JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

>Carnaval e Entroido tradicional
conviven no Rosal

O habitual concurso do desfile contará este ano cun premio especial co que recuperar o entroido nos barrios

Recuperar as raíces ancestrais sen renunciar ás novas tradicións. Ese é o obxectivo do Concello do Rosal, que este ano ten traballado para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito harmonioso nunha festa "con grande arraigo, trascendencia e seguimento social, unha festa que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Por este motivo, ademais do habitual concurso de carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais que se fallará tras o desfile do domingo 23 (11.00 h), este ano haberá un premio especial ao entroido tradicional do Rosal. "Queremos recuperar o entroido por barrios e recoñecer e visibilizar o gran traballo que fai toda a veciñanza implicada, xerando inercias positivas que se trasladen ao ámbito social e educativo. E para conseguir que o entroido perdure é fundamental que o sintamos como parte das nosas vidas, como parte de nós mesmos", recalca.

Dúas realidades que conviven xa hoxe en día, grazas ao entroido tradicional que se celebra en barrios como Fornelos e Novás, que comezarán coa programación de carnaval o domingo pola tarde. Grazas á implicación da veciñanza e das comisións de festas, en Fornelos haberá ao longo da tarde pasarrúas, inchables, toro mecánico e verbena, mentres que en Novás a subida do maio, os xogos populares e o chocolate quente e a rosca serán os protagonistas da tarde do domingo. Luns e martes estes barrios celebran ademais dúas das actividades tradicionais máis esperadas por veciños e veciñas, a 'Corrida do galo' (luns) e as 'Frixidelas' (martes).

Dende o Concello quérese "agradecer á veciñanza o labor por conservar estas festas e toda a historia que teñen detrás, con actividades tradicionais que foron capaces de sobrevivir e manterse co paso do tempo, con rivalidades curiosas e sans ente barrios que aínda hoxe perduran, como a coñecida entre Fornelos e Novás".

As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das modalidades do concurso deste Entroido 2020 poderán facelo ata as 14.00 h do venres 14 de febreiro.

Concello de O Rosal


O Concello solicita 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra

As persoas aspirantes deben estar empadroadas no Rosal e inscritas na Oficina de Emprego de Tui

Será para os postos de oficial albanel (3), oficial electricista (1), recollida de lixo e limpeza viaria (4), condutor/a-operador/a de maquinaria forestal con motor (1) e un auxiliar domiciliario (1)

O Concello do Rosal solicita 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 ao abeiro da liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Todas as contratacións serán a xornada completa e terán unha duración que oscilará entre os seis e os nove meses, dependendo do posto ocupado.

Así, contrataranse a tres persoas para o posto de oficial albanel, unha persoa para o de oficial electricista, outras catro persoas que se dedicarán ao recollido de lixo e limpeza viaria, unha persoa para condutor/a-operario/a de maquinaria forestal con motor en xeral e outra persoas para a ocupación de auxiliar domiciliario.

As persoas aspirantes a calquera destes postos deben estar empadroadas no Rosal e estar inscritos como demandantes de emprego non ocupados e dispoñibles na Oficina de Emprego de Tui, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.

Concello de O Rosal


O Concello do Rosal apoia a manifestación en defensa da sanidade pública

Terá lugar o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela

O Concello do Rosal quere trasladar o seu apoio á gran manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela. O equipo de Goberno anima a toda a veciñanza a participar nesta actividade convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para protestar contra o desmantelamento dos centros de saúde, contra o deterioro da atención primaria e dos PAC de Urxencias e contra a precariedade laboral do persoal sanitario.

O Concello do Rosal denuncia a situación de precariedade da sanidade pública na comarca e defendendo "o dereito de toda a veciñanza a unha sanidade pública, digna e de calidade, un dereito que debe ser intocable", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. A falta de medios materiais e persoais é unha constante dende hai anos no Rosal, unha situación que se trasladou en numerosas ocasións á Consellería de Sanidade e ao Sergas sen obter unha resposta que dea solución aos problemas non só no municipio, senón en toda a comarca. "O Concello defenderá sempre o interese colectivo loitando pola defensa do que consideramos unha necesidade básica da nosa veciñanza", recalcou. vNa actualidade o Concello vén sufrindo na área sanitaria deficiencias motivadas pola falta de cobertura de prazas e o alto ratio de Tarxetas Sanitarias Individuais atendidas polo persoal médico, o que provoca unha sobrecarga nas consultas.

Concello de O Rosal


Gogue e Luis Davila enchen de humor
a Praza do Calvario

Esta exposición ao aire libre estará a disposición do público ata o vindeiro domingo 23 de febreiro

Tres semanas de humor e retranca na Praza do Calvario. O Rosal inaugurou este martes a exposición de viñetas dos humoristas Gogue e Luis Davila 'Ilustrando', unha mostra itinerante composta por trece prisma rectangulares cunha selección das mellores viñetas destes dous artistas que poderá verse ata o vindeiro domingo 23 de febreiro.

Deste xeito incorpórase á axenda cultural do concello unha novidosa exposición ao aire libre "capaz de representar a vida cotiá e a realidade que tanto nos caracteriza en chave de humor e de retranca. Son escenas que deixan ver con claridade a idiosincrasia galega e do rural, o que converte o traballo destes humoristas en parte da nosa cultura", resaltou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, durante o acto de inauguración, que tamén contou coa presencia dos concelleiros Sara Vicente, Germán Fernández e César Paredes.

Cunha alta dose de humor e actualidade, Dora Desbrosadora, Mucha, Marselino e outras personaxes debuxarán un sorriso ao público que se achegue a desfrutar da exposición, que será un dos centros de atención o día do seu peche o domingo de Entroido.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais