JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

As autoridades sanitarias confirman ao Concello de Tui a existencia no municipio de catro casos de contaxio por Coronavirus

As catro persoas están illadas no seus domicilios.

Tui. Luns, 23 de marzo de 2020. As autoridades sanitarias veñen de confirmar ao concello de Tui que catro persoas veciñas do municipio deron positivo no test do Coronavirus. Estas catro persoas están illadas nos seus domicilios onde se adoptaron as pertinentes medidas de seguridade. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quere transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación e informar que o Concello ponse a disposición das autoridades sanitarias para tomar as medidas oportunas. Ao tempo, o rexedor, fai un chamamento á responsabilidade e prudencia da poboación para que continúe a respectar as medidas establecidas no Estado de Alarma. Dende a Policía Local, conxuntamente con outros corpos e forzas de seguridade coma a Garda Civil, a Policía Nacional, ou na fin de semana unha unidade da BRILAT, estableceuse un sistema de vixilancia e información á poboación lembrando que deben permanecer nos seus domicilios, salvo para facer a compra, ir á farmacia ou a un centro médico, ou pasear o can o tempo estritamente necesario nas inmediacións do seu domicilio. Até o de agora a Policía Local trasladou xa catro denuncias ante a Subdelegación do Goberno por incumprimento da obriga de quedar na casa.

Lembran dende o concello de Tui que dende a semana pasada estase a levar a cabo diariamente a desinfección de espazos públicos coma as entradas ao Centro de Saúde, farmacias, supermercados, edificio xudicial, casa do concello, instalacións da policía local… así coma os contedores nas rúas.

Na web municipal están recollida información de interese con enlaces e teléfonos de contacto.

Concello Tui


O Concello de Tui continua a tramitación de expedientes durante o estado de alarma con servizos mínimos e teletraballo

Diariamente desinfectaranse os contedores e o acceso a servizos públicos

O Goberno municipal de Tui informa aos cidadáns que nestes momentos está establecido un sistema de servizos mínimos no Concello de Tui, de tal xeito que en cada departamento mantense a presenza física dun funcionario. Mentres os outros traballadores de cada departamento están a realizar o seu cometido na modalidade de teletraballo, sendo coordinados polas respectivas concellerías. Mantense só a atención presencial no Rexistro de Entrada e nos Servizos Sociais para casos de extrema urxencia e previa comunicación telefónica.

Deste xeito en cada un dos departamentos administrativos continúa a realizarse o despacho e trámite ordinario de asuntos, agás o de atención ao público, coa finalidade de que, unha vez levantadas as actuais restricións, se atopen viabilizados a meirande parte dos expedientes e permitir así unha máis pronta recuperación da actividade económica do noso concello.

Os departamentos aos que se lle está a prestar especial atención son os de Urbanismo e Intervención, para axilizar, todo o que se poida, as licencias pendentes e os pagos a provedores necesarios. Aínda que están suspendidos os órganos colexiados, acordouse a avocación de competencias na alcaldía e só se convocarán estes, en caos de inaprazable e urxente necesidade.

Asemade, acordouse pola totalidade da corporación a suspensión de Comisións Informativas e Plenos durante o espazo que dure o estado de alarma e só procedería a convocatoria naqueles casos tamén urxentes e inaprazables.

Cabe salientar así mesmo a unidade e lealdade de toda a Corporación Municipal que nestes momentos traballa xunto ao Goberno Municipal na solución de todos aqueles problemas e incidencias que se vaian producindo.

Dende o Concello de Tui quérese recordar a todos os veciños e veciñas de Tui que deben usar os medios telemáticos, o teléfono e a APP Municipal para comunicarse co Concello, agradecendo a todos a súa colaboración e solidariedade.

Dentro das medidas adoptadas dende o Concello comunicouse hoxe aos responsables do Centro de Saúde de Tui que disporán dun vehículo municipal, o que habitualmente utiliza Alcaldía, ao seu servizo para realizar aqueles desprazamentos que sexan necesarios.

Amais persoal de obras comezou hoxe á desinfección de contedores e dos accesos a edificios públicos coma a casa do concello, a policía local, ou o centro de saúde, así coma as entradas ás farmacias. Esta operación repetirase diariamente.

Lémbrase asemade que están pechados os parques infantís, instalacións deportivas, culturais e de formación.

Concello Tui


Doados 3.500 pares de luvas de nitrilo para efectivos da Policía Nacional, Protección Civil, Policía Local e Emerxencias do Concello de Tui

Trátase dunha achega realizada polo xogador do Aston Villa J. Peleteiro e o seu colaborador o tudense Miguel Hermida

O Concello de Tui, a Policía Nacional, e os Servizos de Emerxencias recibiron este mediodía unha doazón de 3.500 luvas de nitrilo realizada polo futbolista J. Peleteiro do Aston Villa e do seu colaborador, o tudense Miguel Hermida. Mercaron todo o stock de luvas tiña a empresa local Recambios Rager para doar este material aos forzos e corpos de seguridade do Estado presentes en Tui así coma ao Concello de Tui que os empregará tanto na Policía Local, Protección Civil, e outro persoal municipal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro,e o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, acudieron á entrega que tivo lugar na praza da Inmaculada, xunto a representantes da Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil e Centro de Saúde.

Dende o Concello de Tui agradécese este xesto solidario realizado polo xogador J. Peleteiro e o tudense Miguel Hermida, nas circunstancias que estamos a vivir.

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais