|
O Rosal celebra o Día de Rosalía con arte e poesía
Coa colaboración de todos os centros educativos do municipio
O Rosal rememora os versos dunha das escritoras galegas máis insignes, Rosalía de Castro, do xeito máis orixinal posible: con arte e poesía. Alumnado de todas as idades dos centros escolares do municipio contribuirán a conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra o vindeiro luns 24 de febreiro, achegando a todos os rosaleiros e rosaleiras a imaxe e anacos dos poemas da escritora.
Deste xeito, o alumnado de educación primaria do CPI Manuel Suárez Marquier deseñou e creou un mural feito con pezas de madeira sobre as que as e os pequenos artistas deixaron a súa impronta e a súa particular visión de Rosalía de Castro e da súa obra. Este mural quedará colocado de xeito permanente na fachada do pavillón municipal do Rosal, que recordará a figura da escritora ao longo de todo o ano. O alumnado deste centro completou a homenaxe a Rosalía con poemas e marcapáxinas que se distribuirán entre a veciñanza.
Pola súa banda, o alumnado de Secundaria da Mata realizaron debuxos interpretando a figura de Rosalía de Castro emulando a diferentes pintoras de renome. Os nenos e nenas do CRA María Zambrano e da Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal tamén quixeron participar nesta conmemoración enchendo de cor siluetas de Rosalía de Castro con anacos dos seus poemas, uns debuxos que se repartirán por comercios e restaurantes de todo o concello para que a veciñanza poida desfrutar deles. Estes debuxos estarán dispoñibles ata a primeira semana de marzo.
O Concello destaca a importancia de levar adiante todas estas iniciativas para así homenaxear á escritora galega máis universal, precursora da poesía moderna, unha pioneira do pensamento feminista e a persoa que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta. Tamén quere agradecer a participación e colaboración de todos estes centros educativos.
Concello de O Rosal
Tres días de troula para festexar o entroido
no Rosal
Ao desfile polas rúas do centro súmase o carnaval de Fornelos e Novás, con actividades como a tradicional 'Corrida do galo' e as 'Frixidelas'
O Rosal prepárase para vivir tres días de troula para festexar o entroido no que raíces ancestrais convivirán coas novas tradicións. A festa comezará o próximo domingo 23 co habitual desfile de Carnaval, no que carrozas e comparsas percorrerán a partir das 11.00 horas a rúa Xulio Sesto, desde a Rotonda da Feira e a rúa de Ramón Franco ata o cruce coa Lomba. A orde de saída de persoas e grupos participantes no desfile será:
- Disfraces individuais modalidade infantil.
- Disfraces individuais modalidade xuvenil-adulto.
Para facilitar o transcurso do desfile, lémbrase a todos os rosaleiros e rosaleiras que non se poderá estacionar nas rúas Xulio Sesto e Ramón Franco dende as 08.00 ata as 15.00 h do domingo.
Ese será o pistoletazo de saída a un carnaval que continuará xa o domingo pola tarde nos barrios cunha programación cargada de actividades para toda a veciñanza.
Fornelos comezará o seu tradicional festexo do entroido o domingo ás 16.30 h con pasarrúas polo barrio do grupo de gaitas A Boalleira e, a partir das 17.00 h, actuacións para nenos e nenas con inchables e toro mecánico. Dende as 21.00 h ata a madrugada, gran verbena amenizada polas agrupacións Sorala e Nievla. O luns 24 a partir das 16.00 h a Praza de Fornelos converterase no escenario da tradicional 'Corrida do galo' e a partir das 21.30 h de novo verbena con Saudade e D'Paso. O martes 25 será a quenda das 'Frixidelas' a partir das 16.00 h, que rematará con degustación para todos e con actuación sorpresa ás 19.30 h.
Pola súa banda, Novás arrancará o seu particular carnaval coa subida do maio (domingo 23, ás 16.30 h), unha tradición centenaria recuperada neste barrio e que dará paso aos xogos populares e ao chocolate quente e á rosca para todo o público. O luns 24 tamén a 'Gran corrida do galo' será a protagonista, mentres que o martes 25 o será a tradicional 'Frixidela' con pan de millo e viño para todos a partir das 18.00 h. A traca final, a música a cargo de Roberto Caco.
O Concello do Rosal quere recoñecer o gran traballo que fai a veciñanza para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito tan harmonioso nunha festa "con grande arraigo, trascendencia e seguimento social, que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza".
Concello de O Rosal
O Rosal e Cerveira estreitan lazos
Primeira reunión oficial da alcaldesa Ánxela Fernández co presidente da cámara cerveirense, Fernando Nogueira
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, visitou este martes ao presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, para a presentación institucional destes dous concellos veciños que contan cunha fronteira común. Trátase da primeira reunión institucional entre ambos os dous mandatarios, na que Nogueira e Fernández destacaron o potencial dos dous municipios, territorios que contan con algunhas complementariedades fortalecidas pola súa proximidade xeográfica e polas posibilidades que ofrece a cooperación transfronteiriza.
Esta reunión supón o punto de partida para esa colaboración transfronteiriza e para o desenvolvemento de accións de futuro nas que os dous municipios traballen conxuntamente. Ambos mandatarios destacaron a importancia de tecer lazos entre as veciñanzas dos dous concellos e de aproveitar as potencialidades de cada un, como o destacado papel que xoga o tecido asociativo no Rosal.
Ánxela Fernández convidou ao presidente da cámara de Cerveira a visitar o Rosal en próximas datas e así continuar traballando nas relacións transfronteirizas entre ambos concellos.
Concello de O Rosal
O Concello organiza un curso de cociña de pratos de culler con produtos de tempada
Será os luns 2, 9, 16, 23 e 30 de marzo de 09.30 a 12.00 h
O Concello do Rosal organiza para o vindeiro mes de marzo un curso de cociña no que se aprenderá a facer pratos de culler aproveitando os recursos da zona e produtos propios da tempada de inverno. O curso celebrarase todos os luns do próximo mes (2, 9, 16, 23 e 30 de marzo) en horario de mañá, de 09.30 a 12.00 horas, na cociña municipal situada fronte ao pavillón municipal.
O curso, dirixido a todos os públicos e con 12,5 horas totais de duración, terá un custo de 35 euros por persoa. O prazo de inscrición xa está aberto. Prazas limitadas.
Todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden pedir máis información no teléfono 986 625 000.
Concello de O Rosal
O Rosal acolle 'DepoFroito', unha acción formativa para impulsar as producións de froitos do bosque
Este programa da Deputación de Pontevedra inclúe 20 h de formación en liña e un taller práctico o 11 de marzo no centro de formación ocupacional A Mata
Impulsar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos e de calidade e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran dedicarse a esta actividade. Estes son os obxectivos principais de 'DepoFroito', unha acción formativa de balde posta en marcha pola Deputación de Pontevedra e que chega ao Rosal o vindeiro mes de marzo. O curso, destinado a persoas empregadas ou desempregadas inscritas como demandantes de emprego, contará con 20 horas de formación en liña relacionadas con accións de innovación social sobre o emprendemento ou a internacionalización neste sector e cun taller informativo que terá lugar o 11 de marzo no centro de formación ocupacional da Mata, no Rosal, en horario aínda por determinar.
A través dunha experiencia innovadora de formación e de acompañamento específico, as persoas participantes coñecerán as oportunidades de negocio que ofrece o sector dos froitos do bosque e afondarán en aspectos como a tramitación de axudas e subvencións ou a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros. Todo a través de dúas innovadoras ferramentas en liña: un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das vendas cunha serie de recomendacións de actuación. Ademais, cada persoa participante contará cun servizo de asesoría e consultaría en liña gratuíto coa que sexa máis doado xestionar a creación e mantemento de empresas relacionadas co cultivo, elaboración e transformación de froitos do bosque.
Con iniciativas como 'DepoFroitos' búscase "formar aos rosaleiros e rosaleiras e fomentar as ideas de negocio que sirvan para promover o desenvolvemento sustentable da nosa contorna e crear emprego de calidade. Temos que ofrecer solucións creativas e innovadoras aos retos que temos diante, como pode ser a xeración de postos de traballo con medidas sustentables e respectuosas co medio ambiente dando valor engadido aos produtos cultivados no municipio", salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Concello de O Rosal
|