|
Cinco consellos para xestionar o malestar psicolóxico que pode xerar a corentena
En colaboración co Concello, a psicóloga rosaleira Andrea Iglesias elabora unhas recomendacións xerais para a xestión psicolóxica durante o illamento durante o estado de alerta por COVID-19
O Rosal, 30 de marzo de 2020.- Comeza a terceira semana de corentena para loitar contra a crise sanitaria provocada polo COVID-19, unha semana que chega con endurecementos nas medidas do estado de alarma e maiores restricións de mobilidade. Un confinamento forzoso do que toda a sociedade é consciente pero que carrexa efectos emocionais. Para minimizar eses efectos psicolóxicos negativos que poidan xurdir do #EuQuedoNaCasa e do momento de crise sanitaria que se está a vivir, a psicóloga Andrea Iglesias colaborou co Concello do Rosal coa elaboración dunha serie de recomendacións para a xestión psicolóxica ante a emerxencia sanitaria do COVID-19, cinco consellos xerais que pode aplicar toda a veciñanza nestes tempos.
Para Iglesias a primeira recomendación pasa por comprender a realidade, estando informado do que está a pasar nestes intres, pero de fontes fiables "para non recibir mensaxes nocivas que poidan crear unha sensación de intranquilidade constante". E, por suposto, actuar con responsabilidade, permanecendo na casa para protexer á nosa contorna e estando atento a calquera posible signo que indique padecer a enfermidade: tose, febre, dificultade para respirar...
Planificar e establecer hábitos de coidados físicos e psicolóxicos tamén é fundamental para a psicóloga rosaleira. Así, recomenda manter unha alimentación saudable e variada e crear unha rutina de actividade física diaria de como mínimo 30 minutos e intensidade media. No eido psicolóxico, para manter o controle e a normalidade, Iglesias aconsella reflexionar sobre a información que chega sobre o COVID-19 e transformar os pensamentos negativos que se poidan ter noutros "máis positivos e con maior utilidade neste momento". "Sentir medo, ansiedade ou preocupación é algo normal. Todas as emocións son válidas e naturais, pero é preciso aprender a xestionalas evitando que cheguen a controlar o noso estado de ánimo", salienta a psicóloga. Para evitalo recomenda tentar pensar en positivo, comentalo cos achegados ou incluso recorrer a profesionais en caso de ser necesario. Tamén é fundamental manter o contacto con familia e amizades, especialmente cando se vive so ou soa.
A psicóloga destaca que este é un bo momento para facer aquelas cousas que nunca se pode facer por falta de tempo e desenvolver habilidades e fortaleza, facendo cousas que teñan algún aspecto creativo. Pero non hai que ser produtivos todo o tempo, os momentos de lecer son moi satisfactorios e fomentan a creatividade e a capacidade para solucionar problemas.
Por último, Iglesias recomenda mellorar os hábitos de vida, "apoiarse nas persoas que temos máis preto para superar condutas aditivas ou pouco saudables. E recorda, se o precisas, pide axuda".
Concello de O Rosal
Suspendidas as taxas e impostos municipais ata o fin do estado de alarma
A ORAL é o órgano encargado da recadación da práctica totalidade de tributos do Rosal
Esta medida afectará a IBI, lixo, auga, sumidoiros, vehículos, IAE ou plusvalías, entre outros
O Rosal, 30 de marzo de 2020.- Tendo en conta o grande impacto económico negativo en todos os sectores por mor do COVID-19, que afecta a un gran número de veciños e veciñas, quedan suspendidos no Rosal todas as taxas e impostos recadados a través da ORAL, o órgano da Deputación de Pontevedra encargado de colaborar na xestión e recadación da práctica totalidade dos tributos e ingresos de dereito público delegados do municipio. Esta medida afecta ao pago de tributos como, por exemplo, o IBI, o lixo, a auga, os sumidoiros, vehículos, plusvalías, IAE...
A ORAL, dependente da Deputación de Pontevedra, decidiu suspender o cobro de tributos co obxectivo de minimizar o impacto fiscal e de facilitar a recuperación da normalidade a medida que a crise sanitaria se minore. Por este motivo, a suspensión estará vixente durante todo o tempo que dure o estado de alarma.
O novo calendario fiscal definitivo do ano 2020 publicarase 10 días despois de que remate o estado de alarma.
Concello de O Rosal
O Concello modificará algún punto concreto de recollida de lixo para reducir riscos para veciñanza e operarios
Os cambios comezarán a vindeira semana e servirán tamén para facilitar a desinfección de contedores. Recoméndase á veciñanza minimizar o lixo tirado ao colector verde e non tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo
O Rosal, 27 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal comezará a vindeira semana a modificar a ubicación dalgún punto concreto de recollida do lixo para reducir os posibles focos de infección e facilitar a desinfección dos contedores, minimizando os riscos non soamente para a veciñanza senón tamén para o persoal de recollida do lixo.
Lémbrase a todos os veciños e veciñas que durante esta crise sanitaria deben extremarse as medidas de precaución para evitar contaxios. Por este motivo, durante o estado de alarma débese facer un especial esforzo por reciclar e separar todas as fraccións posibles, botando envases ao colector amarelo, papel e cartón ao azul, vidro ao iglú verde, orgánica ao composteiro, roupa aos colectores destinados para ela e aceite de cociña nos contedores de aceite. Tamén debe minimizarse a fracción resto a botar no colector verde.
Ademais, non se pode tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo, xa que se está a saturar a capacidade de recollida do Concello. En caso de ter elementos voluminosos deben gardarse na casa ata que a situación volva á normalidade e poidan ser xestionados.
É importante pensar no risco que corren os traballadores municipais que están a realizar unha labor esencial para manter o servizo de recollida. O uso inadecuado deste servizo expón a un risco innecesario a toda a veciñanza.
Concello de O Rosal
Establecementos de alimentación do Rosal levan a compra a casa ou preparan pedidos listos para recoller
O Concello quere amosar o seu agradecemento a todas as traballadoras e traballadores do sector da alimentación, que están a desempeñar un papel clave durante a crise sanitaria
O Rosal, 27 de marzo de 2020.- Con case todos os sectores económicos paralizados pola crise sanitaria do COVID-19, sectores como a alimentación traballan a pleno rendemento para poder garantir que a sociedade poida dispoñer de produtos de primeira necesidade. Nestes intres no Rosal, os supermercados seguen a enviar a compra a domicilio mentres que outros comercios de alimentación optan por facilitar a compra aos seus clientes extremando todas as medidas de seguridade. Así, por exemplo, a Tenda Paquín preparan os pedidos telefónicos para que os rosaleiros e rosaleiras soamente teñan que recollelos na tenda e así pasar o menor tempo posible na rúa. Pola súa banda, o Mercado municipal continúa coa súa actividade habitual, aínda que aplicando todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.
O Concello do Rosal quere amosar o seu agradecemento ás traballadoras e traballadores de toda a cadea do sector da alimentación que, como salienta a alcaldesa Ánxela Fernández, "estes días non poden quedarse nas súas casas. Poñen en risco a súa saúde para que o resto da veciñanza poida pasar a crise sanitaria a salvo nos seus domicilios e ter acceso a todo o necesario para cumprir o illamento minimizando no posible os efectos desta pandemia".
As traballadoras e traballadores do sector da alimentación están a desempeñar un papel clave na superación da crise. Así que dende o Concello pídese á veciñanza a maior colaboración e paciencia á hora de ir a comprar e que se axude ás empregadas e empregados de supermercados e tendas de alimentación cumprindo unhas normas básica: acudir a mercar unha soa persoa por familia, usar guantes e máscara, manter a distancia de seguridade mínima dun metro, non acumular alimentos e seguir os protocolos básicos de hixiene.
Tamén se quere agradecer o labor que están a desempeñar os traballadores e traballadoras doutros ámbitos, como a sanidade, os Corpos de Seguridade e os diferentes servizos públicos ou de sectores como o farmacéutico, o transporte e todos aqueles que están colaborando dunha forma encomiable nestas circunstancias tan difíciles.
Concello de O Rosal
Voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella colaboran co Concello para atender necesidades derivadas do COVID-19
En coordinación con Servizos Sociais dan resposta a diversas emerxencias xurdidas pola situación de vulnerabilidade que se xera co confinamento actual
O Rosal, 26 de marzo de 2020.- Un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está a traballar man a man co Concello do Rosal para atender e cubrir as diferentes necesidades xurdidas a raíz do estado de alarma, así como para atender emerxencias relacionadas co 112, que aumentaron de xeito significativo do confinamento obrigatorio para evitar contaxios por COVID-19.
Así, coordinados directamente con Servizos Sociais, 7 persoas de Protección Civil percorren os barrios informando a veciños e veciñas do estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables e queden na casa e, entre outras tarefas, colaboran co Concello dando resposta a necesidades básicas de persoas maiores que están soas e nas diversas entregas de alimentos feitas por organizacións como SOS Tomiño no municipio rosaleiro. Trátase dun equipo de voluntarias e voluntarios que actúan de xeito totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder desenvolver a súa actividade sen ningún tipo de risco.
Por outra parte, a Cruz Vermella Baixo Miño, unha asociación con ampla experiencia e traxectoria no ámbito social, tamén está en contacto directo co Concello do Rosal para colaborar nalgunhas emerxencias derivadas desta situación de alerta sanitaria.
Todas estas actuacións están sendo coordinadas desde Servizos Sociais, que nestes intres tan delicados está a traballar ao máximo rendemento e está sendo xestionado directamente dende Alcaldía para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes momentos.
Dende o Goberno municipal queremos agradecer o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias destas dúas entidades nestes intres, así como a todas aquelas asociacións e organizacións que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están a xurdir a raíz do estado de alarma, dende a entrega de alimentos ata a participación en calquera bolsa de emerxencia.
Agradecemos igualmente a toda a veciñanza pola resposta tan boa que está dando despois de que se fixese un chamamento á súa colaboración para que trasladasen ao Concello calquera situación de vulnerabilidade que detectasen desde o comezo do estado de alarma derivado do COVID-19.
Concello de O Rosal
O pleno aproba por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito
Os 350.000 euros aprobados irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores do Concello
O Rosal, 25 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal vén de aprobar en pleno por unanimidade o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito, 350.000 euros que irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores municipais. Con esta medida o Goberno municipal busca paliar os efectos económicos negativos que a crise sanitaria por COVID-19 poida causar en empresas, PEMES e autónomos da localidade "pagando coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen ter que esperar ao fin da crise sanitaria para facelo", asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Cos plenos ordinarios e as comisións informativas municipais suspendidas con motivo da situación de emerxencia sanitaria, o Goberno municipal decidiu celebrar un pleno extraordinario para dar resposta inmediata ás necesidades xurdidas a raíz da crise do COVID-19. Para garantir a saúde de todas as persoas participantes na sesión, o pleno celebrouse adoptando diferentes medidas de prevención e todas as recomendacións dos organismos.
Así, o pleno celebrouse de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistiron 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.
Concello de O Rosal
O Rosal desinfecta as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas e elementos sensibles
O Concello quere agradecer a boa disposición da Asociación de Adegas do Rosal, que colabora cos operativos de limpeza postos en marcha
O Rosal, 25 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal reforzou nos últimos días os equipos de limpeza para levar a cabo diferentes accións de desinfección dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Deste xeito, xa se están a desinfectar as rúas de máis tránsito no núcleo urbano do Rosal, así como as de aqueles barrios onde haxa maior concorrencia e movemento de xente. Ademais, procederase tamén a fumigar zonas estratéxicas como o centro de saúde e elementos sensibles, como poden ser bancos, pasamáns, papeleiras, etc...
Ao traballo de desinfección manual que realizan operarios con mochila de desinfección ou hidrolimpadoras súmase tamén un operativo de limpeza posto en marcha grazas a inestimable colaboración da Asociación de Adegas do Rosal. Así, dende este mércores 25 estanse a desinfectar diferentes rúas cun tractor con cisterna e unha mangueira de baldeo coa que se limpan rúas e zonas cunha solución de líquidos desinfectantes. Esta maquinaria é conducida por un operario das adegas, mentres que un operario municipal encárgase de manexar a mangueira e realizar as labores de desinfección.
Dende o Concello do Rosal quérese agradecer a gran colaboración prestada polas adegas do municipio nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas, zonas, elementos ou mobiliario urbano, un ámbito no que as adegas teñen moita experiencia. "Amosa a súa solidariedade e a súa boa disposición a achegar o seu gran de area nunha situación tan grave. Moitísimas grazas por poñer á nosa disposición o material e o equipo humano necesario", salienta a alcaldesa Ánxela Fernández.
Así mesmo, o Concello tamén quere agradecer o labor desenvolvido polos operarios municipais encargados da limpeza, polo grande esforzo que están a realizar durante estes días de alerta sanitaria.
Concello de O Rosal
Os pacientes do Rosal con sospeita de COVID-19 centralizaranse no centro de saúde da Guarda
Con motivo do COVID-19, o Sergas vén de reorganizar a asistencia de atención primaria para centralizar en determinados centros de saúde a atención aos pacientes con sospeita de padecer infección respiratoria por coronavirus. Con esta reordenación trátase de ofertar unha atención máis eficaz e resolutiva á veciñanza, ao tempo que se intenta protexer e preservar a saúde dos equipos de profesionais fronte ao coronavirus. No caso do Rosal, os pacientes con sospeita de padecer COVID-9 serán centralizados no centro de saúde da Guarda.
Este centro de referencia para o COVID-19 ao que serán derivados conta cun espazo de atención diferenciado para os pacientes con patoloxía respiratoria e cun encargado dos Equipos de Protección Individual (EPI's) que coordinará a dispoñibilidade permanente deste equipos, necesarios para a atención deste tipo de pacientes, que se utilizarán conforme ao protocolo do Servizo de Medicina Preventiva da área.
A cidadanía debe chamar por teléfono
Nesta fase de contención da epidemia para evitar as concentración nas salas de espera e os contactos entre usuarios e usuarias nos centros sanitarios, a autoridade sanitaria da Área de Vigo ten promovido a modalidade de atención non presencial, que é a consulta telefónica.
Así, os usuarios deben chamar por teléfono ao seu Centro de Saúde e Punto de Atención Continuada antes de achegarse ao mesmo. Serán os profesionais os que, se o consideran necesario, indicarán a realización da proba diagnóstica do coronavirus.
Concello de O Rosal
O Rosal convoca un pleno extraordinario para aprobar o recoñecemento extraxudicial de crédito
O obxectivo é que o Concello poida pagar coa maior axilidade posible facturas pendentes sen agardar ao remate da alarma sanitaria
Celebrarase o mércores 25 de marzo a porta pechada e coa asistencia mínima necesaria de concelleiros e concelleiras
O Rosal, 23 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal celebrará este mércores 25 de marzo un pleno extraordinario urxente para aprobar o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para que a Administración poida pagar coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen esperar ao fin da crise sanitaria.
Entre as medidas adoptadas pola actual situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 estaban a suspensión das sesións periódicas ou ordinarias do pleno e das comisións informativas municipais, non obstante tendo en conta o efecto negativo que a pandemia terá sobre a economía de moitas empresas, PEMES e autónomos "consideramos urxente e necesario, na medida do posible, aprobar este recoñecemento de crédito para dar resposta inmediata a esta necesidade, que non pode agardar ao remate desta situación de emerxencia sanitaria".
Este pleno celebrarase adoptando todas as medidas necesarias de prevención e as recomendacións dos organismos competentes para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Por este motivo, o pleno celebrarase de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistirán 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal pide á veciñanza que agarde ao remate da emerxencia sanitaria para tirar os voluminosos
O Rosal, 22 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal pide a toda a veciñanza a súa colaboración nestes momentos nos que se debe permanecer en casa e evitar saír o máximo posible. Malia que se pasen moitas horas no domicilio e moitas persoas aproveiten para ordenar e tirar obxectos que levan moito tempo acumulados, dende o Concello pídese por favor protexer ao resto da veciñanza e, especialmente, aos traballadores que nestes días están recollendo o lixo das rúas. O lixo tirado en calquera sitio é un posible foco de infección para todas as persoas.
Dende o Concello pídese a toda a veciñanza que se garden eses obxectos na vivenda ata que esta situación volva á normalidade e poidan ser levados a unha tenda de segunda man, ao establecemento axeitado ou ao punto limpo.
Con actitudes responsables minimízase a exposición de outras persoas a un posible contaxio por coronavirus e a axuda da veciñanza é esencial para paralo.
Concello de O Rosal
|