|
Cinema, teatro e música na programación cultural do Teatro Municipal de Tui
O Entroido, San Telmo e a Feira do Libro son os eventos previstos ao aire libre
Cinema, teatro e música centran a programación a desenvolver até o mes de maio no Teatro Municipal de Tui. Esta mañá presentouse a programación recollida nun novo número da axenda Corredoira Cultural na que se plasman tanto os eventos a celebrar no teatro tudense coma tamén os programadas ao aire libre.
A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente.
Catro espectáculos para público infantil, unha proxección de cinema, dúas obras teatrais para público adulto, xunto a cun concerto integran a proposta cultural do Teatro Municipal, á que se suman outros eventos no propio teatro e ao aire libre, que terán lugar entre os meses de febreiro e maio.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que "Tui sempre tivo, ten e terá na cultura unha das súas sinais de identidade", indicando que a programación cultural "ten que ser tamén o reflexo de todo o noso patrimonio material e inmaterial" aludindo amais á promoción da cultura, tanto activa coma pasiva, que se realiza dende o Concello.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou que a axenda Corredoira Cultural, da que se edita xa o número 38º, forma parte xa cidade agardando que o público goce dos espectáculos previstos tanto no Teatro Municipal coma ao aire libre.
Avanzaron tanto o alcalde coma a concelleira de Cultura que están traballar na realización dunha axenda conxunta con Valença xa que "é o elemento transfronteirizo nos distingue e engade un valor engadido", dicía Enrique Cabaleiro. Nese senso o rexedor avanzou que o luns, 10 de febreiro, ás 21 h na Cámara de Valença celebrarase un pleno conxunto entre as corporacións municipais de Tui e Valença para conmemorar o oitavo aniversario da creación da Eurocidade. Destacaba que será a primeira vez que se celebre unha sesión plenaria entre corporacións municipais de dous países. Tamén destacaron o traballo que está a realizar grazas ao fondos europeos no marco do proxecto Unicidade.
As Festas de San Telmo, a celebrar do 11 ao 20 de abril, virán marcadas tamén pola singularidade do municipio, e avanzaron que as atraccións de feira se instalarán na prolongación da rúa Casal Aboy, na zona de Canfram.
Programación cultural
A programación abrirase o próximo venres, 7 de febreiro, coa proxección de "O que arde" de Oliver Laxe, un filme que recibiu na fin de semana dous premios Goya á Mellor Actriz Revelación para Benedicta Sánchez e o de Mellor Dirección de Fotografía para Mauro Herce. O cinema volverá ser protagonista coa celebración da décimo sexta edición de Play Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui do mércores 29 de abril ao domingo 3 de maio.
O público infantil poderá gozar coa representación de "Zapatos", a obra de teatro para bebés que en dobre pase achegará ao teatro tudense Caramuxo Teatro o sábado 8 de febreiro, e con "A nena e o grilo máis aló" , o espectáculo músico-teatral que achegará Magín Blanco o sábado 15 de febreiro, e con "The show moscón" que Galitoon presentará o venres 6 de marzo. Amais "Aguratrat" de Roald Dahl chegará a Tui o venres 13 de marzo con Pérez & Fernández.
Talía Teatro e Contraproducións serán as compañías que acheguen as súas propostas teatrais para público adulto. O venres 14 Patricia Vázquez e Rebeca Montero de Contraproducións levarán a escena "A compañeira de piso" , unha comedia escrita por Jen Silverman. O sábado 7 de marzo "Vida de cans" será a obra que representen Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo nunha montaxe de Talia Teatro. Trátase dunha comedia escrita e dirixida por Cándido Pazó.
A programación do Teatro Municipal contempla o sábado 14 de marzo o concerto "Memoria da melancolía" da man do tudense Samuel Diz. O músico e investigador homenaxea a María Teresa León no seu novo traballo discográfico. Faino a través da súa autobiografía e de músicas inéditas de compositoras e compositores coetáneos á escritora que viviron o exilio republicano da Guerra Civil española.
No referente ás actividades a celebrar ao aire libre a primeira prevista será o Entroido co desfile concurso o martes 25 de febreiro - festivo local - e o Enterro do Bacallau o domingo 1 de marzo. A seguinte cita será do sábado 11 ao luns 20 de abril coas festas patronais na honra a San Telmo.
Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, Tui organiza a vixésimo terceira edición da Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira.
Esta programación vén recollida nun novo número da Axenda Corredoira Cultura da que se editaron 12 mil exemplares que serán distribuídos tanto en Tui coma en Valença.
Remataron as obras de arranxo das beirarrúas na Po 404 entre Guillarei e Caldelas
Actuouse ao longo de oito quilómetros cambiando máis de 100 baldosas rotas ou en mal estado
O Concello de Tui vén de rematar estes días as obras de arranxo das beirarrúas na Po 404 entre Guillarei e Caldelas. Actuouse nun total de oito quilómetros cambiándose máis de mil baldosas cerámicas que estaban rotas ou en mal estado. A actuación tamén comprendeu a realización de xuntas de dilatación en cada desnivel, xa que as beirarrúas carecían delas o que provocaba o levantamento e rotura das lousas.
O Concello de Tui, con fondos propios, contratou a unha empresa para acometer estes traballos no tramo comprendido dende a intersección da Po 404 coa N 550 en Guillarei, até a parroquia de Caldelas, no límite con Porto en Salvaterra.
Co arranxo de estas beirarrúas o goberno municipal da resposta a unha vella demanda da veciñanza.
As beirarrúas na Po 404 - estrada de titularidade autonómica - foran realizadas polo Concello de Tui no ano 2009 con fondos estatais, polo que o mantemento das mesmas corresponde á administración local por ser quen no seu día executou as obras.
Dende 30 de xaneiro até o luns ás 14 h pódese realizar a inscrición no desfile concurso de Entroido en Tui
Os grupos e comparsas deberán presentar a súa solicitude na sede electrónica do concello
Dende 30 de xaneiro, até o luns 3 de febreiro, ás 14 h pódese realizar a inscrición para participar no desfile concurso de Entroido en Tui. Hoxe publícanse no BOPPO, o Boletín Oficial da Provincia, as bases de participación nas que se establece un prazo de tres días hábiles para que os grupos e comparsas que desexen participar presenten a súa solicitude, xunto coa documentación requirida a través da sede electrónica https://concellotui.sedelectronica.gal/.
O desfile concurso de Entroido en Tui celebrarase o martes, 25 de febreiro, ás 17 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.
Limítase a participación ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos, coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra de concurso.
En caso de choiva o desfile concurso será aprazado para o sábado 29 de febreiro, tamén ás 17 h. Só nese caso abrirase un novo prazo de inscrición para aquelas entidades que non se inscribiran con anterioridade e desexen participar nesta nova data. A inscrición formalizarase só 26 de febreiro a través da sede electrónica.
O xurado, formado por 6 membros de asociacións tudenses, 4 cidadáns tudense, e 2 traballadores municipais, e presidido pola concelleira de Cultura, terá en conta na súa valoración o número de participantes, a actualidade da temática elixida, a parodia de temas locais, o vestiario, o acompañamento musical e a carroza, así coma o vestiario e a coreografía das que opten ao premio de fantasía.
No desfile concurso de Entroido 2020 establécense 18 premios, valorados en conxunto en 5.600 €, distribuídos en catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. Entregaranse 18 trofeos valorados en 400 €. Amais pola súa participación as comparsas recibirán 500 € se desfilan con carroza e 250 € se desfilan sen carroza, e os grupos 200 € e 100 € respectivamente.
Coma despedida do Entroido o domingo, 1 de marzo, ás 19:30 horas celebrarase o Enterro do Bacallau. Sairá dende a Praza de San Fernando, para percorrer as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada no Cantón de Diómedes para realizar o funeral e ler ou cantar as coplas ao finado Bacallau. As comparsas e os grupos que así o desexen poderán entregar unha copia das coplas, o mércores 26 de febreiro, a través da sede electrónica do Concello de Tui. A comitiva continuará polas rúas Augusto González Besada, Ourense e aparcadoiro municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración.
"O Que Arde" de Oliver Laxe abrirá a programación cultural do primeiro semestre en Tui
A proxección será o venres, 7 de febreiro. A película acadou dous Goyas esta fin de semana
A película "O Que Arde" dirixida por Oliver Laxe e producida por Miraquemira abrirá a programación cultural do primeiro semestre de 2020 no Teatro Municipal de Tui. O filme, que acadou esta fin de semana os Goyas de Mellor actriz revelación, para Benedicta Sánchez, e Mellor dirección de fotografía para Mauro Herce, proxectarase o venres 7 de febreiro, ás 21.30 h.
A programación cultural a desenvolver até o mes de maio recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira será presentada este venres, 30 de xaneiro, ás 11 h na sala de reunións da casa do concello. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, serán os encargados de dar a coñecer os eventos previstos.
Temporalmente a Policía Local deixará de prestar o servizo nocturno salvo os sábados
A Garda Civil farase cargo da seguridade polas noites na cidade. Así o aprobou hoxe a Xunta Local de Seguridade
Esta mañá reuniuse a Xunta Local de Seguridade na casa do concello de Tui presidida polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Asistiron representantes da Policía Local, Garda Civil e Policía Nacional.
Nesta Xunta Local de Seguridade aprobouse que a Policía Local de Tui deixará de prestar o servizo de noite dende o 1 de febreiro salvo os sábados, debido a falla de efectivos. Será unha medida provisional e transitoria mentres non se conte co número de axentes precisos para cubrir as tres quendas coma até o de agora. Durante este tempo o servizo de noite será cuberto pola Garda Civil.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, precisaba que se trata "dunha cuestión puntual e conxuntural" agardando que non dure máis de 2 meses, toda vez que trasladaron xa á Academia Galega de Seguridade a autorización para convocar 8 prazas de auxiliares de policía local para cubrir as vacantes existentes, e na Oferta de Emprego Público deste ano incluiranse estas vacantes para a súa cobertura definitiva.
A subdelegada do goberno, Maica Larriba, explicou que a supresión a quenda de noite na policía local de Tui, salvo os sábados, é unha medida que se toma para abordar unha situación transitoria pola que atravesa o corpo ante a falla de efectivos por baixas ou xubilacións.
No remate da Xunta Local de Seguridade a subdelegada do goberno deu a coñecer tamén os datos referidos a 2019 afirmando que "Tui é unha cidade segura" xa que se rexistraron 21 delitos por cada mil habitantes, cifra que está por baixo da media provincial situada en 23 delitos por cada mil habitantes e da nacional que acada as 43 infraccións delitivas por cada mil habitantes. Todo iso, dicía, pese a que se rexistraron en Tui en 2019 oito infraccións máis que en 2018.
|