| O Concello de Tui cede temporalmente a Sala Xacobeo para a instalación provisional da Oficina do ORAL en Tui
O Concello de Tui cederá con carácter temporal e transitorio a Sala Xacobeo da Área Panorámica á Deputación de Pontevedra para a instalación, durante un máximo de 6 meses, da oficina do ORAL na cidade.
A oficina do organismo de recadación dependente da institución provincial, está pechada temporalmente en Tui nestes momentos debido a problemas de humidades que rexistraba o inmoble e que se viron agravados coa inundación sufrida o pasado mes de decembro.
O traslado da Oficina do ORAL á Sala Xacobeo realizarase mentres non se completa por parte da Deputación o arredamento dun local na cidade, para o que xa iniciou os trámites de contratación por vía de urxencia.
Coa cesión deste local na Área Panorámica o Concello de Tui quere colaborar no mantemento deste servizo na cidade mentres non conta a oficina cunha instalación definitiva.
A Deputación instalará nas dependencias cedidas o mobiliario e equipo informático preciso e o mobiliario, e dará conta ao seguro de responsabilidade do cambio de uso provisorio da ubicación do ORAL en Tui.
A oficina abrirá xa no novo emprazamento o próximo luns.
O "Caldo de Gloria", a colocación de poemas en espazos públicos e unha campaña nas redes sociais centran a celebración do Día de Rosalía en Tui
O Concello de Tui vai conmemorar o Día de Rosalía con diversas accións promovidas pola concellería de Cultura. En 2013 o Concello de Tui acordou a celebración anual desta efeméride.
Por unha parte a Biblioteca Municipal, dependente da Concellería de Cultura, ten preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán en lugares emblemáticos da cidade para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.
Amais cinco establecementos de Tui ofrecerán dende este sábado 22 até o luns 24 o "Caldo de gloria" coma parte das conmemoracións do Día de Rosalía promovidas polo Concello de Tui a través da Concellería de Cultura. En concreto en Tui ofrecerán este "Caldo de Gloria" os seguintes establecementos Ponte das Febres en Ribadelouro, xunto a Ideas Peregrinas, Cociñarte, restaurante El Molino e o Parador de Turismo San Telmo.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala así que con esta proposta "sumámonos á iniciativa promovida dende a Fundación Rosalía de Castro". Na mesma, a partir do poema "Miña casiña, meu lar" (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. "Queremos que Galicia, sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro, lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este "caldo de gloria" dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular".
Amais a obra de Rosalía estará presente nas redes sociais municipais, tanto do Concello coma da Radio Municipal, nunha campaña deseñada pola emisora municipal dende hoxe até o próximo luns día 24. Cada xornada publicarase un poema da escritora convidando ao público a completar parte do verso que falta. Deste xeito darase tamén visibilidade á obra rosaliana na internet.
O próximo luns, 24 de febreiro, conmemórase o 183 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.
Trece comparsas participarán o próximo martes en Tui no Desfile-Concurso de Entroido
Case 900 persoas encherán de cor as rúas tudenses nesta celebración
Trece comparsas participarán o próximo martes, 25 de febreiro, festivo local en Tui, no Desfile Concurso de Entroido organizado polo Concello de Tui a través da Concellería de Cultura.
Cinco das trece comparsas participantes son de Tui e dúas chegan dende Salceda. Tamén está inscritas agrupacións de Tomiño, Redondela, O Porriño, Nigrán, Gondomar, e Arbo. Catro das trece comparsas rexistradas son de fantasía.
A representación local virá man das comparsas tudenses Cantos Somos; Arume de Malvas; Lembranzas da Terra de Guillarei, Entroido de Pexegueiro e da Comisión de Festas de Nosa Señora da Guía de Randufe.
Doutros municipios chegarán ao Entroido tudense as comparsas Borralliño de Soutelo i En Loureiro como Sempre da Picoña, ambas de Salceda; Luces de Tomiño; Terra de Condes de Redondela; asociación cultural de Pontellas do Porriño; Parada do Miñor de Nigrán; O Millor de Cada Casa de Vincios de Gondomar e Barca de Loimil de Arbo.
En conxunto serán 888 persoas desfilando con 18 carrozas e 59 músicos no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.
Neste concurso repartiranse 5.600 euros e trofeos nos 18 premios establecidos en catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. As comparsas recibirán amais un total de 6.500 euros en concepto de compensación económica pola súa participación neste evento.
O xurado, formado por 6 membros de asociacións tudenses, 4 cidadáns tudense, e 2 traballadores municipais, e presidido pola concelleira de Cultura, terá en conta na súa valoración o número de participantes, a actualidade da temática elixida, a parodia de temas locais, o vestiario, o acompañamento musical e a carroza, así coma o vestiario e a coreografía das que opten ao premio de fantasía.
Mentres o xurado delibera actuará o grupo Aramio, que continuará amenizando musicalmente a tarde tras a entrega dos premios.
En caso de choiva o desfile aprazaríase para o sábado 29 de febreiro. O Entroido pecharase en Tui o domingo 1 de marzo co Enterro do Bacallau.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do Desfile Concurso de Entroido o martes 25 de 14 a 21 h estarán pechadas ao tráfico e ao estacionamento as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense comprendido entre a rúa Maristas e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10 h da mañá do martes 25 até ás 2 h da madrugada do mércores 26.
Debido á celebración do desfile as paradas do autobús situadas na rúa Ourense o martes de 12 a 00 h realizaranse no Paseo da Corredoira.
O Circuito das Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença contará este ano con seis percorridos
Amais realizarase o Camiño Portugués dende Porto a Tui en cinco etapas nos meses de maio, xuño e xullo
Seis percorridos conforman este 2020 o Circuíto de Andainas/Trilhos Saudables da Eurocidade Tui-Valença. Dende 2012 estase a desenvolver esta iniciativa que anualmente realiza diversas propostas para percorrer sendas tanto en Tui coma en Valença. As andainas está organizadas pola Eurocidade Tui-Valença xunto aos clubs Club AndaTui Rego da Pedra e Club Celtas do Minho.
O calendario previsto para este 2020 é o seguinte:
" 15 de marzo - Trilho da Lampreia
" 19 de abril - Andaina de San Telmo
" 26 de abril - Trilho da Fortaleza
" 18 de xullo - Ruta do Aloia ao Faro
" 8 de agosto - Andaina Histórica de Tui
" 5 de setembro - Balcóns do Aloia
Para participar nas andainas é preciso inscrición previa no formulario dispoñible na web www.andatui.es para cada un dos percorridos ou no enderezo electrónico caminhadas.andainas@gmail.com. O prezo para cada andaina/trilho é de 6 euros por persoa, sendo de 4€ para os menores de 14 anos.
Camiño Portugués entre Porto e Tui
Por outra parte a Eurocidade Tui-Valença volve a organizar a realización do Camiño Portugués a Santiago por etapas. Este ano será no tramo dende Porto até Tui en cinco domingos nos meses de maio, xuño e xullo. O calendario establecido é o seguinte:
" 10 de maio - Oporto - Vilarinho (25 quilómetros)
" 24 de maio - Vilarinho - Barcelos (26 quilómetros)
" 7 de xuño - Barcelos - Vitorino de Piães (22 quilómetros)
" 5 de xullo - Vitorino de Piães - Agualonga (27 quilómetros)
" 26 de xullo - Agualonga - Tui (25 quilómetros)
As inscricións para a realización do Camiño Portugués Porto-Tui poden realizarse na web www.andatui.es até completar as 50 prazas ofertadas. O prezo por persoa é de 25€ incluíndo o transporte, froita e auga en cada etapa.
Estes dous proxectos - o Circuíto de Andainas Saudables e a realización do tramo Porto-Tui do Camiño Portugués - contan co financiamento do programa Interreg España Portugal, ao igual que o conxunto das actividades do Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença no marco do proxecto Unicidade 2020.
|