JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño inaugurou o mural de Gemma Marqués no Campo de fútbol do Alivio coma homenaxe á veciña máis lonxeva da vila

O domingo 8 de marzo, no Mercado Municipal, realizarase unha concentración con música e poesía, e lerase un manifesto

O Concello de Tomiño celebra, coma cada ano, o Día Internacional da Muller (8 de marzo), cunha serie de actos. Estes comezaron hoxe venres coa inauguración dun mural no exterior do Campo de fútbol do Alivio, obra da artista guardesa Gemma Marqués sobre unha imaxe de Sara Rodríguez Salvador "Sara da Pisca" *, tomada pola fotógrafa Pily Reñones. O acto tivo lugar ao pé do mural ás 13.30 horas, coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, as dúas artistas implicadas no proxecto, concelleiros e usuarios do Centro de Día.

Tanto a autora do mural, licenciada en Belas Artes e veciña da Guarda, coma a fotógrafa Pily Reñones, tomiñesa e distinguida con varios premios de fotografía nacionais e internacionais, amosáronse contentas co resultado final da obra.

Sara Rodríguez Salvador, retratada no mural, é a veciña tomiñesa de maior idade e pertence a familia "dos piscos"; alcume que vén duns bois pequenos que tiña a súa familia.

Afeccionada ao fútbol, ía até os 90 anos ou máis, a ver o Tomiño FC. O Concello quere facer un pequeno homenaxe en agradecemento a Sara, un muller que, desafiando as normas que relegan á muller ao espazo privado e as apartan de aqueles eidos tradicionalmente masculinos, acudía a o campo de fútbol do seu equipo, o Tomiño FC , como a afeccionada incondicional.

O día 7, sábado, ás 22.00h, haberá teatro no Auditorio de Goián. "1879. Casa de Bonecas", a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen, chegará a Tomiño en conmemoración do Día da Muller. A compañía Estudo Momento traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas. Nesta versión, Iria e Mejuto, dan vida ao matrimonio Helmer, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.

O domingo 8 de marzo ás 12 do mediodía terá lugar unha concentración no Mercado Municipal, com música, poemas e lectura dun Manifesto.

Por último, o día venres 27 de marzo, a Oficina Municipal de Igualdade, organiza unha charla-coloquio de Rosa Cobo Bedía, baixo o título " A cuarta ola feminista e a violencia sexual". A autora realizará un percorrido pola historia do feminismo ata chegar á gran vindicación desta chamada Cuarta ola; falando da violencia sexual como mecanismo de control que impide ás mulleres a apropiación igualitaria do espazo público e acadar a súa autonomía e liberdade, así como a análise crítica de prácticas historicamente naturalizadas , como a prostitución.

Ás 19.00h no Salón de Plenos do Concello.

Concello Tomiño


Tomiño esixe á Xunta que colabore na financiación da biblioteca municipal

O BNG presentou unha moción no último pleno, que foi votada favorablemente por toda a corporación, incluídos PP e PSG-PSOE

O acordo plenario trasladarase á Subdelegación do Goberno, ao Estado e aos deputados galegos no Congreso

O Concello de Tomiño esixirá formalmente á Xunta de Galicia que colabore na financiación do proxecto da Biblioteca Municipal, tal coma está a facer noutras localidades.

A decisión foi tomada de maneira unánime polos 17 concelleiros e concelleiras que forman a Corporación Municipal, que votaron a favor da moción presentada polo Grupo Municipal do BNG, na que se propón trasladar ao Conselleiro de Cultura "o profundo malestar da corporación pola falta de atendemento a esta demanda despois de dous anos nos que se tiveron varias entrevistas, sen que até o momento o Concello recibira notificación algunha ao respecto".

Tal como explica a moción, este novo proxecto foi presentado ante a Xunta de Galicia en varias ocasións ao logo dos últimos dous anos; concretamente, ante o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Políticas Culturais (Anxo Lorenzo), e ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Coma resultado destas reunións, Anxo Lorenzo, manifestou nunha reunión mantida o día 12 de novembro do ano pasado o seu interese polo tema, transmitindo a importancia de que a Xunta colabore con este tipo de equipamentos e prometendo que antes de final do ano 2019, comunicaría o importe co que o Goberno Autonómico participaría no proxecto.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, "lamenta a falta de compromiso da Xunta", e aclara que o Concello non pretende unha achega económica íntegra nin nunha soa fase, senón un convenio en varias anualidades. "Deuse todo tipo de posibilidades de acordo, pero a resposta é falta de compromiso do PP coa biblioteca de Tomiño", afirma a rexedora.

O acordo plenario trasladarase tamén á Subdelegación do Goberno e ao Ministerio de Transportes, Mobilidad y Agenda Urbana (antes Fomento) para que valore a restitución da partida orzamentaria dos OXE 2011, nos orzamentos que está a redactar o novo Goberno. Asemade, farase chegar aos deputados galegos no Congreso para que defendan o tema en Madrid.

Longo camiño

A demanda de axuda para a construción dunha biblioteca municipal, remóntase ao ano 2010, cando o entón deputado nacionalista Francisco Jorquera negociou co Goberno Central unha axuda para a reforma da antiga casa do médico do Seixo (situada no centro de Tomiño, xunto ao mercado), coma novo edificio administrativo que albergaría, entre outros usos, a biblioteca.

Coa chegada do PP ao Goberno Central, esta axuda nunca chegou a materializarse, a pesar de estar prevista unha partida de medio millón de euros , xa que o novo Goberno Central non autorizou o gasto e anulou o convenio de colaboración.

No 2016 o goberno local reformulou o proxecto, levando a cabo un proceso participativo coas entidades culturais e sociais do concello para deseñar a futura biblioteca, e redactou un novo proxecto que respondera ás necesidades da cidadanía.

Concello Tomiño


A proposta da Alcaldía de Tomiño para unha Unidade de Saúde Mental comarcal, obtén a unanimidade dos votos da corporación

O Concello solicitará á Xunta unha USM que se sitúe no centro ambulatorio de Tui, onde atendería a unha poboación de case 50.000 habitantes

O pleno do Concello de Tomiño aprobou en sesión ordinaria e por unanimidade, a proposta da Alcaldía para a creación dunha Unidade de Saúde Mental (USM) de ámbito comarcal, que daría atención no centro ambulatorio de Tui, a unha poboación de case 50.000 habitantes.

"Solicitar á Xunta de Galicia, que se desenvolva a USM Baixo Miño, ubicada no centro de saúde de Tui, onde se dispón de espazo suficiente para a instauración da citada unidade, que dará atención a 49.646 habitantes dos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, e dotada cun mínimo de dous médicos/as psiquiatras, un psicólogo/a e un enfermeiro/a" é o texto que obtivo a aprobación unánime da corporación, formada por 11 concelleiros/as do BNG; 4 do PP e 2 do PSG-PSOE.

Segundo describe o documento aprobado, "non existe unha atención suficiente e eficiente para os pacientes de saúde mental da Mancomunidade do Baixo Miño, xa que os pacientes teñen que desprazarse a Vigo para ser atendidos, coa sobrecarga que isto supón para as unidades de saúde mental de Vigo...os datos son obvios e cotexables no estudo sobre prevalencia en Saúde Mental en Galicia do SERGAS, segundo o cal... dúas de cada tres persoas con enfermidade mental grave non acudiron no último ano do estudo a ningún servizo de saúde" .

A petición non é nova xa que no ano 2003, a Mancomunidade do Baixo Miño acordou, por unanimidade, apoiar a proposta da asociación "Avelaiña", para a creación dunha unidade de saúde mental na comarca. Dezasete anos máis tarde -coma explica a proposta aprobada en pleno- o Baixo Miño segue sen ter unidade de saúde mental, converténdose cada ano en máis urxente e necesaria, xa que ás necesidades de atención en saúde mental, súmanse dificultades propias da zona, coma a dispersión xeográfica, os problemas de transporte, o impacto da crise económica, o uso de novas drogas e/ou alcohol, a sobrecarga e falta de familiares de apoio, etc.

"O que fai máis necesario que nunca, a existencia de atención de proximidade que garanta a adhesión aos tratamentos, o seguimento e a participación social das persoas afectadas, así coma un soporte ás familias coidadoras, especialmente dos que residen en zonas rurais e máis aloxadas dos recursos de apoio", comentan.

As unidades de saúde mental de Cangas e Val Miñor, son xa unha realidade dende hai tempo, e a do Condado/Paradanta, ten dado os pasos para a súa creación. "Aínda estando dentro do mesmo Plan Estratéxico (2006-2011), a USM do Baixo Miño permanece pendente e sen que exista data para o inicio da súa implantación", reza a proposta da alcaldía tomiñesa. "Asemade -continúa- mantémonos á espera da creación dun novo Plan Estratéxico de Saúde Mental, que se está a desenvolver neste momento; no que, supoñemos, se volverá a ter en conta a necesidade existente de esta poboación, que a todas luces se atopa en situación de esquecemento e desatención, sendo esa propia inaccesibilidade dos cidadáns o que provoca o agravamento deste tipo de patoloxías".

Concello Tomiño


A Mostra de Cultivos reinvéntase e chega á súa 17ª edición cargada de novidades

Será "unha Mostra máis profesional para as empresas e máis participativa, dinámica e lúdica" para o público xeral

Celebrarase os vindeiros 13, 14 e 15 de marzo no Pavillón de Goián

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega á súa décimo séptima edición renovada e con moitas novidades no peto. Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a mostra celebrarase os vindeiros 13, 14 e 15 de marzo no pavillón municipal de Goián tras un intenso esforzo por "reinventarse" e por ofrecer un amplo e atractivo programa tanto para profesionais como para público xeral, como destacaron durante a presentación este xoves no salón de plenos do concello tomiñés. "As necesidades da sociedade e do sector van mudando cos anos e cremos que era o momento de repensar a Mostra, de apoiar de xeito máis decidido o ámbito profesional e de reforzar tamén a súa visión social. Seguimos representando ao sector agro do Baixo Miño, pero ofreceremos unha nova perspectiva da que poderá desfrutar toda as persoas que se acheguen a un pavillón transformado en xardín verde", salientou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.

Xa consolidada a nivel galego, coa nova programación "a Mostra da un paso máis que nos parece moi importante. Convértese nun evento máis profesional para as empresas e moito máis participativa, máis dinámica, máis aberta e máis lúdica para a veciñanza", sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Así, por primeira vez haberá dobre xornada de portas abertas en diferentes viveiros, unha con obxectivo profesional para empresas do sector da comarca e de fóra o venres 13 e outra aberta ao público en xeral o domingo 15, "unha oportunidade única para que a xente nos coñeza de primeira man pasando unha tarde en familia. Deste xeito tamén mesturamos agro e turismo, un nicho de mercado no que vimos traballando dende hai tempo e que acabará sendo unha realidade", explicou Rodríguez.

A Mostra abrirá as súas portas ao público xeral o venres 13 ás 17.30 h e celebrará o seu acto de inauguración oficial o sábado 14 ás 12.30 h coa presenza de distintas autoridades.

Novidades

Atendendo a unha cuestión que visitantes e veciñanza viña demandando dende hai tempo, a Mostra contará por primeira vez cun espazo de venda ao público durante os tres días que dura o evento. Na "Tenda da Mostra" todas as persoas interesadas poderán comprar produtos das empresas participantes no evento e levar a casa un anaco do Baixo Miño de xeito sinxelo e solidario, xa que unha parte da recadación irá destinada a San Xerome Emiliani.

Tamén por primeira vez habilitarase un lugar de encontro, o bar-cafetería 'EntrePlantas' "que achegará moito dinamismo á Mostra e que servirá para que os profesionais do sector que acoden a ela poidan facer negocios dun xeito máis distendido pero tamén para que as persoas visitantes desfruten doutra forma do evento". Este espazo complementarase cunha sesión vermú o sábado coa música en directo de Acevedos Delgados (13.30 h) e o domingo de Hourglass (13.30 h), así como co concerto de Awen Music o sábado ás 20.30 h.

Obradoiros prácticos sobre trampas de vespa velutina, 'hoteis de insectos', arranxos florais ou sobre como facer o teu propio xardín vertical ou o teu propio compost serán o complemento perfecto a dúas conferencias impartidas por profesionais recoñecidos:

" Belén Varela, experta en organización do traballo e recursos humanos, falará sobre 'Felicidade responsable: a ciencia e a práctica do bo traballo' durante a conferencia inaugural da Mostra (venres 13, 18.00 h).

" Pedro Pablo Gallego, profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo explicará 'Os retos de futuro do sector agro: agricultura 4.0' (sábdo 14, 11.00 h).

A sorpresa para os máis pequenos e pequenas da casa chegará da man do LEGO Corner, que estará na Mostra da man da Cámara Municipal de Paredes de Coura, "unha das poucas cidades de Europa habilitadas como punto LEGO". Ademais, a Eurocidade Cerveira e Tomiño celebrará unha mesa de traballo sobre asociacionismo e o sector agro o domingo 15 (13.00 h), coñeceranse algunhas das novidades do sector con acuBam innovación, coñecerase ao gañador ou gañadora da segunda edición dos Premios Xardín Galego, postos en marcha por acuBam e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), e todas as persoas visitantes poderán desfrutar dunha exposición do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais que amosarán obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.

Toda a información ao completo na web de acubam.org ou en mostradecultivos.eu

Concello Tomiño


A 3ª Festa dos Callos de Tomiño repartirá 3600 racións este domingo

A cita gastronómica, presentada este mediodía, conta coa colaboración da asociación de comerciantes e do Concello de Tomiño

O Tomiño FC organiza o vindeiro domingo, 8 de marzo, a 3ª edición da Festa dos Callos, unha festa gastronómica nacida co fin de recadar fondos para o club, e á vez ampliar a oferta de actividades da axenda da vila.

Dado ´éxito obtido nos anos anteriores, a organización incrementará tanto os quilos de preparación, coma o número de racións. Así o manifestaron este mediodía, durante a presentación da festa, celebrada na Praza do Seixo, aproveitando a celebración do mercado ambulante dos mércores.

