|
CAMPOSANCOS BÓTASE A RÚA PARA ESIXIR A SENDA PEONIL
Perto de 1.000 persoas participaron no día 1 de Março na marcha-manifestación que deu a volta ao Monte Trega para esixir unha senda peonil que permita desprazarse con seguridade desde Camposancos ata A Guarda.
Baixo o lema "Para camiñar seguro, Ecosenda Xa", convocados pola Entidade Local Menor de Camposancos co apoio da Comunidade de Montes de Camposancos e o asociacionismo cultural e deportivo de Camposancos, partiu ás 10:30 da mañá esta marcha-manifestación para esixir da Xunta de Galiza, titular da estrada PO-352, a realización desta infraestructura.
Ao remate da manifestación a Presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos, Merchi Martínez dirixiuse aos asistentes. Nun momento da súa intervención dixo "A reivindicación que traemos hoxe aquí é unha necesidade para Camposancos e para todo o pobo da Guarda . Recorrer a pé a estrada que vimos de andar é simplemente perigoso.
Desde que empezamos a dar os primeiros pasos en novembro as asociacións camposinas e a Entidade Local Menor, empezáronse a mover as cousas. A convocatoria desta manifestación deu xa os seus primeiros froitos.
O 17 de febreiro deste mes o Concello da Guarda, encargou o Anteproxecto da senda. Nove días despois, o mércores desta semana, preséntanmo a min e o día seguinte ao vecindario de Camposancos.
A pena é que tiveramos que agardar tanto. Este anteproxecto tiña que estar elaborado moito antes. Si o estivera, ao mellor a senda hoxe estaba en marcha.
Perdéronse oportunidades. Os fondos FEDER da Unión Europea do ano 2017, contemplaban subvencións de ata o 85% para este tipo de actuacións. O Concello da Guarda deberá estar máis atento para que non se lle escapen outra vez si é que volven a saír.
E si non hai fondos FEDER, haberá que petar con entusiasmo nas portas da Xunta de Galiza, titular desta estrada. Que saiba o Concello que para eso vai contar con todo o meu apoio".
Mercedes Martínez, presidenta da ELM de Camposancos
A Guarda prepara as primeiras Xornadas sobre saúde e benestar
O Concello da Guarda comeza cos preparativos dunha nova actividade dirixida ao público xeral e que este ano versará sobre a Saúde e o Benestar.
A proposta "I Xornadas sobre saúde e Benestar" permitirán, de xeito participativo, implicar á poboación da vila no coñecemento e ampliación de información sobre diversos temas de saúde do día a día.
Grazas á participación de empresas e profesionais sanitarios, as xornadas contarán con charlas, conferencias e debates abertos, nos que se tratará e falará sobre temas de interés xeral vencellados á saúde e ó benestar.
Dende o Concello da Guarda se lanza un convite a todos os empresarios e profesionais da saúde e do benestar, nunha convocatoria aberta a participar nesta novidosa actividade, que permitirá, por unha banda, potenciar e promocionar as empresas adicadas á saúde e ao benestar da vila e, por outra banda, manter encontros con profesionais sanitarios de diversas ramas.
As empresas e profesionais sanitarios poden realizar a súa inscrición no seguinte formulario https://forms.gle/hmV3tmL4pjv8RUMM9 ou ben contactando coa OMIX da Guarda no telefono 986 61 0000 ext.7 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es
A Guarda segue avanzando na accesibilidade e a mobilidade peonil
" Arrancan as obras de mellora da accesibilidade na Rúa Galicia na Guarda
Esta semana arrancaron as obras dunha das "Áreas de Actuación" comprendidas no "Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda" que abarca un tramo da rúa Galicia que vai dende o cruce con República Dominicana ata o cruce con Concepción Arenal.
Esta primeira "Área de Actuación" ven a resolver problemas puntuais de accesibilidade neste tramo de rúa por un importe de 47.900 € con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
A obra consiste na adecuación dun tramo da rúa Galicia comprendido entre a intersección con República Dominicana e Ramón Sobrino, onde se inclúe a sinalización sensorial para persoas con discapacidades visuais e a priorización e continuidade dos tránsitos peonís sobre os vehículos.
Pretendese adecuar un tramo urbano moi importante para a vila da Guarda, coa colocación de pavimentos de botóns, eliminación de vados en mal estado, eliminación de resaltes, redución de desniveis, instalación de bolardos para a protección dos peóns, elevación de pasos de peóns e colocación de pavimentos direccionais.
As obras teñen un prazo de execución de dous meses e será preciso o corte de rúas en momentos puntuais para acometer certos traballos.
Nas actuacións de humanización, recuperación e mellora de rúas, espazos e edificios públicos que se veñen realizando no concello da Guarda, a accesibilidade ten un peso importante hora de redactar os proxectos e executar obras.
Neste senso o concello ten realizado actuacións singulares como: "a rampla de acceso a parte alta do auditorio de San Bento", "o acceso a praia da Area Grande" ou o "ascensor e baños da paza de abastos", entre outras. Tamén se levan executado multitude de obras de humanización en plataforma única entre as cales destaca a rúa Concepción Arenal.
Precisamente a obra de humanización de Concepción Arenal seguiu os criterios marcados no "Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda", redactado no ano 2018. Concretamente, a obra de Concepción Arenal, resolve a mellora da accesibilidade de dúas das "Areas de Consideración Especial" marcadas como tales no mencionado plan: A zona ente a rúa Galicia e Avelino Vicente, e a zona entre a rúa Brasilino Álvarez e a rúa do Porto. Estas dúas zonas de actuación veñen marcadas como as primeiras fases a executar.
O Camiño de Santiago e as súas oportunidades no desenvolvemento local centran unha charla-coloquio na Guarda
O vindeiro venres día 13 de Março ás 20:00h a Casa dos Alonso acolle unha charla-coloquio enmarcada nas actividades do proxecto "O Camiño Aguárdate", coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Nesta charla-coloquio, titulada "O Camiño como produto cultural e turístico: oportunidades no desenvolvemento local", contarase coa participación de Xosé Manuel Santos Solla, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e algúns emprendedores entorno ao Camiño Portugués: Albergue O Peirao, Tuitrans e Rincón Peregrino.
O obxectivo desta xornada é o de debater sobre o Camiño de Santiago e as oportunidades que ofrece na economía e no desenrolo local súa evolución, así coma atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila. A tal fin a charla articúlase mediante as ponencias de Xosé M. Santos, catedrático de Xeografía Humana na Universidade de Santiago e director do Centro de Estudos Turísticos (USC) entre 2005 e 2014, que ten traballado amplamente o impacto do turismo con especial preocupación polas cidades históricas, os itinerarios culturais e o desenvolvemento rural. A visión global que nos brindará Santos Solla sobre o Camiño de Santiago e o seu efecto e posibilidades no turismo, sumaranse a visión de diferentes emprendedores locais que souberon atopar oportunidades de negocio no feito da peregrinación xacobea.
Máis actividades
O 27 de marzo ás 20:30h no San Xerome continúan as actividades cunha nova xornada titulada "O Camiño como forma diferente de viaxar: motivacións e experiencias", na que se contará coa proxección do documental Santiago´s Way e rematará cunha charla-coloquio entre os asistentes.
No mes de abril pecharase o ciclo de "Falemos no Camiño" coa xornada "Unha mirada histórica sobre o Camiño Portugués da Costa", que contará coa presenza de Grato E. Amor Moreno e Ermelindo Portela Silva, realizarase o 17 de abril ás 20:30h no Centro Cultural da Guarda.
Visitas teatralizadas
As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.
A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020. As inscricións poden realizarse no formulario web: https://forms.gle/RY58NechAeqmeJfN9
O BNG da Guarda desinforma a cidadanía co obxectivo de descalificar ao alcalde e ao equipo de goberno
Nos últimos tempos o BNG guardés difundiu noticias que, dado que non se pode demostrar a súa veracidade, máis parecen orientadas a descalificar ao goberno municipal que a informar aos cidadáns.
Fai uns días o BNG da Guarda difundía unha noticia sobre o peche das oficinas do ISM e a Capitanía Marítima desmentidas polos propios representantes das institucións. Resulta chamativo que nos seus comunicados, os nacionalistas, non facían referencia as súas fontes de información.
A vez que se publicaba a noticia sobre o peche das oficinas nos medios, o BNG tamén remitía informacións sobre a urbanización da rúa San Queitano que nada teñen que ver coa realidade.
A demanda do BNG respecto a esta rúa no seu momento foi, literalmente: "inclusión do arranxo da Rúa San Caetano na partida correspondente do Plan Concellos da Deputación". O equipo de goberno municipal, consciente das necesidades da rúa, encargou un proxecto de urbanización por fases entre os números 2 ao 42. Proxecto polo que o portavoz do BNG non se preocupou cando tivo responsabilidades de goberno como concelleiro de Mobilidade. Parece claro que lle resulta máis facil desacreditar o traballo do goberno municipal falseando informacións.
O proxecto da rúa San Queitano atópase no concello a disposición de calquera persoa que queira consultalo, por suposto tamén a disposición dos grupos políticos que o soliciten. Ademais este proxecto tamén se pode consultar no portal de transparencia da sede electrónica do concello. O documento contempla a urbanización da rúa coa reposición dos servizos de auga e saneamento, preinstalación da rede de abastecemento eléctrico e de telecomunicacións, a pavimentación en formigón cunha rígola central en pedra e a recollida e canalización das augas pluviais. Iso si, respectando sempre o Plan Xeral.
O Equipo de Goberno informou no pleno, a toda a corporación incluído ao portavoz do BNG, do retranqueo e arranxo de dous muros. O concello negociou estas cesións cos veciños, aos que hai que agradecer a súa colaboración desinteresada. Desta maneira podense cumplir as alineacións marcadas no Plan Xeral sin custo adicional para o pobo da Guarda.
Non é de recibo que unha formación política utilice a mentira e a desinformación e incluso a invención, para descalificar ao goberno municipal e alporizar aos veciños. Pero, por siacaso foi ignorancia, os responsables municipais instan ao portavoz do BNG a que cando non sabe algo, o pregunte.
O BNG reafírmase en denunciar a situación na que se atopa o Instituto Social da Mariña da Guarda
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insta a que se manteña aberta esta oficina para dar servizo o sector pesqueiro da zona e se garanta a cobertura das prazas vacantes, estabelecendo algún incentivo laboral, e así manter o horario completo de apertura da oficina.
Logo das declaracións do alcalde da Guarda, o portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, reafírmase nas súas denuncias en relación co peche de servizos diante da pasividade do alcalde.
O portavoz do BNG, Anxo Baz, informou que 'o noso deputado no Congreso, Néstor Rego, vén de denunciar a redución de servizos na oficina do Instituto Social da Mariña situada no noso concello. Reduciuse drasticamente o horario no servizo, provocando graves problemas ás persoas usuarias e a preocupación de diversas entidades vinculadas o sector do mar que dependen desta, a única sede física na comarca para a xestión de múltiples trámites'.
O BNG instou o Goberno e o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, a realizar xestións para garantir a cobertura das prazas vacantes, estabelecendo algún incentivo laboral, e así manter o horario completo de apertura da oficina do Instituto social da Mariña. 'O servizo estase cubrindo, unha vez á semana con persoal procedente doutras oficinas poñendo en grave risco a súa continuidade e recorda que esta situación súmase a desaparición doutros servizos como a Capitanía Marítima tras a morte do seu titular', declarou Anxo Baz.
Esta reivindicación do BNG xa foi feita o pasado mes de febreiro pola deputada do Parlamento Galego, Montse Prado, que acompañada polo portavoz municipal, Anxo Baz, e a concelleira Beatriz Lomba, manifestaron que 'non se pode deixar desaparecer este servizo, porque supón unha desprotección para o sector que debe desprazarse á cidade de Vigo para realizar xestións que podería realizar nesta oficina. Tanto o Goberno como o Ministerio de Traballo deben manter aberta esta oficina para dar servizo o sector pesqueiro da zona, porque A Guarda é unha vila mariñeira cunha importante flota de baixura, altura e marisqueo, que conta cun gran número de veciños e veciñas que dependen deste servizo para realizar as xestións preceptivas para desenvolver a súa actividade no sector do mar', afirmaron.
|