O Concello de Oia repartirá un centenar de trampas e atraentes para combater a invasión da avespa velutina. Este material vai destinado a apicultores das distintas parroquias do municipio.
Ao igual que en anos anteriores, o reparto deste material é totalmente gratuíto para os apicultores e faise aproveitando a chegada da primavera. Esta estación é un dos períodos máis importantes a ter en conta para o control da especie, pois é nese momento no que as raíñas da avespa asiática comezan a formar os seus niños primarios.
O Concello de Oia leva varios anos repartindo este tipo de materiais co obxectivo de axudar a protexer as colmeas da veciñanza para evitar os danos que provoca a presenza da vespa velutina. En total, o ano pasado entregáronse 90 trampas e atraentes, unha cantidade que este ano se incrementa ata chegar ás 100 unidades.
As persoas interesadas en recibir unha trampa poden contactar co Concello nos números de teléfono 986.36.21.25 e 639.32.94.93.
Recomendacións no uso de trampas
A cantidade de trampas a colocar nun apiario varía segundo o número de colmeas que se posúan. Por iso recoméndase seguir as seguintes proporcións:
• 1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
• 2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
• 3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas.
• 4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas.
Estas trampas deberán colocarse soamente en zonas onde se teña detectado presenza de velutinas. O ideal é situalas a unha altura de 1,50 metros e nun radio de 100 metros arredor dos apiarios, en puntos soleados e protexidos do vento.
Retirada de niños de velutina
En caso de localización dun niño de velutina, a Administración local lembra que os veciños e veciñas poden dar aviso para a súa retirada no teléfono do Concello de Oia (986.36.21.25) ou ben a través da aplicación Línea Verde (para teléfono móbil e tablet).
O Concello de Oia programará este ano 2 actividades para conmemorar e celebrar o Día da Muller. Este sábado haberá unha visita guiada de temática feminina, mentres que para o domingo 15 se organiza a "Andaina pola Igualdade" que percorrerá a nova ruta circular do Mosteiro.
A programación co gallo do 8 de Marzo se abrirá este sábado 7 cunha visita guiada polo barrio histórico. Baixo o título "Arrabal en feminino", o itinerario permitirá descubrir distintos espazos femininos con valor patrimonial, as pegadas da muller na toponimia e lembrar algunhas das figuras femininas presentes na memoria colectiva local.
Así, nas distintas paradas irán descubríndose historias e lendas sobre veciñas ilustres, raíñas, santas e heroínas anónimas co obxectivo de divulgar o a riqueza patrimonial de Oia, visibilizar as contribucións das mulleres ao longo da historia e, ao mesmo tempo, renderlles unha merecida homenaxe.
A visita guiada do 7 de marzo é gratuíta e non require inscrición. O punto de encontro será o edificio do Concello de Oia ás 17.00 horas.
Andaina
O domingo día 15 se desenvolverá a "Andaina pola Igualdade", que percorrerá a recentemente sinalizada ruta circular do Mosteiro, un itinerario de sendeirismo de dificultade media e 7,8 km de lonxitude. A ruta sairá ás 10.00 horas do Mosteiro de Oia. Trátase dunha actividade gratuíta, pero cómpre inscribirse previamente no Concello antes do día 12 (teléfonos de información 986.36.21.25 e 639.32.94.93).
A ruta circular do Mosteiro inclúe puntos de interese natural, paisaxístico e cultural como os petróglifos da Pedreira (Santa María de Oia), o lugar do Viveiro (Pedornes), un tramo do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polas parroquias de Pedornes e Santa María de Oia, o barrio histórico do Arrabal e o Mosteiro de Santa María de Oia, entre outros.
O camiño presenta dificultade media e está totalmente sinalizado.
A información da ruta está dispoñible na seguinte ligazón de Wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-do-mosteiro-43036952