|
O BNG esixe que se solucionen os erros nas obras de humanización do 2° tramo da rúa San Caetano
Advertidos polo BNG, o propio grupo de goberno asume os erros, según eles, provocados polas presas na redacción do proxecto.
Para o BNG é incomprensible falar de presas na redacción dun proxecto que leva dous anos de atraso. Hai que remontarse a 2016 para comprobar como este mesmo goberno asume un compromiso plenario coa aprobación da moción presentada pola veciñanza e defendida polo grupo nacionalista.
"Á improvisación coa que actúa o goberno socialista pon de manifesto unha vez máis unha maneira de actuar rutinaria, chapuceira e sen perspectiva ", denuncia o voceiro do BNG, Anxo Baz.
O documento non contempla o retranqueo de varias fincas fora de alineamento, o que perpetúa o estreitamento da rúa e a imaxe de abandono nalgunha das fincas con muros con perigo de derrube, aparición de ratas, etc.
Despois de visitar a obra coa veciñanza, o BNG esixe o arranxo destes e outros problemas, como a filtración de augas nas vivendas que denuncian os residentes na rúa dende fai anos.
A Guarda e Povoa de Varzim, a unión entre dous pobos irmáns
Na xornada deste mércores día 5 de febreiro de 2020 os mandatarios de ámbolos dous concellos reuníronse nas dependencias municipais de Povoa de Varzim (Portugal) para iniciar os trámites cara ao seu irmanamento.
Nesta xuntanza oficial estiveron presentes o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, acompañado pola tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e pola banda portuguesa o Presidente da Câmara de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira e o Vicepresidente, Luís Diamantino Carvalho Batista.
A vinculación existente entre os dous municipios remóntase a moitos anos atrás, principalmente a través da actividade pesqueira, onde os mariñeiros refuxiábanse dos temporais de inverno cando saían a faenar nos portos destes municipios, establecendo fortes lazos de amizade e mesmo familiares, destacando moitos nexos de unión coma as marcas dos mariñeiros, os ditos e cancións populares ou a gran devoción existente entre os mariñeiros da Povoa pola Virxe de Santa Trega.
Representantes da Asociación Piueiro, fixeron unha proposta para a creación dunha Comisión Organizadora para o Irmanamento con Povoa de Varzim e esta foi ben recibida polas dúas vilas, iniciando dende xa os trámites para facer efectivo este irmanamento, que fixará as bases para futuras accións entre as dúas vilas.
Unha andaina guiada permitirá coñecer a pegada xacobea no Camiño de Santiago na Guarda
O vindeiro sábado día 15 de febreiro terá lugar na Guarda a segunda das actividades do proxecto "O Camiño Aguárdate", coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Desta volta trátase dunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no casco urbano do municipio. A andaina sairá ás 10:00h da mañá e está previsto que remate sobre as 13:00h, contando con prazas limitadas.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición no formulario online: https://forms.gle/8pCWKcpcqHX6eNJPA
Desta volta Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fará de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda.
Esta andaina, continúa co ciclo de "xornadas" que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. Desta volta a actividade amosará o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome Falemos do camiño, convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.
Inauguración da Exposición "Airiños Aires, Rosalía"
O vindeiro sábado día 8 de febreiro ás 20:00h realizarase na Casa dos Alonso a Inauguración da Exposición "Airiños Aires, Rosalía", contando coa presenza do autor, Xurxo Lobato e Anxo Angueira, Presidente da Fundación Rosalía.
Acto: Inauguración da Exposición "Airiños Aires, Rosalía"
Día: Sábado 8 de febreiro de 2020
Hora: 20:00h
Lugar: Casa dos Alonso
Interveñen:
" Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda
" Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura
" Xurxo Lobato, autor da exposición
" Anxo Angueira, Presidente da Fundación Rosalía
En 2019 incrementouse nun 61% o número de peregrinos que finalizaron o Camiño Portugués da Costa
A oficina do peregrino publica elabora as estadísticas dos peregrinos que se achegan as súas instalacións para acadar a Compostela ou o diploma que acredita a peregrinación ata Santiago de Compostela. Uns datos completos e obxectivos que amosan a importancia e relevancia que esta a obter o Camiño Portugués da Costa, que no ano 2018 contou cun total de 13.841 peregrinos e no pasado ano 2019 acadou os 22.291 peregrinos, o que significa un incremento dun 61%.
A nivel local o albergue municipal da Guarda, sito na Rúa Puerto Rico, incrementou o número de pernoctas nun 38%, pasando de 3,608 peregrinos no ano 2018 a preto de 5,000 peregrinos no ano 2019, destacando o 90% de ocupación nos meses de agosto e setembro.
Dende o Concello da Guarda se teñen realizado varias reformas e obras de mantemento para que os peregrinos teñan un espazo confortable e coas maiores facilidades posibles, contando na actualidade cunha capacidade total de 36 prazas repartidas en dúas grandes habitacións, ademáis dos baños, cociña, lavadora, etc. Está pendente de acometer nos vindeiros meses unha reforma integral nos baños, que permitirá adaptar esta infraestrutura con novos aseo e zonas de ducha mixtas.
Un 22% dos peregrinos que pasaron pola Guarda quedaron aloxados no albergue municipal, outros escollen os establecementos hoteleiros do municipio e tamén hai peregrinos que continúan a súa etapa para rematar no veciño Concello de Oia.
No despacho de billetes do transbordador na Guarda recóllense os datos dos peregrinos que se achegan pola oficina para selar a súa credencial, incrementándose nun 29% o número de peregrinos, 1,492 no 2018 e 1,930 ata o mes de outubro de 2019
Todos estes datos veñen a por de manifesto o auxe e relevancia que ten hoxe en día o Camiño Portugués da Costa coma ruta de peregrinaxe a Santiago de Compostela, unha verdadeira oportunidade a nivel turístico, comercial e hoteleiro para todo o tecido económico da vila de A Guarda e a súa comarca.
Os participantes no Obradoiro de Emprego da Guarda continúan coa súa formación
No mes de novembro de 2019 arrancaba na Guarda o obradoiro de emprego "Manuel B. Portela VI" de "Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio", un programa mixto de emprego e formación no que 20 participantes acadarán un certificado de profesionalidade.
A finalidade do obradoiro e mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas posibilitando ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, busque a súa cualificación profesional e inserción laboral nun sector, o asistencial, con unha importante demanda.
Este obradoiro forma parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral.
Os participantes reciben ademais unha formación complementaria con módulos de sensibilización ambiental, alfabetización informática, inserción laboral e técnicas de busca de emprego, creación de empresas, formación para a igualdade, prevención de riscos laborais e manipulador de alimentos.
O programa de axuda no fogar é un recurso que ten por obxecto prestarlles ós cidadáns no seu domicilio un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando a súa posible institucionalización.
Xunto co persoal de Servizos Sociais do Concello da Guarda planifícanse xa as prácticas que se levarán a cabo en domicilios por parte dos 20 alumnos e alumnas participantes.
Tal e como manifestou o Alcalde da Guarda, este é o primeiro obradoiro que se realiza na vila dende o ano 2008, motivo de satisfacción para o Concello, posto que permitirá formar a persoas da Guarda nun sector cunha alta demanda na actualidade, promovendo o emprego e a calidade da atención ás persoas dependentes, o que repercutirá na calidade de vida dos nosos veciños.
A Concelleira de Formación e Desenvolvemento Local quixo agradecer á Xunta de Galicia que aprobase a realización deste obradoiro na vila, unha vella demanda, que permitirá ter na Guarda novamente unha formación de calidade cun alto índice de inserción laboral, convidando ao alumnado participante a aproveitar os coñecementos que van a adquirir neste obradoiro para mellorar a nivel persoal e laboral.
Abertas as inscricións para acudir á manifestación en defensa da sanidade pública do 9 de febreiro
" As persoas interesadas xa se poden anotar no 986 61 0000(Alcaldía).
" O pleno aprobou a posta a disposición de autobuses para asistir a manifestación convocada o día 9 de febreiro en defensa da sanidade pública.
Despois da aprobación por parte da corporación guardesa no pleno celebrado o venres 31 de xaneiro, o Concello da Guarda porá autobuses a disposición da cidadanía para asistir á manifestación.
Dende este luns todos os veciños e veciñas interesados en asistir a dita concentración, poden acudir á Alcaldía ou chamar ao 986610000(Alcaldía) para reservar á súa praza para o autocar que os levará a Santiago de Compostela na mañá deste domingo día 9 de febreiro. Queda habilitado deste xeito un rexistro único para coordinar a asistencia a esta manifestación.
A saída dende A Guarda está marcada para as 9:30h da mañá dende a parada do autocar da Rúa Rosalía de Castro(Centro Cultural).
Un importante número de veciños e veciñas da Guarda levan concentrándose cada xoves dende fai medes no centro de saúde da localidade demandando a mellora na atención sanitaria.
Na actualidade hai deficiencias motivadas, principalmente, pola falla de cobertura de prazas, o que provoca unha sobrecarga nas consultas ou incluso a anulación de citas. Dende A Guarda tamén se ven reclamando dende fai anos un segundo equipo para o servizo de urxencias.
O servizo de atención sanitaria na Guarda, tanto as consultas ordinarias como as urxencias, é deficiente. Este problema vese agravado polo illamento que sofre a Vila. Hai que lembrar que se tarda case unha hora en chegar ao hospital de referencia en Vigo, debido, sobre todo, a mala comunicación por estrada entre A Guarda e Tui.
A Guarda acolleu a actividade -Igual a Nós-
A Secretaría Xeral de Igualdade, en colaboración coa Consellería de Política Social levou a cabo o pasado venres 31 de xaneiro no Centro Cultural da Guarda a xornada para a prevención e sensibilización sobre igualdade e violencia de xénero Igual a Nós potenciando o uso das novas tecnoloxías e converténdoo nun espazo de encontro entre mulleres.
A actividade tivo unha duración de hora e media e dividiuse en dous bloques: en primeiro lugar, nunha representación escénica cun coloquio onde afondouse e debateuse sobre os conceptos abordados na representación (corresponsabilidade, novas tecnoloxías, App EscApp, igualdade,...) e, en segundo lugar, realizaron unha performance sobre a violencia que sofren as mulleres ao longo da súa vida.
O obxectivo destas actividades están enfocados á eliminación das tradicións sexistas, que moitas veces dificultan a visibilización de situacións de maltrato.
A Guarda prepárase para un divertido e animado Entroido 2020
A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades que arrancarán na xornada do venres 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila.
A programación inclúe, ademais das citas obrigatorias do Desfile dos Colexios(venres 21 de febreiro) e do desfile de Entroido(martes 25), diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras.
A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos da vila cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.
Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada "Bailongo session" a cargo de "Furry Destroyer".
O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o "Domingo das Familias" a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.
Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil "Abordaxe Pirata" e "Minidisco" de Barafunda e un "Obradoiro de máscaras" de Manunú, a partir das 17:30h na Alameda da Guarda. A "Abordaxe Pirata" é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. "Minidisco" continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.
Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o "Desfile de Entroido" ás 17:30h, con saída dende a "Esquina Famosa" e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada "Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3000€, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.
Menú de Entroido
Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o "Menú de Entroido", onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o "Menú de Entroido" que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería - Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.
PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020
VENRES 21 DE FEBREIRO
DESFILE DOS COLES COA CHARANGA VAIA PANDA
Pola Mañá
Organizan: Colexios da Guarda
SÁBADO 22 DE FEBREIRO,
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto do Grupo Quedequé
E despois: pinchada con "Furry Destroyer"
Alameda da Guarda a partir das 23:30
DOMINGO 23 DE FEBREIRO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Concerto da Gramola Ye Ye
Pintacaras para nenos e nenas con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.
LUNS 24 DE FEBREIRO,
LUNS DOS NENOS
Espectáculo infantil "Abordaxe pirata" e "Minidisco" con Barafunda
Obradoiro de máscaras con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 17:30h.
MARTES 25 DE FEBREIRO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile de comparsas carrozas e grupos acompañados da batucada "Bate no Cobre"
Consulta as bases en www.aguarda.es.
Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda
Publicadas as Bases de participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020 na Guarda
" Repartiranse máis de 3.000€ en premios nas diferentes categorías
" O desfile sairá ás 17:30h dende a Praza de San Bernardo
O Concello da Guarda ven de facer pública esta mañá as Bases de Participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020, que terá lugar o vindeiro martes día 25 de febreiro ás 17:30h dende a Praza de San Bernardo("Esquina Famosa") e que percorrerá as rúas Galicia e Rosalía de Castro ata a Alameda da Guarda, co obxectivo de manter a tradición local a través da participación de tódolos veciños e asociacións da localidade.
As bases de participación se poden consultar na web municipal www.aguarda.es e na sede electrónica http://aguarda.sedelectronica.gal/info.0. sendo preciso cubrir o formulario de participación e a documentación solicitada e formalizar a inscrición entre o 11 e o 20 de febreiro, ben no rexistro municipal(en horario de 9:00h a 14:00h de luns a venres) ou na sede electrónica. Poderán remitirse inscricións por vía postal, seladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude, de xeito que quede constancia da entrega dentro do prazo establecido. Para garantir este feito, rógase adiantar por email a cultura@aguarda.es a copia da solicitude selada na oficina de Correos. Ó igual que o resto de solicitudes, estas inscricións só terán validez se veñen acompañadas da documentación obrigatoria.
Ao igual que en anos anteriores contarase con varias categorías de participación, con opción a compensación económica ou libre, destacando as carrozas, as comparsas ou os grupos, con premios que superan en total os 3.000€.
A Concellería de Cultura quere animar un ano máis á xente da vila da Guarda, con especial mención ós nosos nenos, a participar no desfile de Entroido, aínda que non sexa na modalidade concurso, para encher de colorido as nosas rúas nun ambiente festivo e de lecer.
Unha exposición fotográfica percorre dende este sábado na Guarda a vida de Rosalía de Castro
" A exposición de fotografías de Xurxo Lobato repasará a vida e obra de Rosalía de Castro
" Na inauguración o 8 de febreiro contarase coa presencia do fotógrafo Xurxo Lobato e do presidente da Casa de Rosalía, Anxo Angueira.
O vindeiro sábado día 8 de febreiro ás 20:00h a Casa dos Alonso da Guarda acolle a inauguración da Exposición "Airiños aires, Rosalía", unha mostra que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela, contarase coa presenza de Xurxo Lobato e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, ademais de poeta e gran coñecedor da obra e figura rosaliana.
A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán do 8 de febreiro ao 8 de marzo a Casa dos Alonso da Guarda, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade. "Airiños Aires, Rosalía", permítenos emprender unha viaxe singular a partires das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou. A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía. Na última parte da exposición,"Airiños Aires, Rosalía" distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse aos novos usos e costumes.
O autor da obra, Xurxo Lobato explica que esta exposición é "a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela... E unha muller que tamén ama a natureza".
O fotógrafo manifesta que "nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade". E sinala que estas fotos "queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra".
Xurxo Lobato é un fotógrafo galego nado no ano 1956 na Coruña e que ten publicado fotografías en numerosos medios e axencias de comunicación a nivel nacional e internacional, recibindo varios premios polo seu traballo de periodismo gráfico ou fotoperiodismo.
Anxo Angueira nado en Dodro no ano 1961 é un filólogo, escritor e estudoso da literatura galega e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro dende o ano 2012. É o autor de varios libros de diferentes xéneros como a narrativa, a poesía e o ensaio, destacando pola súa obra Pensa Nao(1999), pola que recebe o Premio Xerais na categoría de novelas.
A Exposición estará nos baixos da Casa do Alonso dende este sábado ata o 8 de marzo en horario de Luns a Venres de 8:00 a 15:00h e as fins de semana en horario de 11:00h a 14:00 e de 16:00h a 19:00h
Outras actividades en torno á figura de Rosalía de Castro
Como en anos anteriores a Guarda terá moi presente a figura de Rosalía concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.
A seguinte das actividades será a iniciativa Caldo de Gloria, que pretende involucrar ós bares e restaurantes na conmemoración deste día. Esta iniciativa, que xa se realizou o pasado ano na nosa localidade, enmárcase no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidando ós mesmos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, día de Rosalía) rememorando a receita que Rosalía recorda no poema " Miña casiña, meu lar". Os establecementos poden complementar esta iniciativa convidando ós seus clientes a recitar temas de Rosalía durante estes días. Os establecementos interesados na iniciativa poden anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario online: https://forms.gle/m9hiNX9rJTJE2TSYA
Pero non é ata o día 24 de febreiro que se conmemora en toda Galicia o Día de Rosalía, coincidindo co 183 aniversario do seu nacemento. Neste día, que nos coincide este ano co luns de entroido, terá lugar un sinxelo acto na Casa do Concello, no que convidamos á todo amante da obra de Rosalía a que se sume a unha lectura conxunta de poemas da autora. Será as 12h na Praza do Reló e todas as persoas interesadas en participar poden xa anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario online: https://forms.gle/1VUJVrt81bVPhzKc9
Por último revalidaremos a experiencia dixital Rosalía nas Redes, durante esta última semana de febreiro compartindo contido nas Redes sobre a vida e obra da autora. Todos aqueles que queiran achegarse á iniciativa poden crear e subir contido e etiquetando no facebook e twitter de @culturaguarda co hashtag #Rosalíate ou #Rosalíanasredes
O concello da Guarda apoia a manifestación en defensa da sanidade pública do 9 de febreiro
" O Concello da Guarda sitúase ao lado dos veciños e veciñas que veñen concentrándose, cada xoves, reclamando melloras na atención no centro de Saúde Guardés.
" O pleno aprobou a posta a disposición de autobuses para asistir a manifëstación convocada o día 9 de febreiro en defensa da sanidade pública.
A corporación guardesa aprobou por unanimidade, no pleno celebrado o venres 31 de xaneiro, unha proposta da xunta de portavoces para apoiar a mobilización que terá lugar en Santiago o día 9 de febreiro ás 12 da mañá. A corporación quere así reivindicar melloras no seu centro de saúde e por extensión na sanidade pública. O Concello da Guarda porá autobuses a disposición da cidadanía para asistir á manifestación.
Un importante número de veciños e veciñas da Guarda levan concentrándose cada xoves dende fai medes no centro de saúde da localidade demandando a mellora na atención sanitaria.
Na actualidade hai deficiencias motivadas, principalmente, pola falla de cobertura de prazas, o que provoca unha sobrecarga nas consultas ou incluso a anulación de citas. Dende A Guarda tamén se ven reclamando dende fai anos un segundo equipo para o servizo de urxencias.
O servizo de atención sanitaria na Guarda, tanto as consultas ordinarias como as urxencias, é deficiente. Este problema vese agravado polo illamento que sofre a Vila. Hai que lembrar que se tarda case unha hora en chegar ao hospital de referencia en Vigo, debido, sobre todo, a mala comunicación por estrada entre A Guarda e Tui.
|