JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O BNG solicita ao Alcalde da Guarda unha reunión de portavoces polo peche do ISM e Capitanía Marítima

Anxo Baz: "É preocupante a falta de sensibilidade das Institucións coa Guarda. Agora péchannos servizos fundamentais"

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, presentou un escrito solicitando unha reunión de portavoces, ante as noticias preocupantes que practicamente da o peche á oficina do ISM e á Capitanía Marítima.

"A perda de servizos para un concello como o noso é un desastre, por iso, debemos reclamar a continuidade destes servizos para evitar empeorar as condicións de vida da nosa xente do mar", subliñou Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.

A desaparición destas oficina, vai obrigar a mariñeiros e familias a ter que desprazarse fora da Guarda para facer trámites administrativos que até agora se viñan facendo aquí.

Para o BNG é fundamental un posicionamento de todas as formacións políticas para, da man das organizacións pesqueiras, esixir ás Autoridades pertinentes a toma en consideración a localización da Guarda e do servizo que realiza á poboación tanto da Guarda como do Rosal e Oia.

Os nacionalistas, presentaron unha iniciativa no Parlamento Galego, por medio da deputada do BNG Montse Prado, esixindo ao goberno galego e ao goberno español que actúen para resolver esta situación. "É fundamental ir da man do sector do mar, nós debemos ser un apoio fundamental para evitar o peche", sinalou Anxo Baz.

BNG de A Guarda


A Guarda aumenta as prazas de estacionamento disuasorio

" O concello da Guarda asina un convenio con Inmobiliaria LaGuardia S.A. para a cesión de uso do antigo estadio do Trega.

O pasado xoves día 20 de febreiro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o representante da Inmobiliaria LaGuardia S.A., José Luis Moreira Carrero, asinaron un convenio de cesión de uso da parcela do antigo estadio do Trega, situada no centro da Guarda e que conta cunha superficie total de 10.900m2.

O documento asinado por ámbalas dúas partes contempla a cesión totalmente gratuíta da parcela, por un período de dous anos, para usala como aparcamento público e outros eventos de interese para o pobo da Guarda.

Con esta nova incorporación ás zonas de aparcamento disuasorio, que na actualidade dispón o Concello, quedan cubertas sobradamente as necesidades ordinarias e incluso as que poidan representar eventos puntuais con afluencia masiva de visitantes.

Dende o Concello da Guarda agradécese a disposición da Dirección e Accionistas da Inmobiliaria LaGuardia S.A. por esta cesión , amosando unha vez máis, a súa vontade de colaboración co pobo da Guarda.

Concello de A Guarda


A Guarda deu a benvida ao Entroido 2020 cun espectacular e colorido desfile dos coles

A programación para este Entroido 2020 arrancaba na mañá deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila, no que participaron a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos, cun percorrido polo casco urbano, onde luciron os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.

Cada clase empregou unha temática e, entre os disfraces máis destacados, os relacionados cos xogos olímpicos de Tokio 2020, cunha imaxinación e orixinalidade que causou gran expectación entre os centos de persoas que se achegaron e encheron as rúas da vila para presenciar este divertido e colorido desfile infantil.

A programación continúa ata o vindeiro martes con actividades de lecer para todas as idades con espectáculos infantís, música en directo e moito máis.

Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada "Bailongo session" a cargo de "Furry Destroyer".

O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o "Domingo das Familias" a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.

Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil "Abordaxe Pirata" e "Minidisco" de Barafunda e un "Obradoiro de máscaras" de Manunú, a partir das 17:30h na Alameda da Guarda. A "Abordaxe Pirata" é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. "Minidisco" continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.

Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o "Desfile de Entroido" ás 17:30h, con saída dende a "Esquina Famosa" e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada "Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3000€, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.

Menú de Entroido

Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o "Menú de Entroido", onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o "Menú de Entroido" que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería - Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020

SÁBADO 22 DE FEBREIRO,
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto do Grupo Quedequé
E despois: pinchada con "Furry Destroyer"
Alameda da Guarda a partir das 23:30

DOMINGO 23 DE FEBREIRO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Concerto da Gramola Ye Ye
Pintacaras para nenos e nenas con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

LUNS 24 DE FEBREIRO,
LUNS DOS NENOS
Espectáculo infantil "Abordaxe pirata" e "Minidisco" con Barafunda
Obradoiro de máscaras con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 17:30h.

MARTES 25 DE FEBREIRO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile de comparsas carrozas e grupos acompañados da batucada "Bate no Cobre"
Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda

Concello de A Guarda


A Guarda mellora o entorno dos contedores soterrados do Porto

O Concello da Guarda procederá ao acondicionamento do entorno dos contedores soterrados do porto da Guarda, unha actuación coa que se limitará o impacto visual dos mesmos dende a zona peonil e de terrazas, á vez que se mellora o sistema de recollida por parte dos operarios.

O proxecto inclúe a ampliación do muro existente cun banco corrido das mesmas características, incorporando un respaldo de madeira tropical.

Na parte rodada facilitarase a recollida do lixo por parte dos operarios, creando unha zona de carga e descarga destinadas para este uso, sen necesidade de que o vehículo de recollida de lixo teña que circular pola rúa peonil, limitando as molestias para os peóns e para os establecementos e vivendas da zona.

Estes traballos terán unha duración aproximada de 20 días e contan xa coas autorizacións pertinentes de Portos de Galicia.

Esta actuación permitirá tamén mellorar a imaxe da vila de cara aos milleiros de visitantes e turistas que pasan cada ano por este espazo portuario do municipio.

Concello de A Guarda


"Falemos do Camiño" achega o legado do Camiño Portugués da Costa a veciños e visitantes da Guarda

O pasado sábado día 15 de febreiro realizouse na Guarda a segunda das actividades do proxecto "O Camiño Aguárdate", coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Consistiu nunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no casco urbano do municipio. Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fixo de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda.

A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.

Esta andaina, continúa co ciclo de "xornadas" que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. Desta volta a actividade amosa o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome "Falemos do camiño", convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.

Maís actividades

"O Camiño Aguárdate" continúa na Guarda o vindeiro 13 de marzo coa xornada divulgativa "O Camiño como produto cultural e turístico: oportunidades no desenvolvemento local", que terá lugar ás 20:00h na Casa dos Alonsos e contarán coa participación de Xosé Manuel Santos Solla, da Universidade de Santiago de Compostela e emprendedores locais en torno ao camiño.

O obxectivo desta xornada é o de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución, así coma atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila.

O 27 de marzo ás 20:30h no San Xerome continúan as actividades cunha nova xornada titulada "O Camiño como forma diferente de viaxar: motivacións e experiencias", na que se contará coa proxección do documental Santiago´s Way e rematará cunha charla-coloquio entre os asistentes.

No mes de abril pecharase o ciclo de "Falemos no Camiño" coa xornada "Unha mirada histórica sobre o Camiño Portugués da Costa", que contará coa presenza de Grato E. Amor Moreno e Ermelindo Portela Silva, realizarase o 17 de abril ás 20:30h no Centro Cultural da Guarda.

As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.

A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais