|
Dez andainas para coñecer Cerveira e Tomiño paso a paso
Comezan en febreiro as "Rotas Minho/Roteiros Miño", proxecto gañador do OPT2020 que busca unir os dous países a través de camiñadas paisaxísticas, culturais, patrimoniais ou ambientais
Coñecer paso a paso Cerveira e Tomiño a nivel paisaxístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural. Ese é o obxectivo do programa "Rotas Minho/Roteiros Miño", un dos proxectos gañadores do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2020, que arranca xa este mes de febreiro e que permitirá descubrir diferentes visións dos dous municipios a través de 10 andainas que se celebrarán ao longo do ano.
A primeira ruta será 'Trilho da Carranca', unha andaina paisaxística e cultural de baixa dificultade, 5,6 km e 1 hora 30 minutos de duración polas freguesías de Gondarém que terá como punto de partida a Igrexa Parroquial de Gondarém ás 09.00 h (hora portuguesa). Xa en marzo será a quenda do 'Roteiro das Fontes', un percorrido histórico e cultural de entre 12 e 15 km que transcorrerá por Tomiño.
A programación complétase, entre outras andainas, cun percorrido paisaxístico, histórico e cultural de 9 km pola Junta de Freguesía do Sopo en abril; cunha camiñada interpretativa paisaxística e ambiental de 10km polo 'Roteiro das Pesqueiras' en maio; cunha ruta nocturna entre o Monte do Cervo e Niño do Corvo en xuño; coa andaina paisaxística e ambiental nocturna denominada 'Espazo en Forma. Conversas coa Natureza', que sairá de Goián no mes de xullo; coa rota da Amizade Cerveira-Tomiño en outubro; e cunha ruta paisaxística e cultural por Loivo no mes de novembro.
Para participar en calquera destas andainas é preciso facer inscrición previa a través dun formulario habilitado na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Todas as rutas terán un grao de dificultade baixo ou moderado e estarán limitadas a un máximo de 50 participantes. A inscrición para as andainas abrirase cada trimestre.
Fomentar hábitos saudables
Promovida polo Clube Celtas do Minho e Carlos Xabier Oliveira Ortega, esta iniciativa nace co obxectivo da unión dos territorios pero tamén de fomentar os hábitos saudables de camiñar, mellorar a condición física da poboación e promover accións de sensibilización ambiental ou patrimonial, entre outras. Camiñar é unha actividade de baixo impacto ambiental e con moi boa acollida por parte da poboación que en poucos anos pasou de ser un acto de lecer a unha actividade turística potencialmente xeradora de beneficios económicos a nivel local.
Ao gusto da cidadanía polas andainas, "Rotas Minho/Roteiros Miño" quere unir a xeografía do Alto e Baixo Miño, un área cunhas características físicas e naturais peculiares que se reflicten directamente na cultura, na historia, no patrimonio... e que os promotores queren dar a coñecer, presentando o bo que a xente pode atoparse ás dúas marxes da fronteira.
Orzamento Participativo Transfronteirizo OPT
O OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado en 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Tomiño e Cerveira promoven de forma conxunta as súas axendas culturais de Primavera
Máis de 60 propostas culturais, sociais e deportivas, que tomiñeses e cerveirenses poderán desfrutar dun ou doutro lado da fronteira
Por primeira vez os municipios fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira veñen de editar axendas de primavera que comparten similitudes no deseño e tamaño, incluíndo asemade, contidos compartidos, con actos que se celebran ao outro lado da Raia.
Ademais das actividades organizadas como Eurocidade, os dous municipios publican nas súas axendas trimestrais, as principais actividades culturais programadas no concello veciño. A decisión, adoptada no último Consello de Xestión Estratéxica, pretende profundar no intercambio entre as poboacións fronteirizas aumentando a oferta dispoñíbel.
A Eurocidade xa ten unha longa traxectoria de programación conxunta de actividades, como todas as derivadas do Orzamento Participativo Transfronteirizo, as iniciativas das valedoras, o desfrute de servizos e equipamentos deportivos (como a piscina de Cerveira ou as iniciativas de dinamización da economía local transfronteiriza no ámbito do turismo ou dos viveiros. "Quérese agora facilitar o acceso de ambas as dúas poboacións a unha máis ampla oferta cultural, divulgando en cada concello as principais actuacións programadas polo municipio veciño", explican os responsables municipais.
Así, nas respectivas axendas culturais publicadas nestes días, para os primeiros meses do ano, atopamos nas páxinas centrais senllos apartados titulados "Acontece en...". Concretamente, os actos que aparecen na axenda de Cerveira son a Semana da Educación de Tomiño (10 ao 13 de febreiro en Goián); a XVII Mostra de Cultivos (13 a 15 de marzo en Goián), e os desfiles de Entroido "Venres de Foliada" (21 de febreiro en Tomiño) e Entroido de Goián (do 22 ao 26 de febreiro).
Asemade, na axenda editada polo Concello de Tomiño, aparecen actividades tales coma a II Exposição de Camélias de Inverno de Cerveira (8 e 9 de febreiro), organizada pola Câmara Municipal e a Associação Cultural Convento de San Payo, no Salão Multiusos do Cineteatro de Vila Nova de Cerveira (Factory), e os sábados do mes de marzo: ETC...ENCONTROS DE TEATRO DE CERVEIRA, con comedia e humor. Cine teatro de Cerveira, ás 21h30 (hora local).
Todas estas actividades son de balde e para todos os públicos.
Por outra banda, os ciclos de música "O Son da Praza", e "Cine na rúa", ambos os dous en Tomiño, traerán espectáculo e colorido á Praza do Seixo, situada no centro da vila, ao longo de todo o verán, con concertos de música variada, gaitas, música de banda, baile tradicional galego, cine familiar e infantil, etc.
Esta axenda está a distribuírse en lugares concorridos co propósito de difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, aínda que tamén pode consultarse na Web do Concello (http://tomino.gal).
Radio Mocidade comeza nova andaina coma emisora escolar do IES Antón Alonso Ríos
A emisora on line pasou do Concello ao instituto, por medio dun convenio
O equipo de persoas que producía antes "Tope de Gama", seguirá traballando na radio, fora do horario lectivo
Coincidindo co inicio do ano e coa volta ás aulas, o IES Antón Alonso Ríos programou dúas actividades para inaugurar a nova etapa da Radio Mocidade: obradoiros de podcasts e un concurso de playlists.
Nos obradoiros de podcasts, profesorado e alumnado aprenden a crear, editar e publicar os seus propios podcasts (series de episodios gravados, normalmente sobre un mesmo tema) usando o teléfono móbil. A través da aplicación Anchor, totalmente gratuíta, apréndese a gravar un programa, editar o audio, inserir efectos sonoros, poñer música e publicar o produto final. O primeiro obradoiro comezou onte, 27 de xaneiro.
O encargado de impartir o curso é Filipe Diez, profesor de Portugués no instituto e coordinador da radio escolar, quen asegura que, dependendo da persoa, pode tardar de unha a dúas horas , como máximo, para aprender a facer un podcasts. A intención é que, unha vez feito o cursiño, profesorado e alumnado comece a utilizar nas clases das diferentes materias esta nova ferramenta do ámbito das TICs.
Paralelamente, está a ser convocado un concurso de playlists ou listas de reprodución: cada clase debe, colectivamente, crear unha lista de 30 minutos de duración, que será emitida durante un recreo para todo o instituto. Para equilibrar o grande predominio de música en inglés e español, de modo que o alumnado teña que informarse sobre outras posibilidades, nas listas debe haber polo menos unha canción en galego, por ser a lingua propia de Galicia; e outra en francés ou portugués, linguas que se estudan no centro.
Tamén está prevista a realización dalgunhas emisións especiais, como por exemplo con motivo do Día Mundial da Paz, que se celebra o vindeiro día 30 de xaneiro. Por agora, as emisións só se poden escoitar dentro do recinto do instituto, pero unha vez que remate esta fase de probas, estarán dispoñibles na web radiomocidade.gal, a través da cal se poderá acceder tanto á programación do día ou da semana actuais como ao arquivo que, aos poucos, se irá formando.
Por outra banda, a emisora de Radio Mocidade, que foi cedida ao instituto polo Concello a través dun convenio en abril de 2019, conservará a súa vertiente de participación cidadá; unha das notas características co que naceu hai varios anos. Deste xeito, o equipo de persoas que facían programas coma o "Tope de Gama", seguirá emitindo, pero fora do horario lectivo. En principio, Marcos Besada e Marcos Casaleiro, Josu, Estéban, Manuel e Jose, seguirán facendo radio todos os luns, de 18.45h a 19.45h. Os primeiros programas serán especiais e contarán, entre outras moitas novidades, coas voces de Ana e Sara, dúas colaboradoras que se atopan en Irlanda. No primeiro deles, celebrado onte, estivo a alcaldesa coma convidada especial.
O Concello de Tomiño cedeu ao IES Antón Alonso Ríos o uso de "Radio Mocidade", unha estación apta para emitir en streaming a través de internet. Segundo o acordo de cesión, que terá unha duración de cinco anos, o instituto disporá da instalación e o persoal adecuado para aloxar e utilizar os equipos de emisión como recurso educativo para o alumnado do centro.
Pepa Horno, especialista en prevención da violencia contra a infancia, abrirá a 5ª edición da Semana da Educación de Tomiño
A actividade desenvolverase entre os días 10 e 13 de febreiro no Auditorio de Goián. É necesario inscribirse para obter certificado de asistencia.
A xa case tradicional Semana da Educación Concello de Tomiño, chega nos próximos días á súa 5ª edición. O Concello vén organizando esta serie de charlas e coloquios coa finalidade de achegar luz ás familias na crianza dos fillos e fillas, da man de recoñecidos profesionais vencellados dende distintos ámbitos á difícil tarefa de educar.
Pepa Horno será a encargada de abrir as conferencias, o luns 10 de febreiro, ás 19.00 horas, no auditorio de Goián, con capacidade para 322 persoas.
Psicóloga e consultora en infancia, afectividade e protección infantil, durante máis de vinte anos coordinou campañas estatais e internacionais para a prevención e erradicación da violencia contra os nenos e nenas. Na súa conferencia, "Educar sen medo" dará valiosas pistas para ensinar a transitar as emocións dende os vínculos afectivos, compartindo tamén temas do seu último libro, "Educando la alegría" (Declée De Brouwer, 2017), no que a autora fala de "cultivar la alegría e inculcársela a los niños, tanto en el hogar como en el ámbito escolar porque, esta emoción no siempre surge de manera espontánea, sino que se trata de una opción que podemos elegir conscientemente como adultos, y que constituye uno de los motores básicos del desarrollo infantil, que permitirá a nuestros hijos afrontar con fortaleza el dolor y el miedo cuando lleguen".
Juan Llorca será o seguinte do programa. Coñecido nas redes sociais e medios de comunicación polas súas receitas saudables para nenos e nenas, el chef valenciano, ao fronte do comedor da Montessori School, impartirá a conferencia "A súa alimentación é a túa responsabilidade", na que abordará o panorama da alimentación infantil no país, sinalando os erros que se cometen habitualmente e os principais problemas e solucións para unha alimentación máis correcta e saudable.
Víctor Arufe, profesor da Facultade de Educación da Universidade de A Coruña e autor do blog "Educación, Innovación e Emprendemento"; creador da plataforma educativa EDUCA e galardoado co Premio Mellor Docente de España 2017, na categoría de universidade.
O título da súa conferencia será "Educar na Sociedade Actual. Claves para a boa educación de nenos e nenas", dirixida a familias, profesorado e comunidade educativa. Abordarase de forma práctica, orixinal e novidosa a educación e explicarase en que consiste o método de educar por escenarios.
E para pechar a V Semana da Educación de Tomiño, nada menos que a psicóloga clínica, psicanalista, autora de ensaios, contos e novelas, Lola López Mondéjar, articulista e colaboradora regular dos periódicos "La Opinión de Murcia", "Infolibre", "eldiario.es" e "Tribuna Feminista".
A conferencia que ofrecerá en Tomiño, o xoves 13 de febreiro ás 19 horas, pechando a semana, levará por título "Contracorrente. Educación e pensamento crítico".
Para obter certificado de asistencia é necesario inscribirse con antelación, a través da páxina web municipal (www.tomino.gal), sendo as prazas limitadas.
A concelleira de Educación, Cristina Martínez, convida a todas as familias a participar da V Semana da Educación, explicando que esta é unha actividade que xurdiu coa finalidade de servir de apoio na educación dos fillos e fillas, achegando información da man de expertos en diferentes temas que inflúen na delicada tarefa de educar.
|