|
O Concello solicitará incluír as sobreiras da Ermida da Madalena no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia
A iniciativa conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Eiras
O Concello do Rosal, en colaboración coa Comunidade de Montes de Eiras, solicitará que o conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena sexan incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público no que se inclúen todos aqueles exemplares e formacións que se considera que deben ter unha protección especial polas súas excepcionais características. "Para nós é importante salientar dalgún xeito a riqueza histórica, ambiental ou patrimonial que temos no municipio. Cremos que estas árbores reúnen as serie de condicións que as fan idóneas para que sexan incluídas no catálogo, polo seu porte, pola paraxe na que se atopan, pola súa singularidade...", asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández. Esta iniciativa conta coa aprobación da asemblea da Comunidade de Montes de Eiras e coa especial implicación do seu presidente, Xoan Carlos Gándara.
Valores singulares
Na solicitude destacaranse os principais valores destas catro árbores singulares. Por un lado, a súa situación, xa que se atopan no cumio do alto da Madalena, dende onde pode contemplarse "unha interesante panorámica da ribeira do Miño e do seu esteiro", como recolle a moción presentada e aprobada por unanimidade en pleno o pasado 24 de xaneiro. Farase referencia tamén á talla das árbores, cuns perímetros de 485, 430, 385 e 197 cm (medidos a 1,3 m de altura), e á singularidade de que se atopen xuntos varios exemplares de gran porte e tamaño, formando entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.
A beleza, recollida en numerosas fotos publicadas en diferentes medios ou na obra dos pintores goianeses Antonio Fernández e de Xabier Pousa, é outra das características que se destacarán na petición de inclusión. Tamén se incluirá o seu valor histórico ao estar ao carón dun xacemento arqueolóxico e da Capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado. As tradicións serán outro valor a destacar, xa que nas inmediacións das sobreiras ten lugar anualmente unha romaría no mes de xullo.
Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento case 200 elementos espallados por toda a comunidade galega, 157 exemplares individuais e 39 formacións arbóreas. En caso de incluírse neste catálogo, este conxunto de sobreiras consideraríase protexido, o que implicaría a prohibición de calquera acción que puidera afectar negativamente a súa integridade, saúde ou á súa aparencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta.
Concello de O Rosal
A 'Subida do Arco', pistoletazo de saída da Festa da Saúde e San Brais esta fin de semana
San Xoán de Tabagón celebrará esta festa do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro
A espectacular 'Subida do Artístico Arco de Tabagón' dará esta fin de semana o pistoletazo de saída aos tres días de actividades, música e tradicións da Festa da Saúde e San Brais. Do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, San Xoán de Tabagón será o epicentro da festa, que comezará xa o venres cunha gran tirada de fogo graneado (13.00 h) e coa Treboada Virxe do Alivio (16.00 h).
Será o preludio dun dos pratos fortes da festa: a subida do Arco (18.00 h). Veciñas e veciños reuniranse arredor deste 'maio' para izar entre un arco duns 14 metros de altura cunha estrutura de madeira que cada ano estrea deseño e incorpora novidades. Camelias, flores de mimosas, ramas de buxo, vimbios, laranxas e outras plantas decorarán un arco único en toda a provincia de Pontevedra que anuncia o inicio dunhas festas cunha profunda tradición. O resultado é un belo e artístico arco triunfal multicolor que se manterá en pé ata o domingo de Entroido e que representa a defensa da cultura, sensibilidade artística, traballo en equipo e unión e sacrificio polo ben do barrio. Tras esta tradicional subida haberá animado ambiente tradicional e, a partir das 22 h, animación musical co grupo D'Líder.
A fin de semana continuará coa seguinte programación:
SÁBADO 1 DE FEBREIRO
- 10.00, 11.00 e 12.00 h. Actos litúrxicos.
- 11.00 h. Entrada do grupo de treboada, gaitas e baile Virxe do Alivio.
- 22.00 h. Actuación das orquestras Fania Blanco Show e Trío Azar.
DOMINGO 2 DE FEBREIRO
- Ao amencer. Gran tirada de bombas de palenque.
- Pola mañá. Actos litúrxicos e procesión.
- 11.00 h. Entrada da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal.
- Pola tarde. Inchables para nenos, chocolatada de balde para todas as persoas e concerto da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal.
- Fin de festa con gran tirada de bombas.
Unha cita ineludible!
Concello de O Rosal
Infraestruturas revisa catro estradas do Rosal atendendo ás demandas veciñais de mellora
O xefe territorial de Infraestruturas de Xunta en Pontevedra, José Luis Díez Yáñez, e o Xefe de Servizo Provincial de Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey visitaron a semana pasada O Rosal para coñecer de primeira man todas as demandas veciñais relacionadas con diferentes problemáticas e desperfectos nas estradas da Xunta que pasan polo concello. Acompañados da alcaldesa, Ánxela Fernández, e do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, os responsables de Infraestruturas visitaron in situ catro puntos clave que concentran a maior parte de peticións de mellora por parte da veciñanza.
O Goberno municipal xa trasladara á Xunta todas estas demandas veciñais e solicitara formalmente o seu arranxo e atención nunha reunión previa celebrada hai uns meses en Pontevedra. "Dende o Concello queremos agradecer a Infraestruturas que viñeran ata aquí para coñecer e atender as demandas dos nosos veciños e veciñas e esperamos que poidan darlle resposta coa maior celeridade", explica a alcaldesa.
Melloras en catro estradas
Díez Yáñez e González Juanatey visitaron a VAC GC 4.2 para coñecer a última problemática sinalada polas veciñas e veciños que viven na contorna desta vía de alta capacidade. Tamén se achegaron ata a PO-353, a estrada que vai de Pancenteo-Marzán-Novás ata Fornelos, onde os rosaleiros e rosaleiras demandan non só pasos de peóns que garantan a seguridade vial, senón tamén o arranxo de pequenos desperfectos e outras medidas de mellora.
O percorrido rematou noutras das estradas de competencia autonómica: a PO-354, que vai desde As Patas ata Fornelos, e a PO-552, a estrada que une A Guarda-O Rosal-Tui.
Concello de O Rosal
|