|
(17 de marzo de 2020) O Rosal fai un chamamento á veciñanza para axudar ás persoas máis vulnerables
Ante a situación de emerxencia xurdida a raíz da expansión do coronavirus e das medidas adoptadas polas autoridades para a súa contención, o Concello do Rosal pide a colaboración da veciñanza para axudar ás persoas que se atopan nunha situación máis vulnerable neste escenario de alerta sanitaria.
Por este motivo, pídese a todas as rosaleiras e rosaleiros que se coñecen a veciños ou veciñas que poidan estar nunha situación ou de vulnerabilidade a raíz do Estado de alarma derivado do Covid-19 póñano en coñecemento do Concello. Se saben dunha persoa maior que viva soa, alguén pertenza a un colectivo de risco, algunha persoa que precise axuda... agradecemos que chamen ao Concello do Rosal para poder poñer en marcha as medidas de axuda que sexan necesarias. Pode chamarse ao 986 62 50 00 de luns a venres de 09.00 a 14.00 h.
Agradecemos toda a colaboración e solidariedade dos veciños e veciñas do Rosal, tan necesaria nesta situación de alerta sanitaria.
O Concello do Rosal pecha instalacións municipais e manterá servizos mínimos de atención ao público
A medida estará vixente 14 días como protocolo de prevención seguindo as directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes
O Concello do Rosal acordou as medidas establecidas como protocolo de prevención do coronavirus, que se aplicarán durante os vindeiros 14 días a partir do luns 16 de marzo sen prexuízo da súa prórroga e revisión transcorrido o prazo inicialmente previsto e que remata o 29 de marzo. A duración ou modulación das medidas adoptadas tomarase de acordo coas directrices establecidas polas autoridades sanitarias competentes tras a avaliación do avance da situación.
As medidas contemplan a suspensión da atención ao público dos servizos administrativos no Concello e os trámites faranse de xeito telefónico ou a través de sede electrónica. Soamente permanecerá aberto o rexistro de entrada, que se situará na planta baixa do Concello con todas os protocolos necesarios para facilitar o acceso á veciñanza e minimizar o risco de contaxio. Pola súa banda, Servizos Sociais atenderá só os casos urxentes e sempre contactado previamente por vía telefónica.
Pecharanse ao público todas as instalacións municipais de carácter cultural e deportivo. Así, permanecerán pechados:
- O Punto Limpo dende este sábado 14 de marzo.
- A Biblioteca Municipal.
- A Aula de Estudo.
- O Centro Social Polivalente. Recoméndase a todas as persoas maiores que acoden habitualmente polas tardes a este centro social, poboación considerada de risco, que permanezan nos seus domicilios e apliquen os protocolos de prevención dados polas autoridades sanitarias.
- O Auditorio municipal.
- O pavillón municipal.
- O estadio de fútbol.
- O Centro de Formación.
- Os comedores escolares.
- Os baños públicos situados nos Muíños do Folón e do Picón, en Pías e no Tamuxe en San Miguel.
Suspéndese ademais toda a actividade dependente do Concello en recintos pechados e abertos, co aprazamento de todas as actividades municipais, incluída a programación cultural do mes de marzo, e que afecta:
- Ao programa #Reactívate e todos os seus cursos e actividades (axilidade mental, pilates, pintura, restauración e manualidades, zumba, zumba gold, tenis e ioga).
- Curso de cociña de pratos de culler con produtos de tempada.
- Ciclo de charlas 'Li-xo, que non che soe a chino'.
- Ciclo de charlas sobre prevención de violencia de xénero 'Ponte na súa pel'.
- Feira de San Gregorio.
- Entroido de Piñata.
- As obras 'Las cinco estaciones' e 'No te rindas', do grupo de teatro Avelaíña.
- San Xosé en Novás.
- Concerto de Primavera da Agrupación Musical do Rosal.
- 35 aniversario de ANABAM coa proxección de 'O que arde'.
Todas estas actividades quedan adiadas sine die polo momento. Irase informando puntualmente das novas datas así como se vaian establecendo.
Tamén se procede á suspensión do mercado semanal do Rosal dende este mesmo sábado 14 de marzo. Ademais, no relativo á actividade política tomouse a decisión de anular a celebración de plenos e comisións informativas que só se retomarán no caso de ter que abordar algún asunto de urxencia ou unha vez normalizada a situación sanitaria.
En colaboración cos centros educativos do municipio, dende o Concello do Rosal trasládase a necesidade de que, na medida do posible, os nenos e nenas eviten acudir a espazos públicos con aglomeracións de xente e permanezan estes días nos seus domicilios. Así mesmo, o Concello do Rosal agradece a comprensión da veciñanza ante estas medidas que se aplican de forma preventiva e faise un chamamento á calma e á responsabilidade seguindo en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias.
Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.
Concello de O Rosal
Grande éxito do curso de elaboración artesanal de ungüentos de Eurural celebrado no Rosal
Grande éxito de participación no curso de elaboración artesanal de ungüentos que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural celebrou esta semana no Rosal ao abeiro da terceira edición do programa 'Coas mans na masa'. Durante dous días as persoas participantes aprenderon a realizar cremas, pinturas, xabóns, aceites... con recursos naturais que se atopan na contorna da man de Amparo Grandío, enxeñeira técnica agrícola e licenciada en tecnoloxía da alimentación con máis de 20 anos de experiencia.
Este curso, celebrado no barrio das Eiras, ten un dobre obxectivo: por un lado, animar ao uso particular dos produtos elaborados e, por outro, formar ás persoas participantes na transformación de materia prima agraria en produtos de calidade con valor engadido no mercado para a súa posible comercialización posterior.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, agradeceu a asistencia ao curso a todas e todos os participantes durante a entrega de diplomas á clausura do curso. As persoas participantes destacaron estar contentos pola súa participación no curso e por todo o aprendido durante este dous días.
Concello de O Rosal
Aglutina a todos os sectores do municipio e arranca cunha táboa de reivindicacións e melloras na sanidade da contorna
Tras o deterioro progresivo dos servizos sanitarios de atención primaria no municipio e a falta de solucións, o Concello vén de constituír a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, que nace aglutinando a todos os sectores do municipio para denunciar as carencias dos servizos de atención primaria mediante a denuncia pública de carencias estruturais ou puntuais da sanidade pública, a través da convocatoria de actos informativos e mobilizacións e adheríndose a convocatorias de outras plataformas en defensa da sanidade pública.
Táboa de reivindicacións
A plataforma arranca a súa andaina cunha táboa de reivindicacións á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, esixencias que buscan dar solución as necesidades e carencias actuais na contorna e poñer así freo aos recortes nos servizos da sanidade pública, algo que "está poñendo en perigo a vida das persoas. A sanidade, igual que a educación ou o transporte público, deben ser cuestións transversais", como asegurou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Entre as reivindicacións atópanse a ampliación do cupo de persoal sanitario do centro de saúde do Rosal cunha praza para persoal médico, dúas prazas para persoal de enfermería e coa recuperación da praza de matrona, ademais da ampliación da consulta de pediatría a todos os días da semana e a cobertura de todas as baixas e vacacións do persoal sanitario tanto no centro de saúde como no consultorio médico de Tabagón. Entre as demandas tamén se recolle que a xestión do transporte programado "se faga sen antepoñer a rendibilidade do servizo aos tempos e condicións do transporte e sen atentar contra a seguridade e calidade de vida dos usuarios e usuarias, como está a suceder na actualidade co servizo de hemodiálise".
As demandas da plataforma recollen necesidades non soamente no concello rosaleiro, senón tamén na comarca. Así, pide que o PAC de urxencias da Guarda conte con doble equipo todos os días, garantindo a atención de urxencias de xeito continuado; a ampliación do horario de asistencia da ambulancia de Tomiño ás 24 horas para evitar a falta de cobertura actual; o establecemento dun servizo de radioloxía no centro de saúde da Guarda e a posta en marcha de liñas de transporte público "que garantan a accesibilidade diaria e en horarios razonables aos centros sanitarios de referencia".
A constitución desta plataforma foi aprobada en pleno por unanimidade o pasado mes de outubro para "facerlle fronte á situación na que se atopa a sanidade pública no Concello do Rosal que, se ben non é o único concello da comarca afectado, si é un dos municipios no que os problemas teñen unha incidencia maior, coa peor ratio en termos de usuarios e usuarias por persoal sanitario e cunha precarización xeralizada que se acentúa canto máis nos achegamos a zonas rurais", como salienta a alcaldesa.
Ademais, dende o Condello do Rosal e a nova plataforma anímase a toda a veciñanza a participar na manifestación en defensa da sanidade que se celebrará na Guarda o vindeiro 14 de marzo convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.
Concello de O Rosal
Arranca o curso de cociña de pratos de culler con produtos de tempada do Rosal
Celebrarase todos os luns de 09.30 a 12.00 h ata o 6 de abril
Xa está en marcha un novo curso de cociña organizado polo Concello do Rosal. Dende hoxe ata o vindeiro 6 de abril, os 16 participantes neste curso acudirán cada luns á cociña municipal situada fronte ao pavillón para aprender a facer pratos de culler aproveitando os recursos da zona e produtos propios da tempada de inverno. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, deu a benvida a todas as persoas participantes e animounos a desfrutar da experiencia e a sacarlle o máximo partido ao que se irá ensinando no curso.
En total serán máis dunha ducia de horas de duración na que todos os rosaleiros e rosaleiras participantes descubrirán os segredos para facer un bo prato de culler tan típico desta época do ano botando man dos recursos naturais da contorna. Unha oportunidade única para aprender e desfrutar dunha experiencia gastronómica tradicional e auténtica vinculada ás nosas raíces.
Concello de O Rosal
|