|
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 7 e sábado 8 de febreiro
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 7 e sábado día 8 de febreiro.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 7 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:00 ás 21:00 horas e o sábado 8 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Concello e Xunta reúnense para avanzar na mellora das instalacións deportivas da Guarda
O venres día 31 de xaneiro de 2020 o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, mantiveron na sede da Casa do Deporte da Xunta de Galicia en Vigo unha reunión co Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o Xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides Alonso.
Nesta reunión os representantes municipais da Guarda trasladaron as demandas existentes sobre o Pavillón Municipal de Deportes de A Sangriña na Guarda, valorando a necesidade dunha reforma e ampliación.
Neste senso, José Ramón Lete Lasa indicou que a Xunta de Galicia ten un compromiso co Balonmán Guardés, e que ven necesario unhas mellores instalacións na Guarda, ben coa realización dun novo pavillón ou ben coa reforma do actual pavillón da Sangriña, cunha disposición a participar na mellora destas instalacións.
Antonio Lomba presentoulles o proxecto de reforma e ampliación do Pavillón Municipal da Sangriña, un proxecto moi ambicioso no que se está traballando xunto cunha modificación puntual do PXOM na zona da Sangriña para habilitar terreos para un posible novo pavillón, pero indicaron que coa proposta presentada de reforma e ampliación do actual pavillón se cumprirían as espectativas.
A Xunta comprometeuse a que os seus técnicos revisarían este proxecto e que reuniranse próximamente cos representantes municipais da Guarda para analizar os resultados desta avaliación técnica, agardando por parte do Concello da Guarda que sexan favorables, indicando tamén que se continuarán realizando xestións neste ámbito para poder ter na Guarda unhas instalacións mellores, para que o Mecalia Atl. Guardés poda xogar e representar á Guarda nun sitio verdadeiramente digno e como se merece para a categoría na que está xogando.
Do mesmo xeito tamén trasladáronlle as súas preocupacións pola situación que está a atravesar o Clube Mecalia atlético Guardés.
Chegouse á conclusión que o Mecalia Atlético Guardés precisa dunha directiva forte para a busca de financiamento e poder procurar un bo patrocinador e que todas as administración tamén apoien, coas capacidades de cada unha, para garantir que nos próximos anos podan seguir xogando e manter a este equipo na élite do deporte galego, estatal e internacional.
O BNG LEVA AO PLENO DO CONCELLO A SITUACIÓN DA SANIDADE PÚBLICA
Anxo Baz " O Concello debe apoiar a manifestación en defensa da sanidade pública que se vai celebrar o día 9 en Santiago de Compostela"
O BNG leva ao pleno unha moción que na que unha vez máis demandan da Xunta de Galiza que se dote ao PAC da Guarda, dun segundo equipo médico para urxencias, así como dunha ambulancia medicalizada.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz afirmou "Son numerosas as veces que o PAC da Guarda queda desatendido por ter que desprazarse o persoal sanitario a domicilios na Guarda, en Oia ou no Rosal, algúns deles a máis de 50 minutos. Por outra parte A Guarda está a 50 minutos do hospital máis próximo. É evidente que calquera das dúas reivindicacións son vitais para a nosa veciñanza"
A proposta do BNG incide tamén na necesidade de dotar ao centro de saúde da Guarda do servizo de radioloxía.
Ademais contempla a redución das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención hospitalaria, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos e que se publiquen as listas de espera ocultas para acabar coa súa manipulación.
Os nacionalistas piden tamén acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario, para o que esixen que se revisen os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.
En definitiva manifesta Anxo Baz "o Goberno galego debe dar un xiro de 180 graos e adecuar os orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do nosos Centros de Saúde e hospitais públicos e dotalos do persoal necesario para garantir una atención accesíbel e de calidade".
Para acabar concluíndo o portavoz nacionalista "por todo isto o Concello da Guarda debe apoiar a manifestación en defensa da sanidade pública que se vai celebrar o día 9 en Santiago de Compostela".
A Guarda pon en valor a figura de Rosalía de Castro con varias actividades
" Unha exposición de fotografías de Xurxo Lobato repasará a vida e obra de Rosalía de Castro
" Na inauguración o 8 de febreiro contarase coa presencia do fotógrafo e do presidente da Casa de Rosalía, Anxo Angueira.
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, ven de programar varias actividades para resaltar e por en valor a figura da senlleira escritora galega Rosalía de Castro, coincidindo co Día de Rosalía(24 de febreiro de 2020).
A primeira das actividades programadas consistirá na exposición de fotografía "Airiños Aires Rosalía", que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro, unha mostra na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.
A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán do 8 de febreiro ao 8 de marzo a Casa dos Alonso da Guarda, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade.
O autor da obra, Xurxo Lobato explica que esta exposición é "a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela... E unha muller que tamén ama a natureza".
A inauguración terá lugar o sábado 8 de febreiro ás 20h. no andar baixo da Casa dos Alonso e contarase coa presenza de Xurxo Lobato e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e gran estudoso da súa figura.
Outras actividades en torno á figura de Rosalía de Castro
Como en anos anteriores a Guarda terá moi presente a figura de Rosalía concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.
A seguinte das actividades será a iniciativa Caldo de Gloria, que pretende involucrar ós bares e restaurantes na conmemoración deste día. Esta iniciativa, que xa se realizou o pasado ano na nosa localidade, enmárcase no chamamento xeneralizado que dende a Casa de Rosalía fan a todos os establecementos de Galicia, convidando ós mesmos a ofertar Caldo de Gloria nas súas cartas, menús ou como pincho de acompañamento, os días 22, 23 e 24 (sábado, domingo e luns, día de Rosalía) rememorando a receita que Rosalía recorda no poema " Miña casiña, meu lar". Os establecementos poden complementar esta iniciativa convidando ós seus clientes a recitar temas de Rosalía durante estes días. Os establecementos interesados na iniciativa poden anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario online: https://forms.gle/m9hiNX9rJTJE2TSYA
Pero non é ata o día 24 de febreiro que se conmemora en toda Galicia o Día de Rosalía, coincidindo co 183 aniversario do seu nacemento. Neste día, que nos coincide este ano co luns de entroido, terá lugar un sinxelo acto na Casa do Concello, no que convidamos á todo amante da obra de Rosalía a que se sume a unha lectura conxunta de poemas da autora. Será as 12h na Praza do Reló e todas as persoas interesadas en participar poden xa anotarse no Departamento de Cultura do Concello ou no formulario online: https://forms.gle/1VUJVrt81bVPhzKc9
Por último revalidaremos a experiencia dixital Rosalía nas Redes, durante esta última semana de febreiro compartindo contido nas Redes sobre a vida e obra da autora. Todos aqueles que queiran achegarse á iniciativa poden crear e subir contido e etiquetando no facebook e twitter de @culturaguarda co hashtag #Rosalíate ou #Rosalíanasredes
A case totalidade da poboación da Guarda contará con fibra óptica antes do remate de 2021
O Plan de Banda Larga 2020 está a promover no concello da Guarda os despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, que permitirán dispor de fibra óptica nos principais núcleos de poboación do municipio.
En concreto na Parroquia de Santa Isabel de Camposancos contarán con este servizo os núcleos de poboación de Bouza da Fonte, A Granxa, A Pasaxe, Praias, Saa e Salgueiró. Na Parroquia de Santa María da Guarda os núcleos do casco urbano e Santa Trega e na parroquia de San Lourenzo de Salcidos os núcleos de poboación de Buxán, O Castro, Coruto Vello, A Cruz, Funchidos, A Gándara, A Longra, Os Casás, Netos, O Outeiro, A Portela, Salcidos e Sete Camiños.
Nunha primeira fase deste programa foi a operadora R a que fixo o despregamento. A segunda fase, que se está a executar na actualidade e que rematará no 2021, está a ser executada por Telefónica.
Este despregamento de fibra óptica permitirá á poboación guardesa dispor, na case totalidade do municipio, dunha rede de internet ultrarrápida, coa que poder ter un acceso de calidade, fiable e seguro.
Concello e comerciantes guardeses avalían a campaña de Nadal
O pasado mércores día 29 de xaneiro de 2020, máis dunha vintena de comerciantes guardeses, xunto con representantes das Asociacións de empresarios ACIGU e Mercaguarda, participaron nunha reunión convocada dende o Departamento de Desenvolvemento Local.
A Concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, quixo comprobar de primeira man os resultados da pasada Campaña de Nadal 2019/20 de cara a avaliar os resultados e as repercusións sobre o tecido comercial da vila.
Unha reunión aberta con moita participación na cal se recabaron multitude de propostas e ideas para continuar na senda de dinamización do comercio da vila, cunha valoración xeral positiva, sempre con aspectos a mellorar.
Tal e como indicou Fátima Rodríguez "A implicación e participación dos empresarios e comerciantes da vila é fundamental" para concretar accións que repercutan directamente sobre os negocios da vila, e é por esta razón que se convoca novamente a unha reunión de seguimento o vindeiro mércores día 12 de febreiro ás 20:45h na Casa dos Alonso, de cara a analizar os resultados das enquisas realizadas, propoñer unha estratexia a seguir, así coma as oportunidades existentes co Camiño de Santiago e o ano santo 2021.
Quedan convocados novamente deste xeito todos os empresarios e comerciantes da Guarda o mércores día 12 de febreiro ás 20:45h na Casa dos Alonso.
Presentación da Tempada 2020 do Club remo Robaleira
O Club remo Robaleira vén de celebrar o pasado sábado a presentación da Tempada 2020 xunto cos deportistas, familiares, amigos e patrocinadores/colaboradores fíxose un pequeno repaso das categorías cas que contan para esta vindeira tempada.
Infantiles, cadetes, xuvenís e senior, das que só se completan dúas tripulacións para banco fixo. Polo que o clube marca como obxectivo a corto plazo a recuperación e captación de antigos e novos remeiros e remeiras.
Por outra banda, no remoergómetro, contan con dous puntais; o incansable Damián Alonso, que vén de colleitar éxitos no campionato europeo e ten o mundial nas próximas semanas; e o equipo de remo de San Xerome, cun palmarés envidiable que terá que esperar uns meses para competir polos cambios de datas nos campionatos.
Destacaron tamén as melloras e cambios que se están dando no club e que seguirán, aínda que pouco a pouco, xa que precisan de axuda económica para todos eles.
Os que xa se acometeron con axuda de subvencións e do Concello, a compra dunha nova furgoneta e dous ergómetros novos, melloras nas instalacións como a nova pintura do ximnasio,etc.
A posta a punto das palamentas de fibra que levarán o nome de Obelisco Cantería, Diser, Langosteiros e a xa clásica Mecalia.
E como novidade máis visible o cambio na equipación. Chándal e plátano (roupa de competición) que levarán o nome de ORPAGU, Pesquera Alba e Pesquera Rumbo a tódalas competicións posibles.
Dende Robaleira agradecen a todos eles e a os socios a súa contribución ao remo guardés.
Comeza a tempada!!
Andaina e reforestación do Camiño Portugués da Costa co proxecto "O Camiño Aguárdate"
A pasada fin de semana realizouse na Guarda a primeira das actividades do proxecto "O Camiño Aguárdate", coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Nesta primeira actividade participaron máis de 50 persoas, tanto a veciños da Guarda, como da contorna, que fixeron un roteiro polo Camiño Portugués da Costa entre a zona da Pasaxe(Camposancos) e a ladeira do Monte Trega. En colaboración coa Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos os participantes puideron coñecer diferentes elementos patrimoniais e naturais desta etapa do Camiño Portugués da Costa, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación rematando a actividade cunha reforestación con especies autóctonas.
Posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cereixeiras, nogueiras, freixos, olivos, cereixeiras ou castiñeiros. Esta prantación realizouse nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada serviuse unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día, cunha valoración moi positiva por parte dos participantes.
Maís actividades
"O Camiño Aguárdate" continúa na Guarda cunhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.
As Xornadas Divulgativas "Falemos do Camiño", que arrancan xa o 15 de febreiro cunha Andaina guiada entre A Pasaxe e a Praza da Guía, contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en 4 sesións entre febreiro e marzo de 2020.
As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.
A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.
|