Tras a boa acollida das anteriores edicións, a festa segue a ser concibida coma "unha forma de encher de vida e dinamizar a vila, ao tempo que se apoia ao deporte tomiñés", segundo salientou a alcaldesa Sandra González durante a presentación, á que tamén asistiron os concelleiros de Deportes, Fran Campo, e de Servizos Públicos, Lois Vázquez, así coma o presidente do club, Manuel Vila e outros membros da organización. Vila agradeceu o apoio de todas as entidades implicadas e amosouse satisfeito polo respaldo popular acadado e o feito de poder dar continuidade á cita gastronómica e mellorala cada ano.

Nesta liña, apuntou que esta 3ª edición conta coa colaboración do Concello de Tomiño e da empresa Coren; Comunidade de Montes VMC Barrantes; panaderías Manuel López, Camiño Novo, Parroquiñas, Currás, Tomipan e Flor y Nata; e firmas coma MRDixital, Día Tomiño e Quicelco, sumándose tamén a asociación de comerciantes (ADETO).

Unha novidade desta edición é que non haberá plásticos, polo que as racións para levar terán que ir en envases proporcionados polos clientes. Ademais, ADETO colabora entregando vales do 10% de desconto para as consumicións, a aqueles clientes que compran no comercio local durante estes días.

3600 racións

A organización espera repartir sobre 3.600 racións durante a festa, arredor de 1.440 quilos de callos, que poderán empezar a degustarse este domingo a partir das 10 da mañá.

En caso de que o tempo non acompañe, e para maior comodidade dos comensais, a organización habilitará unha carpa no centro de Tomiño, na rúa Daniel Calzado Poceiro, moi próxima á Praza do Seixo.

A festa terá prezos populares, dando á xente que se achegue, a posibilidade de comer os callos na propia carpa, ou ben, de compralos para levar. No primeiro caso o prezo será de 9 euros, incluído callos, pan, viño ou auga, e cazola e cunca conmemorativas de barro. As racións para levar, costarán 6 euros e incluirán o mesmo que as outras, menos cazola e cunca. Neste sentido, deberase traer un táper de casa.

Amenizará a festa a Treboada "Baixo Miño" e, se o tempo o permite, actuará ás 12 do mediodía, a Escola de Danza "Adeixa Dance School" de Vila Nova de Cerveira.

Concello Tomiño


Tomiño celebra o Día da Muller cun mural, unha obra de teatro e unha charla sobre feminismo

O domingo 8 de marzo, na Praza do Seixo, realizarase unha concentración con música e poesía, e lerase un manifesto

O Concello de Tomiño celebra, coma cada ano, o Día Internacional da Muller (8 de marzo), cunha serie de actos.

Estes comezarán o venres 6 coa inauguración dun mural no exterior do Campo de fútbol do Alivio, obra da artista guardesa Gemma Marqués sobre unha imaxe de Sara Rodríguez Salvador "Sara da Pisca" *, tomada pola fotógrafa Pily Reñones. O acto será ao pé do mural ás 13.30 horas, coa intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O día 7, sábado, ás 22.00h, haberá teatro no Auditorio de Goián. "1879. Casa de Bonecas", a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen, chegará a Tomiño en conmemoración do Día da Muller. A compañía Estudo Momento traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas. Nesta versión, Iria e Mejuto, dan vida ao matrimonio Helmer, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.

O domingo 8 de marzo ás 12 do mediodía terá lugar unha concentración na Praza do Seixo, com música, poemas e lectura do Manifesto.

Por último, o día venres 27 de marzo, a Oficina Municipal de Igualdade, organiza unha charla-coloquio de Rosa Cobo Bedía, baixo o título " A cuarta ola feminista e a violencia sexual". A autora realizará un percorrido pola historia do feminismo ata chegar á gran vindicación desta chamada Cuarta ola; falando da violencia sexual como mecanismo de control que impide ás mulleres a apropiación igualitaria do espazo público e acadar a súa autonomía e liberdade, así como a análise crítica de prácticas historicamente naturalizadas , como a prostitución.

Ás 19.00h no Salón de Plenos do Concello.

Sara Rodríguez Salvador, nada hai 105 anos en Tomiño, é a persoa máis lonxeva da vila. Pertence a familia "dos piscos"; alcume que vén duns bois pequenos que tiñan cando andaban ao xornal. Afeccionada ao fútbol, ía até os 90 anos ou máis, a ver o Tomiño FC. O Concello quere facer un pequeno homenaxe en agradecemento a Sara, un muller que, desafiando as normas que relegan á muller ao espazo privado e as apartan de aqueles eidos tradicionalmente masculinos, acudía a o campo de fútbol do seu equipo, o Tomiño FC , como a afeccionada incondicional.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais