|
O Concello modificará algún punto concreto de recollida de lixo para reducir riscos para veciñanza e operarios
Os cambios comezarán a vindeira semana e servirán tamén para facilitar a desinfección de contedores. Recoméndase á veciñanza minimizar o lixo tirado ao colector verde e non tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo
O Rosal, 27 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal comezará a vindeira semana a modificar a ubicación dalgún punto concreto de recollida do lixo para reducir os posibles focos de infección e facilitar a desinfección dos contedores, minimizando os riscos non soamente para a veciñanza senón tamén para o persoal de recollida do lixo.
Lémbrase a todos os veciños e veciñas que durante esta crise sanitaria deben extremarse as medidas de precaución para evitar contaxios. Por este motivo, durante o estado de alarma débese facer un especial esforzo por reciclar e separar todas as fraccións posibles, botando envases ao colector amarelo, papel e cartón ao azul, vidro ao iglú verde, orgánica ao composteiro, roupa aos colectores destinados para ela e aceite de cociña nos contedores de aceite. Tamén debe minimizarse a fracción resto a botar no colector verde.
Ademais, non se pode tirar voluminosos e outros obxectos destinados ao punto limpo, xa que se está a saturar a capacidade de recollida do Concello. En caso de ter elementos voluminosos deben gardarse na casa ata que a situación volva á normalidade e poidan ser xestionados.
É importante pensar no risco que corren os traballadores municipais que están a realizar unha labor esencial para manter o servizo de recollida. O uso inadecuado deste servizo expón a un risco innecesario a toda a veciñanza.
Concello de O Rosal
Establecementos de alimentación do Rosal levan a compra a casa ou preparan pedidos listos para recoller
O Concello quere amosar o seu agradecemento a todas as traballadoras e traballadores do sector da alimentación, que están a desempeñar un papel clave durante a crise sanitaria
O Rosal, 27 de marzo de 2020.- Con case todos os sectores económicos paralizados pola crise sanitaria do COVID-19, sectores como a alimentación traballan a pleno rendemento para poder garantir que a sociedade poida dispoñer de produtos de primeira necesidade. Nestes intres no Rosal, os supermercados seguen a enviar a compra a domicilio mentres que outros comercios de alimentación optan por facilitar a compra aos seus clientes extremando todas as medidas de seguridade. Así, por exemplo, a Tenda Paquín preparan os pedidos telefónicos para que os rosaleiros e rosaleiras soamente teñan que recollelos na tenda e así pasar o menor tempo posible na rúa. Pola súa banda, o Mercado municipal continúa coa súa actividade habitual, aínda que aplicando todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.
O Concello do Rosal quere amosar o seu agradecemento ás traballadoras e traballadores de toda a cadea do sector da alimentación que, como salienta a alcaldesa Ánxela Fernández, "estes días non poden quedarse nas súas casas. Poñen en risco a súa saúde para que o resto da veciñanza poida pasar a crise sanitaria a salvo nos seus domicilios e ter acceso a todo o necesario para cumprir o illamento minimizando no posible os efectos desta pandemia".
As traballadoras e traballadores do sector da alimentación están a desempeñar un papel clave na superación da crise. Así que dende o Concello pídese á veciñanza a maior colaboración e paciencia á hora de ir a comprar e que se axude ás empregadas e empregados de supermercados e tendas de alimentación cumprindo unhas normas básica: acudir a mercar unha soa persoa por familia, usar guantes e máscara, manter a distancia de seguridade mínima dun metro, non acumular alimentos e seguir os protocolos básicos de hixiene.
Tamén se quere agradecer o labor que están a desempeñar os traballadores e traballadoras doutros ámbitos, como a sanidade, os Corpos de Seguridade e os diferentes servizos públicos ou de sectores como o farmacéutico, o transporte e todos aqueles que están colaborando dunha forma encomiable nestas circunstancias tan difíciles.
Concello de O Rosal
Voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella colaboran co Concello para atender necesidades derivadas do COVID-19
En coordinación con Servizos Sociais dan resposta a diversas emerxencias xurdidas pola situación de vulnerabilidade que se xera co confinamento actual
O Rosal, 26 de marzo de 2020.- Un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está a traballar man a man co Concello do Rosal para atender e cubrir as diferentes necesidades xurdidas a raíz do estado de alarma, así como para atender emerxencias relacionadas co 112, que aumentaron de xeito significativo do confinamento obrigatorio para evitar contaxios por COVID-19.
Así, coordinados directamente con Servizos Sociais, 7 persoas de Protección Civil percorren os barrios informando a veciños e veciñas do estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables e queden na casa e, entre outras tarefas, colaboran co Concello dando resposta a necesidades básicas de persoas maiores que están soas e nas diversas entregas de alimentos feitas por organizacións como SOS Tomiño no municipio rosaleiro. Trátase dun equipo de voluntarias e voluntarios que actúan de xeito totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder desenvolver a súa actividade sen ningún tipo de risco.
Por outra parte, a Cruz Vermella Baixo Miño, unha asociación con ampla experiencia e traxectoria no ámbito social, tamén está en contacto directo co Concello do Rosal para colaborar nalgunhas emerxencias derivadas desta situación de alerta sanitaria.
Todas estas actuacións están sendo coordinadas desde Servizos Sociais, que nestes intres tan delicados está a traballar ao máximo rendemento e está sendo xestionado directamente dende Alcaldía para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes momentos.
Dende o Goberno municipal queremos agradecer o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias destas dúas entidades nestes intres, así como a todas aquelas asociacións e organizacións que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están a xurdir a raíz do estado de alarma, dende a entrega de alimentos ata a participación en calquera bolsa de emerxencia.
Agradecemos igualmente a toda a veciñanza pola resposta tan boa que está dando despois de que se fixese un chamamento á súa colaboración para que trasladasen ao Concello calquera situación de vulnerabilidade que detectasen desde o comezo do estado de alarma derivado do COVID-19.
Concello de O Rosal
O pleno aproba por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito
Os 350.000 euros aprobados irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores do Concello
O Rosal, 25 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal vén de aprobar en pleno por unanimidade o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito, 350.000 euros que irán destinados a pagar inmediatamente a todos os provedores municipais. Con esta medida o Goberno municipal busca paliar os efectos económicos negativos que a crise sanitaria por COVID-19 poida causar en empresas, PEMES e autónomos da localidade "pagando coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen ter que esperar ao fin da crise sanitaria para facelo", asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Cos plenos ordinarios e as comisións informativas municipais suspendidas con motivo da situación de emerxencia sanitaria, o Goberno municipal decidiu celebrar un pleno extraordinario para dar resposta inmediata ás necesidades xurdidas a raíz da crise do COVID-19. Para garantir a saúde de todas as persoas participantes na sesión, o pleno celebrouse adoptando diferentes medidas de prevención e todas as recomendacións dos organismos.
Así, o pleno celebrouse de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistiron 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.
Concello de O Rosal
O Rosal desinfecta as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas e elementos sensibles
O Concello quere agradecer a boa disposición da Asociación de Adegas do Rosal, que colabora cos operativos de limpeza postos en marcha
O Rosal, 25 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal reforzou nos últimos días os equipos de limpeza para levar a cabo diferentes accións de desinfección dentro do protocolo de prevención do COVID-19. Deste xeito, xa se están a desinfectar as rúas de máis tránsito no núcleo urbano do Rosal, así como as de aqueles barrios onde haxa maior concorrencia e movemento de xente. Ademais, procederase tamén a fumigar zonas estratéxicas como o centro de saúde e elementos sensibles, como poden ser bancos, pasamáns, papeleiras, etc...
Ao traballo de desinfección manual que realizan operarios con mochila de desinfección ou hidrolimpadoras súmase tamén un operativo de limpeza posto en marcha grazas a inestimable colaboración da Asociación de Adegas do Rosal. Así, dende este mércores 25 estanse a desinfectar diferentes rúas cun tractor con cisterna e unha mangueira de baldeo coa que se limpan rúas e zonas cunha solución de líquidos desinfectantes. Esta maquinaria é conducida por un operario das adegas, mentres que un operario municipal encárgase de manexar a mangueira e realizar as labores de desinfección.
Dende o Concello do Rosal quérese agradecer a gran colaboración prestada polas adegas do municipio nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas, zonas, elementos ou mobiliario urbano, un ámbito no que as adegas teñen moita experiencia. "Amosa a súa solidariedade e a súa boa disposición a achegar o seu gran de area nunha situación tan grave. Moitísimas grazas por poñer á nosa disposición o material e o equipo humano necesario", salienta a alcaldesa Ánxela Fernández.
Así mesmo, o Concello tamén quere agradecer o labor desenvolvido polos operarios municipais encargados da limpeza, polo grande esforzo que están a realizar durante estes días de alerta sanitaria.
Concello de O Rosal
Os pacientes do Rosal con sospeita de COVID-19 centralizaranse no centro de saúde da Guarda
Con motivo do COVID-19, o Sergas vén de reorganizar a asistencia de atención primaria para centralizar en determinados centros de saúde a atención aos pacientes con sospeita de padecer infección respiratoria por coronavirus. Con esta reordenación trátase de ofertar unha atención máis eficaz e resolutiva á veciñanza, ao tempo que se intenta protexer e preservar a saúde dos equipos de profesionais fronte ao coronavirus. No caso do Rosal, os pacientes con sospeita de padecer COVID-9 serán centralizados no centro de saúde da Guarda.
Este centro de referencia para o COVID-19 ao que serán derivados conta cun espazo de atención diferenciado para os pacientes con patoloxía respiratoria e cun encargado dos Equipos de Protección Individual (EPI's) que coordinará a dispoñibilidade permanente deste equipos, necesarios para a atención deste tipo de pacientes, que se utilizarán conforme ao protocolo do Servizo de Medicina Preventiva da área.
A cidadanía debe chamar por teléfono
Nesta fase de contención da epidemia para evitar as concentración nas salas de espera e os contactos entre usuarios e usuarias nos centros sanitarios, a autoridade sanitaria da Área de Vigo ten promovido a modalidade de atención non presencial, que é a consulta telefónica.
Así, os usuarios deben chamar por teléfono ao seu Centro de Saúde e Punto de Atención Continuada antes de achegarse ao mesmo. Serán os profesionais os que, se o consideran necesario, indicarán a realización da proba diagnóstica do coronavirus.
Concello de O Rosal
O Rosal convoca un pleno extraordinario para aprobar o recoñecemento extraxudicial de crédito
O obxectivo é que o Concello poida pagar coa maior axilidade posible facturas pendentes sen agardar ao remate da alarma sanitaria
Celebrarase o mércores 25 de marzo a porta pechada e coa asistencia mínima necesaria de concelleiros e concelleiras
O Rosal, 23 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal celebrará este mércores 25 de marzo un pleno extraordinario urxente para aprobar o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para que a Administración poida pagar coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen esperar ao fin da crise sanitaria.
Entre as medidas adoptadas pola actual situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 estaban a suspensión das sesións periódicas ou ordinarias do pleno e das comisións informativas municipais, non obstante tendo en conta o efecto negativo que a pandemia terá sobre a economía de moitas empresas, PEMES e autónomos "consideramos urxente e necesario, na medida do posible, aprobar este recoñecemento de crédito para dar resposta inmediata a esta necesidade, que non pode agardar ao remate desta situación de emerxencia sanitaria".
Este pleno celebrarase adoptando todas as medidas necesarias de prevención e as recomendacións dos organismos competentes para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Por este motivo, o pleno celebrarase de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistirán 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal pide á veciñanza que agarde ao remate da emerxencia sanitaria para tirar os voluminosos
O Rosal, 22 de marzo de 2020.- O Concello do Rosal pide a toda a veciñanza a súa colaboración nestes momentos nos que se debe permanecer en casa e evitar saír o máximo posible. Malia que se pasen moitas horas no domicilio e moitas persoas aproveiten para ordenar e tirar obxectos que levan moito tempo acumulados, dende o Concello pídese por favor protexer ao resto da veciñanza e, especialmente, aos traballadores que nestes días están recollendo o lixo das rúas. O lixo tirado en calquera sitio é un posible foco de infección para todas as persoas.
Dende o Concello pídese a toda a veciñanza que se garden eses obxectos na vivenda ata que esta situación volva á normalidade e poidan ser levados a unha tenda de segunda man, ao establecemento axeitado ou ao punto limpo.
Con actitudes responsables minimízase a exposición de outras persoas a un posible contaxio por coronavirus e a axuda da veciñanza é esencial para paralo.
Concello de O Rosal
O Rosal pecha o Centro de Saúde de San Miguel e mantén servizos mínimos administrativos e de mantemento
Seguindo as indicacións da Garda Civil nesta situación de alerta sanitaria, a Policía Local do Rosal está realizando controis nos supermercados
O Concello do Rosal segue aplicando medidas para previr contaxios de coronavirus entre o persoal do Concello e a poboación en xeral. Neste sentido, o Concello funcionará dende hoxe mesmo con servizos mínimos de 09.00 a 14.00 horas tanto dentro das instalacións da Casa do Concello como fóra delas para garantir a seguridade de todas as traballadoras e traballadores. Deste xeito, péchase toda a atención ao público e a maior parte do persoal xa está traballando de forma telemática, unha medida que afecta especialmente a aqueles traballadores ou traballadoras que directa ou indirectamente teñen ao seu redor ou ao seu cargo persoas consideradas de maior vulnerabilidade, que non farán traballo presencial baixo ningún concepto.
Atenderanse chamadas telefónicas e cuestións por vía telemática e soamente se tratarán de forma presencial en Rexistro asuntos de extremada urxencia previa cita telefónica. O mesmo sucederá en Servizos Sociais, que atenderá só casos urxentes e sempre contactando previamente por vía telefónica. Para servizos como o de recollida de lixo ou de avarías estableceranse servizos mínimos rotativos entre o persoal habitual.
Por outra banda, a partir do martes 17 de marzo o Centro de Saúde de San Miguel permanecerá pechado ata nova orde. A atención dos veciños e veciñas realizarase no Centro de Saúde do Rosal e pediatría trasladarase ao Centro de Saúde da Guarda. Para máis información as persoas afectadas deben chamar ao número 986 62 60 35.
Responsabilidade e calma
Como forza de seguridade dependente do Estado e seguindo as indicacións marcadas dende a Garda Civil, a Policía Local do Rosal está a levar a cabo dende este luns controis nos supermercados do municipio para garantir a seguridade. Dende o Concello pedimos a toda a veciñanza que manteña a calma e a normalidade nas súas compras e que merque soamente os produtos esenciais, sen acaparar alimentos nin outros bens de consumo, xa que o abastecemento está garantido. Recoméndase extremar as medidas de hixiene e prevención nos mercados e supermercados, reducindo o tempo de permanencia ao mínimo imprescindible, mantendo unha distancia de 2 metros co persoal que traballa alí ou con outras persoas que estean mercando ou evitando tocar os alimentos coas mans.
O Concello quere agradecer o gran traballo que están a desenvolver os nosos veciños e veciñas que traballan en mercados e supermercados, no sistema público de saúde ou noutros sectores, que están a facer un esforzo inmenso durante os últimos días para que o resto da poboación teñan todos os recursos necesarios neste tempo de alerta sanitaria.
Concello de O Rosal
(17 de marzo de 2020) O Rosal fai un chamamento á veciñanza para axudar ás persoas máis vulnerables
Ante a situación de emerxencia xurdida a raíz da expansión do coronavirus e das medidas adoptadas polas autoridades para a súa contención, o Concello do Rosal pide a colaboración da veciñanza para axudar ás persoas que se atopan nunha situación máis vulnerable neste escenario de alerta sanitaria.
Por este motivo, pídese a todas as rosaleiras e rosaleiros que se coñecen a veciños ou veciñas que poidan estar nunha situación ou de vulnerabilidade a raíz do Estado de alarma derivado do Covid-19 póñano en coñecemento do Concello. Se saben dunha persoa maior que viva soa, alguén pertenza a un colectivo de risco, algunha persoa que precise axuda... agradecemos que chamen ao Concello do Rosal para poder poñer en marcha as medidas de axuda que sexan necesarias. Pode chamarse ao 986 62 50 00 de luns a venres de 09.00 a 14.00 h.
Agradecemos toda a colaboración e solidariedade dos veciños e veciñas do Rosal, tan necesaria nesta situación de alerta sanitaria.
O Concello do Rosal pecha instalacións municipais e manterá servizos mínimos de atención ao público
A medida estará vixente 14 días como protocolo de prevención seguindo as directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes
O Concello do Rosal acordou as medidas establecidas como protocolo de prevención do coronavirus, que se aplicarán durante os vindeiros 14 días a partir do luns 16 de marzo sen prexuízo da súa prórroga e revisión transcorrido o prazo inicialmente previsto e que remata o 29 de marzo. A duración ou modulación das medidas adoptadas tomarase de acordo coas directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes tras a avaliación do avance da situación.
As medidas contemplan a suspensión da atención ao público dos servizos administrativos no Concello e os trámites faranse de xeito telefónico ou a través de sede electrónica. Soamente permanecerá aberto o rexistro de entrada, que se situará na planta baixa do Concello con todas os protocolos necesarios para facilitar o acceso á veciñanza e minimizar o risco de contaxio. Pola súa banda, Servizos Sociais atenderá só os casos urxentes e sempre contactado previamente por vía telefónica.
Pecharanse ao público todas as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo. Así, permanecerán pechados:
- O Punto Limpo dende este sábado 14 de marzo.
- A Biblioteca Municipal.
- A Aula de Estudo.
- O Centro Social Polivalente. Recoméndase a todas as persoas maiores que acoden habitualmente polas tardes a este centro social, poboación considerada de risco, que permanezan nos seus domicilios e apliquen os protocolos de prevención dados polas autoridades sanitarias.
- O Auditorio municipal.
- O pavillón municipal.
- O estadio de fútbol.
- O Centro de Formación.
- Os comedores escolares.
- Os baños públicos situados nos Muíños do Folón e do Picón, en Pías e no Tamuxe en San Miguel.
Suspéndese ademais toda a actividade dependente do Concello en recintos pechados e abertos, co aprazamento de todas as actividades municipais, incluída a programación cultural do mes de marzo, e que afecta:
- Ao programa #Reactívate e todos os seus cursos e actividades (axilidade mental, pilates, pintura, restauración e manualidades, zumba, zumba gold, tenis e ioga).
- Curso de cociña de pratos de culler con produtos de tempada.
- Ciclo de charlas 'Li-xo, que non che soe a chino'.
- Ciclo de charlas sobre prevención de violencia de xénero 'Ponte na súa pel'.
- Feira de San Gregorio.
- Entroido de Piñata.
- As obras 'Las cinco estaciones' e 'No te rindas', do grupo de teatro Avelaíña.
- San Xosé en Novás.
- Concerto de Primavera da Agrupación Musical do Rosal.
- 35 aniversario de ANABAM coa proxección de 'O que arde'.
Todas estas actividades quedan adiadas sine die polo momento. Irase informando puntualmente das novas datas así como se vaian establecendo.
Tamén se procede á suspensión do mercado semanal do Rosal dende este mesmo sábado 14 de marzo. Ademais, no relativo á actividade política tomouse a decisión de anular a celebración de plenos e comisións informativas que só se retomarán no caso de ter que abordar algún asunto de urxencia ou unha vez normalizada a situación sanitaria.
En colaboración cos centros educativos do municipio, dende o Concello do Rosal trasládase a necesidade de que, na medida do posible, os nenos e nenas eviten acudir a espazos públicos con aglomeracións de xente e permanezan estes días nos seus domicilios. Así mesmo, o Concello do Rosal agradece a comprensión da veciñanza ante estas medidas que se aplican de forma preventiva e faise un chamamento á calma e á responsabilidade seguindo en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias.
Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.
Concello de O Rosal
|