JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Esta fin de semana celébrase en Tui a V Mostra da Camelia Cidade de Tui organizada por ATUCA

Mañá ás 12.30 h terá lugar o acto inaugural no Teatro Municipal

Mañá sábado, 18 de xaneiro, ás 12.30 h terá lugar no Teatro Municipal de Tui o acto inaugural da V Mostra da Camelia Cidade de Tui. Este evento está organizado por ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia, co patrocinio do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra, o Xacobeo 2021 e a Xunta de Galicia, e a colaboración da Sociedade Española da Camelia.

A mostra reunirá a máis de 80 expositores de Galicia, Asturias e Portugal que achegarán distintas variedades de camelia en máis de 180 metros de exposición. Poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións mañá sábado de 16.30 h a 21 h e o domingo de 10 a 14 h e de 16 a 20 h.

O acto inaugural contará coa actuación do grupo Saragana da Asociación do Traxe Tradicional de Tui e no transcurso do mesmo farase entrega dos premios dos concursos escolares de debuxo e poesía. O domingo ás 16.30 h fará un pasarrúas dende o Paseo da Corredoira até a mostra a Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.

Entre as novidades destacadas deste 2020 está a edición dun selo de Correos dedicado a exposición tudense.

Concello Tui


As rúas Palláns, San Bartolomeu e Arraial pasarán a ser de sentido único dende o 1 de febreiro

Con esta medida búscase mellorar a seguridade vial e axilizar o tráfico na zona de San Bartolomeu

A partir do 1 de febreiro o Concello de Tui procederá a realizar un cambio no sentido de circulación das rúas na zona de San Bartolomeu. Deste xeito as rúas Palláns, San Bartolomeu e Arraial pasarán a ter sentido único. O obxectivo é axilizar o tráfico e mellorar a seguridade vial na zona.

Este días procederase ao pintado e colocación da sinalización correspondente. Amais o alcalde, Enrique Cabaleiro, informa que están a redactar un proxecto para proceder á humanización destes viais, contemplando a ampliación das beirarrúas, unha actuación que co dobre sentido de circulación non se podía acometer. Lembra o rexedor que se trata dun ámbito estratéxico xa que parte destas rúas forman parte do percorrido do Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Tui. Un bando municipal informa xa aos veciños deste cambio de tráfico na zona de San Bartolomeu.

As paradas do autobús estarán dende o 3 de febreiro na rúa Ourense

O goberno municipal traballa tamén por outra parte na implantación doutros cambios que afectarán ás rúas Casal Aboy e Augusto González Besada. Así dende o próximo 3 de febreiro realizarase o cambio das paradas do autobús situadas no Paseo da Corredoira, que pasarán a situarse na rúa Ourense, de tal xeito que dende a Avenida da Concordia os autobuses xirarán cara a rúa Maristas e Ourense, onde se situarán as paradas.

Concello Tui


Máis de 138 cidades, entre elas Tui, realizarán a Alfombra Mundial en xullo de 2021 promovida polos Alfombristas do Camiño

A Orde do Camiño de Santiago será embaixadora do proxecto a nivel mundial

A realización dunha alfombra de flores cun mesmo deseño a nivel mundial o 24-25 de xullo de 2021 é o proxecto no que traballa a Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago. Ao mesmo téñense sumado xa 138 cidades, entre elas Tui. Ser embaixadores deste proxecto é o obxectivo do convenio asinado este mediodía na casa do concello de Tui entre do presidente da comisión xestora de entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, Miguel García Correa, e do vicepresidente executivo da Orde do Camiño de Santiago, Alejandro Rubín Carballo. O acto foi presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e contou coa presenza de representantes das asociacións de alfombristas de Tui, Maria de los Ángeles Fernández, de Gondomar, Mercedes González, e de Bueu, Carmen Farto.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, agradeceu a ambas entidades - a Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago e a Orde do Camiño de Santiago - ter elixido Tui para asinar este convenio. Indicaba na súa intervención que "ningunha cidade mellor que Tui reflicte o sentimento sobre o espírito do Camiño de Santiago. Somos unha cidade histórica cun legado histórico único, porta de entrada do Camiño Portugués de Santiago…". E afirmaba que nestes momentos o "Camiño de Santiago para os tudenses é unha das nosas principais sinais de identidade".

O vicepresidente executivo da Orde do Camiño de Santiago, Alejandro Rubín Carballo, cualificou o proxecto de realización dunha alfombra mundial de "extraordinaria" apuntando que os membros da orde que representa - formada por máis de 1.200 persoas de 24 países - e os alfombristas serán embaixadores do Camiño de Santiago. Tamén agardou que o de hoxe sexa o comezo doutros proxectos que se realicen para pór en valor Tui coma porta de entrada do Camiño Portugués.

O presidente da comisión xestora de entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, Miguel García Correa, explicou que hoxe se cumpren 6 meses dende o nacemento deste proxecto ao que se teñen sumando xa 138 cidades das que 68 están en España, 22 delas en Galicia, 33 en Italia, e outras en máis de 17 países. Cada día se van incorporando novos municipios. Un proxecto que está unindo ao alfombrismo de todo o mundo dende o Camiño de Santiago, e que pon en valor tanto a vía xacobea coma o alfombrismo.

A comisión xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago tamén promove outro proxecto denominado "Alfombras para el Camino", que consistirá na realización, de xaneiro a xuño de 2021, de alfombras en cada un dos camiños de Santiago.

Concello Tui


A Biblioteca Municipal recibe unha doazón de 105 libros de divulgación científica

Trátase dunha colección editada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas

A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de recibir a colección de divulgación científica "Que sabemos de...", que edita o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC. Está integrada por 105 volumes de variada temática que ofrecen unha aproximación aos temas claves da investigación científica actual con textos realizados por investigadores do propio CSIC. Esta colección que pretende achegar a un público amplo o estado actual dos coñecementos sobre temas de actualidade científica a través de textos breves e asequibles.

Esta doazón é unha iniciativa do secretario xeral do CSIC, o tudense Alberto Sereno Álvarez, que visitou hai uns días a Biblioteca Municipal para facer entrega desta colección que, nas súas palabras, "ensina e entretén" e que agarda anime a algún membro da mocidade tudense a converterse en científico.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, ten expresado a súa gratitude ao secretario xeral do CSIC por esta xenerosa doazón que enriquece os fondos bibliográficos deste centro bibliotecario.

Na actualidade esta colección está no proceso técnico de catalogación para que no tempo máis breve posible estea a disposición de todos os usuarios da Biblioteca Pública Municipal de Tui.

Os temas que aborda a colección son do máis variado dende enfermidades coma o cancro, o Alzheimer, o Parkinson ou a celiaquía, a outras cuestións coma a bioloxía cuántica, a locomoción, as xeometrías, a gravidade, os biomateriais, a cultura escrita, a vida no universo ou o bosón de Higgs.

Concello Tui


O Concello de Tui imparte obradoiros sobre o manexo dos desfibriladores aos clubs deportivos

Seis instalacións municipais contan con estes dispositivos

O Concello de Tui organiza obradoiros de manexo dos desfibriladores dirixidos aos clubs deportivos. Son impartidos polo médico tudense Rosendo Bugarín, que ensina aos participantes a empregar os desfibriladores e o soporte vital básico.

O pasado sábado, 11 de xaneiro, tivo lugar o primeiro dos cursos, no que participaron seis monitores/adestradores do Tyde F.C. Esta actividade continuará nas próximas semanas.

O Concello de Tui dispón de seis desfibriladores nas súas instalacións deportivas. En concreto contan con este equipamento os campos de fútbol municipais de Álvarez Durán, O Foxo de Caldelas e Santa Columba de Ribadelouro, e os pavillóns deportivos municipais novo e da Macoca, e o Centro Interfederado. A realización destas xornadas formativas é precisa para que as persoas usuarias destas instalacións poidan coñecer o funcionamento correcto destes dispositivos.

Dende o Concello preténdese formar a todos os monitores, adestradores e membros das xuntas directivas dos clubs deportivos tudenses, polo que se irán formando grupos para asistir ás seguintes xornadas de formación.

Amais de nesta área, dende o Concello fíxase coma obxectivo realizar outros cursos relacionados cos aspectos legais do deporte, ao longo deste ano 2020.

O Concello de Tui agradece a disposición do médico Rosendo Bugarín, na impartición destes obradoiros e a súa implicación co deporte tudense, xa que colabora en numerosas probas deportivas, realizando a supervisión médica.

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais