JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tui celebrará o desfile concurso de Entroido o martes 25 de febreiro

Repartiranse 5.600 € en premios. O domingo 1 de marzo terá lugar o Enterro do Bacallau

O martes, 25 de febreiro, celebrarase en Tui o tradicional Desfile-Concurso de Entroido. No mesmo poderán participar grupos de entre 10 e 20 persoas e comparsas con máis de 25 persoas disfrazadas en conxunto. Desenvolverase dende ás 17 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.

A inscrición realizarase exclusivamente a través da sede electrónica do Concello de Tui nos tres días posteriores á publicación das bases no BOPPO, Boletín Oficial da Provincia. Limítase a participación ás 20 primeiras comparsas inscritas e aos 5 primeiros grupos, coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra de concurso.

No caso de choiva será aprazado para o sábado 29 de febreiro, tamén ás 17 h. Só nese caso abrirase un novo prazo de inscrición para aquelas entidades que non se inscribiran con anterioridade e desexen participar nesta nova data. A inscrición formalizarase só 26 de febreiro a través da sede electrónica.

O xurado, formado por 6 membros de asociacións tudenses, 4 cidadáns tudense, e 2 traballadores municipais, e presidido pola concelleira de Cultura, terá en conta na súa valoración o número de participantes, a actualidade da temática elixida, a parodia de temas locais, o vestiario, o acompañamento musical e a carroza, así coma o vestiario e a coreografía das que opten ao premio de fantasía.

No Desfile-Concurso de Entroido 2020 repartiranse 5.600 € en 18 premios de catro categorías: xeral, carroza, acompañamento musical e fantasía. Repartiranse ademais 18 trofeos valorados en 400 €. Amais pola súa participación as comparsas recibirán 500 € se desfilan con carroza e 250 € se desfilan sen carroza, e os grupos 200 € e 100 € respectivamente.

Coma despedida do Entroido o domingo, 1 de marzo, ás 19:30 horas celebrarase o Enterro do Bacallau. Sairá dende a Praza de San Fernando, para percorrer as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada no Cantón de Diómedes para realizar o funeral e ler ou cantar as coplas ao finado Bacallau. As comparsas e os grupos que así o desexen poderán entregar unha copia das coplas, o mércores 26 de febreiro, a través da sede electrónica do Concello de Tui. A comitiva continuará polas rúas Augusto González Besada, Ourense e aparcadoiro municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración.

Concello Tui


O Concello busca converter a praza de abastos nun Mercado de Excelencia

Tomando coma punto de partido o estudo realizado comezará a dar os pasos precisos

Converter a praza de abastos de Tui nun Mercado de Excelencia é un dos obxectivos do goberno municipal do Concello de Tui. Coma paso previo, co financiamento da Xunta de Galicia, encargou un estudo da situación actual da praza e das propostas de mellora para lograr ese recoñecemento.

O estudo, realizado pola empresa Rural Consulting foi presentado hai uns días a todos os praceiros e praceiras en presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Mercado, Ana Mª Núñez.

Ao longo dos últimos meses foi avaliada a oferta, os servizos e as instalacións actuais, co obxectivo de coñecer tanto a área de influencia do Mercado, coma o parecer dos praceiros e das praceiras, dos clientes e non clientes, así coma dos hostaleiros e comerciantes.

A praza de abastos de Tui conta cunha superficie 939,65 m2 e 51 postos de venda, dos que 26 están situados na área perimetral, 25 na bancada central, e un máis sería a superficie destinada a supermercado. A ocupación de postos rexistrada na actualidade é do 43%. Así se recolle no estudo realizado onde se deixa reflicte que, en xeral, a oferta é de calidade media-alta, destacando o peixe como produto estrela.

Tamén se sinala na diagnose realizada a importancia que ten ofrecer un produto local de calidade para captar a unha clientela potencial formada pola poboación xove interesada na gastronomía e na saúde.

O estudo conclúe que "a desocupación deste mercado está motivada polo exceso de superficie comercial dispoñible e polo aproveitamento inadecuado do recinto", xa que o número de praceiros e praceiras que ocupan actualmente a praza é considerable para a poboacion que ten Tui.

O informe propón a reorganización dos praceiros e praceiras actuais, mellorar a oferta de produto local de calidade e introducir novas actividades para as superficies libres, como parte da nova estratexia de optimización do mercado. Tamén advirte o estudo do risco que corre a praza si non se moderniza e se introducen cambios e melloras no seu funcionamento, presentación de produtos, organización interna ou captación de novos produtos cara a potenciais clientes.

Así proponse a creación dunha área Gastro reservada para a instalación de servizos de hostalería, comida para levar e degustacións, e dunha área de formación e obradoiros. Para dinamizar a praza o estudo suxire a realización de actividades de promoción do mercado e dos seus produtos e a organización de mercados temáticos.

Tomando coma punto de partida este estudo o Concello de Tui comezará a dar os pasos precisos para levar a cabo actuacións de mellora das instalacións, redactará un novo regulamento de xestión, buscará mellorar a oferta de produto local de calidade, asesorará e formará a todos os praceiros e praceiras. E buscará tamén optar ás axudas establecidas pola a Xunta de Galicia para os mercados municipais. Un plan que lle permitirá a praza de Abastos lograr o selo de recoñecemento de Mercado Excelente

Concello Tui


Fotografías relacionadas coa música e o deporte anteriores a 1970 formarán a terceira Exposición de Fotografías Antigas de Tui

Solicítase a colaboración cidadá para recuperar estas imaxes do municipio. Exporanse durante as festas de San Telmo no mes de abril.

Música e deporte serán os dous temas sobre os que xirará este ano a Exposición de Fotografías Antigas que o Concello de Tui vai organizar coincidindo coa festas na honra a San Telmo do 11 ao 20 de abril.

Búscanse orixinais anteriores ao ano 1970 nas que aparezan grupos, orquestras, bandas, solistas de todo o municipio de Tui, así coma equipos, clubs, deportistas individuais, competicións ou encontros de calquera disciplina deportiva.

As persoas interesadas poden achegar as súas fotografías nas instalacións da Radio Municipal de Tui, no primeiro andar da Área Panorámica, de luns a venres en horario de 9 a 14 h. Dende o concello agradécese de antemán a colaboración da veciñanza na organización desta exposición, e ao tempo solicítase o maior número de datos de cada fotografía para poder acompañar a imaxe na exposición e no libro que se editará. As persoas que aporten as súas fotografías recibirán copia en dixital da súa aportación, xunto co orixinal tras ser escaneado.

Dende o Concello de Tui solicítase a colaboración dos veciños e veciñas de Tui para realizar esta exposición e para recuperar así este importante patrimonio de imaxes da cidade que pasarán a formar parte do Arquivo Municipal da Imaxe, AMIT. En anos anteriores grazas á xenerosa contribución dos tudenses téñense realizado xa dúas exposicións de fotografías antigas a primeira en 2016 con imaxes anteriores a 1930, e a segunda en 2017 recolléronse fotografías de empresarios, comerciantes e industriais de Tui de boa parte do século XX.

Concello Tui


Este mes comezan as accións formativas para o centenar de participantes no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui

Onte foron recibidos na casa do concello polo alcalde e a concelleira de Formación e Emprego

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, deron onte a benvida ao centenar de persoas que participan no Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui, concedido pola consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Este programa suporá un investimento superior aos 287 mil euros financiado pola Xunta de Galicia e o Concello de Tui.

No acto desenvolvido no salón de sesións da casa do concello o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou a aposta decidida do goberno que preside pola mellora da empregabilidade das persoas "coa posta en marcha deste tipo de políticas activas de emprego que supoñen un investimento municipal en canto a recursos humanos e materiais". Engadiu que tamén "é preciso o compromiso de cada unha das persoas participantes e do tecido empresarial para garantir o éxito do programa e que acaden emprego o maior número de persoas posible no seu remate", xa que dicía "o voso éxito será o noso éxito".

A concelleira de Formación e Emprego, a Ana Mª Nuñez lembrou que o Programa Integrado de Emprego ten un compromiso de lograr insertar laboralmente ao 45% das e dos participantes indicando que "a miña experiencia neste tipo de programas dime que podemos acadar porcentaxes moito mais altos coa actitude axeitada e o acompañamento dun equipo humano de profesionais·.

Hoxe mesmo comezou a desenvolverse o calendario de accións formativas na que participarán este centenar de persoas. Así as primeiras actividades estarán orientadas ao desenvolvemento persoal coa realización de talleres impartidos por profesionais expertos en intelixencia emocional, coaching, motivación para a busca de emprego, habilidades sociolaborais e marca persoal. Con estas accións búscase mellorar as habilidades persoais dos participantes no programa a través do autocoñecemento, incrementando a motivación, a autoestima e a seguridade nun mesmo para afrontar o proceso de busca de emprego cunha actitude adecuada.

Ao longo das próximas semanas tamén participarán en obradoiros de entrevista, mercado de traballo, fomento da capacidade emprendedora e novas tecnoloxías cara a busca de emprego. Accións plantexadas para brindar aos participantes ferramentas para conseguir un emprego no presente pero tamén os recursos necesarios para o futuro.

Dentro do Programa Integrado de Emprego contemplase tamén formación en informática- básica e especializada - e idiomas tendo en conta o protagonismo que o dominio destes coñecementos teñen hoxe en día no mercado laboral.

No referente á formación específica os cursos plantexados responden aos perfís máis demandados polo tecido empresarial da contorna. Así haberá cursos de soldadura, loxística, almacén ou liña de produción, de comercio, restauración, turismo e de atención sociosanitaria. Os participantes no programa poderán realizar prácticas non laborais coas que completar a súa formación teórica.

Dende o Concello de Tui convídase ás empresas a pórse en contacto co departamento de Emprego e Formación para poder así deseñar novas formacións específicas a impartir no Programa de Emprego das que se poidan beneficiar as empresas que precisen incorporar novo persoal.

Concello Tui


O Concello de Tui participa en FITUR 2020 presentando os seus recursos turísticos

Tanto a Ruta Xudía coma o novo produto turístico do Xeodestino Baixo Miño - Ría de Vigo centran a súa participación

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, asistirá no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) a diversas presentacións onde se promoverán os recursos turísticos da nosa cidade.

En concreto a actividade estará centrada no mércores 23 de xaneiro, cando a nosa cidade estará protagonizando as seguintes actividades:
" Acto Institucional no stand da Red de Juderías Pavillón 9 -Stand 9A04B, con especial presenza dos novos socios desta Rede, un deles a cidade de Tui, incorporados no pasado ano 2019.
" Presentación xeodestino Baixo Miño en stand de Turismo de Galicia, 9C07/09 coa presentación dun novo produto turístico da comarca no que Tui ten especial protagonismo
" Presentación "Legado judío en Galicia: Monforte, Ribadavia y Tui" en stand Turismo de Galicia, 9C07/09 no que participarán:
o Alcalde de Monforte de Lemos tamén Presidente da Deputación de Lugo
o Alcalde de Ribadavia
o Alcalde de Tui
o Directora de Turismo de Galicia
o Xerente da Red de Juderías de España

Amais manterá contactos con outras organizacións de carácter turístico e cultural e relacionadas co Camiño de Santiago co obxectivo de impulsar a promoción turística da nosa cidade e o seu territorio, dende o convencemento que estamos diante dun sector estratéxico para a nosa cidade ao que cómpre apoiar e impulsar.

A presenza tudense en Fitur, auténtico escaparate do sector, é unha nova oportunidade para promover o coñecemento dos recursos turísticos da nosa cidade, centrados no patrimonio cultural tudense e a ruta xacobea.

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais