridade e a outro dos eixos vertebradores nesta loita contra o coronavirus, o persoal sanitario. Un xesto importante co que tamén se quixo homenaxear ao sector da alimentación, que está a desempeñar un papel clave e leva traballando a pleno rendemento dende o inicio da crise para garantir que toda a cidadanía dispón do necesario nestes intres.

Agradecemento tamén a todas as veciñas e veciños que achegan cada día o seu gran de area sendo responsables, quedando na casa e cumprindo todas as medidas de seguridade necesarias para tentar frear a expansión do COVID-19.

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal só mantén o traballo presencial de servizos mínimos esenciais

Inclúe Servizos Sociais, Policía Local, servizos de recollida de lixo e limpeza, axuda no fogar e emerxencias de Vías e Obras

O persoal que non poida teletraballar sumarase ao permiso retribuído recuperable

O Rosal, 31 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal segue a aplicar medidas para preventivas para evitar a propagación do COVID-19 no municipio. Tras as novas disposicións marcadas polo Goberno central dentro do estado de alarma, prescindindo dos servizos non esenciais e cunha maior restrición da mobilidade como estratexia de contención do coronavirus, o Concello do Rosal aplicou novas medidas para limitar máis os desprazamentos do persoal municipal.

Así, aínda que dende o inicio do estado de alarma moitos dos traballadores e traballadoras desenvolvían as súas tarefas dende casa, o persoal dos servizos esenciais seguía acudindo aos seus postos de forma presencial tomando todas as medidas de seguridade recomendadas. Non obstante, dende onte e ata o 9 de abril incluído, o Goberno municipal manterá de forma presencial soamente os servizos mínimos considerados esenciais:

- Policía Local.
- Servizo de recollida de lixo.
- Servizo de limpeza viaria.
- Servizo de axuda no fogar.
- Servizo de emerxencias de Vías e Obras.
- Servizos Sociais.
- Servizo de limpeza de edificios públicos como a Praza de Abastos, o Centro Social Polivalente e o Concello, así como calquera outro edificio público que fóra necesario utilizar para o desenvolvemento dalgún servizo esencial.

Os servizos mínimos municipais prestados ata agora na Casa do Concello tamén se levarán a cabo en modalidade de teletraballo e todo aquel persoal que non presten servizos esenciais e non poidan realizar o seu traballo dende o seu domicilio acolleranse ao permiso retribuído recuperable.

"Somos conscientes do complicado da situación, xa na terceira semana de illamento, pero queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade, de calma e de responsabilidade ante o que estamos a vivir. Dende o Concello estamos a tomar todas as medidas necesarias para frear esta pandemia e pedimos a toda a veciñanza que cumpra as recomendacións e medidas do estado de alarma, porque somos conscientes de que estamos nunha recta importante para rematar con este virus e volver pouco a pouco á normalidade. Seguir nese camiño de recuperación vai depender de todas e todos nós. Agora máis que nunca debemos estar xuntas e xuntos neste reto colectivo", recordou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Concello de O Rosal


Cinco consellos para xestionar o malestar psicolóxico que pode xerar a corentena

En colaboración co Concello, a psicóloga rosaleira Andrea Iglesias elabora unhas recomendacións xerais para a xestión psicolóxica durante o illamento durante o estado de alerta por COVID-19

O Rosal, 30 de marzo de 2020.- Comeza a terceira semana de corentena para loitar contra a crise sanitaria provocada polo COVID-19, unha semana que chega con endurecementos nas medidas do estado de alarma e maiores restricións de mobilidade. Un confinamento forzoso do que toda a sociedade é consciente pero que carrexa efectos emocionais. Para minimizar eses efectos psicolóxicos negativos que poidan xurdir do #EuQuedoNaCasa e do momento de crise sanitaria que se está a vivir, a psicóloga Andrea Iglesias colaborou co Concello do Rosal coa elaboración dunha serie de recomendacións para a xestión psicolóxica ante a emerxencia sanitaria do COVID-19, cinco consellos xerais que pode aplicar toda a veciñanza nestes tempos.

Para Iglesias a primeira recomendación pasa por comprender a realidade, estando informado do que está a pasar nestes intres, pero de fontes fiables "para non recibir mensaxes nocivas que poidan crear unha sensación de intranquilidade constante". E, por suposto, actuar con responsabilidade, permanecendo na casa para protexer á nosa contorna e estando atento a calquera posible signo que indique padecer a enfermidade: tose, febre, dificultade para respirar...

Planificar e establecer hábitos de coidados físicos e psicolóxicos tamén é fundamental para a psicóloga rosaleira. Así, recomenda manter unha alimentación saudable e variada e crear unha rutina de actividade física diaria de como mínimo 30 minutos e intensidade media. No eido psicolóxico, para manter o controle e a normalidade, Iglesias aconsella reflexionar sobre a información que chega sobre o COVID-19 e transformar os pensamentos negativos que se poidan ter noutros "máis positivos e con maior utilidade neste momento". "Sentir medo, ansiedade ou preocupación é algo normal. Todas as emocións son válidas e naturais, pero é preciso aprender a xestionalas evitando que cheguen a controlar o noso estado de ánimo", salienta a psicóloga. Para evitalo recomenda tentar pensar en positivo, comentalo cos achegados ou incluso recorrer a profesionais en caso de ser necesario. Tamén é fundamental manter o contacto con familia e amizades, especialmente cando se vive so ou soa.

A psicóloga destaca que este é un bo momento para facer aquelas cousas que nunca se pode facer por falta de tempo e desenvolver habilidades e fortaleza, facendo cousas que teñan algún aspecto creativo. Pero non hai que ser produtivos todo o tempo, os momentos de lecer son moi satisfactorios e fomentan a creatividade e a capacidade para solucionar problemas.

Por último, Iglesias recomenda mellorar os hábitos de vida, "apoiarse nas persoas que temos máis preto para superar condutas aditivas ou pouco saudables. E recorda, se o precisas, pide axuda".

Concello de O Rosal


Suspendidas as taxas e impostos municipais ata o fin do estado de alarma

A ORAL é o órgano encargado da recadación da práctica totalidade de tributos do Rosal

Esta medida afectará a IBI, lixo, auga, sumidoiros, vehículos, IAE ou plusvalías, entre outros

O Rosal, 30 de marzo de 2020.- Tendo en conta o grande impacto económico negativo en todos os sectores por mor do COVID-19, que afecta a un gran número de veciños e veciñas, quedan suspendidos no Rosal todas as taxas e impostos recadados a través da ORAL, o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar na xestión e recadación da práctica totalidade dos tributos e ingresos de dereito público delegados do municipio. Esta medida afecta ao pago de tributos como, por exemplo, o IBI, o lixo, a auga, os sumidoiros, vehículos, plusvalías, IAE...

A ORAL, dependente da Deputación de Pontevedra, decidiu suspender o cobro de tributos co obxectivo de minimizar o impacto fiscal e de facilitar a recuperación da normalidade a medida que a crise sanitaria se minore. Por este motivo, a suspensión estará vixente durante todo o tempo que dure o estado de alarma.

O novo calendario fiscal definitivo do ano 2020 publicarase 10 días despois de que remate o estado de alarma.

Concello de O Rosal


O Concello modificará algún punto concreto de recollida de lixo para reducir riscos para veciñanza e operarios

Os cambios comezarán a vindeira semana e servirán tamén para facilitar a desinfección de contedores. Recoméndase á veciñanza minimizar o lixo tirado ao colector verde e non tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo

O Rosal, 27 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal comezará a vindeira semana a modificar a ubicación dalgún punto concreto de recollida do lixo para reducir os posibles focos de infección e facilitar a desinfección dos contedores, minimizando os riscos non soamente para a veciñanza senón tamén para o persoal de recollida do lixo.

Lémbrase a todos os veciños e veciñas que durante esta crise sanitaria deben extremarse as medidas de precaución para evitar contaxios. Por este motivo, durante o estado de alarma débese facer un especial esforzo por reciclar e separar todas as fraccións posibles, botando envases ao colector amarelo, papel e cartón ao azul, vidro ao iglú verde, orgánica ao composteiro, roupa aos colectores destinados para ela e aceite de cociña nos contedores de aceite. Tamén debe minimizarse a fracción resto a botar no colector verde.

Ademais, non se pode tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo, xa que se está a saturar a capacidade de recollida do Concello. En caso de ter elementos voluminosos deben gardarse na casa ata que a situación volva á normalidade e poidan ser xestionados.

É importante pensar no risco que corren os traballadores municipais que están a realizar unha labor esencial para manter o servizo de recollida. O uso inadecuado deste servizo expón a un risco innecesario a toda a veciñanza.

Concello de O Rosal


Establecementos de alimentación do Rosal levan a compra a casa ou preparan pedidos listos para recoller

O Concello quere amosar o seu agradecemento a todas as traballadoras e traballadores do sector da alimentación, que están a desempeñar un papel clave durante a crise sanitaria

O Rosal, 27 de marzo de 2020.- Con case todos os sectores económicos paralizados pola crise sanitaria do COVID-19, sectores como a alimentación traballan a pleno rendemento para poder garantir que a sociedade poida dispoñer de produtos de primeira necesidade. Nestes intres no Rosal, os supermercados seguen a enviar a compra a domicilio mentres que outros comercios de alimentación optan por facilitar a compra aos seus clientes extremando todas as medidas de seguridade. Así, por exemplo, a Tenda Paquín preparan os pedidos telefónicos para que os rosaleiros e rosaleiras soamente teñan que recollelos na tenda e así pasar o menor tempo posible na rúa. Pola súa banda, o Mercado municipal continúa coa súa actividade habitual, aínda que aplicando todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.

O Concello do Rosal quere amosar o seu agradecemento ás traballadoras e traballadores de toda a cadea do sector da alimentación que, como salienta a alcaldesa Ánxela Fernández, "estes días non poden quedarse nas súas casas. Poñen en risco a súa saúde para que o resto da veciñanza poida pasar a crise sanitaria a salvo nos seus domicilios e ter acceso a todo o necesario para cumprir o illamento minimizando no posible os efectos desta pandemia".

As traballadoras e traballadores do sector da alimentación están a desempeñar un papel clave na superación da crise. Así que dende o Concello pídese á veciñanza a maior colaboración e paciencia á hora de ir a comprar e que se axude ás empregadas e empregados de supermercados e tendas de alimentación cumprindo unhas normas básica: acudir a mercar unha soa persoa por familia, usar guantes e máscara, manter a distancia de seguridade mínima dun metro, non acumular alimentos e seguir os protocolos básicos de hixiene.

Tamén se quere agradecer o labor que están a desempeñar os traballadores e traballadoras doutros ámbitos, como a sanidade, os Corpos de Seguridade e os diferentes servizos públicos ou de sectores como o farmacéutico, o transporte e todos aqueles que están colaborando dunha forma encomiable nestas circunstancias tan difíciles.

Concello de O Rosal


Voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella colaboran co Concello para atender necesidades derivadas do COVID-19

En coordinación con Servizos Sociais dan resposta a diversas emerxencias xurdidas pola situación de vulnerabilidade que se xera co confinamento actual

O Rosal, 26 de marzo de 2020.- Un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está a traballar man a man co Concello do Rosal para atender e cubrir as diferentes necesidades xurdidas a raíz do estado de alarma, así como para atender emerxencias relacionadas co 112, que aumentaron de xeito significativo do confinamento obrigatorio para evitar contaxios por COVID-19.

Así, coordinados directamente con Servizos Sociais, 7 persoas de Protección Civil percorren os barrios informando a veciños e veciñas do estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables e queden na casa e, entre outras tarefas, colaboran co Concello dando resposta a necesidades básicas de persoas maiores que están soas e nas diversas entregas de alimentos feitas por organizacións como SOS Tomiño no municipio rosaleiro. Trátase dun equipo de voluntarias e voluntarios que actúan de xeito totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder desenvolver a súa actividade sen ningún tipo de risco.

Por outra parte, a Cruz Vermella Baixo Miño, unha asociación con ampla experiencia e traxectoria no ámbito social, tamén está en contacto directo co Concello do Rosal para colaborar nalgunhas emerxencias derivadas desta situación de alerta sanitaria.

Todas estas actuacións están sendo coordinadas desde Servizos Sociais, que nestes intres tan delicados está a traballar ao máximo rendemento e está sendo xestionado directamente dende Alcaldía para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes momentos.

Dende o Goberno municipal queremos agradecer o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias destas dúas entidades nestes intres, así como a todas aquelas asociacións e organizacións que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están a xurdir a raíz do estado de alarma, dende a entrega de alimentos ata a participación en calquera bolsa de emerxencia.

Agradecemos igualmente a toda a veciñanza pola resposta tan boa que está dando despois de que se fixese un chamamento á súa colaboración para que trasladasen ao Concello calquera situación de vulnerabilidade que detectasen desde o comezo do estado de alarma derivado do COVID-19.

Concello de O Rosal


O pleno aproba por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito

Os 350.000 euros aprobados irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores do Concello

O Rosal, 25 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal vén de aprobar en pleno por unanimidade o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito, 350.000 euros que irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores municipais. Con esta medida o Goberno municipal busca paliar os efectos económicos negativos que a crise sanitaria por COVID-19 poida causar en empresas, PEMES e autónomos da localidade "pagando coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen ter que esperar ao fin da crise sanitaria para facelo", asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Cos plenos ordinarios e as comisións informativas municipais suspendidas con motivo da situación de emerxencia sanitaria, o Goberno municipal decidiu celebrar un pleno extraordinario para dar resposta inmediata ás necesidades xurdidas a raíz da crise do COVID-19. Para garantir a saúde de todas as persoas participantes na sesión, o pleno celebrouse adoptando diferentes medidas de prevención e todas as recomendacións dos organismos.

Así, o pleno celebrouse de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistiron 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.

Concello de O Rosal


O Rosal desinfecta as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas e elementos sensibles

O Concello quere agradecer a boa disposición da Asociación de Adegas do Rosal, que colabora cos operativos de limpeza postos en marcha

O Rosal, 25 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal reforzou nos últimos días os equipos de limpeza para levar a cabo diferentes accións de desinfección dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Deste xeito, xa se están a desinfectar as rúas de máis tránsito no núcleo urbano do Rosal, así como as de aqueles barrios onde haxa maior concorrencia e movemento de xente. Ademais, procederase tamén a fumigar zonas estratéxicas como o centro de saúde e elementos sensibles, como poden ser bancos, pasamáns, papeleiras, etc...

Ao traballo de desinfección manual que realizan operarios con mochila de desinfección ou hidrolimpadoras súmase tamén un operativo de limpeza posto en marcha grazas a inestimable colaboración da Asociación de Adegas do Rosal. Así, dende este mércores 25 estanse a desinfectar diferentes rúas cun tractor con cisterna e unha mangueira de baldeo coa que se limpan rúas e zonas cunha solución de líquidos desinfectantes. Esta maquinaria é conducida por un operario das adegas, mentres que un operario municipal encárgase de manexar a mangueira e realizar as labores de desinfección.

Dende o Concello do Rosal quérese agradecer a gran colaboración prestada polas adegas do municipio nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas, zonas, elementos ou mobiliario urbano, un ámbito no que as adegas teñen moita experiencia. "Amosa a súa solidariedade e a súa boa disposición a achegar o seu gran de area nunha situación tan grave. Moitísimas grazas por poñer á nosa disposición o material e o equipo humano necesario", salienta a alcaldesa Ánxela Fernández.

Así mesmo, o Concello tamén quere agradecer o labor desenvolvido polos operarios municipais encargados da limpeza, polo grande esforzo que están a realizar durante estes días de alerta sanitaria.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais